ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS ÁS UNIDADES DE APOIO Á ACTIVIDADE PROFESIONAL NO MARCO DOS SERVIZOS DE AXUSTE PERSOAL E SOCIAL DOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.


I. ANTECEDENTES


O día 30 de xaneiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Os servizos de axuste persoal e social regulados nesta orde poden resultar un instrumento moi útil, sobre todo se orientan as súas funcións, sen descoidar os aspectos culturais, físicos ou de rehabilitación, cara un axuste laboral que permita facer fronte e superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que as traballadoras e traballadores con discapacidade teñen no proceso de incorporación plena a un posto de traballo, así como na permanencia e progresión neste, e en particular para traballadoras e traballadores con especiais dificultades para o acceso ao mercado ordinario de traballo, como son as persoas afectadas polas discapacidades máis graves.

Dadas as características e tipoloxía dos centros especiais de emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, nesta orde duplícanse as contías das subvencións establecidas na normativa estatal, coa finalidade de favorecer a constitución de unidades de apoio á actividade profesional naqueles centros que conten con persoas con discapacidade severa no seu cadro de persoal, facendo un tratamento especial aos centros especiais de emprego de pequena dimensión que ten maiores dificultades para o financiamento dos custos dos profesionais destas unidades. Este incremento de subvención financiarase con cargo a créditos de fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

En concreto, o crédito global que financia, entre outras, as subvencións reguladas neste proxecto normativo eleva o previsto pola orde do ano pasado, pois pasa de 13.342.691 euros no ano 2007 a 22.642.691 euros neste exercicio.


Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o día 16 de maio de 2007 e o ditame emitido polo Consello con data 14 de febreiro de 2007, obsérvase que non foron aceptadas as consideracións manifestadas polos axentes sociais no ditame 9/07.

Remítense co proxecto normativo os resultados da aplicación da mesma norma no ano 2007.

Aínda que segue sen respectarse a neutralidade de xénero na mención dos cargos públicos, sí se ten realizada a corrección parcial da linguaxe sexista nos demáis termos da orde (artigos 5º e 6º por exemplo), recollendo a redacción da orde publicada no DOG do 16 de maio de 2007.

Por outra banda, ponse de manifesto a necesidade de respectar a normativa vixente para a escrita da lingua galega.

Non se achegan os anexos aos que fai referencia o artigo 11º.

Exposición de Motivos
No sexto parágrafo engádese unha remisión normativa ao Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos, polo que correspondelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba a Unidade Administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo.

A diferencia do exercicio 2007, o procedemento de concesión destas axudas terá a consideración de concorrencia competitiva, axustando as súas bases reguladoras e a convocatoria á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto no penúltimo parágrafo desta exposición de motivos.

Artigo 1º.- Finalidade
Na letra b) do apartado 2, relativo ao principio da eficacia no cumprimento dos obxectivos, aclárase que estes obxectivos serán os fixados pola administración outorgante.

Así mesmo, na letra c) deste mesmo apartado engádese a necesidade da eficiencia, non só na asignación dos recursos públicos, senón tamén na súa utilización.

Artigo 2º.- Normativa aplicable
Actualizánse as remisións normativas deste artigo, citando a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2008.

Artigo 6º.- Entidades beneficiarias das subvencións
Este artigo, ademáis de correxir a linguaxe sexista no seu título, engade un novo requisito para ser entidade beneficiaria da subvención (apartado c), esixindo dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional, que desenvolvan as funcións descritas no artigo 4º e teñan a composición establecida no artigo 8º.
Por outra banda, no apartado d) actualízase a remisión normativa citando a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en lugar da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 7º.- Subvencións e contía destas
No apartado 1 deste artigo aclárase que os custos salariais e de Seguridade Social financiados por esta orde de axudas son os de “cargo da empresa”.

O apartado 2 regula a redución proporcional da subvención. Dita redución se realizará en función da duración dos contratos das persoas traballadoras con discapacidade, que sendo tidos en conta para o cálculo da subvención, teñan unha duración inferior ao ano, lapso temporal non tido en conta no borrador da orde do 2007.

Do mesmo xeito que na orde publicada no DOG do 16 de maio de 2007, o apartado 4 fixa o período no que deben realizarse os gastos subvencionables; novedosamente para o exercicio 2008 subvencionaranse os custos salariais e da Seguridade Social correspondentes ás mensualidades do ano 2008 ata o 30 de setembro (todo o ano 2007 na orde anterior), ademáis dos custos salariais e da Seguridade Social dende o 19 de xuño de 2007 para aqueles centros especiais de emprego que constituíran unha unidade de apoio á actividade profesional ou comezasen a desenvolver as súas funcións desde esa data (1 de outubro de 2006 na normativa para o 2007). Este mesmo apartado 4 establece que no suposto de traballadores e traballadoras con discapacidade con contratos temporais de duración igual ou superior a seis meses, este período debe estar comprendido dentro do período subvencionable, termos non recollidos no borrador da orde do ano pasado.

Engádese un novo apartado neste artigo (apartado 5), que prohíbe que a contía da subvención exceda do fixado no convenio colectivo de aplicación para o posto de traballo do persoal traballador da unidade de apoio á actividade profesional.

Artigo 8º.- Composición das unidades de apoio á actividade profesional
O último apartado deste artigo obriga á entidade beneficiaria a acreditar o mantemento da proporcionalidade esixida no composición dos módulos durante todo o período subvencionado.

Artigo 10º.- Solicitudes e prazo
O borrador da orde para o 2008 recolle a reestructuración que sufríu o artigo 10 no DOG do 16 de maio de 2007, cun cambio de orde dos seus parágrafos (así o apartado 2, corresponde ao apartado 6 do borrador do ano pasado, o apartado 5 reproduce a redacción do apartado 3, o apartado 6 a do 4, etc.) e a supresión do último parágrafo do texto do borrador do 2007, que regulaba un prazo especial para os centros especiais de emprego que, con posterioridade ao prazo previsto, constituísen unha unidade de apoio á actividade profesional.

Establécese unha nova redacción para o apartado 4 (antes apartado 2) segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así “a presentación da solicitude de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia”

Artigo 11º.- Documentación
A rúbrica deste artigo reproduce a do texto do DOG do 16 de maio de 2007 (“Solicitudes e documentación” no proxecto da orde do 2007).

A letra f) do apartado 1 esixe, xunto coa solicitude de subvención, a presentación dunha memoria descritiva das funcións a desenvolver pola unidade de apoio á actividade profesional. Agora ben, para o exercicio 2008 esta memoria deberá presentarse por cada un dos traballadores e traballadoras que integran a unidade e incluirá os obxectivos, recursos, orzamento, fases de implantación e sistemas de avaliación dos resultados.

Recollendo o texto do DOG do 16 de maio de 2007, neste mesmo apartado 1 engádese unha nova letra (letra j), que obriga a presentar documentación acreditativa, se é o caso, dos traballadores e traballadoras con discapacidade procedentes do Centro Especial de Emprego, contratados indefinidamente ou con contrato de traballo de, polo menos, seis meses, por empresas do mercado ordinario de traballo nos últimos dous anos.

Así mesmo, redáctase un apartado novo no artigo 11º (apartado 2), que exime da presentación da documentación correspondente se esta xa estivese en poder da administración, segundo o artigo 35º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Artigo 12º.- Instrución, tramitación e procedemento de concesión

O título (“Instrución, tramitación e procedemento de concesión”), xa redactado deste xeito no DOG do 16 de maio de 2007, reflicte unha ampliación do contido deste artigo respecto do borrador do 2007 (“Instrución e tramitación”). Así, engádense, respecto do borrador do ano pasado, cinco apartados novos (os apartados 2 a 6) que regulan o procedemento de concesión de axudas.

No apartado 1, concrétase que os dez días que se conceden para a emenda da solicitude de subvención constituirán un prazo máximo e improrrogable.

Por outra banda, os novos apartados quedan redactados como segue:

No apartado 2 establécese que o procedemento de concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. No borrador para o 2008 a remisión normativa realízase á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mentres o DOG do 16 de maio de 2007 cita a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

O apartado 3 establece que o órgano instrutor será o servizo de Apoio a Emprendedores da Subdirección Xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores, quen realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales débese formular a proposta de resolución.

Ampliando a redacción da orde do 2007 publicada no DOG, o apartado 4 concreta que a Comisión de Avaliación será o órgano competente para a emisión do informe de avaliación.

Os apartados 4 e 5 regulan a composición desta Comisión de Avaliación e os criterios para a valoración das solicitudes.

De acordo co apartado 6, se o crédito consignado na convocatoria 2008 fose suficiente para atender todas as solicitudes que reúnan os requisitos, non será necesario fixar unha orde de prelación entre as mesmas, de acordo co Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Respecto da orde do 2007 publicada no DOG, engádese un novo apartado (apartado 7), polo que o órgano instrutor elevaralle o informe da Comisión de Avaliación xunto coa proposta de concesión ao órgano de resolución.

Artigo 13º.- Resolución e recursos
O apartado 2 deste artigo fixa un prazo de seis meses para resolver e notificar a resolución, ampliando o previsto no borrador do 2007 e na orde publicada no DOG (tres meses).

Redáctase un novo apartado (apartado 3), que outorga aos interesados propostos como beneficiarios un prazo de dez días para aceptar a resolución, transcorrido o cal sen manifestación expresa, a dita resolución entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 14º.- Pagamento e xustificación
O apartado 2 deste artigo fixa a data do 1 de decembro o prazo máximo para presentar a documentación xustificativa para o pagamento, a diferencia do prazo sinalado na orde do ano pasado que era o día 15 de decembro.

O apartado 3 regula os pagamentos fraccionados a conta da subvención concedida, para o que, no exercicio do 2008, será necesario presentar certa documentación referida ás mensualidades polas que se solicita. Esta documentación consiste na que figura no apartado 1 (agás a letra a) da orde do ano pasado, relativo ao pagamento final, máis fotocopia compulsada dos documentos TC-1 e TC-2 e de documentación acreditativa do cadro de persoal de persoas traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego, que o artigo 15º da orde do 2007 esixía trimestralmente.

A mesma documentación, aínda que referida a todo o período subvencionado é a que esixe o apartado 4 para o pagamento final da subvención, xunto coa memoria xustificativa do cumprimento dos obxectivos previstos pola unidade de apoio á actividade profesional no desenvolvemento das súas funcións. Desaparece a obriga de presentar dita memoria no prazo dos dous meses seguintes á finalización do período subvencionable (artigo 15º da orde do ano pasado).

No apartado 5 obsérvase un erro de redacción, pois prohibe o pagamento da subvención “en tanto o beneficiario non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma (...)”

O apartado 6 recolle parcialmente o último apartado do artigo 13º da orde do ano pasado. De acordo co actual proxecto normativo, poderán emitirse resolucións revogatorias e complementarias, se da documentación presentada quedase xustificada unha contía inferior de subvención da inicialmente concedida, ou se da documentación xustificativa resultara que o importe da subvención fose superior ao concedido, sempre que o permita o crédito dispoñible.



Artigo 15º.- Obrigas das entidades beneficiarias
Este artigo sufre unha reestruturación respecto da orde do 2007, pois cambia a orde de varios apartados (a letra c) reproduce a h) da orde anterior, a letra d) repite a c), etc.); desaparece o apartado i), e parte da regulación do apartado f) inclúese agora no artigo 14º, relativo ao pagamento e xustificación.

Por outra banda, engádense tres novos apartados.

- apartado f), que obriga a dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial.
- apartado g), que obriga a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
- apartado k), que obriga ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.- Revogación e reintegro
Segundo este artigo, esixirase o xuro de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, actualizando deste xeito a remisión normativa que a orde do ano pasado realizaba ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 18º.- Incompatibilidade e concorrencia de axudas
Coa inclusión deste novo artigo admítese expresamente a compatibilidade das subvencións reguladas neste programa con outras axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Neste precepto incorpórase a previsión do artigo 7º da orde do ano pasado, que prohibe que o importe das subvencións supere a contía dos custos de salarios e Seguridade Social subvencionables, illadamente ou en concorrencia con outras axudas.

Disposición adicional sexta
O importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, entre outras, recóllese na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2008. As dotacións orzamentarias para o presente exercicio económico ascenden a 22.642.691 euros, 9.300.000 euros máis que na orde do 2007.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezanove artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 8 de febrero de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais unánimes e sete consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma.




DITAME 3/08



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2008 acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.

Segunda.
Valórase positivamente o envío pola Consellería de Traballo da información -reiteradamente solicitada por este Comité e polo Pleno do Consello- dos resultados da aplicación da Orde reguladora do programa de subvencións ás unidades de apoio no exercicio de 2007. Non obstante, dos datos facilitados parece desprenderse un erro material, xa que ou ben son 20 as solicitudes presentadas ou ben son 0 as solicitudes rexeitadas.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Finalidade.
No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.
Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.- Artigo 6º. Entidades beneficiarias das subvencións.
O apartado c) deste artigo esixe aos centros especiais de emprego para ser beneficiarios das subvencións “dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional ..”.
Este Comité propón que o requisito sexa de “dispoñer ou ter previsto dispoñer nos prazos correspondentes de unidades de apoio. …”.


Terceira.- Artigo 8º. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.

Este artigo establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior. Este Comité considera que deberían esixirse titulacións da rama social para acceder á categoría de técnico, tendo en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.

Por outra banda, menciona tamén este artigo ás persoas encargadas de apoio á produción como integrantes das unidades de apoio á actividade profesional. Este Comité propón que se regule con maior concreción esta figura.

Cuarta.- Artigo 11º. Documentación.

Este artigo establece que as solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos, debendo acompañarse da documentación que se relaciona. Este Comité fai constar que non se achegaron os anexos que se mencionan, polo que non poden ser obxecto de ditame.

Así mesmo, este Comité propón substituir as letras j) e k), que figuran no apartado 2 deste artigo, polas que correspondan, dado que son impropias do alfabeto galego.


Quinta.- Artigo 13º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo de seis meses –que era de tres meses no exercicio anterior- é excesivamente longo, polo que propón acortalo sensiblemente.

Sexta.- Artigo 15º. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado h) deste artigo menciona entre as obrigas dos beneficiarios das subvencións a adopción das medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo.

Este Comité considera necesario que se concreten as medidas “axeitadas” de difusión que deben adoptarse.

Así mesmo, este Comité propón substituir as letras j) e k), que figuran neste artigo, polas que correspondan, dado que son impropias do alfabeto galego.

Finalmente, en relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Sétima.- Disposición adicional cuarta.

Este Comité considera que o establecido no segundo parágrafo desta disposición debe formar parte do contido do artigo 5º do proxecto normativo, por canto refire que persoas se consideran afectadas por unha discapacidade de acordo co disposto na Lei 51/2003, do 2 de decembro.