ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/02

DICTAME SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO OU COMO INICIATIVAS DE EMPREGO RURAL PARA O ANO 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se regula o réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural, remitido pola Dirección xeral de Fomento do Emprego, da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, e con data de entrada neste Consello do 14 de marzo de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de marzo de 2002, acordou por UNANIMIDADE pronunciarse en canto as seguintes consideracións e propostas de modificación:


1.- Artigo 1. Finalidade

O obxectivo da Orde é regula-las axudas de fomento da creación de “empresas innovadoras”. Este concepto de empresa é sumamente indeterminado e non se coñece a través do borrador da Orde cales son os criterios que se van a ter en conta para cualifica-los proxectos de innovadores ou excluí-los de tal cualificación.

PROPOSTA: Clarificar qué se entende por “ empresa innovadora” ou qué criterios se seguirán para cualifica-las como tales.

2.- Artigo 3.2º. Beneficiarios.

Neste artigo fanse dúas consideracións:
Primeira. Di este precepto que unha empresa entenderase constituída dende o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de Facenda.
Para o suposto de empresarios individuais ou autónomos semella oportuno entende-la constitución da empresa no momento en que entregue na Tesourería Xeral da Seguridade Social o correspondente documento de alta no réxime de autónomos.

PROPOSTA: Redacta-lo precepto no seguinte senso:
“ …Cando se trate de empresario individual, cando entregue na Tesourería Xeral da Seguridade Social o correspondente documento de alta no réxime de autónomos.”

Segunda. Neste mesmo parágrafo 2º, in fine, dise que a actividade productiva comeza cando causen alta no imposto de actividades económicas.
Esta alta no imposto de actividades económicas (IAE) pode causarse no prazo establecido ó efecto, 10 días hábiles, antes incluso, do inicio da actividade

Por esta desintonía, PROPONSE que no lugar de tomar como referencia a alta no IAE para determina-lo inicio da actividade, se teña en conta a data do inicio da actividade que figura na declaración censual presentada en Facenda (Modelo 036 ou 037).








3.- Artigo 5 (Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados), artigo 9 (Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade) e 16 (Criterios de valoración).

Nestes preceptos a norma está a falar en todo momento de emprego estable ou de postos de traballo estables, sen diferenciar entre contratos de traballo a tempo completo ou a tempo parcial á hora de fixa-la proporcionalidade da axuda segundo se trate dun ou doutro caso.
O requisito de xerar emprego estable debe ser tido en conta con prudencia pois ante todo debe primarse a calidade na contratación diante da cantidade.

A Orde está a considerar ámbalas dúas modalidades de contratación de igual xeito, tanto o contrato estable a tempo completo como o contrato estable a tempo parcial, coa única diferencia de reducción proporcional da subvención en función da xornada traballada.

PROPOSTA: A valoración do tipo de contrato de que se trate, ben a tempo parcial, ben a tempo completo, debe terse en conta para establece-la proporción da cantidade que se subvencionará, debendo primarse aqueles proxectos que apoien a xeración do maior número de postos de traballo estables a tempo completo.

4.- Artigo 5, in fine. Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados.

O precepto fala de custo salarial anual. Este Comité Delegado entende que tal concepto abrangue o salario bruto e maila cota patronal á Seguridade Social.

5.- Artigo 8. Subvención financeira.

Fixa este artigo un tope máximo para esta subvención, como é a reducción de seis puntos no tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que concede o préstamo ó interesado.


Non estaría desacertado fixar tamén un mínimo a subvencionar e que podería estar en 2 puntos.

PROPOSTA: Fixar un mínimo de 2 puntos e un máximo de 6 puntos de reducción dos xuros necesarios para a posta en marcha destas empresas.

6.- Artigo 15. Resolución

Este artigo establece como regra xeral o silencio negativo. O tratarse esta dunha norma que establece programas de liñas de axuda que levan importantes intereses económicos para os solicitantes das mesmas, debería esixirse en todo caso, a obrigatoriedade de dictar resolución expresa e motivada pola Administración cando esta fose desestimatoria.

PROPOSTA: Modifica-la redacción do artigo no senso de obrigar á Administración concedinte da axuda a motiva-los seus actos nos casos en que se poidan ver afectados os intereses económicos dos administrados.

7.- Artigo 16. Criterios de valoración.

Establece este artigo as condicións e criterios que se terán en conta para avalia-los proxectos que serán merecedores das axudas reguladas pola Orde.

Ó contrario do que establece o Decreto 9/2000, do 12 de xaneiro, no seu artigo 2.1ºa), ó cal desenvolve esta norma que estamos a dictaminar, non se esixe a presentación dun plan de viabilidade técnica, económica e financeira que avale o proxecto de que se trate e que serva tamén de criterio de avaliación.

PROPONSE neste senso, que se inclúa como criterio de avaliación a necesidade de presenta-lo referido plan de viabilidade técnica, económica e financeira.




8.- Artigo 18.3º. Incompatibilidades e concorrencia.

Establece este artigo as incompatibilidades das subvencións desta Orde con outras axudas previstas noutros programas convocados pola Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude.

Respecto desta disposición compre face-lo seguinte matiz: na Orde correspondente ás axudas de autoemprego e de economía social concédense dúas posibles liñas de axuda
- Renda para o inicio da actividade, que está relacionada coa inversión en activo fixo. Neste caso establecese unha porcentaxe sobre o mesmo e un límite máximo, que varían segundo o sexo do emprendedor.
- Subvención financeira.

Na Orde que estamos a dictaminar concédense, asemade, os tipo de axudas mencionados a fondo perdido: a renda para o inicio da actividade, pero relacionada coa inversión en circulante e maila subvención financeira.

De acordo co exposto, a PROPOSTA consiste en que debería recollerse expresamente a compatibilidade entre as axudas mencionadas de renda para o inicio da actividade, relacionada coa inversión en activo fixo, coa de renda para o inicio de actividade, relacionada coa inversión en circulante. Tal compatibilidade daríase, evidentemente, dentro dos topes máximos de axuda, pola súa diferente finalidade.

9.- Disposición Adicional Segunda.

Respecto do requirimento de documentación de que fala esta disposición adicional compre matizar que a Administración de acordo coa Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, non pode esixirlle ós administrados aquela documentación que xa obre no seu poder e, en todo caso, non pode serlle requirida documentación que non esixan as normas aplicables ó procedemento de que se trate (artigo 35.1º da referida Lei). Non se pode falar de “documentación que considere necesaria” como si fai este precepto.


En todo caso, a achega documental que se lle esixa ós administrados só terá como finalidade o cotexo ou constatación dalgún dato esencial para o expediente, pero unha vez rematada a tarefa de comprobación aquela deberá ser devolta ós seus donos, sobre todo, cando se trate de documentación orixinal.

PROPOSTA: Axeita-la redacción deste precepto ás disposicións contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, no senso en que se acaba de referir.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME FEITAS Ó BORRADOR DE ORDE POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG
Artigo 11. Competencia
A capacidade para coñecer e resolve-las axudas e subvencións previstas nesta Orde correspóndelle, segundo este precepto, ós delegados provinciais da consellería competente ou ben, ó director xeral de Fomento do Emprego, segundo os casos.

Entre as competencias que teñen atribuídas os comités provinciais de emprego e mailo Comité Autonómico de Emprego, están a de aproba-las axudas e subvencións previstas nesta Orde, informando as diferentes solicitudes que se presenten.

PROPOSTA: Incorporar nos apartados a) e b) a seguinte redacción:
“a) Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción de Emprego… previo informe dos comités provinciais de emprego, cando a actividade pola que se solicita a subvención se vaia a desenvolver no respectivo ámbito provincial.

b) Ó director xeral de Fomento do Emprego, previo informe do Comité Autonómico de Emprego, cando a actividade pola que se solicita a subvención se vaia a desenvolver en máis dunha provincia desta Comunidade Autónoma…”



ANEXO II
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)

Artigo 13.2ºd). (Documentación), artigo 4.2º (Tipos de axuda) e 19.2º.d) (Obrigas dos beneficiarios).

A subvención financeira que se establece na Orde como axuda ten por finalidade o financiamento de inversións en activos fixos (e circulante en menor medida) en base ó número de postos de traballo estables que se crean no proxecto empresarial de que se trate (artigo 8 da propia Orde).
         A documentación que debe aporta-lo posible beneficiario de poder solicita-la axuda ven establecida no artigo 13.2º.d).

Por outra banda, a documentación necesaria para proceder ó pagamento ven establecida, á súa vez, no artigo 17.B.d).

Logo, o artigo 19.2º.d) fixa a obriga para os beneficiarios da subvención financeira de acreditar mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, a realización da totalidade do plan de inversións previsto na concesión da subvención, aportando ó efecto a memoria anual explicativa ata a terminación do mencionado plan.

Segundo isto, tralo pago efectivo da subvención, debe presenta-las facturas e xustificantes acreditativos da realización na súa totalidade do plan de inversións previsto inicialmente e memoria anual explicativa ata a terminación do referido  plan. Esto pode considerarse unha contradicción.

Pode deducirse do anterior que é posible a realización dun plan de inversións plurianual, pois doutro xeito non ten xustificación a esixencia de presentar unha memoria explicativa con esa periodicidade, pois chegaría cunha soa memoria, se fose doutro xeito.

Interpretado así o anterior, está en contradicción co establecido no artigo 4.2º da propia Orde quen establece que “terán a consideración de accións subvencionables as orixinadas para a posta en marcha da empresa e ata que transcorra o primeiro ano da actividade empresarial…”

Segundo isto, só serían subvencionables as inversións en activos fixos efectuados no primeiro ano da actividade, polo que carecería de sentido establece-la posibilidade de plans de inversións a máis longo prazo, así como a existencia de máis dunha memoria de carácter anual.

Cunha memoria bastaría, aínda que se presentase ó ano de iniciada a actividade xunto coa xustificación das inversións realizadas na súa totalidade que deberían estar feitas a esa data (pois doutro xeito, incumpriríase o disposto no artigo 4.2º).