ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CREA A COMISIÓN CONSULTIVA TRIPARTITA DA INSPECCIÓN DE TRABALLO E SEGURIDADE SOCIAL DE GALICIA.


I. ANTECEDENTES

O día 30 de xaneiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se crea a Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este proxecto normativo trata de reforzar o sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social para mellorar a súa eficacia e eficiencia, a través da colaboración e cooperación interadministrativa así como da necesaria consulta e participación dos interlocutores sociais na definición dos obxectivos e programas da Inspección dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

É esta a primeira vez que a regulación sobre esta materia se recibe para ditame por este Comité, polo que non existen antecedentes.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Artigo 1º.- Creación e adscrición

Este artigo dispón a creación da Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia como órgano colexiado asesor da Comisión Territorial da Inspección na comunidade autónoma. Este órgano adscribirase á Consellería de Traballo.

Artigo 2º. Composición e estrutura

A comisión estará integrada, de forma tripartita, por representantes da administración, Consellería de Traballo e Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social; e por representantes das organizacións empresariais e das organizacións sindicais máis representativas a nivel da Comunidade Autónoma de Galicia, ostentando a presidencia a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais e sendo secretario/a da comisión un funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 3º. Funcións

A Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia coñecerá as actuacións que desenvolva a Inspección de Traballo e Seguridade Social na comunidade autónoma, asesorando e formulando propostas e informes para a mesma acerca de estratexias de actuación, obxectivos, iniciativas e situación dos recursos humanos e materiais.

Artigo 4º. Funcionamento

De acordo con este artigo 4º, a comisión actuará en Pleno, reuníndose cando menos dúas veces ao ano, sen prexuízo das sesións que se celebren con carácter extraordinario.

Artigo 5º. Réxime xurídico

Ademáis do previsto nesta orde, o réxime xurídico da comisión axustarase á Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º. Compensación económica por asistencia a reunións

A contía desta compensación será a mesma que corresponde pola participación noutros órganos consultivos, sen prexuicio das modificacións que supoña a entrada en vigor da futura Lei de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

Artigo 7º. Gasto público

O artigo 7º establece que o funcionamento da comisión será atendido con cargo aos créditos orzamentarios da Dirección Xeral de Relacións Laborais.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se crea a Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia” consta de: Exposición de motivos e nove artigos.


O día 8 de febreiro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola CIG (anexo I) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo II).

DITAME 4/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se crea a Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Composición e estrutura.
Este Comité observa que a referencia que o apartado 1 deste artigo fai ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral é incorrecta, polo que suxire se modifique e se faga constar a denominación tal e como figura na Lei 14/2007, de 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (DOG de 15 de novembro de 2007).
Segunda.- Artigo 2º. Composición e estrutura.
Este artigo establece no apartado 1 a composición por parte da administración e no apartado 2 a composición por parte dos axentes sociais.
Este Comité, tendo en conta o carácter tripartito da comisión, suxire que se estableza en apartados separados a composición por parte das organizacións empresariais (apartado 2) e por parte das organizacións sindicais (apartado 3).
Terceira.- Artigo 2º. Composición e estrutura.
O segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que “no caso de imposibilidade de asistencia por parte dos membros titulares, serán substituídos por funcionarios dos respectivos centros directivos”.

Por outra banda, o apartado 6 deste artigo establece que “en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que ostenta a Presidencia da comisión será substituída de acordo co establecido no art. 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común”.

Este Comité considera que debe clarificarse o tema ao parecer contradictorias estas dúas disposicións, polo que propón que se regule especificamente no texto do artigo o réxime de substitución, máxime tendo en conta que o parágrafo segundo do artigo 23 da referida Lei 30/1992 exceptúa da súa aplicación aos órganos colexiados das distintas administracións públicas en que participen organizacións representativas de intereses sociais.

Cuarta.- Artigo 4º. Funcionamento.
Este artigo establece que a comisión pode convocarse a proposta de calquera das partes que a integran.
Este Comité suxire, para evitar equívocos interpretativos, que se faga constar expresamente que pode convocarse a proposta de calquera das tres partes que a integran.
Quinta.- Artigo 6º. Compensación económica por asistencia a reunións.
Este Comité suxire que se modifique a redacción deste artigo, que é manifestamente mellorable. Así, en primeiro lugar, eliminando a alusión ás persoas que figura ao principio do primeiro parágrafo, para evitar que se susciten problemas de interpretación fiscal e facelo así coherente co disposto no segundo parágrafo.
En segundo lugar, concretando obxectivamente as compensacións económicas a percibir, tendo en conta que os outros órganos consultivos aos que se refire este artigo teñen distinto réxime para compensar a participación das organizacións sindicais e empresariais.
Finalmente, eliminando a referencia ao futurible legal ao que se alude no primeiro parágrafo deste artigo.
Sexta.- Artigos 8º (Desenvolvemento) e 9º (Entrada en vigor).
Este Comité considera que o disposto nestes artigos debería regularse en dúas disposicións derradeiras.
Así mesmo, suxírese que a referencia ao órgano unipersoal da Dirección Xeral de Relacións Laboráis que consta no artigo 8º sexa neutra respecto do xénero.












ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CIG:

Exposición de motivos
A CIG entende que os dous primeiros parágrafos da exposición de motivos resultan manifestamente improcedentes. En primeiro lugar, nos Acordos do Diálogo Social en Galicia, asinados o 5 de febreiro de 2007, nada se recolle sobre o órgano que se crea con esta norma. Por outra parte, a creación da comisión consultiva, segundo se recolle explicitamente no sexto parágrafo desta exposición de motivos, ven directamente determinada pola disposición final primeira da Lei estatal 43/2006.

Coidamos ademáis que abunda nesta consideración, o feito de que un novo órgano consultivo que mesmo terá incidencia no incremento do gasto orzamentario (artigos 6º e 7º), se crea por vía dunha simple Orde da Consellería e non mediante un Decreto como correspondería.






ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Exposición de motivos
A Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN. de CC.OO. de Galicia valoran positivamente que se faga constar na exposición de motivos do proxecto normativo que esta orde é froito do proceso de diálogo social en Galicia.

Obsérvase que existe un erro no primeiro parágrafo desta exposición de motivos, posto que o proceso de diálogo social culminou o 5 de febreiro de 2007 e non o 2 de febreiro como figura no texto normativo.