ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 35/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA EN GALICIA DE PROGRAMAS EXPERIMENTAIS EN MATERIA DE EMPREGO DURANTE OS ANOS 2008 E 2009.


I. ANTECEDENTES

O día 22 de outubro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego 2008-2009, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As subvencións que contempla este proxecto normativo están reguladas a nivel estatal pola orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (Orde TAS/2643/2003, de 18 de setembro”), publicada no BOE en data 27 de setembro de 2003, e que serve de referencia á orde que se está a ditaminar.
Ao abeiro da antedita norma, a Consellería de Traballo ven a articular neste proxecto normativo programas experimentais de emprego, dirixidos a explorar novas alternativas de inserción laboral cos demandantes que se atopan con especiais dificultades de acceso ao emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 28 de decembro de 2006, publicada no DOG o 24 de xaneiro de 2007, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 11 de decembro de 2006, obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais no Ditame 40/06.

O novo proxecto normativo  modifica e engade  algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 2º.- Definición de programa experimental.
Como novidade, neste artigo engádense dous parágrafos:
Parágrafo 3º que establece que non poderán ser entidades beneficiarias ou colaboradoras as que concorran nalgunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Parágrafo 4º que recolle que cando as entidades beneficiarias teñan que recurrir a subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.- Forma de pagamento.
O apartado 6 é modificado, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades participantes nos programas experimentais deberán axustarse ó disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Na disposición adicional 1ª modifícase o importe das consignacións orzamentarias que figuran no proxecto de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, pasando de 1.335.823 euros na anualidade de 2007 aos 1.400.000 euros na anualidade de 2008 (obsérvase que falta un cero na cifra que consta no proxecto normativo: 1.400.00).

Como novidade respecto do borrador remitido no 2006 engádese unha disposición adicional 2ª que regula que de conformidade coa Lei 4/2006, de 30 de xuño, a Consellería de Economía e Facenda publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Como novidade respecto do borrador remitido no 2006 engádese unha disposición adicional 3ª que regula que a concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de cada ano, e o limite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58.1 b  do texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta de Galicia.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego 2008-2009” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 7 de novembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e oito consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais:

Contén asi mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.







DITAME 35/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego 2008-2009”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de outubro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de novembro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega e para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo.






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.- Artigo 2º. Definición do programa experimental.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello de Relación Laborais para a emisión de ditames considera acertada a definición de qué se entende por programa experimental. Porén, suxire que os parágrafos 3º e 4º deste artigo, referidos ao cumprimento de requisitos para seren entidades beneficiarias e para acudir á subcontratación, deberían trasladarse ao artigo que regula as entidades beneficiarias.

En consecuencia, este Comité propón que os citados parágrafos figuren no artigo 5º do proxecto normativo, referido a entidades beneficiarias.

Segunda.- Artigo 2º. Definición do programa experimental.

O parágrafo 4º deste artigo alude ao suposto de que as entidades beneficiarias teñan que recurrir á subcontratación.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello de Relacións Laborais para a emisión de ditames suxire, ademáis da inclusión deste parágrafo no artigo 5º (“Entidades beneficiarias”), que se admita expresamente a posibilidade da subcontratación por enriba do 50%.

Terceira.- Artigo 3º. Destinatarios.

O apartado 1 deste artigo relaciona os colectivos prioritarios destinatarios das accións ás que se refire o proxecto normativo.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que debe figurar como prioritario o colectivo de persoas desempregadas de longa duración (máis de 12 meses de desemprego), polo que propón que se engada unha letra f) que o faga constar.

Cuarta.- Artigo 6º. Contía das subvencións.

O apartado 1 deste artigo establece as contías a percibir, sendo a cantidade máxima de 1.200 euros por persoa atendida e 3.500 euros por persoa atendida e inserida no mercado de traballo.

Este Comité Delegado non entende a forte disminución das contías en relación coas fixadas no artigo 6 da Orde Ministerial TAS/2643/2003, de 18 de setembro, reguladora destes programas a nivel estatal, que establece os máximos de 1.800 euros por persoa atendida e 5.400 euros por persoa atendida e insertada.

Neste mesmo apartado 1, no segundo parágrafo, contémplase a redución da subvención. Este Comité considera que a redacción deste parágrafo, tal e como está, pode constituir un elemento desmotivante para as entidades colaboradoras, polo que se propón que se engada o seguinte: “En todo caso, garantizarase que as entidades beneficiarias non incurran en perdas por gastos imputables e efectivamente executados”.

Quinta.- Artigo 8º.3. Requisitos da solicitude.

O apartado 3 do artigo 8 refírese á documentación que debe acompañar ás solicitudes.

Este Comite propón que se exima ás entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, da presentación da documentación esixida nas letras b), c), d) e f) deste apartado, agás que houbera algunha modificación.

Sexta.- Artigo 10º. Criterios de valoración dos programas.

O encabezado do artigo 10º refírese a “plans integrais de emprego”, entendendo este Comité que debe dicir “plans experimentais de emprego”.

Por outra banda, o apartado 4 deste artigo establece como criterio de valoración o maior esforzo inversor da entidade solicitante na financiación total do proxecto.

Este Comité considera que non ten sentido que se favoreza como criterio de valoración o maior esforzo inversor da entidade solicitante, tendo en conta que se trata de entidades sen ánimo de lucro colaborando nun programa público de interese social.

Porén, consideráse que debe valorarse con 20 puntos (en lugar de 15) o criterio establecido no apartado 3 “compromisos adquiridos en materia de inserción laboral no mercado de traballo dos demandantes a atender”.
Sétima.- Artigo 13º. Forma de pagamento.

No apartado 1 deste artigo establécese que procederase ao aboamento  do 50% do total da subvención a partir do momento en que a entidade subvencionada presente a documentación que se relaciona.

Tendo en conta que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón que se estableza que poderanse aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1 deste artigo, de ata o 100%.

Por último, o apartado 3 deste artigo dispón que poderán acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva a medida que a entidade beneficiaria xustifique os libramentos anteriores, que en todo caso nunca poderán superar o presuposto asignado para cada anualidade, nin serán superiores ao 75% do total da subvención concedida para os anos 2008 e 2009.

Este Comité Delegado propón que a porcentaxe sexa do 80%, como se regula nalgúns programas de subvencións desa Consellería, como, por exemplo, o do Plan FIP.

Oitava.- Artigo 13º. Forma de pagamento.

Asi mesmo, para o caso de esixirse á entidade beneficiaria para o abono do anticipo a constitución de garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos proveedores, becas de alumnos, etc., así como os gastos financeiros que se lle ocasionan, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha relación coa acción formativa a impartir.



ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º . Destinatarios.

No apartado 1 deste artigo figuran como destinatarios específicos dos programas experimentais en materia de emprego aqueles traballadores que se atopen en situación de desemprego como consecuencia dunha crise empresarial que provoque a extinción da relación laboral dos traballadores dunha empresa por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do ET.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, aínda cando a Orde ministerial INCRE 2643/2003, do 18 de setembro, non contempla máis que a extinción dos contratos por crise empresarial, fundamentada nos artigos 51 e 52.c) ET, debería engadirse igualmente a prevista no artigo 64 da Lei Concursal (Lei 22/2003, do 9 de xullo), por canto tamén se estaría ante unha extinción de contratos por causas económicas da empresa, pero, iso sí, acordada polo xuíz do concurso.

Respecto ao disposto neste mesmo artigo 3º, apartado 2, a Confederación de Empresarios de Galicia considera excesivo que a porcentaxe das persoas beneficiarias das accións que deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego se cifre no 60%.

A experiencia no desenvolvemento do Plan Integral de Emprego indica que dita porcentaxe resulta moi difícil de alcanzar, máxime nos colectivos que se determinan, polo que se propón que esta se rebaixe ata o 40% como regra xeral.

Segunda.- Artigo 4º.3 . Obxectivos.

O apartado 3 deste artigo sinala que o prazo de execución dos plans experimentais de emprego será como máximo de 12 meses.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que para o correcto desenvolvemento destes plans sería necesario tamén o establecemento dunha duración mínima.