ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO SOBRE DISTRIBUCIÓN DE COMPETENCIAS ENTRE OS ÓRGANOS DA XUNTA DE GALICIA PARA A IMPOSICIÓN DE SANCIÓNS NAS MATERIAS LABORAIS, DE PREVENCIÓN DE RISCOS E POR OBSTRUCCIÓN DO LABOR INSPECTOR


I. ANTECEDENTES


O día 24 de xaneiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Decreto sobre distribución de competencias entre os órganos da Xunta de Galicia para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é actualizar a distribución de competencias entre os órganos da Xunta de Galicia para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos laborais e por obstrución do labor inspector, ata agora regulada no Decreto 211/2003, do 3 de abril.
A adecuación desta normativa vén requerida pola reestructuración orgánica da Xunta de Galicia do ano 2005, unida á modificación da lexislación estatal básica que eleva a contía das sancións para ter en conta a variación do índice de prezos ao consumo.


Á vista do borrador agora remitido e do texto do mencionado Decreto 211/2003, do 3 de abril, publicado no DOG o día 11 de abril de 2003, observáse o seguinte:

É esta a primeira vez que a regulación sobre esta materia se recibe para ditame por este Comité, polo que non existen antecedentes.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Obsérvase a necesidade de respectar a normativa da lingua galega para a escrita en todo o texto normativo.

O artigo 1º, sobre materias e competencias, determina que o coñecemento das infraccións nas materias laborais e de prevención de riscos laborais e por obstrución ao labor inspector corresponde, en virtude de acta levantada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, á Consellería de Traballo, actualizándose a mención á desaparecida Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

O artigo 2º regula as competencias sancionadoras. Do mesmo xeito que no Decreto 211/2003, do 3 de abril, regúlase á distribución de competencias segundo que o obxecto de infracción sexa “materia laboral e obstrucción á actividade inspectora” (apartado a), “materia de prevención de riscos laborais” (apartado b) e “materia de cooperativas” (apartado c).

Porén, procédese á modificación das contías determinantes da asunción da competencia por parte dos diferentes órganos.

No suposto das infraccións en materia laboral e obstrución á actividade inspectora as contías aumentan casi ao dobre (de 6.010,12 € a 12.000 €, en caso da competencia dos/as delegados/as provinciais, etc.), elevánse lixeiramente  en materia de prevención de riscos laborais (de 30.050,61 € a 40.985 € nos delegados provincias, etc.), mentres en materia de cooperativas manténse idénticas en caso de competencia dos delegados/as provincias e da persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Neste artigo 2º ponse de manifesto a necesidade de respectar as diferenzas de xénero na denominación dos cargos públicos.

O artigo 3º establece que para a determinación do órgano competente para a imposición das sancións terase en conta a contía proposta pola Inspección de Traballo e Seguridade Social.

O artigo 4º atribúe ao titular da Consellería de Traballo a competencia para resolver a suspensión de actividades en empresas de traballo temporal cando, nos casos legalmente previstos, o expediente sancionador leve aparellada a proposta desta sanción.

O artigo 5º establece que será o Consello da Xunta o órgano competente para acordar a suspensión ou peche do centro de traballo, cando proceda de acordo coa Lei 31/95, do 8 de novembro de prevención de riscos laborais.

O artigo 6º dispón a posibilidade de que as resolucións ditadas polas persoas titulares das delegacións provincias sexan obxecto de recurso de alzada ante o director/a xeral de Relacións Laborais, e de que as ditadas por este/a se recurran en alzada ante a persoa titular da Consellería de Traballo.

Pola disposición transitoria aplicaráselles a normativa vixente no momento da súa iniciación aos procedementos sancionadores que se encontren en tramitación e foran iniciados con anterioridade á entrada en vigor do decreto obxecto deste ditamen; réximen distinto do previsto polo Decreto 211/2003, do 3 de abril, que sometía os procedementos en tramitación ao novo decreto.

A disposición derrogatoria deixa sen efecto as disposicións que se opoñan á nova normativa, citando de modo especial o Decreto 211/2003 do 3 de abril, do mesmo xeito que este último derrogou no seu momento o Decreto 376/1996, do 17 de outubro.

Por último a disposición derradeira dispón a entrada en vigor deste decreto o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto sobre distribución de competencias entre os órganos da Xunta de Galicia para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrucción do labor inspector” consta de: Exposición de motivos, seis artigos, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.

O día 1 de febreiro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime, así como tres consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.




DITAME 1/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto sobre distribución de competencias entre os órganos da Xunta de Galicia para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrucción do labor inspector, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de xaneiro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de febreiro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira.
Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.

Segunda.
Este Comité considera que o texto debe adaptarse á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de Motivos

Este Comité considera que no último parágrafo debería mencionarse que o decreto foi sometido a ditame polo Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 2º. Competencias sancionadoras

O apartado 1 deste artigo establece as contías para as que será competente cada órgano en materia laboral e obstrución á actividade inspectora. Este Comité considera que sería máis recomendable, sen prexuízo do dereito á autorregulación que lle corresponde á comunidade autónoma, adecuar a distribución de competencias ás contías que se preveen na Lei de infraccións e sancións na orde social na redacción dada polo Real Decreto 306/2007 do 2 de marzo, quedando o texto da norma como segue:



Delegados provinciais Ata 12.500 €
Director xeral De 12.501 a 62.500 €
Conselleiro de Traballo De 60.501 a 125.000 €
Consello da Xunta Dende 125.001 €

A mesma consideración realízase respecto ao apartado 2 en materia de prevención de riscos laborais, propoñendo este Comité a seguinte redacción:

Delegados provinciais Ata 40.985 €
Director xeral De 45.986 a 123.000 €
Conselleiro de Traballo De 123.001 a 409.900 €
Consello da Xunta Dende 409.901 €


O apartado 3 regula a competencia para sancionar infraccións en materia de cooperativas. De acordo coa letra a) deste apartado a competencia corresponde aos “delegados provinciais da Consellería de Traballo, ata 6.010,12 euros, cando a cooperativa figure inscrita nos correspondentes rexistros provinciais.”

Na medida en que existe un rexistro central segundo o artigo 97 da Lei 5/98 , do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, podería darse o caso de que existisen cooperativas inscritas neste rexistro central pero non en algún dos rexistros provinciais. Segundo a redacción da letra a) do artigo 2º.3, estas cooperativas estarían excluidas de sancións inferiores a 6.010,13 euros, ao non existir órgano competente para a súa imposición.

Para abranguer este suposto, este Comité propón que na competencia da Dirección Xeral de Relación Laborais se suprima a contía mínima.

Noutra orde de cousas, este Comité observa que neste artigo non se recollen  as dúas sancións accesorias que recolle a Lei 5/98 , do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia referidas á intervención temporal de cooperativas e á descualificación de cooperativas (artigos 140 e 141), polo que se propón a súa inclusión no decreto obxecto deste ditame.

Por último, obsérvase que este artigo non determina as contías máximas das sancións susceptibles de imposición polo órgano competente. Este Comité considera que as mesmas deberían establecerse para unha maior seguridade xurídica.


Terceira.- Artigo 6º. Recurso de alzada

Este artigo dispón que as resolucións ditadas polo/a director/a xeral de Relacións Laborais poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o/a conselleiro/a.

Este Comité considera que debería indicarse que a resolución do/a conselleiro/a non é susceptible de recurso polo que esgota a vía administrativa.