ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 36/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE CREA O REXISTRO DE COORDINADORES DE SEGURIDADE E SAÚDE NAS OBRAS DE CONSTRUCIÓN, CON FORMACIÓN PREVENTIVA ESPECIALIZADA.


I. ANTECEDENTES


O día 26 de outubro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Decreto polo que se crea o rexistro de coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción, con formación preventiva especializada, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

No Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2006-2010 se definen un conxunto de accións para mellorar as condiciones de seguridade e saúde nas empresas e reducir a sinistralidade laboral.


No Obxectivo estratéxico 4, ”Mellorar o soporte normativo das accións preventivas na Comunidade Autónoma” na súa Acción 1 “Aprobación de normativa específica para a Comunidade Autónoma de Galicia que incida, directa ou indirectamente, na materia de prevención” se inclúe  a elaboración do Decreto de creación do rexistro de coordinadores de seguridade e saúde en obras de construción.

O Real Decreto 1627/1997, do 24 de outubro, que establece disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, introduce e regula no seu Capítulo II a figura do coordinador en materia  de seguridade  e saúde durante as  fases de proxecto  e execución de obras,  e establece no seu artigo 3, apartado 1, que cando na elaboración do proxecto de obra interveñan varios proxectistas, o promotor deseñará un coordinador en materia de seguridade e de saúde durante a elaboración do proxecto de obra e no apartado 2 do mesmo artigo prescribe que cando na execución da obra interveñan máis dunha empresa, ou unha empresa e traballadores autónomos ou diversos traballadores autónomos, o promotor antes do inicio dos traballos ou axiña que como se constate dita circunstancia, designará un coordinador en materia de seguridade  e saúde durante a execución da obra.

A disposición adicional cuarta da Lei 38/1999, de 5 de novembro, de Ordenación da Edificación (LOE) establece que as titulacións académicas e profesionais habilitantes para desempeñar a función de coordinador en materia  de seguridade  e saúde en obras  de edificación, durante a elaboración do proxecto e a execución da obra, serán as de arquitecto, arquitecto técnico, enxeñeiro ou enxeñeiro técnico, de acordo coas súas competencias e especialidades.

O obxecto deste Regulamento é a creación dun Rexistro público, de fácil acceso e de carácter voluntario, de natureza administrativa, dependente da Consellería  de Traballo, para incentivar a cualificación dos profesionais que actúen como coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción así como promocionar a súa formación na materia.

Non existen antecedentes desta norma, por ser a primeira vez que se recibe para ditame.

Do proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 1º define o obxecto do decreto, que é a creación do  Rexistro de coordinadores en materia de seguridade e  saúde nas obras de construción, con formación preventiva especializada nas obras de construción, da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto  de xerar unha canle informativa e de garantía profesional.

Nos artigos 2º a 9º regúlase o rexistro, as súas características e estrutura, a inscrición voluntaria das persoas que o soliciten, a súa cancelación, de ser o caso e o tratamento de datos do Rexistro.

Os artigos 10º e 11 regulan a acreditación da formación esixida e a convalidación de contidos formativos, recolléndose nun anexo o contido mínimo do programa formativo autorizado pola Consellería de Traballo para coordinadores de seguridade e saúde en obras de construción.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se crea o rexistro de coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción, con formación preventiva especializada” consta de: Exposición de motivos, doce artigos e dúas disposicións derradeiras.


O día 7 de novembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e unha consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, inclúense como anexos unha consideración xeral non unánime manifestada pola CIG (Anexo I) e dúas consideracións xerais non unánimes manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).








DITAME 36/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se crea o rexistro de coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción, con formación preventiva especializada, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de outubro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de novembro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:










CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.

Este Comité suxire que sexa revisado o texto do proxecto normativo para adaptalo á normativa oficial para a escrita do idioma galego.

Obsérvase ademáis, na exposición de motivos, que existe unha confusión verbal, ao utilizar formas verbais como “deseñará “ e “deseñada” para referirse a “designará ou “nomeará” e  a “designada” ou “nomeada”.


Segunda.

Este Comité observa na redacción da norma a utilización dunha linguaxe sexista, polo que suxire que sexa revisado o texto do proxecto normativo para respectar as diferenzas de xénero.



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Artigo 5º. Inscrición.

Refírese este artigo aos requisitos esixidos para solicitar a inscrición no Rexistro, establecendo no apartado b) que as persoas que sexan competentes para actuar como coordinadores deben contar con formación preventiva especializada impartida por unha entidade formativa autorizada.

Este Comité suxire, aos efectos de recoñecemento da formación preventiva especializada, que se faga constar neste apartado b) “ou a convalidación dos contidos formativos regulada no artigo 11º deste Decreto”.










ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Este proxecto normativo ven predeterminado nos seus alcance e contido, certamente escasos, así como no carácter voluntario do rexistro, etc., pola lexislación estatal vixente na materia e non polos acordos asinados o pasado 5 de febreiro, que se citan na exposición de motivos do decreto. E dende logo, nada ten que ver coa definición do que se cita como un “novo marco das relacións laborais en materia de prevención de riscos laborais”.

Entendemos que, para unha correcta redacción da exposición de motivos, que evite esaxeracións e non incurra en despropósitos, deberían suprimirse da mesma todos os parágrafos alusivos aos devanditos acordos do 5 de febreiro.










ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que a convalidación de contidos formativos a que fai referencia o artigo 11º do proxecto normativo poda ser solicitada pola persoa interesada que recibíu a formación en supostos excepcionais, tales como que a entidade formativa xa non exista.

Segunda.
Para a Confederación de Empresarios de Galicia é importante que a formación non sexa toda ela presencial, suxeríndose se admita a modalidade de formación a distancia.