ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 38/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REGULAN, PARA O EXERCICIO DO ANO 2008, AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS E COS ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.


I. ANTECEDENTES


O día 6 de novembro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2008, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, se dirixen tanto ás entidades locais como ás administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro. Trátase de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural e de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, das persoas traballadoras desempregadas que participen nos mesmos, en coherencia co segundo grande obxectivo fixado para o novo modelo de Servizo Público de Emprego, cal é a mellora das posibilidades de colocación das persoas desempregadas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 26 de febreiro de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de decembro de 2006, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais no Ditame 42/06.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Non se achegan os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo.

No artigo 1º modifícase o financiamento das axudas establecidas na orde, incrementándose a súa contía.

No artigo 3º, apartado 3, modifícase o prazo de presentación de solicitudes que antes era dun mes, establecéndose como último día hábil o 15 de febreiro, agás as solicitudes para contratación de mulleres vítimas de violencia, que –ao igual que no exercicio pasado- poden presentarse ao longo de todo o ano.

Modifícase o apartado 3 do artigo 12º, relativo á sondaxe de demandantes que debe facer a oficina de emprego correspondente antes de proporcionar as persoas candidatas, establecéndose unha orde de preferencia dentro dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral.

O apartado 6 deste artigo 12º establece que “As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva”. Obsérvase a supresión do resto do antiguo apartado 6 e de todo o apartado 7 deste artigo 12º, nos que se esixía que un 64% das persoas seleccionadas a contratar pola entidade beneficiaria fosen mulleres.

No artigo 24º engádese un novo apartado que debería ser o número 4, aínda que por erro sínalase co número 2, no que se establece que “A concesión e desfrute destas axudas para contratación de axentes de emprego ou unidades de apoio non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia”.

Modifícase a disposición adicional segunda, engadíndose que as axudas concedidas ao abeiro do disposto na sección 1ª do capítulo III poderán ser obxecto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe prevista do 80 por cento.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2008, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, trinta artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 21 de novembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.




DITAME 38/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2008, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de novembro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de novembro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laboráis consideran certamente esaxerada a enunciación do parágrafo terceiro da exposición de motivos do proxecto normativo, en relación á incidencia na formulación deste borrador de Orde, dos Acordos polo Emprego asinados en 2007 pola Xunta de Galicia, a CEG, o S.N. de CC.OO. de Galicia e a UGT-Galicia.

O certo é que o texto do borrador que estamos a ditaminar é substancialmente idéntico ao ditaminado en 2006 para o exercicio de 2007, anterior por tanto aos devanditos Acordos.

As escasas modificacións introducidas para este borrador da Orde para o exercicio de 2008 (que, por certo, non recollen practicamente nada das consideracións unánimes deste Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laboráis, composto pola representación de CEG, CCOO, UGT e CIG), e, en concreto, a inclusión dunha Disposición Adicional Sexta, directamente alusiva á posibilidade de que os repetidos Acordos, entre outras normas e acordos (sic), incida no establecemento de criterios en canto aos obxectivos prioritarios, pensamos que nin minimamente xustifica a categorización que se fai da coherencia entre o borrador da Orde e os Acordos, no devandito parágrafo da exposición de motivos.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira. Artigo 3º.- Presentación de solicitudes e procedemento.

No apartado 4. I. A) deste artigo se fai referencia a unha serie de documentación que deberá acompañar á solicitude nos modelos que se publican como anexos.

Este Comité Delegado manifesta que os referidos anexos non se achegaron xunto co proxecto normativo obxecto de ditame.

Segunda. Artigo 4º.- Competencia e resolución.

O prazo máximo que se establece para resolver as solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que este Comité propón que se resolvan nos tres meses seguintes ao da entrada da solicitude no rexistro correspondente.

Tamén chama a atención que, como noutras normas anteriores -e a pesar das consideracións manifestadas por este Comité ao respecto e de que as resolucións son ditadas polo director/a xeral ou polo delegado/a provincial-, non se estableza ningún tipo de recurso administrativo e se abra directamente a vía xurisdicional, polo que este Comité propón que se estableza un recurso de alzada previo para, na medida do posible, procurar a revisión das resolucións das solicitudes presentadas por entidades sen ánimo de lucro antes de acudir á vía xurisdicional.

Terceira. Artigo 10º.- Contía.

O artigo 10º regula a contía da subvención para a contratación, polas entidades locais, de persoas desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

O apartado a) deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Cuarta. Artigo 13º e artigo 22º.- Contratación dos traballadores e traballadoras.

Este Comité considera que debería suprimirse a referencia á necesidade de subscribir un contrato de duración determinada de interese social, por canto, ademais de non existir este tipo de contrato na lexislación laboral (será de obra, no seu caso), o subvencionable son os custos salariais por un período determinado, o que non lle debe impedir á empregadora elixir a modalidade contractual.


Sexta. Artigo 25º. Contía.

Este artigo establece a contía máxima da subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, que ascenderá, conforme ao establecido no artigo 19º, ao importe dos custos salariais maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social dos traballadores contratados.

Este Comité considera que deberíase engadirse un apartado 3 a este artigo co seguinte texto: “Igualmente subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na sección II do capítulo terceiro desta orde”.

Sétima.- Artigo 26º. Criterios de valoración

O apartado 1 deste artigo establece os criterios de preferencia a ter en conta para efectuar a selección das entidades beneficiarias e das axudas a conceder.

Este Comité considera que ao apartado e) “Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas” debe engadirse “sempre que dean resposta ao establecido nas letras b) e c) deste artigo”.




















ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 8º.- Colectivos prioritarios.

En canto a colectivos prioritarios, establécense unhas porcentaxes, con carácter orientativo, cuxa aplicabilidade real queda fóra de control por parte dos solicitantes, e, ademais, a redacción adoece dunha anarquía que é difícil de entender.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que sería máis aconsellable sinalar por orde de prioridade cales son os colectivos prioritarios, para que os posibles beneficiarios solicitantes coñecesen de antemán cales son os colectivos que a Administración puntuará de modo maior.