ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE EMPREGO CON APOIO COMO MEDIDA DE FOMENTO DO EMPREGO DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE NO MERCADO ORDINARIO DE TRABALLO, E SE PROCEDE A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES

O día 30 de xaneiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Co obxectivo da integración laboral das persoas con discapacidade veñen articulándose pola Consellería de Traballo un conxunto integral de políticas activas de emprego, que contemplan accións formativas, de intermediación e orientación laboral, así como actuacións específicas de promoción do emprego.

Este obxectivo amplíase agora cunha nova fórmula cuxa prioridade é a inserción laboral das persoas con discapacidade no mercado de traballo ordinario, considerando que a medida máis adecuada é o emprego con apoio, que consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado ás persoas traballadoras con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral que realizan a súa actividade en empresas normalizadas, do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos similares. As accións serán desenvolvidas no propio posto de traballo, por preparadores laborais especializados.

O Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, regula o programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (BOE nº 168, do 14 de xullo). Esta norma establece os contidos esenciais do programa (accións que constitúen un proxecto de emprego con apoio, persoas destinatarias finais e entidades promotoras) e faculta ás comunidades autónomas ao seu desenvolvemento mediante a regulación dos aspectos procedimentais e da adecuación ás súas peculiaridades organizativas.


É a primeira vez que este proxecto normativo se recibe para ditame por este Comité, polo que non existen antecedentes.

Do proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Artigo 1º. Obxecto.- Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, mediante a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos promotores de proxectos con apoio, para financiar os custos laborais e de Seguridade Social dos preparadores laborais contratados para levar a cabo as accións de apoio ás persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción nos centros de traballo de Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2008.

Artigo 2º. Normativa aplicable.- As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse, entre outras normas, ao disposto na  Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, ademáis de ao disposto nesta orde.

Artigo 3º. Definición de emprego con apoio.- Enténdese por emprego con apoio o conxunto de accións de orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo, prestadas por preparadores laborais especializados, que teñen por obxecto facilitar a adaptación social e laboral de traballadores con discapacidade.

Artigo 5º. Promotores de proxectos de emprego con apoio e entidades beneficiarias.- Previo cumprimento dos requisitos que se establecen neste artigo, poderán ser promotores e entidades beneficiarias: as asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar ás persoas traballadoras con discapacidade; os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no Rexistro correspondente que suscriban tamén convenio de colaboración coa empresa contratante e as empresas do mercado ordinario de traballo, incluídos os traballadores/as autónomos, que contraten ás persoas traballadoras con discapacidade beneficiarias.

Artigo 9º. Subvencións e contía destas.- As subvencións establecidas neste artigo destinaranse a financiar custos laborais e de Seguridade Social que se xeren durante o período de desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio. Dado que o Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, entrou en vigor o 15 de xullo de 2007, esta orde de convocatoria contempla como subvencionables os  custos dos preparadores laborais dos proxectos de emprego con apoio desenvolvidos dende esa data, establecéndose como data límite o 30 de setembro de 2008.

Artigo 10º. Competencia.- As solicitudes de subvencións serán resoltas polo director xeral de Promoción do Emprego, por delegación do conselleiro de Traballo.
Artigo 16º. Pagamentos anticipados.- Inclúese a posibilidade de realizar pagamentos anticipados do 50 por cento do total da subvención concedida, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á axudas.

Artigo 17º. Obrigas das entidades beneficiarias.- Para facilitar a difusión do programa, o proxecto normativo dispón que as entidades beneficiarias autorizarán á Consellería de Traballo para difundir as accións desenvolvidas nos proxectos de emprego con apoio.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e un artigos, sete disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 6 de febreiro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 2/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2008”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de febreiro de 2008 acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS

Primeira

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte as diferenzas de xénero na linguaxe e a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos.


Segunda

Obsérvase que non se remitiron para ditame xunto co proxecto normativo os anexos que se citan no proxecto de Orde, polo que non poden ser obxecto de ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 6º. Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio.

A letra f) do apartado 1 deste artigo dispón que no proxecto de emprego con apoio deberá constar o nomeamento, por parte da empresa que vai contratar aos traballadores con discapacidade, entre o seu persoal, do coordinador/a do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores laborais, e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.

Dados os labores a desempeñar pola figura do coordinador/a, este Comité suxire que se esixa como requisito necesario a posesión dunha titulación universitaria da rama social.

Segunda.- Artigo 8º. Preparadores laborais.

O apartado 1 deste artigo establece que as accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores laborais, os cales deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente.

Este Comité entende que a titulación esixida debe ser adecuada para o desempeño das funcións propias dos preparadores laborais, polo que propón que se esixa unha titulación de formación profesional da rama social, de grao medio ou equivalente.

Terceira.- Artigo 12º. Documentación

O apartado 1 letra a) deste artigo esxie á persoa física solicitante acompañar coa solicitude copia do DNI e acreditación do NIF.

Este Comité considera que é suficiente a copia do DNI xa que este inclúe o NIF.

Así mesmo, ao longo deste apartado 1 obsérvase o emprego das letras j) e k), impropias da lingua galega, polo que este Comité propón a súa supresión e substitución polas letras que correspondan.

Cuarta.- Artigo 14º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece o prazo de seis meses para resolver e notificar a resolución.

Por outra banda, o apartado 2 do artigo 11º (“Solicitudes e prazo”) dispón que o prazo de presentación de solicitudes de subvención remata o día 30 de xuño de 2008.

Tendo en conta ademáis, segundo o apartado 1 do artigo 1º (“Obxecto”), que as subvencións se conceden en réxime de concorrencia competitiva, este Comité propón a modificación da regulación destes preceptos para que, no seu conxunto, resulten congruentes co principio de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecido no artigo 1º 2 letra c).

Quinta.- Artigo 17º. Obrigas das entidades beneficiarias

Entre as obrigas das entidades beneficiarias regúlase a contida na letra j) deste artigo.

Sendo esta letra impropia da lingua galega, este Comité propón a súa substitución pola que corresponda.