ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCAN PARA O ANO 2008 OS INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DIRIXIDOS A FAVORECER A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR.

I. ANTECEDENTES


O día 6 de febreiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2008 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde responde ao obxectivo de integrar o principio de igualdade na política de emprego da Xunta de Galicia establecido na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Así, recóllese o establecemento de medidas de cara ao exercicio dos dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, medidas destinadas a mellorar o acceso das mulleres ao mundo laboral e co obxecto de promover a corresponsabilidade do home e da muller nas tarefas que levan consigo a paternidade/maternidade e o coidado de familiares.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 6 de xuño de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 9 de maio de 2007, obsérvase que foi tida en conta unha consideración específica de carácter unánime manifestada polos axentes sociais en relación coa disposición derradeira primeira.


O novo proxecto normativo contén moi poucas modificacións respecto ao correspondente ao exercicio anterior, destacándose o seguinte:

Actualízanse as remisións normativas, establecéndose no apartado 2 do artigo 1º, que as solicitudes, tramitación e concesión das axudas e subvencións reguladas no proxecto normativo axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ás demáis normas que se relacionan neste apartado.

O artigo 7º, apartados 3 e 4, establece como data límite o 30 de abril de 2008 para presentar as solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa e polas contratacións de interinidade que se realizaran entre o 16 de setembro de 2007 e a data de publicación desta orde (en 2007 o prazo era ata o 31 de maio).


O apartado 6 do artigo 8º, relativo á documentación que se esixe nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para coidado de familiares ou con redución de xornada de traballo por motivos familiares, establece que hai que presentar copia simple do DNI da persoa traballadora substituta e documentos acreditativos do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos da Tesourería Xeral da Seguridade Social e, de ser o caso, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina de emprego.

Engádense dous novos apartados ao artigo 10º, establecéndose no apartado 1 que o procedemento de concesión das solicitudes presentadas axustarase ao disposto no artigo 19º.2 da Lei de Subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. No apartado 2, disponse que o órgano instrutor dos expedientes serán os servizos de Promoción do Emprego das delegacións provinciais da Consellería de Traballo.

Engádese unha nova disposición adicional (a cuarta), que establece que a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego non ocupado, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalmente, na disposición derradeira primeira, atendendo ao solicitado polos axentes sociais no seu ditame 19/07, substitúese o termo “aclaracións” por resolucións.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2008 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 12 de febreiro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral sobre a valoración da norma e tres específicas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).






DITAME 5/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2008 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de febreiro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de febreiro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:












CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


A conciliación da vida laboral e familiar debe enfocarse, fundamentalmente, desde medidas directas á persoa que precisa de dita conciliación e a través dunha rede de servicios sociais de calidade.

Primeiro, hai que atopar medidas para solucionar os problemas familiares que dan lugar á necesidade de conciliar ambas as dúas facetas da vida e logo, atopar axudas para acadar a inserción laboral do beneficiario, que é a fase que regulamenta esta Orde.

Considérase pois imprescindible contemplar as dúas situacións, que poderían ter acollida no parágrafo 3º da exposición de motivos do proxecto normativo: hai que afrontar os problemas previos que xorden para incorporarse ao mercado de traballo, tendo en conta, fundamentalmente, as situacións dos traballadores e traballadoras e non só considerar estas situacións desde a perspectiva de inserción laboral.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 7º. Solicitudes e prazos.

Os apartados 3 e 4 deste artigo establecen a data do 30 de abril de 2008 como límite para a presentación das solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade e pola contratación de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares que, cumprindo os requisitos establecidos na presente orde se realizaran entre o 16 de setembro de 2007 e a data de publicación desta orde.

Este Comité Delegado considera o prazo moi curto, polo que suxire que se teña en conta a data en que se publicará a orde e se estableza un prazo axeitado.

Segunda.- Artigo 10º. Procedemento de concesión, resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o  prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera excesivo o prazo de seis meses, polo que propón que sexa de tres meses.



Terceira.- Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado c) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que son axeitadas.


















ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

A Confederación Intersindical Galega, á vista do establecido no parágrafo segundo deste proxecto normativo e tendo en conta as inapreciables modificacións introducidas respecto á orde do exercicio de 2007, se fai eco da consideración xeral de carácter unánime manifestada nos ditames 37/07 e 38/07 deste Comité Delegado e que se reproduce seguidamente:

“As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laboráis consideran certamente esaxerada a enunciación do parágrafo quinto da exposición de motivos do proxecto normativo, en relación á incidencia na formulación deste borrador de Orde, dos Acordos polo Emprego asinados en 2007 pola Xunta de Galicia, a CEG, o S.N. de CC.OO. de Galicia e a UGT-Galicia. O certo é que o texto do borrador que estamos a ditaminar é substancialmente idéntico ao ditaminado en 2006 para o exercicio de 2007, anterior por tanto aos devanditos Acordos.
As escasas modificacións introducidas para este borrador da Orde para o exercicio de 2008 (que, por certo, non recollen practicamente nada das consideracións unánimes deste Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laboráis, composto pola representación de CEG, CCOO, UGT e CIG), e, en concreto, a inclusión dunha Disposición Adicional Novena, directamente alusiva á posibilidade de que os repetidos Acordos, entre outras normas e acordos (sic), incida no establecemento de criterios en canto aos obxectivos prioritarios, pensamos que nin minimamente xustifica a categorización que se fai da coherencia entre o borrador da Orde e os Acordos, no devandito parágrafo da exposición de motivos”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 12º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.
A CIG considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.
Segunda.- Artigo 13º. Obrigas dos beneficiarios.
Este artigo, no seu apartado e), obriga ás empresas beneficiarias a manter na empresa á persoa traballadora subvencionada ao abeiro desta orde que se reincorpore tras un proceso de maternidade/paternidade por un período mínimo de un ano.
A CIG considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento improcedente pode resultar moi inferior á subvención percibida pola contratación, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Exclusións.

No primeiro parágrafo deste artigo establécese que exclúense dos beneficios previstos nesta orde aos traballadores contratados para prestar servizos noutras empresas a través de contratos de posta a disposición.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a exclusión dos traballadores contratados a través de Empresas de Traballo Temporal supón unha discriminación polo mero feito do tipo da empresa, debendo eliminarse do texto da norma.

Segunda.- Artigo 13º. Obrigas dos beneficiarios.

Na letra e) deste artigo sinálase como obriga  da empresa beneficiaria que os traballadores que se reincorporen a ela tras un proceso de maternidade/paternidade deberán permanecer na empresa durante un ano, como mínimo; establecéndose que, se antes de transcorrer o dito prazo se produce, por calquera causa, a extinción da relación laboral do traballador reincorporado, a empresa deberá proceder a reintegrar a subvención concedida.


A CEG considera que dita obriga só deberíase aplicar cando a relación laboral se extinga inxustificadamente pola empresa, pois coa actual redacción do artigo incluso unha extinción do contrato derivada da “morte do traballador” tamén obrigaría ao reintegro da axuda.

Propoñemos que nestes casos, nos que a relación laboral se extinga por causas xustificadas ou por causas distintas á vontade do empresario, a empresa reintegre soamente a parte proporcional da subvención concedida.