ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 34/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN SUBVENCIÓNS AOS CONCELLOS DE GALICIA PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO.


I.  ANTECEDENTES

O día 22 de outubro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este programa ten como obxectivo estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social.



Regúlanse, nesta orde,  o proceso de selección daquelas iniciativas que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, co obxecto de contribuír ao seu financiamento mediante a concesión dunha subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realización da actividade proposta.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 1 de marzo de 2007 e tendo en conta o ditame 45/06, emitido polo Consello con data 18 de decembro de 2006, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo  modifica e engade  algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na exposición de motivos destácanse como novidade para o exercicio 2008 o impulso á incorporación de mulleres a proxectos cooperativos, outorgando unha puntuación adicional por este concepto.

No artigo 1º, apartado 2, que regula a finalidade e réxime das subvencións, establécese un incremento orzamentario da contía prevista para estas axudas que ascende a 309.000 euros (300.000 no exercicio pasado).

O artigo 2º que regula os beneficiarios e contía, modifícase no seu apartado 1, establecendo que poderán ser beneficiarios -ademais dos concellos de Galicia- as mancomunidades de concellos de Galicia que, logo da solicitude, resulten seleccionados segundo o establecido na presente orde e realicen as devanditas actividades antes do 15 de novembro (en lugar do 30 de novembro como se establecía na orde do exercicio pasado).

Como novidade, este artigo 2º establece un apartado 2, que di que non poderán obter a condición de beneficiarios das subvencións previstas nesta orde as entidades que incorran nalgunha das prohibicións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

No apartado 2 do artigo 3º que regula as solicitudes, documentación e prazo, modifícase a documentación que debe acompañar ás solicitudes:

No primeiro punto, a memoria do proxecto ten que conter:
- Establécese como novidade o 2º ítem, esixíndose a identificación das actividades de fomento do cooperativismo que realizou en anos anteriores ou se é a primeira ocasión que accede a esta liña de axudas.
- No 6º ítem engádese que ademais de conter o orzamento detallado, cuantificado en todas as súas epígrafes, indicarase a procedencia dos recursos non achegados pola consellería. (O engadido é parte do 7º ítem que foi suprimido).

No apartado 1 do artigo 5º que regula a avaliación das solicitudes, establécese que a concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que unha vez instruídos os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que realizará a selección e, como novidade, informará ao órgano instrutor.

No apartado 2 do artigo 6º que regula os criterios de avaliación, modifícase no seu 2º ítem -que atendendo a consideración xeral- establece que por tratarse de concellos ou mancomunidades que presenten proxectos que impulsen a incorporación de mulleres como socias de cooperativas, valoraranse con ata 28 puntos.

Neste apartado 2 engádese como novidade o 7º ítem que establece que pola coordinación das actuacións entre distintos concellos, así como pola colaboración con sociedades cooperativas galegas e as súas asociacións, avaliarase con ata 18 puntos.

O artigo 7º que regula a resolución e recursos, engade como novidade, un apartado 6 que establece que de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal a Consellería de Traballo incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas.

No artigo 8º que regula a forma de pagamento e xustificación, establecese como novidade no apartado 1 un prazo de dez días para a aceptación da resolución definitiva unha vez notificada.

No apartado 3 do artigo 8º establécese que o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa, para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, e como novidade, que será antes do 15 de novembro de 2008, nos temos e na forma que estableza a resolución da concesión.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo” consta de: Exposición de motivos, once artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.


O día 7 de novembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime sobre a valoración da norma e catro consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.







DITAME 34/07



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de outubro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de novembro de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames, tendo en conta que no transcurso do período de vixencia da orde que se ditamina é posible que cambien as persoas titulares da Consellería de Traballo, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Subdirección Xeral de Cooperativas e do Servizo de Cooperativas, considera que estos cargos deberían identificarse nos artigos 5º e 7º e na disposición derradeira primeira de maneira neutra respecto do sexo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira. Artigo 2º.- Beneficiarios e contía.

No apartado 2, segundo parágrafo deste artigo, establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Sen embargo, non se establece a participación dos axentes sociais.

Este Comité Delegado considera que neste parágrafo debe constar expresamente que procurarase a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, ademáis das asociacións de cooperativas.

Segunda. Artigo 5º.- Avaliación de solicitudes.

Este Comité Delegado considera que no apartado 2 deste artigo debe constar expresamente que na comisión de avaliación estarán representantes das organizacións sindicais e empresariais máis representantivas.

Terceira. Artigo 6º.- Criterios de avaliación.

Este Comité Delegado considera que existen evidentes contradicións entre os criterios de avaliación establecidos neste artigo 6º (apartado 2) e o disposto no apartado 2 do artigo 2º, primeiro parágrafo, nas actividades que figuran a título de exemplo, posto que estas xa son obxecto doutras vías de axuda da propia Consellería.


Cuarta.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

No apartado 3, parágrafo segundo, deste artigo establécese que, transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.
















ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


O proxecto normativo ten por obxecto o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, contribuíndo ao financiamento daquelas iniciativas que resulten de maior interese mediante a concesión dunha subvencións aos concellos ou mancomunidades de concellos de Galicia que as promovan.

A Confederación de empresarios de Galicia considera que as subvencións reguladas no proxecto normativo deberían extenderse, non só aos concellos, senón a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que veñen traballando en prol da difusión da cultura emprendedora.