ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 40/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS EXPERIMENTAIS E COMPLEMENTARIAS DO PLAN FIP DIRIXIDAS ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES EN DESEMPREGO COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO DE 2008.


I. ANTECEDENTES

O día 6 de novembro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a traballadoras e traballadores en desemprego cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas de carácter experimental e complementario respecto do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP), dirixidas a traballadoras e traballadores en desemprego, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Neste sentido, a regulación do Plan FIP, que conta cun catálogo preestablecido de especialidades homologadas, pode deixar sen atender especialidades formativas de especial interese, tanto desde o punto de vista do  colectivo que atenden como dos sectores produtivos aos que se dirixen.

Obsérvase que non se achegaron ao Consello os anexos aos que se refire o proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde do 28 de febreiro de 2007, publicada no DOG o 7 de marzo de 2007, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 11 de decembro de 2006 (ditame 39/06), o actual proxecto normativo contén como principais novidades as seguintes:

En primeiro lugar a redacción do texto incorpora a diferencia entre xéneros, quedando afectado, ademáis do articulado, o mesmo Título da disposición, que para o 2008 refírese a “traballadoras e traballadores en desemprego”.

Exposición de motivos.
Obsérvase que no segundo parágrafo se actualiza a remisión normativa, mencionándose agora a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Pola contra, no cuarto parágrafo, recupérase do proxecto normativo do ano pasado a cita dos Regulamentos (CE) nº 1784/1999, de 12 de xullo, do Parlamento e do Consello e do nº 68/2001, do 12 de xaneiro da Comisión, mentres que na orde publicada no DOG do 7 de marzo de 2007 non aparecen os citados regulamentos, mencionándose non obstante o Regulamento (CE) nº1081/2006, do 5 de xullo.

Desaparece o penúltimo parágrafo da orde publicada no DOG, relativo a posibilidade de ampliación orzamentaria, quedando o texto borrador idéntico ao do ano anterior neste punto.

Artigo 2º.- Accións subvencionables.
Desaparece do apartado 1 o subprograma relativo a proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata, reducíndose a dous os subprogramas en que se agrupan este tipo de accións formativas.
Por outra banda, desaparece un apartado 2 da orde publicada no DOG que establecía  unha duración máxima da acción formativa en 650 horas, que non existía no borrador para o 2007, engadíndose, pola contra, neste proxecto normativo, un novo apartado 2 polo que as entidades só poderan solicitar un máximo de cinco accións formativas por localidade.

Artigo 3º.- Entidades beneficiarias.
Ademáis do cambio no título do artigo xa recollido no DOG (o borrador do ano pasado falaba de “beneficiarios”), o artigo 3 amplíase coa incorporación de varios apartados novos.

O apartado 3, polo que as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e do recollido no artigo 5 da lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro de protección de datos pudiendo facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos nos termos da Lei 9/2007, de 13de xuño. Igualmente, establécese que as subvencións concedidas se publicarán no DOG (apartado 4), publicándose tamén na páxina web oficial (apartado 5), segundo a Lei 4/2006, de 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 5º.- Custos subvencionables.
No apartado a) recupérase do borrador do ano pasado a cita do Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro da Comisión, remisión que na orde publicada no DOG do 7 de marzo referíase ao Regulamento (CE) nº1081/2006, do 5 de xullo.

O último item deste apartado establece que as entidades impartidoras non poderán imputar os custos dos servizos de asesoría en relación coa acción de formación por un importe superior ao 10 por cento do importe total dos gastos de docencia, importe idéntico ao da orde publicada no DOG, e que sen embargo elevábase ao 15% no borrador do exercicio anterior.

Artigo 6º.- Módulos económicos.
Regúlase neste artigo un novo apartado (apartado 7), no que se prohibe subcontratar con persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención que non a obtivesen por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.
Artigo 7º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Engádese o número 16 (xa no DOG), que obriga ás entidades beneficiarias a presentar informe individualizado de cada alumna e alumno cualificando os progresos acadados en cada un dos módulos profesionais da acción formativa.

Artigo 8º.- Incumprimento de obrigas e reintegro.
En caso de reintegro parcial ou total da subvención por incumprimento dos requisitos necesarios para a súa obtención, o novo proxecto normativo remite á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar de facelo á Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, como o borrador do ano pasado.
Dase un novo contido ao apartado 2 establecendo que a entidade beneficiaria perderá automáticamente o dereito de percibir as axudas concedidas cando incumpra o prazo de realización ou de xustificación destas.
Redáctase un novo apartado (apartado 3) que determina que, cando exista incumpremento parcial das accións realizadas, a cantidade a percibir pola entidade beneficiaria da subvención reducirase proporcionalmente ás accións non realizadas.

Artigo 9º.- Pagamento e liquidación das subvencións.
Modifícanse os apartados a) e d) do número 1 da letra B (“Sistemas de pagamento) do mesmo xeito que no DOG do 7 de marzo, incrementándose a cantidade a aboar en concepto de anticipo da subvención desde o 50 por cento ao 65 por cento do importe de cada acción formativa. Por outra parte suprímese a mención do límite máximo do anticipo ás corporacións locais (35 por cento).
Ademáis no apartado d) actualízase a redacción citando a Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 11º.- Das accións formativas.
Modifícase este artigo de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade de mulleres de Galicia, coa incorporación dun novo apartado que introduce a obriga de incluir na totalidade das accións formativas un módulo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de cinco horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nos cursos de duración superior a cincuenta horas.
Ademáis, modifícase no apartado 1 deste artigo o prazo establecido excepcionalmente como data límite por causas xustificadas para o remate e xustificación das accións formativas, que é o 15 de decembro do 2008, mentres na orde anterior esta excepción se prolongaba ata o fin do ano 2007.

Artigo 17º.- Instrución do procedemento.
O apartado 2 establece o procedemento para a tramitación e instrución dos expedientes, substituíndo a remisión ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro por outra á Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
No apartado 3 modifícase o órgano competente para realizar a proposta de resolución; no novo proxecto normativo, así como no DOG do 7 de marzo, esta función corresponde á Dirección Xeral de Formación e Colocación, deixando de ser competente a comisión de valoración.
O apartado 5 fixa os criterios de valoración das solicitudes, procedendo a varios cambios.
Incorpórase un apartado a) para as solicitudes nas que a programación se axusta á prevista no Anexo. O novo proxecto normativo repite a puntuación do proxecto anterior (20 puntos) deixando sen efecto a novidade prevista no DOG de 7 de marzo que soamente lle outorgaba 10 puntos.

Incorpórase un apartado b) por comprometerse a facer prácticas profesionais non laborais nas empresas. O borrador da orde para o 2008 concede ata 10 puntos, mentres que no proxecto do ano pasado e no texto publicado no DOG figuraban 20 puntos.

Como novidades neste apartado b), o novo proxecto normativo cuantifica a duración mínima para valorar estas prácticas -o 5% das horas totais do curso- e puntúa negativamente (ata 20 puntos) o incumprimento do compromiso de prácticas na convocatoria anterior.

Modifícase o apartado c) que establece unha puntuación por solicitar facer cursos con compromiso de inserción laboral do alumnado formado, de ata 30 puntos (puntuación xa recollida na orde publicada no DOG), aumentando os 20 puntos do borrador do 2007, e ademáis introduce unha posible puntuación negativa (ata 30 puntos) para as entidades que non cumpriron  o seu compromiso de inserción na convocatoria anterior.

Modifícase tamén o apartado e) que puntúa a calidade do Centro ou experiencia docente relacionada coa familia profesional solicitada, con ata 30 puntos, modificando a valoración de 20 puntos do ano anterior e extendendo a puntuación negativa  (ata – 30 puntos) para todo o apartado c) e non só para a valoración da xestión administrativa e contable do punto e.2.
Engádese un apartado f), que puntúa o emprego da lingua galega na realización das acccións fomativas con 10 puntos.
Así mesmo, modifícase a nova puntuación mínima para poder acceder á programación, que pasa a ser de 45 puntos (40 puntos no borrador do ano pasado e 35 no DOG).
Suprímense varias previsións do borrador para 2007 relativas á valoración do carácter experimental das accións, viabilidade de inserción laboral, relación cos novos filóns de emprego, experiencia da entidade solicitante e puntuación máxima, tendo en conta a consideración manifestada por este Comité no Ditame 39/06.

Artigo 18º.-  Resolución.
Modifícase o apartado 1 establecendo que a resolución dos expedientes realizarase unha vez informada pola Dirección Xeral de Formación e Colocación e non pola Subdirección Xeral de Formación Ocupacional e Continua como figuraba tanto no proxecto do ano pasado como no texto do DOG.


Disposición Adicional Terceira.
A remisión normativa realízase á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar de ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposición Adicional Cuarta.
Como réxime supletorio introduce unha nova remisión normativa á Orde do 21 de decembro de 2006 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio 2008.

Disposición Adicional Sétima.
Do mesmo xeito que xa regulaba a orde publicada no DOG, o novo proxecto normativo establece expresamente a obriga de publicar no DOG as resolucións de concesión de subvencións.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas ás traballadoras e traballadores en desemprego cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2008” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 23 de novembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e quince consideracións específicas de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.





DITAME 40/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas ás traballadoras e traballadores en desemprego cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2008”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de novembro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de novembro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames, tendo en conta que no transcurso do período de vixencia da orde que se ditamina é posible que cambie a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación e da Subdirección Xeral de Formación Ocupacional e Continua, considera que estes cargos deberían identificarse de maneira neutra respecto do sexo (artigo 5º.a), disposicións adicional sexta e derradeira primeira e apartado 4 do artigo 17º).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS.

Primeira.-  Artigo 2º. I-b). Accións subvencionables.
Neste parágrafo, relativo ao subprograma I-b (accións de carácter experimental), dase preferencia ás accións establecidas no anexo.
Este Comité manifesta que non se achegaron ao Consello os anexos do proxecto normativo polo que non coñece que accións son as preferentes. En todo caso, considera que a enumeración desas accións  non debe ser taxativa.



Segunda.- Artigo 5º. Custos subvencionables.
O Comité considera que este artigo adoece dunha falta de definición de gastos necesarios, como, por exemplo, os gastos de publicidade para a organización e difusión da acción formativa, as retribucións dos formadores internos e externos, os gastos do seguro de accidentes dos participantes, etc., polo que propón que se inclúan neste apartado todos os gastos que se relacionan na Orde da Consellería de Traballo, que convoca a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa, de ámbito autonómico, para a formación de traballadores ocupados.

Así mesmo, o último item da letra a) deste artigo contempla como custo subvencionable os custos dos servizos de asesoría en relación coa acción de formación, co límite do 10 por cento do importe total dos gastos de docencia.

Este Comité propón que as entidades impartidoras poidan imputar por este concepto ata o 15 por cento do importe total dos gastos de docencia.

Terceira.-  Artigo 5º. Custos subvencionables.
O primeiro ítem do apartado a) deste artigo limita os custos dos docentes e os seus gastos de desprazamento ata un máximo do 40% do custo total do curso, que, excepcionalmente, poderá incrementarse con autorización do director xeral de Formación e Colocación.

Este Comité entende que pode resultar moi frecuente, dado que se trata de accións experimentais, que se supere a porcentaxe establecida, polo que se suxire a supresión do citado límite ou ben que se estableza unha porcentaxe máis alta que aporte maior flexibilidade.

Cuarta.- Artigo 5º. Custos subvencionables.
O apartado b) deste artigo establece que “os custos subvencionables deberán ir acompañados de probas documentais, que deberán ser transparentes e detalladas”.

Este Comité propón substituir a redacción que figura nese apartado pola seguinte: “os custos subvencionables deberán xustificarse documentalmente”.

Quinta.- Artigo 6º. Módulos económicos.
Este Comité considera necesario que se recolla no proxecto normativo, neste artigo 6º, un novo apartado co establecido na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de 30 de xullo de 2004, sobre o mesmo tema, que, no apartado quinto, dous, das súas disposicións xerais, establece: “De conformidad con lo establecido en el artículo 11.2 de la Ley 38/2003, de 17 de noviembre, General de Subvenciones, los miembros asociados de la entidad beneficiaria que se comprometan a ejecutar la totalidad o parte del plan de formación en nombre y por cuenta de la misma tendrán igualmente la consideración de beneficiarios”.



Sexta.- Artigo 6º. Módulos económicos.
O apartado 2 do artigo 6º establece que, excepcionalmente, poderase autorizar a aprobación dun módulo superior que non poderá superar os 16 euros por alumno e hora de formación.
Este Comité propón que a cantidade límite sexa de 18 euros, tendo en conta as especiais circunstancias dalgúns cursos formativos.

Sétima.- Artigo 7º.Obrigas das entidades beneficiarias
Este Comité considera que cómpre adaptar a redacción dos apartados 3 (letra b) e 4 deste artigo ás modalidades de impartición non presencial previstas no artigo 14º (“Modalidades de impartición das accións formativas”).

Oitava.- Artigo 9º. Pagamento e liquidación das subvencións.
No apartado B), punto 1, deste artigo “Sistemas de pagamento”, establécese que os anticipos serán ata o 65 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c). Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Asi mesmo, respecto ao establecido na letra d) deste apartado 1, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituir garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos proveedores, becas de alumnos, etc., así como os gastos financeiros que se lle ocasionan, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha relación coa acción formativa a impartir.

Novena.- Artigo 12º. Selección do alumnado.
O apartado 1 deste artigo dispón que a selección realizarase mediante sondaxe pola oficina de emprego correspondente entre os demandantes inscritos nela.
Este Comité considera que a selección deberá realizarse sempre polo Servicio Público de Emprego de Galicia, polo que no citado apartado 1 debe constar o procedemento de selección que se recolle na Orde de convocatoria dos cursos do Plan FIP.

Décima.- Artigo 12º. Selección do alumnado
O apartado 4 deste artigo obriga a dar conta á oficina de emprego do resultado da selección do alumnado.

Este Comité considera que debería concretarse o procedemento polo que se levará a cabo esta comunicación.

Decimo Primeira.- Artigo 13º.- Dereitos e deberes do alumnado.
Este Comité entende que a redacción dos apartados 2, 3 e 4 deste artigo debería adaptarse as modalidades de impartición non presencial das accións formativas previstas no artigo 14º (“Modalidades de impartición das accións formativas”).

Decimo Segunda.- Artigo 14º. Modalidades de impartición das accións formativas.
O apartado 2 deste artigo esixe que na modalidade a distancia e na parte a distancia da modalidade mixta de impartición se inclúan evidencias necesarias para comprobar que o alumnado recibe a formación impartida.

Este Comité considera que debe concretarse no citado apartado o que se entende co termo “evidencias”.

Así mesmo o Comité entende que na modalidade de teleformación debe existir tamén este tipo de obriga.

Decimo Terceira.- Artigo 15º.- Solicitudes.
Na letra b) do apartado 1 deste artigo esíxese que xunto coa solicitude de subvención se presente, entre outra documentación, a licenza municipal de apertura da actividade da que se trate do local ou locais onde se vaia desenvolver a acción solicitada.
Este Comité considera que os centros homologados deberían estar exentos da presentación desta licenza.

Decimo Cuarta.- Artigo 15º.- Solicitudes.
A letra g) do apartado 1 deste artigo esixe presentar, xunto coa solicitude de subvención, acreditación documental de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité suxire a supresión desta letra g) de acordo co previsto no apartado 3 deste mesmo artigo que establece que a presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvencións pola entidade interesada comportará a autorización á Consellería de Traballo para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Decimo Quinta.- Artigo 17º. Instrución do procedemento.
O apartado 5 establece que a comisión de valoración avaliará con 20 puntos as solicitudes cuxa programación se axuste á prevista no Anexo (letra a) e con 10 puntos aquelas que supoñan a impartición de especialidades ou módulos que se axusten aos certificados de profesionalidade (letra d).

Este Comité propón que a valoración do apartado a) se reduza a 10 puntos, e pola contra, que a do apartado d) aumente ata os 20 puntos.

Así mesmo, a letra c) deste apartado contempla como outro dos criterios avaliables o compromiso de inserción laboral do curso.

Este Comité considera que debe revisarse o contido desta letra c), para ser coherente coa nova regulación que suprime da orde para o ano 2008 a programación de cursos con compromiso de contratación.