ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 37/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA OS PROGRAMAS DE ESCOLAS OBRADOIRO E CASAS DE OFICIOS, DE OBRADOIROS DE EMPREGO E DE UNIDADES DE PROMOCIÓN E DESENVOLVEMENTO NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.


I. ANTECEDENTES


O día 6 de novembro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2008 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde regula, dunha banda, as axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade dos desempregados menores ou maiores de vintecinco anos, segundo proceda, a través da súa cualificación profesional e mediante a súa formación en alternancia coa adquisición de experiencia laboral promovendo a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Pola outra banda, regula as unidades de promoción e desenvolvemento, entendidas como módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal, que constitúen un instrumento básico e fundamental na dinamización e detección de novas expectativas de emprego e de iniciativas emprendedoras no ámbito local, especialmente as relacionadas cos novos filóns de emprego.

Así, estes programas mixtos de formación e emprego pretenden a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras que participen nos mesmos, a través da súa cualificación profesional, en coherencia co segundo grande obxectivo do novo modelo de Servizo Público de Emprego, consistente na mellora das posibilidades de colocación das persoas desempregadas e encádranse nos “Programas combinados de formación e emprego, prácticas profesionais e programas de experiencia no ámbito privado” previstos no Acordo sobre Obxectivos e Medidas de Emprego de Galicia.

Continuándose coa práctica de exercicios anteriores, mantéñense criterios obxectivos para a distribución territorial dos fondos, establécense as porcentaxes indicativas dos colectivos prioritarios de beneficiarios/as das políticas activas de emprego, consolídase a inclusión dun módulo de sensibilización en igualdade de xénero na formación complementaria, e priorízanse aqueles proxectos que xurdan como consecuencia de Pactos Territoriais de Emprego, entendidos como un terceiro ámbito de participación para a planificación e xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan  ao emprego nunha área xeográfica determinada.

Como novidade, inclúense no borrador da orde medidas para garantir o cumprimento de varias recentes disposicións legais:
- artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
- artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no relativo á publicación das axudas concedidas.
- artigo 35 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 7 de marzo de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de decembro de 2006, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade o seguinte:

Na Exposición de Motivos fanse constar os efectos que sobre esta materia se derivan tanto do Acordo sobre Obxectivos e Medidas de Emprego de Galicia, resultado do Diálogo Social en Galicia, como de distintas disposicións normativas aprobadas ao longo dos anos 2006 e 2007.

O artigo 5º, que determina quen serán os beneficiarios/as dos programas, incorpora ao apartado 1 (beneficiarios/as das escolas obradoiro e casas de oficios) o previsto para os obradoiros de emprego que se regulaba no apartado 2.

O novo apartado 2 establece que para poder participar nestes programas é imprescindible o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación, co obxecto de estar vinculado/a mediante un contrato de tales características á escola obradoiro, casa de oficios ou obradoiro de emprego, durante toda a duración da etapa de formación en alternancia.

O artigo 6º, no que se regulan os beneficiarios/as da subvención, incorpora –nos apartados a) e b)- como entidades promotoras ás sociedades públicas de dereito público.
Por outra banda no apartado 3 actualízase a referencia á Lei de subvencións, facendo agora referencia á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar de á Lei 38/2003, do 17 de novembro xeral de subvencións.

Tendo en conta a consideración manifestada por este Comité no ditame 41/2006, no apartado 1º do artigo 9º (“Etapa de formación en alternancia coa práctica profesional en escolas obradoiro e casas de oficios”) e no apartado 2 do artigo 10º (“Formación e etapa en alternancia nos obradoiros de emprego”) substitúese a remisión á Lei12/2001, do 9 de xullo, de medidas urxentes de reforma do mercado de traballo, pola Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego, actualizacións presentes xa no texto da Orde publicado no DOG do 7 de marzo de 2007.

Nos artigos 23 e 30 (apartado 3), substitúese a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O artigo 31º, apartado 1 incorpora un apartado g) que esixe -entre a documentación de carácter xeral a presentar coa solicitude- unha declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de beneficiarios/as, segundo o artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O apartado 3 (“Documentación específica. Unidades de promoción e desenvolvemento”), en relación co certificado de retribucións regulado no apartado a), suprime a necesidade de achegar certificación de non existir convenio colectivo aplicable.

O artigo 33º  recollendo a redacción do DOG de 7 de marzo de 2007, substitúe o título “Emenda” polo de “Instrución e emenda”, determinando que o órgano instructor dos expedientes será o servizo competente en materia de emprego da delegación provincial da Consellería de Traballo por razón do territorio.

O artigo 34º (“Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración”) regula no seu número 2 as fases en que terá lugar con carácter xeral a avalación dos expedientes pola referida comisión, a primeira para os expedientes recibidos ata o día 1 de abril e a segunda para os expedientes recibidos ata o día 15 de xullo.

O artigo 35º que regula os criterios de valoración dos proxectos inclúe como novidade no apartado c) unha referencia ao Acordo sobre Obxectivos e Medidas de Emprego de Galicia. Noutra orde de cousas, neste artigo obsérvase que se suprimiu a letra j) do apartado 1, impropia do idioma galego, tendo en conta o manifestado por este Comité no ditame 41/2006.

O número 2 do artigo 36º (“Resolución”) entre os extremos que conterá como mínimo a resolución favorable, esixe a referencia a que a Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, confinancia a subvención concedida na porcentaxe indicada, engadíndose neste proxecto normativo que nesta referencia se concrete o correspondente programa operativo.

Así mesmo os número 3 e 6 deste artigo engaden como novidade unha mención á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os importes que recolle o artigo 42º -para o cálculo da subvención para custos de formación ocupacional e educación básica e bolsas nas escolas obradorio, casas de oficios e obradoiros de emprego- experimentan un incremento do 3%, tal e como se establecía no apartado 2 in fine.  

A subvencións previstas para custos salariais das unidades de promoción e desenvolvemento reguladas no artigo 48º tamén experimentan un incremento; así, a subvención para custos salariais para contratación de persoal técnico, incluídas as cotas patronais á Seguridade Social (apartado 1) pasan de 31.115,82 a 33.010,77  euros por xornada completa e para contratación de persoal de apoio será en 2008 de 17.940,63 euros por xornada completa fronte aos 17.418,09  do ano 2007.

Por outra banda, o apartado 3 do mesmo artigo establecía no borrador do ano pasado que “as ditas cantidades serán obxecto de minoración en función do que resulte do convenio colectivo aplicable”, inciso que se suprime na redacción para o 2008.

As subvencións para gastos de funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento recollidas no artigo 49º tamén aumentan, pasando a ser de 3.301,55 euros por persoa traballadora e ano (3.205,39 euros no 2007).
O artigo 50º (“Actualización da subvención”) engade un novo apartado (o número 2) no que se establece que, en todo caso, a contía da subvención é única para cada fase, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio da fase.

O artigo 53º (“Forma de xustificación”), no apartado 4 obriga ás asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro a presentar documentos xustificativos individualizados e ademáis os documentos bancarios correspondentes (extracto ou cargo bancario).

Por último, o proxecto normativo para o 2008 incorpora unha nova disposición adicional (novena) respecto ao borrador da mesma orde do exercicio pasado, aínda que foi recollida na súa publicación no DOG de 7 de marzo de 2007, pola que o Director Xeral de Promoción do Emprego poderá establecer os criterios necesarios para que, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego europeas e o Acordo sobre Obxectivos e Medidas de Emprego de Galicia e demáis normativa e acordos que, de ser o caso, resulten de aplicación.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, cincuenta e oito artigos, nove disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.




O día 21 de novembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.











DITAME 37/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de novembro de 2007, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de novembro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laboráis consideran certamente esaxerada a enunciación do parágrafo quinto da exposición de motivos do proxecto normativo, en relación á incidencia na formulación deste borrador de Orde, dos Acordos polo Emprego asinados en 2007 pola Xunta de Galicia, a CEG, o S.N. de CC.OO. de Galicia e a UGT-Galicia.

O certo é que o texto do borrador que estamos a ditaminar é substancialmente idéntico ao ditaminado en 2006 para o exercicio de 2007, anterior por tanto aos devanditos Acordos.

As escasas modificacións introducidas para este borrador da Orde para o exercicio de 2008 (que, por certo, non recollen practicamente nada das consideracións unánimes deste Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laboráis, composto pola representación de CEG, CCOO, UGT e CIG), e, en concreto, a inclusión dunha Disposición Adicional Novena, directamente alusiva á posibilidade de que os repetidos Acordos, entre outras normas e acordos (sic), incida no establecemento de criterios en canto aos obxectivos prioritarios, pensamos que nin minimamente xustifica a categorización que se fai da coherencia entre o borrador da Orde e os Acordos, no devandito parágrafo da exposición de motivos.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira. Artigo 15º.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.

Este artigo establece que a selección dos alumnos-traballadores así como a do persoal directivo, docente e de apoio participante no proxecto, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería de Traballo e da entidade promotora.

Este Comité, reiterando o manifestado en ditames anteriores, considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto cos representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente á ubicación da escola- obradoiro, casa de oficios ou obradoiro de emprego formará parte do grupo mixto.

Segunda. Artigo 16º.- Procedemento de selección dos alumnos-traballadores.

Os axentes sociais con presencia neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Comité Autonómico de Emprego.

Terceira. Artigo 17º.- Procedemento de selección do director, docentes e persoal de apoio.

Este artigo establece que a selección do persoal directivo, docente e de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Na selección do persoal directivo e docente, consideramos que deberían establecerse uns criterios máis obxectivos de selección, por canto faculta a Comisión de Selección para poder utilizar, ao seu criterio, o sistema de oferta de emprego tramitada pola oficina, convocatoria pública ou ambas as dúas.

Aínda cando non sexan de aplicación os principios reitores de selección de persoal ao servizo da Administración pública, o certo é que a dimensión pública deste tipo de instrumentos merece e esixe a máxima transparencia na súa articulación e posta en funcionamento, máxime se ten en conta que se está a seleccionar o persoal directivo e docente que é quen lle dará á iniciativa maior ou menor prestixio.

É por iso polo que deberían dedicarse polo menos uns parágrafos a establecer unha serie de criterios para ser valorados polo grupo de traballo mixto, como poden ser: méritos, experiencia previa, etc.; todos eles tendentes a garantir a libre concorrencia, a igualdade de oportunidades e, sobre todo, a oportunidade de decisión que se adopte; oportunidade na que debe ter un peso especial a capacidade acreditada e recoñecida dos candidatos.


Así mesmo, as organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que utilizando o sistema de oferta non existisen candidatos ou estes non resultaran idóneos, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen candidatos ou estes non foran considerados idóneos, faríase a convocatoria pública”.

Cuarta. Artigo 20º.- Incidencias e reclamacións.

Para o caso da selección do persoal directivo e docente, este Comité bota en falta unha mínima regulación deste tipo de reclamacións, onde parece que se lle atribúe personalidade xurídica ao grupo de traballo mixto, cando este carece dela; ademáis, tendo en conta que o artigo 29º (referido ás Unidades de Promoción e Desenvolvemento) remite expresamente a este artigo 20º, a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, deberíase deixar constatado ante quen e en que prazo poderán formularse as reclamacións.

Consideramos que debería sinalarse expresamente, e para evitar dúbidas, as reclamacións que se poidan suscitar á xurisdición ante a cal debe comparecer o reclamante, e a necesidade ou non de esgotar vías previas.

Quinta. Artigo 36º.- Resolución.

Este artigo establece un prazo de resolución de nove meses.

Este Comité non comprende as razóns deste prazo tan excesivo, sobre todo tendo en conta o establecido no artigo 34º.2 do proxecto normativo, que dispón a avaliación dos proxectos en dúas fases, a primeira para os recibidos ata o 1 de abril e a segunda, para os recibidos ata o 15 de xullo. Polo exposto, este Comité propón que os proxectos sexan resoltos con carácter trimestral e o mesmo referente ao prazo para considerar desestimada a solicitude de non recaer resolución expresa.

Sexta. Artigo 52º.- Garantías.

Establece este artigo que as entidades promotoras que teñan a condición xurídica de ente de dereito privado deberán constituir garantía a favor da Consellería para responder da correcta aplicación da subvención concedida.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que debe admitirse a posibilidade de pagamentos parciais da subvención ata o 80% do seu importe, sen necesidade da constitución de garantía, a decisión da entidade subvencionada. Para o caso de que esta opte polo abono de anticipos, a garantía que debe constituir tería que considerarse como custo de formación e seren incluida nos gastos xerais do proxecto.

Sétima. Artigo 58º.- Asistencia, seguimento e avaliación.

Unha vez máis, e co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas aos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, para asegurar o exercicio das funcións que o referido Decreto 32/1999, do 5 de febreiro lles encomenda.