ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 39/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS A TRABALLADORES OCUPADOS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO PARA O EXERCICIO DE 2008.


I. ANTECEDENTES

O día 6 de novembro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2008, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde, segundo establece a súa exposición de motivos, é a regulación das accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras ocupadas, subvencionadas todas elas pola Xunta de Galicia e confinanciadas nun 80% pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo.

Constitúen principios xerais da formación dirixida a persoas ocupadas: o protagonismo dos axentes sociais no seu desenvolvemento; a unidade de mercado de traballo e a liberdade de circulación das persoas traballadoras no desenvolvemento das accións formativas, tanto dentro do territorio español como no ámbito da Unión Europea; a consideración desta formación como instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 2 de maio de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 26 de febreiro de 2007 (Ditame 10/07), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Obsérvase que non se achegan os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo.  

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Obsérvase que ao longo de todo o articulado existen no texto erros gramaticais, non se respecta a normativa para a escrita da lingua galega, utilizándose ademáis unha linguaxe sexista, sen respectar as diferenzas de xénero.


Artigo 3º.- Accións subvencionables.

Desaparece a regulación contida no apartado 1 do proxecto normativo para o 2007 (tipoloxía das accións formativas), recollendo o manifestado por este Comité no ditame 10/2007.

No novo texto do apartado 1 (xa no texto da orde publicada no DOG do 2 de maio de 2007) defínense as accións formativas subvencionables como aquelas dirixidas á adquisición de competencias profesionais, teórico ou prácticas, estruturadas nunha unidade pedagóxica con obxectivos, contidos e duración propios, comúns a todos os participantes. Obsérvanse varios erros nesta redacción pois fala literalmente de “nunca” (en lugar de “nunha”), “pedagógica” (en lugar de “pedagóxica”) e “contados” (en lugar de “contidos”).

Incorporánse ademáis dous novos apartados ao artigo 3:

- apartado 3 (xa na orde publicada no DOG): neste fíxase a duración mínima das accións formativas, que será de 10 horas e a participación máxima dunha persoa traballadora en 6 horas diarias. Esta disposición atopábase recollida no artigo 16º (“Modalidades de impartición das accións formativas”) do borrador do ano pasado, coa diferencia de que a participación diaria máxima por traballador elevábase a 8 horas.

- apartado 4, polo que as accións formativas poderanse executar desde o día seguinte ao da publicación deste orde no Diario Oficial de Galicia e establecéndose que, no caso de non concederse a subvención, os custos serán a cargo da entidade solicitante, sen que exista ningún tipo de obriga para a Consellería de Traballo.

Artigo 4º.- Entidades beneficiarias.

No apartado 1, tendo en conta a proposta dos axentes sociais no ditame 10/2007, desaparecen -como entidades beneficiarias da concesión destas subvencións- as universidades públicas galegas que foran incorporadas novedosamente no borrador do ano pasado.

Así mesmo, no apartado 1, cítanse entre as entidades beneficiarias ás “entidades sen ánimo de lucro” incluídas no censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Traballo, desaparecendo a referencia aos ”centros” antes existentes.

No apartado 2, a remisión á Lei 38/2003, do 17 de novembro substitúese pola remisión á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por outra banda engádense ex novo varios apartados a este artigo:

- Apartado 3, no que se establece a obriga para as entidades beneficiarias de presentar, xunto coa solicitude de subvención, certificación do número de persoas traballadoras que teña contratadas por conta allea na data de publicación da Orde.

- Apartado 4, polo que as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e do recollido no artigo 5 da lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro de protección de datos pudiendo facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos nos termos da Lei 9/2007, de 13de xuño. Igualmente, establécese que as subvencións concedidas se publicarán no DOG, publicándose tamén na páxina web oficial (apartado 5), segundo a Lei 4/2006, de 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Chámase a atención sobre a numeración dos novos apartados pois repítese o número catro.

Artigo 6º.- Destinatarios de accións formativas.

No apartado 1 deste artigo defínense as persoas destinatarias das accións formativas, aceptando a proposta deste Comité no ditame 10/07.

Obsérvase que o apartado 2, letra d), refírese de novo a “traballadores desfavorecidos”, cando no texto da orde do exercicio pasado publicado no DOG a referencia era a “traballadores e traballadoras en situacións desfavorecidas”.

Do mesmo xeito, o item 2 desta letra d) refírese a “alumnos discapacitados”, expresión que no DOG do 2 de maio se substitúe pola de “persoas afectadas por diversidade funcional” (o mesmo sucede no apartado 2 do artigo 5º).

Así mesmo, na letra d) engádese un novo item respecto do borrador do exercicio de 2007 polo que se inclúe como “traballadores desfavorecidos” aos desempregados de longa duración, entendendo éstes como calquera persoa sen traballo durante máis de 12 meses consecutivos, aos efectos dos seis primeiros meses tras a súa contratación.

Artigo 7º.- Custos subvencionables.

Recollendo parcialmente a consideración realizada no ditame 10/2007, suprímese o apartado b) deste artigo, no que se establecía a obriga de acompañar os custos subvencionables de probas documentais, “transparentes e detalladas”.

Actualízanse as remisións normativas de todo o primeiro parágrafo do actual artigo 7º, do mesmo xeito que xa o fixera o texto da orde publicada o 2 de maio de 2007.

Artigo 8º.- Contía das axudas e subvencións.

O apartado 1 a) do novo proxecto normativo, así como da orde publicada no DOG de 2 de maio de 2007, ofrece o novo concepto do que se entende por pequenas e medianas empresas (PEME), que serán as que ocupen menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non exceda de 50 millóns de euros (40 millóns no borrador da orde para o 2007) ou cuxo balance xeral anual non exceda de 43 millóns de euros (27 millóns de euros no borrador do 2007).

O apartado 2 admite excepcionalmente a autorización pola Dirección Xeral de Formación e Colocación dun módulo superior das accións formativas de carácter presencial polas especiais circunstancias de determinadas accións formativas, esixíndose como novidade que “a autorización deberá pedirse xunto coa solicitude”. O límite máximo nestes módulos elévase de 16 a 18 euros por alumno e hora de formación, tendo en conta o manifestado por este Comité no ditame 10/2007.

Regúlase neste artigo 8º un novo apartado (apartado 7), no que se establece a prohibición de subcontratar con persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención que non a obtivesen por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 9º.- Obrigas das entidades beneficiarias.

Modifícase a redacción do apartado 17 deste artigo, en consonancia coa consideración manifestada no ditame 10/2007 que suxería a substitución da expresión “entidades adxudicatarias” pola de “entidades beneficiarias”, por ser máis correcto.

Artigo 10º.- Incumprimento de obrigas e reintegros.

En caso de reintegro parcial ou total da subvención por incumprimento dos requisitos necesarios para a súa obtención, o novo proxecto normativo remite á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar de facelo á Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, como facía o borrador do ano pasado.

Ademáis redáctanse dous novos apartados a este artigo (apartados 2 e 3), en relación coa perda automática do dereito de percibir as axudas concedidas cando a entidade beneficiaria incumpra o prazo de realización ou de xustificación destas.

Artigo 13º.- Remate e xustificación das accións formativas.

Engádese un apartado novo (o número 1) que introduce un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entres mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, de acordo cos termos da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade de mulleres de Galicia. Este módulo terá unha duración de cinco horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nos de duración superior.

Artigo 19º.- Instrución do procedemento.

No apartado 8 engádese a letra e), introducindo como criterio de valoración o emprego da lingua galega na realización das accións formativas (dez puntos).

Por último, o artigo 19º in fine establece a nova puntuación mínima para acceder á programación, que será de 45 puntos (no borrador do 2007 era de 35 puntos).

Desaparecen a segunda (agora no artigo 17º) e a terceira (agora no artigo 9º.18) das Disposicións Adicionais do proxecto do exercicio anterior e procédese a un cambio na redacción da cuarta, que queda do seguinte xeito:
“Poderán efectuarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, así como de ampliacións, xeracións ou incorporacións de crédito. O importe ampliado será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia sen que elo suponía unha nova apertura do prazo de presentación de solicitudes”.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2008” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 23 de novembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN. de CC.OO. de Galicia e pola CEG (Anexo I); unha consideración específica, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CIG e pola CEG (Anexo II) e unha consideración específica, de carácter non unánime, manifestada polo S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo III).




DITAME 39/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de novembro de 2007, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de novembro de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.

Este Comité fai constar que a Consellería de Traballo non achegou a este organismo xunto co proxecto normativo os anexos aos que fan referencia diversos artigos da orde, considerando que deben ser remitidos xa que forman parte da norma sobre a que hai que informar.

Segunda.

Obsérvase que mentres no texto da Orde do exercicio anterior, do 23 de abril de 2007, publicada no DOG o 2 de maio de 2007, se respectan as diferencias de xénero e a normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego, isto non se fai ao longo do texto do proxecto normativo sometido a ditame; así, xa no título da Orde e en moitos dos seus artigos, debería figurar “persoas traballadoras ocupadas” en lugar de “traballadores ocupados”.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte as diferenzas de xénero. Igualmente, considera que o texto debe adaptarse á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego, tal e como se fixo no texto da Orde que se publicou no DOG o 2 de maio de 2007.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, representadas no Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, fan as seguintes propostas de modificación:

Primeira.-.Artigo 3º. Accións subvencionables.

Consideramos que deberían definirse claramente neste artigo os tipos de accións que abarca a Orde: de carácter estratéxico, formación xenérica, accións vinculadas a catálogo e que poderán incluirse módulos de alfabetización informática e de sensibilización ambiental.

Así mesmo, en relación co disposto no apartado 2 deste artigo, este Comité propón que a autorización que pode conceder o director xeral para unha duración superior se conceda automaticamente cando a acción formativa conduza á obtención dun título homologado oficialmente que requira a formación de máis de 250 horas.

En relación co establecido no apartado 4  “as accións formativas poderanse executar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia”, este Comité entende que esta disposición contradice o que figura no último item do apartado A do artigo 11º (“Pagamento e liquidación das subvencións”), que establece “os custos das accións formativas só poderan imputarse a partir da data de concesión da subvención”.



Segunda.- Artigo 4º. Entidades beneficiarias.

O apartado 3 deste artigo establece que as entidades beneficiarias deberán presentar, xunto coa solicitude de subvención, unha certificación do número de persoas traballadoras que teñen contratadas por conta allea na data da publicación da Orde.

Este Comité suxire que se especifique neste apartado a qué entidades obriga esta disposición, pois entende que soamente afecta ás empresas e ás agrupacións de empresas.

Terceira.- Artigo 6º. Persoas destinatarias das accións formativas.

Por coherencia coa regulación do artigo 8º (“Contía das axudas e subvencións“), que menciona aos traballadores das grandes empresas, este Comité endende que tamén son persoas destinatarias os traballadores destas empresas, polo que proponse que se suprima no apartado 1 do artigo 6 a referencia expresa ás pequenas e medianas empresas, quedando este apartado redactado do seguinte xeito:

“1. Serán destinatarios das accións formativas os traballadores ocupados, os socios traballadores das entidades de economía social, así como os autónomos, residentes todos eles en Galicia”.


Así mesmo obsérvase un erro na redacción da letra a) do apartado 2, que cita como destinatarios prioritarios das accións formativas aos  “maiores de 45 anos en sectores nos que se introduzan novas tecnoloxías, empregados de sectores ou zonas en proceso de reconversión”, suxirindo este Comité que se recupere a redacción da Orde publicada no DOG do 2 de maio de 2007 “maiores de 45 anos en sectores en que se introduzan novas tecnoloxías, con emprego en sectores ou zonas en proceso de reconversión”.

Cuarta.- Artigo 7º. Custos subvencionables.

Este Comité propón que, ademáis dos relacionados neste artigo sexan subvencionables os seguintes gastos:

- Concretar, no terceiro ítem dentro dos gastos correntes tales como materiais e subministracións, que están incluidos os gastos de medios e materiais didácticos (textos, material dun só uso polo alumnado) e os materiais funxibles utilizados durante a realización da actividade.

- Concretar, no quinto ítem que nos gastos de xestión e coordinación das accións formativas poderanse imputar gastos de persoal dos centros de preparación, seguimento e control docente da actividade, así como gastos de persoal directivo e administrativo da entidade xestora.

- Considérase que a redacción deste artigo 7º debe modificarse para ter en conta como custo subvencionable os gastos financeiros que xeran ás entidades impartidoras os sistemas de pagamento establecidos no apartado B do artigo 11º. Así mesmo, proponse que se consideren como custos financeiros os orixinados polas operacións formalizadas entre as entidades financeiras e as entidades beneficiarias no importe que exceda da porcentaxe de anticipo regulada no dito artigo 11º.

Quinta.- Artigo 8º. Contía das axudas e subvencións.

O apartado 1 deste artigo establece que o importe das axudas non poderá exceder dos límites establecidos no Regulamento CE 68/2001, do 12 de xaneiro.

Este Comité propón que se expliciten no texto da Orde os límites cuantitativos aos que fai referencia o devandito Regulamento.

Na letra b) deste apartado 1, relativo á formación xeral, sínalase no último punto, como incrementos adicionais, un 10% se a formación se dispensa a persoas traballadoras desfavorecidas.

Este Comité considera que debe engadirse que ese 10% se establece cando a formación se dispense exclusivamente a ese tipo de persoas traballadoras.

Sexta.- Artigo 9º. Obrigas das entidades beneficiarias.

En relación co establecido no apartado 2, este Comité considera que a documentación debe remitirse ben á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou ben á delegación provincial correspondente, suxirindo tamén que se engada unha nova obriga: a de incorporar os datos e realizar os envíos á Dirección Xeral de Formación e Colocación a través das aplicacións informáticas establecidas ao efecto pola Dirección Xeral.
En relación co establecido no apartado 17 deste artigo 9º, este Comité suxire suprimir o punto final do primeiro parágrafo: “Todo isto sen prexuízo das excepción recollidas na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008”.

Igualmente, considérase que debe suprimirse o segundo parágrafo deste apartado 17 por ser contraditorio co disposto no primeiro parágrafo.

Sétima.- Artigo 11º. Pagamento e liquidación das subvencións.

O apartado A deste artigo obriga a enviar á Dirección Xeral de Formación e Colocación dentro dos 15 días seguintes ao remate da acción formativa, a xustificación dos custos inherentes a el, que deberá presentarse por cada acción formativa.

Este Comité entende que debería admitirse a posibilidade de realizar a xustificación polo conxunto das accións formativas desenvolvidas pola entidade dentro deste programa.

O apartado B deste artigo 11º,  “Sistemas de pagamento”, establece o modo en que se fará efectivo o aboamento da subvención, regulando a posibilidade de pagamentos parciais e anticipos sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo.

Sen prexuizo de considerarse positivo o incremento do anticipo da subvención concedida ata o 65% do total do orzamento de gastos de cada acción formativa,  esta porcentaxe aínda non é equiparable á existente noutras Comunidades Autónomas, que chega na maioría delas ao 100% e sen necesidade de garantía, polo que, por obvias razóns de igualdade, solicitamos se arbitren as medidas necesarias para o mesmo trato na nosa Comunidade Autónoma no ámbito da formación continua.

Oitava.- Artigo 12º. Seguimento e control das accións formativas.

O apartado 1 deste artigo establece que para verificar o cumprimento do disposto na orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, engadindo que o seguimento e control poderá facelo o persoal que se contrate para o efecto.

Este Comité considera que o sistema de seguimento e control é unha competencia exclusiva da Dirección Xeral de Formación e Colocación ou das súas delegacións provinciais e non pode levarse a cabo por persoal alleo contratado para o efecto, polo que propón que se suprima esa referencia.

Novena.- Artigo 13º. Accións formativas.

Este artigo dispón no apartado 2 que a data límite para o remate e xustificación das accións formativas será o 30 de novembro de 2008.

Este Comité considera que debe regularse a posibilidade, recollida na orde do exercicio de 2006, de que, excepcionalmente, por causas xustificadas, logo da solicitude do interesado, e sempre precedendo autorización do director xeral de Formación e Colocación, as accións formativas podan rematar con posterioridade a esta data, sempre dentro do ano 2008.

Décima.- Artigo 15º.- Dereitos e deberes dos alumnos.

Este Comité entende que a redacción dos apartados 2, 3 e 4 deste artigo alude soamente á formación presencial, suxiríndose que debería adaptarse ás modalidades de impartición (formación a distancia, teleformación e mixta) recollidas no artigo 16º.1.

Décimo primeira.- Artigo 16º. Modalidades de impartición das accións formativas

O apartado 4 deste artigo establece que nas modalidades a distancia convencional, en teleformación e na parte da modalidade mixta, o sistema de impartición deberá incluir evidencias necesarias para comprobar que o alumnado recibe a formación impartida.

Este Comité considera que debe concretarse no artigo cales son esas “evidencias”.

Décimo segunda.- Artigo 19º. Instrución do procedemento.

O apartado 4 deste artigo establece que unha vez puntuados os expedientes pola comisión de valoración, serán informados pola Comisión Galega de Formación Continua. Este Comité considera que debe establecerse no citado apartado que serán informados previamente á resolución.

Décimo terceira.- Artigo 20º. Resolución.

O apartado 2 deste artigo establece que as axudas previstas poderán materializarse a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Este Comité considera improcedente o disposto neste apartado, que ademáis deixa á arbitrariedade da Administración a posibilidade de subscribir os convenios, polo que propón que se suprima.


















ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT- GALICIA E O S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG consideran que a Consellería de Traballo debe ter en conta o proxecto de Real Decreto estatal que regula a formación para traballadores en activo e para desempregados.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT- GALICIA E O S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG consideran que na exposición de motivos do proxecto normativo deben incluirse unhas referencias ao Regulamento que desenvolve a Lei de subvencións, ao IV Acordo Estatal de Formación para o Emprego e ao Acordo Galego sobre Formación para o Emprego asinado o 5 de febreiro de 2007.




ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT- GALICIA E CIG.


Artigo 19º. Instrución do procedemento. Apartado 8.

O apartado 8 deste artigo regula os criterios de valoración para a concesión das axudas.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e a CIG, así como a Confederación de Empresarios de Galicia consideran excesivo outorgar a maior porcentaxe de puntuación á formación das propias persoas traballadoras, aínda por riba dos propios contidos da formación. Consideran que debería incidirse no tipo de formación proposta, que se valora nos apartados b) e c), porque será a través do modelo de accións formativas desde onde actuaremos sobre o mercado de traballo, o tecido produtivo galego e desde onde nos encamiñaremos ao cumprimento da formación recoñecida (vinculada ao Catálogo das Cualificacións).



Polo exposto, proponse modificar a redacción deste apartado 8, suprimindo -en primeiro lugar- no apartado a) os cero puntos establecidos se a entidade non forma aos seus propios traballadores. En segundo lugar, recoller os seguintes criterios de valoración:

a) Que a entidade forme aos seus propios traballadores e ás súas propias traballadoras: 10 puntos.
b) Contido das accións formativas: ata 20 puntos.
c) Inclusión das accións solicitadas no sistema de cualificacións: 30 puntos.
d) Experiencia e calidade da entidade solicitante no desenvolvemento da acción formativa de semellante natureza: ata 30 puntos.
e) Emprego  da lingua galega na realización das accións formativas: 10 puntos.



ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.

Artigo 19º. Instrución do procedemento. Apartado 8.

O Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia fai a súa propia proposta en relación co apartado 8 deste artigo, xa que aínda estando de acordo co resto das organizacións nos criterios de valoración a), b), c) e d) propostos na consideración que integra o Anexo II deste ditame, non comparte a proposta de valorar con 10 puntos o emprego da lingua galega na realización da acción formativa, suxirindo que se valore este criterio soamente con 5 puntos e con outros 5 puntos o emprego da modalidade de teleformación, pola introducción das novas tecnoloxías, e da modalidade de formación a distancia, porque permite chegar a un maior número de persoas destinatarias.

Polo exposto, a súa proposta sería:

a) Que a entidade forme aos seus propios traballadores: 10 puntos.
b) Contido das accións formativas: ata 20 puntos.
c) Inclusión das accións solicitadas no sistema de cualificacións: 30 puntos.
d) Experiencia e calidade da entidade solicitante no desenvolvemento da acción formativa de semellante natureza: ata 30 puntos.
e) Emprego  da lingua galega na realización das accións formativas: 5 puntos.
f) Emprego da modalidade de teleformación ou formación a distancia : 5 puntos