ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 41/07

DITAME SOBRE O ANTEPROXECTO DE LEI POLA QUE SE REGULA O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

I.  ANTECEDENTES


O día 9 de novembro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo anteproxecto de lei pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laboráis e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Consello Galego de Relacións Laborais créase en 1988 cun dobre obxectivo: servir de foro de diálogo institucional permanente entre os axentes sociais galegos e, ao mesmo tempo, como órgano consultivo e asesor da Comunidade Autónoma en materias relativas á súa política laboral.

Non obstante, a referida Lei 7/1988, aínda que cataloga ao Consello como un marco permanente de encontro dos interlocutores sociais e como un órgano de diálogo institucional entre eles, consultivo e asesor da Comunidade Autónoma de Galicia nas materias relativas á súa política laboral, deixa a súa natureza xurídica  sen definir, polo que resulta necesario afrontar a modificación da súa lei de creación, Lei 7/1988, do 12 de xullo.


Polo exposto, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia, UGT- Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia acordan o 5 de febreiro de 2007, dentro do marco do diálogo social, e logo dun pronunciamento unánime do pleno do Consello Galego de Relacións Laborais de data 26 de xuño de 2006, no que a CIG manifestou expresamente estar conforme coas liñas de reforma apuntadas, afrontar a modificación da súa lei de creación, para converter ao Consello Galego de Relacións Laborais nun organismo con autonomía, investido de personalidade xurídica e capacidade de obrar para acadar os fins que ten encomendados.

Dáse resposta así a unha demanda unánime dos axentes económicos e sociais galegos mais representativos en canto este organismo constitúe o único foro de participación institucional propio, ao non participar ningunha outra organización social ou profesional.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se remite para ditame. Obsérvase un erro na numeración dos artigos a partir do artigo 12.

O artigo 1 define a natureza xurídica do organismo, establecendo que o Consello Galego de Relacións Laborais é un ente de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia en materia laboral, que conta con personalidade xurídica e patrimonio de seu e actúa con plena autonomía funcional.

O artigo 2 establece a sede central do Consello en Santiago de Compostela, sen prexuizo da existencia das delegacións territoriais que se poidan crear.




O artigo 3 define as funcións do Consello, ampliando o seu campo de acción no eido da xestión de acordos que lle sexan encomendados polos interlocutores sociais, e especialmente dos acordos sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo e nas materias referentes á negociación colectiva.

No apartado 3 deste artigo establécese un novo prazo para a emisión de ditames, que pasa a ser de 30 días hábiles cando se trate de borradores de anteproxectos de lei e decretos, e de 15 días hábiles cando se trate de normas regulamentarias de rango inferior.

O apartado 5 deste artigo regula a creación do Observatorio Galego para a Negociación Colectiva, para os efectos de desenvolver as funcións que se lle atribúen en materia de negociación colectiva.

Os artigos 4 e 5 establecen a composición do Consello e a duración do mandato dos seus membros representativos, que será de 4 anos.

O artigo 6 refírese aos órganos do Consello, o 7 ao Pleno e o artigo 8 regula a Comisión Permanente, que muda a súa composición para cumprir cunha das notas definitorias deste organismo: a presenza na súa sede de todas as forzas sociais máis representativas no territorio galego, xa que de catro membros que a conformaban anteriormente, pasa a ter seis membros, ademais das persoas a cargo da presidencia e da secretaría xeral do organismo.

Os artigos 9 e 10 regulan as figuras do presidente/a e do secretario/a do Consello, que serán designados/as, respectivamente, por decreto do presidente/a da Xunta de Galicia e por decreto do conselleiro/a competente en materia de traballo.

As notas de neutralidade e non interferencia na autonomía de sindicatos e asociacións empresariais predicadas pola Lei 7/88 refórzanse agora na regulamentación do nomeamento e cesamento dos altos cargos do organismo, facendo que a proposta para o nomeamento da persoa candidata ou de cesamento feita polo conselleiro/a competente conte coa conformidade dos membros das representacións sindicais e empresariais que integran o Pleno do Consello.

Modifícase a composición das comisións de traballo (artigo 11), ao eliminarse a incompatibilidade existente na lei entre a condición de membro do Consello coa condición de membro destas comisións, dado que, en moitas ocasións, esa regra restáballe eficacia á actividade que lle corresponde desenvolver ao Consello.

Por outra banda, suprímese a figura da vicepresidencia, vacante nos últimos quince anos de existencia deste organismo, asumindo as funcións que lle eran inherentes a persoa a cargo da secretaría xeral.

Por último, incorpóranse novos contidos para dotar ao Consello Galego de Relacións Laborais de asesoramento técnico (artigo 12), de persoal propio (artigo 13), que estará integrado polo persoal laboral e funcionario que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, e para declarar a súa autonomía financeira (artigo 14), establecendo cales serán os medios económicos con que contará para acadar os seus obxectivos.

Respecto ás disposicións, a transitoria segunda obriga á elaboración do Regulamento de funcionamento interno do Consello no prazo de 3 meses e a derrogatoria establece a derrogación da Lei 7/1988, do 12 de xullo.





De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado  “anteproxecto de lei pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.



O día 27 de novembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manisfestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral non unánime, manifestada pola CIG (Anexo).







DITAME 41/07




En relación coa solicitude de ditame sobre o anteproxecto de lei pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de novembro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de novembro de 2007, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité propón unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do anteproxecto de lei, xa que obsérvase que non se fai nos parágrafos sexto, sétimo e noveno da exposición de motivos e nos artigos 3. 1.e), 4.1.a) e b), 8.2.b) e 10.2.

Así mesmo, obsérvase a existencia dun erro na numeración dos artigos no Título III do anteproxecto.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité observa a existencia dun erro sobre a denominación do anteproxecto no último parágrafo, debendo dicir “a Lei pola que se regula o  Consello Galego de Relacións Laborais” en lugar de “a Lei de modificación da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais”.

Segunda.- Artigo 3. Funcións.
Este artigo establece, no seu apartado 2, as funcións do Consello.
Este Comité propón engadir as seguintes:
- Na letra l), a de elaborar a memoria anual sobre a actuación do Consello.
- Nunha nova letra, a de aprobar a creación das comisións de traballo ás que se refiren os artigos 6.2 e 11 desta lei, así como determinar as súas competencias.

Así mesmo, obsérvase un erro no apartado 4 deste artigo, debendo dicir “constituirase” en lugar de “construirase”.




Terceira.- Artigo 4. Composición e designación.

Existe un erro no último punto da letra a) do apartado 1, ao figurar “... e nomeados polo conselleiro competente en materia de laboral”, debendo dicir “... e nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia laboral”.

Así mesmo, na letra b) deste apartado 1 se dí “organizacións empresarias” e debe dicir “organizacións empresariais”.


Cuarta.- Artigo 7. O Pleno.

O apartado 1 establece como competencia do Pleno a de aprobar o informe sobre a situación sociolaboral da Comunidade Autónoma.

De acordo co disposto no artigo 3.2 l) do anteproxecto, debe especificarse que se trata dun informe anual.


Quinta.- Artigo 10. O secretario ou secretaria.

Este Comité observa a existencia dun erro na redacción da letra h) do apartado 3 deste artigo, sendo a correcta a seguinte: “h) Substituir ao presidente ou á presidenta nos casos de vacante, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, a xuízo do Pleno, así como substituilo ou substituila naquelas comisións de traballo que o Pleno do consello determine constituír”.





Sexta.- Artigo 12. Asesoramento técnico.


Este artigo establece que “o Consello poderá concertar o asesoramento técnico que precise das persoas ou entidades especializadas”.

Este Comité suxire que en lugar da expresión “das persoas ou entidades especializadas” figure “de persoas ou entidades especializadas”.

Sétima.- Disposición derrogatoria.

Obsérvase un erro ao dicir “Quedan derrogada ..”, debendo dicir “Queda derrogada ..”.

























ANEXO


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG:


O Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, reunido con carácter extraordinario o día 26 de xuño de 2006, acordou por unanimidade o seguinte pronunciamento global, en relación co proxecto de reforma da súa lei reguladora:

1º. A proposta de reforma acordada no seu día respondeu a un consenso existente hai catro anos, que non vincula necesariamente a día de hoxe, por canto o escenario actual, o clima de diálogo e o tempo transcorrido abren unha perspectiva nova e diferente, decaendo a obrigatoriedade de observancia do proxecto anterior.

2º. O Consello Galego de Relacións Laborais debería configurarse como organismo autónomo, xuridicamente ben definido, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar.

3º. A dotación económica, de persoal, medios materiais e instalacións debe ser suficiente e máis axeitada para o desenvolvemento das funcións e cometidos que se deriven da nova lei.

4º. Débese potenciar, coa nova regulación, o papel do Consello Galego de Relacións Laborais na negociación colectiva, na solución extraxudicial de conflitos e nas relacións laborais.

5º. Débese garantir a  autonomía, independencia e neutralidade na actividade e funcións do Consello.

A Confederación Intersindical Galega entende que o anteproxecto de Lei que se presenta a ditame satisfai en maior ou menor medida os devanditos acordos e, ainda que sen dúbida podería terse avanzado máis en aspectos como a negociación colectiva ou a asunción de determinadas funcións hoxe residentes na administración laboral, merece unha avaliación globalmente positiva por parte do Comité Delegado do Pleno para a emisión de ditames.