ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 33/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN AXUDAS PARA O FOMENTO E CONSOLIDACIÓN DAS ASOCIACIÓNS DE COOPERATIVAS.


I. ANTECEDENTES.

O día 22 de outubro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O proxecto normativo ten a finalidade de promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas e das súas estruturas representativas,  agrupa dúas clases de axudas, o programa para o fomento e consolidación do asociacionismo, que subvenciona parcialmente os gastos normais de funcionamento das cooperativas (alugueiros, gastos de persoal, etc.) e o programa que subvenciona a realización de actividades de promoción do cooperativismo, como cursos, xornadas, traballos de investigación, etc..

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicada no DOG o 27 de marzo de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (44/06) con data 18 de decembro de 2006, obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo  modifica e engade  algúns aspectos que se relacionan a continuación:

No artigo 2º, apartado 1,  que regula o financiamento e normativa reguladora, establécese un incremento do crédito, sendo para o 2008 de 599.231 euros (no exercicio anterior era de 330.000 euros).

No artigo 7º, apartado 1. 2º, engádese como criterio de avaliación a participación da asociación solicitante no Consello Galego de cooperativas, polo que se outorgarán 5 puntos.

No apartado 2 do artigo 7º establécese como novidade que a concesión das subvencións realizarase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, establecéndose unha prelación entre as mesmas de acordo cos criterios de valoración fixados no parágrafo anterior, e adxudicarase  a aquelas propostas que obtiveran maior puntuación.

No artigo 8º modifícase o apartado 5 que establece que de acordo co establecido nos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no Decreto 132/2006 do 27 de xullo, a Consellería de Traballo publicará no DOG e na súa páxina web oficial as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.

Como novidade, este artigo 8º establece un apartado 6, no que figura que de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas.

No artigo 9º que regula a forma de pagamento e xustificación, engádese como novidade un apartado 2 que establece os extremos que, como mínimo, deberán conter os convenios de colaboración.

No apartado 3 deste artigo 9º establécese como novidade un prazo para presentar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, antes do 15 de novembro de 2008.

No artigo 10º, que regula as prohibicións, incompatibilidades e concorrencia, o 1º paragrafo establece como novidade que a entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificara mediante a declaración contida no anexo I da presente orde.


No artigo 11º que regula a obriga das entidades beneficiarias, engádese como novidade un apartado d) que establece como obriga a conservación dos documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas” consta de: Exposición de motivos, trece artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O día 7 de novembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral unánime, así como catro consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.






DITAME 33/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que convocan axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de outubro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de novembro de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames, tendo en conta que no transcurso do período de vixencia da orde que se ditamina é posible que cambien as persoas titulares da Consellería de Traballo, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Subdirección Xeral de Cooperativas e do Servizo de Cooperativas, considera que estos cargos deberían identificarse nos artigos 6º e 8º e na disposición derradeira primeira de maneira neutra respecto do sexo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.- Artigo 1º. Finalidade.

No apartado 1 deste artigo establécese que esta orde ten por obxecto convocar as axudas para o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo.

Este Comité considera que a expresión “estruturas representativas do cooperativismo” é un concepto moi indeterminado, polo que suxire, para evitar confusión, que se substitúa pola expresión “asociacións de cooperativas”.

Segunda.- Artigo 2º. Financiamento e normativa reguladora.

No apartado 2 deste artigo establécese a normativa á que debe axustarse a tramitación e concesión das solicitudes.

Este Comité Delegado considera que debería engadirse a referencia á Lei 30/1992, do 26 de novembro, do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, por ser esta de aplicación.

Así mesmo proponse a eliminación, ao final do apartado, da expresión “e nesta orde” xa que a prioridade aplicativa das leis ás que se fai referencia non pode ser determinada por unha norma regulamentaria,  o que suporía descoñecer o principio constitucional de xerarquía normativa.

Terceira. Artigo 8º.- Resolución e recursos.

O apartado 3 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de tres meses e, no caso de que neste prazo non se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

Cuarta. Artigo 9º.- Forma de pagamento e xustificación.

O apartado 1 deste artigo establece que as axudas materializaranse a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Este Comité non comprende os motivos polos que non procede o abono directo aos solicitantes da contía das axudas, considerando innecesaria a subscrición de convenios de colaboración.