ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 42/07

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO.

I. ANTECEDENTES


O día 29 de novembro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a posta en marcha dun sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación, busca activa de emprego, coa finalidade de mellorar a ocupabilidade dos demandantes de emprego; sistema que contempla a colaboración de entidades especializadas para incrementar a capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento aos usuarios e a atención a colectivos específicos.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2007, publicado no DOG o día 13 de marzo de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 10 de xaneiro de 2007, observáse o seguinte:

Parece que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polo Consello Galego de Relacións Laborais no ditame emitido para o exercicio de 2007 (Ditame 1/07).

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Non se achegan co proxecto normativo os anexos aos que fai referencia.

Non se respectan as diferencias de xénero, inclusive na denominación dos cargos públicos.

Exposición de Motivos.

O penúltimo parágrafo establece que as axudas previstas na orde se confinanciarán nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) e nun 20% pola Xunta de Galicia, recollendo o regulado na Orde de 22 de febreiro de 2007. O borrador do exercicio de 2007 establecía unha cofinanciación do 70% polo FSE e do 30% pola Xunta de Galicia.


Artigo 1º.- Obxecto.

Segundo este artigo, as entidades ás que se concederán as subvencións previstas na orde son “entidades beneficiarias”, cambiando o termo “entidades colaboradoras” empregado no borrador da orde para o 2007. En consecuencia, o capítulo terceiro leva por título “Das entidades beneficiarias”, en lugar de “Das entidades colaboradoras”.

Artigo 2º.- Entidades beneficiarias.

Modifícase o segundo parágrafo deste artigo en relación co borrador do exercicio de 2007, suprimíndose como entidades beneficiarias “as sociedades públicas e outros entes públicos que carezan de fins lucrativos” e incluíndose como novidade ás universidades públicas.

Así mesmo, engádese un novo parágrafo que establece que “para as asociacións empresariais e sindicais de carácter sectorial, e para as confederacións, só se considerarán as solicitudes de maior ámbito territorial”.

Artigo 5º.- Requisitos.

Neste artigo incorpórase o apartado 8, que non poderán obter a  condición de entidade beneficiaria as entidades que incurran nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007; esta referencia normativa actualiza a realizada no texto da orde publicada no DOG á Lei 38/2003.


Artigo 6º.- Solicitude.

Este artigo dispón que a solicitude de recoñecemento como entidade beneficiaria deberá acompañarse dun proxecto- memoria das accións que se van realizar (letra g do apartado 3).

No contido deste proxecto-memoria incorpórase como novidade un estudo organizativo do servizo ou metodoloxía dos traballos ou outros documentos, como manuais de procedemento para a realización das tarefas incluídas na colaboración, de acordo co número 7 da letra g), xa previsto no texto do DOG de 13 de marzo do 2007.

Por outra banda, modifícase a estrutura deste artigo, pois o apartado 8 do borrador da orde anterior (declaración de non incurrir nas circunstancias da Lei 38/2003) inclúese agora no apartado 3 letra n), ao tempo que se actualiza a referencia normativa (agora á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 8º.- Criterios de valoración para a adxudicación.

No apartado 1 procédese a varios cambios respecto do borrador anterior, (xa recollidos na redacción da orde de 8 marzo de 2007):

- letra a), a cobertura existente dentro do Servizo Público de Emprego segundo a área funcional e/ou concello no que se sitúe cada entidade, en relación co número de habitantes e demandantes de emprego de cada zona: 15 puntos. A este criterio outorgábaselle 20 puntos no borrador anterior.
- letra b), tamén disminúe en 5 puntos a valoración da experiencia acreditada da entidade solicitante no desenvolvemento das accións recoñecéndoselle agora 10 puntos.
- letra h), valóranse os recursos técnicos, humanos e materiais, así como os procedementos de xestión e seguimento das accións , con 10 puntos.

Incorpórase un novo apartado (apartado 2) respecto do borrador anterior, no que se establece unha valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria (25 puntos); así mesmo, dispón que a concesión da subvención realizarase mediante comparación de todas as solicitudes presentadas e adxudicarase a aquelas que obtiveron maior puntuación.

Artigo 9º.- Procedemento e concesión de subvencións.

De acordo co manifestado no ditame 1/07 do 10 de xaneiro, desaparece do apartado 3 o primeiro parágrafo, que se incorpora á Disposición Adicional Cuarta (delegación de atribucións no director xeral de Formación e Colocación), repetindo a redacción do DOG de 13 de marzo de 2007.

No apartado 5, pola contra, non se incorpora a consideración do ditame 1/07, que non obstante se tivo en conta no texto do DOG (cómputo do prazo desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no rexistro), quedando a redacción deste apartado idéntica á do borrador anterior.

Por último, engádese un apartado neste artigo (apartado 7), segundo o cal as resolucións de concesión serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.- Selección e contratación do persoal para a realización das accións.

Como novidade respecto do borrador anterior, o apartado 2 considera expresamente o persoal de apoio como auxiliar administrativo, o que xustifica que non sexa de aplicación o procedemento do apartado 1 para a contratación de persoal técnico.

No apartado 3, prodúcense dous cambios, xa presentes no texto do DOG do 13 de marzo de 2007. Por unha banda, atendendo a consideración manifestada no ditame 1/2007 do 10 de xaneiro, admítese a diplomatura en traballo social como titulación apta para ser seleccionado como persoal técnico.
Por outra banda, engádese un novo parágrafo neste apartado 3 (segundo parágrafo), polo que a entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora, respecto ao seu propio persoal técnico de emprego contratado, e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Ademáis, respecto do borrador para o 2007, incorpórase un novo apartado a este artigo (apartado 4), que obriga ás entidades beneficiarias a facilitar ao persoal traballador os elementos persoais e materiais necesarios, mentres os responsables das entidades beneficiarias impartirán todas as directrices e criterios de realización do traballo, correspondendo á entidade beneficiaria a responsabilidade sobre a calidade técnica das tarefas.

Estas instruccións aos responsables da entidade para a realización das tarefas serán ditadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo coa nova previsión contida no apartado 5.

Artigo 12º.- Contía.

Aumentan as contías máximas previstas no apartado 1 deste artigo, establecéndose en 29.650,53 euros por ano (28.786,92 euros no borrador anterior) para os técnicos, titulados superiores ou medios (letra a) e en 20.753,91 (20.149,43 euros no borrador do exercicio 2007) para o persoal de apoio (letra b).

Artigo 14º.- Forma de pagamento.

No apartado 1 actualízase a cita normativa da letra e), realizándose agora á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar de ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Modifícase a estrutura do artigo, pois suprímese o segundo apartado que aumentaba ata o 50% a contía do anticipo en caso de prestarse garantía a favor da Consellería de Traballo (35% para entidades locais), conservándose, non obstante, a obriga da entidade colaboradora de presentar unha liquidación final dos gastos realizados.



Artigo 15º.- Requisitos para o aboamento.

O apartado 1 deste artigo establece que a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda.

Do mesmo xeito que no DOG do 13 de marzo de 2007, no texto da orde para o próximo exercicio exceptúanse as entidades recollidas na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Artigo 17º.- Liquidación final.

Actualízase a remisión normativa do último parágrafo do apartado 3, que se realiza agora á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar de á Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia.

Artigo 19º.- Reintegro das subvencións.

Actualízase a remisión normativa do apartado 2, que se realiza agora á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar de ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 13 de decembro de 2007 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais de carácter unánime, así como nove consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén como anexo, unhas consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.









DITAME 42/07





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de novembro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de decembro de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:






CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.
Non se deduce do texto da Orde a posibilidade de prórroga contractual do persoal que leva a cabo as accións subvencionadas.

Este Comité considera que a non posibilidade de prórroga implicaría ou ben un deficiente servizo motivado pola súa suspensión temporal, ou ben un esforzo económico para a entidade colaboradora para poder manter a prestación de servizos.

Por este motivo, suxerimos que debe arbitrarse pola Consellería un procedemento que evite a existencia de períodos de lagoa non cubertos pola Orde e, polo tanto, sen servizo ou manter este sen subvención.


Segunda.

Obsérvase que no texto do proxecto normativo non se respectan as diferenzas de xénero, inclusive na denominación dos cargos públicos.

Este Comité propón unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo.





Terceira.

Non se remitiron para ditame xunto co proxecto normativo os anexos que se citan no proxecto de Orde. Este Comité propón que estes se acheguen para que se podan ditaminar.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo  1º. Obxecto.

O artigo 1º do proxecto normativo menciona os itinerarios de inserción profesional para articular as accións de información, orientación e busca de emprego.

Este Comité entende que o termo “itinerarios de inserción profesional” debe substituirse polo de “Itinerarios Personalizados de Inserción” (IPI), suxirindo ademáis que estes se definan neste artigo 1º, establecendo, cando menos, os criterios necesarios para que unha persoa sexa asociada a un IPI, así coma a inclusión no artigo 3º do proxecto normativo do procedemento básico a seguir.

Segunda.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
O artigo 2º cita como entidades beneficiarias, entre outras, “as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de ámbito territorial de Galicia”.

Este Comité considera que a expresión “de ámbito territorial de Galicia” pode impedir o acceso de posibles entidades beneficiarias cuxo ámbito territorial sexa inferior, polo que propón se suprima o termo “ámbito territorial”, sendo entidades beneficiarias “as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia”.

Ademáis, este Comité propón que tamén sexan consideradas entidades beneficiarias as fundacións dependentes das organizacións empresariais e sindicais de Galicia especializadas na realización das accións subvencionadas polo proxecto normativo.

Terceira.- Artigo 3º. Programas.

Obsérvase que no texto do apartado 2 deste artigo (Programa de orientación laboral e busca de emprego) falta a regulación dos itinerarios personalizados de inserción que se mencionan no artigo 1º do proxecto normativo.

Por outra banda, o segundo parágrafo do item 1 deste apartado 2 regula a posibilidade de desenvolver accións colectivas, dirixidas á adquisición da capacidades básicas que permitan articular itinerarios activos e eficaces na busca de emprego, correspondendo á Dirección Xeral de Formación e Colocación a determinación da súa duración, número de usuarios e metodoloxía.

Na medida en que non consta que este tipo de accións colectivas se materializase na práctica en ningun suposto, este Comité propón a súa supresión ou ben, que, para o caso de manterse, se especifique o seu financiamento, criterios e organización.

O item 2 deste apartado 2 establece que as entidades beneficiarias do Programa de orientación laboral e busca de emprego actualizarán na base de datos do Servizo Público de Emprego de Galicia o currículo dos demandantes de emprego que lles sexan direccionados.

Tendo en conta que as indicacións da Dirección Xeral de Formación e Colocación ás entidades beneficiarias non permiten realizar ningún tipo de modificación no currículo dos demandantes de emprego, este Comité considera que o texto da orde e as ditas indicacións deben gardar a adecuada coherencia.

Cuarta.- Artigo 6º. Solicitude.

No apartado 3, letra g), item 6, deste artigo solicítase, para o proxecto-memoria sobre as accións a realizar, a previsión por parte da entidade solicitante da porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego que a entidade prevea acadar no período subvencionado.

Este Comité propón a supresión do establecido no citado item, xa que considera que resulta difícil que a entidade solicitante poda determinar este extremo por canto non posúe a información necesaria para avalialo.  


Por outra banda, o apartado 4 deste artigo 6º establece exencións na presentación de determinada documentación para as entidades que no momento de presentar a súa solicitude posúan a condición de entidades beneficiarias do Servizo Público de Emprego na área de información e/ou orientación e busca de emprego.

Este Comité propón engadir neste apartado a posibilidade de permitir ás referidas entidades, cunha simple comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación, a continuidade dos centros coas mesmas instalacións, persoal e demáis medios que foron aprobados no exercicio anterior.
Quinta.- Artigo 9º. Procedemento e concesión de subvencións

O apartado 5 do artigo 9º prevé que a resolución e notificación dos expedientes producirase “nun prazo de tres meses contados desde o día ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro”.

No ditame 1/07, este Comité consideraba que existía un erro na redacción deste apartado xa que se omitía o termo “seguinte” despois de “día”, consideración que foi tida en conta xa que o artigo 9º.5 da Orde do 8 de marzo de 2007 establece que “A resolución e notificación dos expedientes deberá producirse nun prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solitude no correspondente rexistro”.

Proponse que se volva á redacción que figura no texto da orde do exercicio pasado tal e como se publicou no Diario Oficial de Galicia.

O apartado 6 deste artigo 9º establece que as resolucións dos procedementos de concesión de subvencións desta Orde esgotan a vía administrativa, sendo susceptibles de recurso contencioso administrativo.

Este Comité propón que se valore a posibilidade de que as resolucións sexan tamén revisables en vía administrativa a través de recurso de alzada por parte de quen reúna os requisitos necesarios para interpoñelo, modificando a redacción do apartado 6, de ser o caso.

Sexta.- Artigo 11º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións.
O apartado 1 deste artigo  regula o baremo para a valoración do currículo das persoas preseleccionadas. Este Comité propón que entre as titulacións académicas contempladas como preferentes se proceda á inclusión da Diplomatura de Relacións Laborais cunha puntuación de 2,5.
Así mesmo, este Comité non entende o motivo polo que se produce unha redución na puntuación outorgada á titulación de Socioloxía en relación coa Orde publicada o 7 de marzo de 2006, polo que propón un aumento ata os 2,5 puntos.

Na baremación da experiencia profesional, obsérvase unha rebaixa na puntuación respecto da Orde publicada o 7 de marzo de 2006, tanto para as tarefas directamente relacionadas coma para as indirectamente relacionadas co posto ofertado.
Este Comité considera que en ambos os dous casos deberían manterse as puntuacións recollidas na Orde do 2006, por non entender xustificada a súa redución, propoñendo polo tanto que se baremen con 0,4 puntos as tarefas relacionadas directamente co posto ofertado e con 0,1 puntos as indirectamente relacionadas.

Finalmente, o apartado 1 deste artigo valora outros méritos, puntuando como mérito na selección do persoal técnico os títulos de iniciación e perfeccionamento en lingua galega.

Este Comité suxire que hai que adaptar a denominación á normativa vixente na materia, debendo valorarse como mérito, en lugar dos títulos de iniciación e perfeccionamento en lingua galega, o CELGA nos seus diferentes niveis.

Por último, o apartado 3 deste artigo 11º menciona as titulacións esixidas ao persoal técnico seleccionado.
Este Comité, de acordo co manifestado anteriormente, propón engadir tamén a Diplomatura en Relacións Laborais.





Sétima.- Artigo 12º. Contía.

No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose as retribucións totais que se subvencionarán, por cada persoa seleccionada como técnico ou persoal de apoio.

Este Comité Delegado considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase na propia normativa que se subvencionará o total do coste do traballador/a, comprendendo non soamente o salario e a seguridade social, senón tamén as posibles indemnizacións por finalización de contrato que poidan esixirse legalmente.

Asi mesmo, neste apartado, nas letras a) e b) fíxase a contía máxima subvencionable, considerando este Comité que se debe subvencionar o tope establecido e suprimir no texto da orde o inciso  “ata un máximo”.

Oitava.- Artigo 14º.- Forma de pagamento.

No apartado 1 deste artigo regúlase a posibilidade de anticipos (dun 35% e dun 20% máis).

Este Comité, de igual modo que sucede nos Programas de Cooperación, particularmente na Orde que regula as subvencións para a contratatación de axentes de emprego, propón que se anticipe o 100% sen necesidade de constitución de ningún tipo de garantía e se faga efectivo o aboamento da subvención anticipadamente, xustificándose mediante a presentación da documentación que se considere necesaria.


Novena.- Artigo 15º. Requisitos para o aboamento.

O apartado 1 deste artigo prevé que a presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Este Comité considera que debería admitirse a posibilidade de que sexa a entidade solicitante a que aporte estas certificacións, sen necesidade polo tanto de que nestes supostos se proceda a autorización ao órgano xestor para a súa solicitude. Por este motivo, este Comité propón que se engada no apartado 1 a expresión “agás que as certificacións se aporten pola entidade solicitante”.




ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 3º.- Programas.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe simplificarse a orde, de modo que se regule nun único programa todas as accións previstas no proxecto normativo (“Programa de Información Profesional, Orientación Laboral e Busca de Emprego”), en lugar de establecerse subvencións para dous programas distintos (Programa de Información Profesional e Programa de Orientación Laboral e Busca de Emprego), xa que na práctica as accións que se realizan son as de orientación laboral e busca de emprego.

O apartado 2.2 deste artigo establece que as entidades beneficiarias do Programa de orientación laboral e busca de emprego actualizarán na base de datos do Servizo Público de Emprego de Galicia o currículo dos demandantes de emprego que lles sexan direccionados.

A CEG suxire, de acordo coa consideración xeral terceira, que esta función de actualización dos currículos dos demandantes sexa de competencia e efectivamente realizada polas entidades beneficiarias.


No apartado 1, letra e) deste artigo 3, establécese que se levarán a cabo accións de captación de ofertas de traballo, mais non se contempla compensación económica algunha para as entidades beneficiarias pola realización desta función e tampouco se especifica a quen corresponde o seguimento da oferta nen quen exercerá como mediador durante o proceso de selección dos posibles candidatos.

Por outra banda, obsérvase que a cumprimentación do impreso da captación de oferta inicial pode sufrir modificacións posteriores para adaptar esta ao perfil solicitado, pois serían realizadas por distinto persoal.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que esta dobre participación, na que as entidades beneficiarias aparentemente só captarían a oferta, xerará confusión entre o empresariado, pois este verase obrigado a tratar con dous mediadores diferentes, ao que hai que engadir que se ralentizará o proceso das mesmas. Por este motivo proponse que as organizacións empresariais poidan realizar tamén a tramitación das ofertas de traballo.