ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/02

DICTAME SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN OS PROGRAMAS DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO E PARA A INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO E TRABALLO AUTÓNOMO PARA O 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se establecen os programas de fomento do emprego en empresas de economía social para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e traballo autónomo para o 2002, remitido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego, da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, e con data de rexistro de entrada neste Consello do 5 de marzo de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de marzo de 2002, acordou por UNANIMIDADE pronunciarse en canto as seguintes consideracións e propostas de modificación:

1.- Artigo 8.a). Obrigas dos beneficiarios.

Neste inciso a), o artigo 8 establece como unha das obrigas dos beneficiarios das axudas o acreditaren que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pago ningunha outra débeda coa

Administración Pública galega. Tal acreditación deberá producirse previamente ó cobro da referida axuda.

Esa acreditación que acabamos de referir, debería face-la de oficio a propia Administración dado que posúe a información necesaria ó respecto. Estaríase a dar cumprimento así, ademais, ó disposto na Lei 30 /1992, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común, cando establece que a Administración non debe esixir ós particulares a acreditación documental daquela información ou datos que ela xa posúa no seu poder, en aras dos principios de economía, celeridade e eficacia administrativa.

2.- Anexo A. Programa de Fomento do Emprego en cooperativas e sociedades laborais.
Base Cuarta. 1º. Axudas para a adquisición da condición de socio traballador.

Este artigo di que se poderán conceder subvencións na contía máxima que fixa, para a adquisición da condición de “socio traballador” dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral, a aqueles que “no momento de adquiriren dita condición” estean desempregados inscritos como demandantes de emprego no  Servicio público de Emprego.
A redacción deste parágrafo, aparte de non definir claramente o momento no que se adquire a condición de socio traballador (si é cando se outorga escritura, cando se inscribe a constitución da cooperativa…) pode dar lugar a confusión, pois pódese interpreta-lo seu contido de xeito diferente.

Por esta razón, PROPONSE a clarificación do que se quere dicir exactamente e cando se adquire a condición de socio traballador.






3.- Anexo B. Programa de promoción do emprego autónomo. Obxecto e beneficiarios.
Respecto deste Anexo, este Comité Delegado reproduce de seguido o Informe elaborado polo Consello Económico e Social de Galicia (CES) respecto do “Plan de Revitalización demográfica de Galicia”, en concreto ó “Programa de adaptación de medidas activas de emprego ó cambio demográfico”, páxs. 36 e 37:

“ En relación coas axudas ó autoemprego nesta área, o CES considera que as vías a utilizar … non están directamente relacionadas coa potenciación do autoemprego senón coa contratación de novos traballadores unha vez iniciada a actividade empresarial.
No que atinxe ás axudas ó autoemprego, hai que destacar que actualmente cabe a posibilidade de percibi-lo importe total da prestación contributiva de desemprego nun “pago único” (art. 228 RDL 1/1994, de 20 de xuño, polo que se aproba o Texto Refundido orixinal da Seguridade Social), nos supostos nos que o traballador pretenda constituírse en socio dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral, ou ben, no caso de traballadores discapacitados, como  traballadores por conta propia ou autónomos. Este “pago único” é o importe total da prestación que lle resta por recibir descontando o tipo de xuro legal do diñeiro.
Esta capitalización leva consigo o abono trimestral, por parte da entidade xestora, do importe do 50% da cota da Seguridade Social correspondente o Réxime Especial dos Traballadores Autónomos, durante o tempo que se tivese percibido a prestación por desemprego de non ter optado pola modalidade de pago único.

O CES considera que a supresión da posibilidade de que os traballadores non discapacitados poidan constituírse como traballadores por conta propia ou autónomos para ter dereito ó abono trimestral, por parte da entidade xestora, do importe do 50% da cota da Seguridade Social correspondente ó Réxime Especial dos Traballadores Autónomos supón unha dificultade para promove-lo autoemprego, no senso de que, nalgúns casos, pode resultar máis doado constituírse por conta propia ou autónomo que constituír unha cooperativa de traballo asociado ou unha sociedade laboral.

Por todo isto, cabería propoñer, ou a modificación da normativa de desenvolvemento da Lei Xeral da S.S. que impide a posibilidade de abono trimestral do 50% da cota da S.S. ó citado colectivo, ou ben, que nos programas de autoemprego autónomo houbese unha subvención complementaria nestes casos co mesmo alcance co abono trimestral do 50% da cota da S.S., en función do tempo de desemprego acreditado.”

4.- Anexo C. Programa de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego.

Neste Programa fanse as seguintes consideracións:

- Cuarta: Creación e ampliación de centros especiais de emprego.
No inciso 2 deste punto, 2º parágrafo establécese que para a determinación da contía das axudas valorarase, entre outros, a porcentaxe de traballadores minusválidos respecto do total do cadro de persoal do centro especial de emprego e só se acadará a contía máxima da subvención cando o número de traballadores discapacitados supere o 90% dese cadro de persoal.
Suxírese que neste suposto non só se valore a porcentaxe de traballadores minusválidos senón tamén o grado de minusvalía que posúan estas persoas discapacitadas para facer máis xusta a concesión das axudas.

PROPOSTA: Engadi-la seguinte precisión a este parágrafo 2º:
“ Para a determinación da contía das axudas valorarase, entre outros, a porcentaxe de traballadores minusválidos respecto do total do cadro de persoal do centro especial de emprego e o seu grado de minusvalía, e só se poderá acada-la contía máxima…”

- Quinta: Mantemento de centros especiais de emprego.
Polo que respecta a este Programa, sería oportuno aclarar expresamente si son compatibles entre sí as subvencións e bonificacións para o mantemento de postos de traballo estable descritas nesta disposición quinta, onde se establecen axudas do 100% da cota empresarial da Seguridade Social e do custo salarial total.
Non estaría demais neste punto clarificar qué se entende por “postos de traballo estable”, pois un posto de traballo pode ser estable e non por iso te-lo traballador un contrato indefinido.
Noutro orde de cousas, dada a práctica habitual das empresas de presenta-lo pago dos seguros sociais o último día hábil do mes seguinte ó mes que corresponden as devanditas cotizacións, existe, de feito, un breve prazo para presenta-las mesmas, pois tamén a entidade financeira atrasa a devolución dos TC1. Isto provoca unha dificultade na xestión do Centro Especial de Emprego ó ter que repetir este proceso tódolos meses, ó non establecerse, como ocorría en Ordes de anos precedentes, a presentación trimestral de tales documentos.

A experiencia constata que a presentación mensual de nóminas, TC1 e TC2, non axilizou os pagos da subvención.

PROPOSTA: Permitirlle ás empresas a presentación trimestral da documentación requirida para obte-la axuda a que se refire este programa.

Sétima. Solicitudes e documentación.

Como documentación común para tódalas axudas establecidas neste programa do Anexo C, PROPONSE  a inclusión da obriga de presentar polos interesados un plan de viabilidade da empresa ou memoria económica do proxecto, tal e como se esixe no Anexo A da propia Orde.

Novena. Bonificación de cotas á Seguridade Social e subvención do custo salarial: prazos.

O prazo de presentación das solicitudes redúcese neste borrador de Orde respecto das datas establecidas na homónima Orde do ano precedente. Reducción de datas que se considera negativo, pois obriga ós centros especiais de emprego a adianta-las datas nas que ingresan as cotas de SS correspondentes ó Réxime xeral, que se abonan no mes seguinte ó que pertencen.

A PROPOSTA que se presenta é mante-lo mesmo prazo que o ano pasado, é dicir, todo o mes seguinte ó da mensualidade obxecto de aboamento e nos 15 días do mes posterior.

Asemade, observase unha errata na expresión das axudas ó reflectirse en pesetas, cando deberían figurar na moeda de curso legal: en euros.


ANEXO I
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE FEITAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DE UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E A CIG

- Anexo C. Disposición Sexta. Criterios de graduación das axudas.

Considerase que non deben te-lo mesmo tratamento, á hora de gradua-las axudas, os centros sen ánimo de lucro e os centros con ánimo de lucro, pois estes últimos non fan o mesmo esforzo de cara á integración das persoas con minusvalía na sociedade , ademais de ter como obxectivo gañar cartos.

PROPOSTA: Incorporar un segundo parágrafo no seguinte senso:

“ A subvención máxima que poderá ter un Centro Especial de Emprego sen ánimo de lucro será de “x” pesetas. Os centros especiais de emprego con ánimo de lucro poderán percibir ata un máximo do 70% da cantidade resinada.”


- Reflexión xeral

Os sindicatos con presencia neste Consello queren facer unha consideración de carácter xeral á regulamentación desta liña de axudas.

O encadramento normativo para acada-la integración laboral dos minusválidos, do que deriva esta propia Orde que dictaminamos, ven constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ó emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementa-la diminución que, teoricamente, sofre o empresario na súa producción e rendibilidade polo feito de contar de traballadores con minusvalía.

Coñecémo-la existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas, a saber: os sen ánimo de lucro e os que si teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendibilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto da Orde recibindo, posto que as dúas modalidades de centros  reciben o mesmo tratamento.

Si volvemos de novo á realidade, esta amósanos a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con traballadores que posúen  minusvalías practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolve-lo seu traballo nunha empresa ordinaria e, que nembargante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibi-las axudas destinadas a palia-la aquela diminución de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de Lei.
Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que en supostos de subrogación nos servicios non se poda produci-la pertinente asunción de traballadores diminuídos pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ámbalas dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou alomenos adoptar algún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas xa se están tomando medidas nese senso, como son as de non subvencionar ós centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualifica-los como tales facendo participes das axudas soamente ós que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle de cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora e concede-las axudas; facer unha selección estricta de tódolos centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibi-las mesmas; mante-la axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, os axentes sociais galegos a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes comités provinciais.


ANEXO II
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)



- ANEXO A. Base novena.1.g). Solicitudes e documentación.

Neste inciso g) establecese que no caso de cooperativas ou sociedades laborais de nova creación deberá presentarse unha memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou plan de empresa elaborado ou informado por un auditor externo á entidade, ou por un técnico de emprego pertencente á rede coordinada pola consellería competente.

A novidade, en principio, valórase como positiva dende o punto de vista de que coa mesma se pretende reforza-las esixencias de análise da viabilidade dos proxectos empresariais de nova creación, o que sen dúbida redundará no beneficio dos mesmos e das garantías da súa supervivencia ó incorporarse ó tecido empresarial galego.

Nembargante, a redacción da norma parece indicar que o devandito informe no caso de non estar realizado, será elaborado unicamente polo auditor ou técnico de emprego, o cal cremos desacertado, pois o mesmo, debe ser elaborado polo propio promotor ou promotores do proxecto coa axuda e orientación dos técnicos (realización conxunta), á que se podería engadir un informe independente só do técnico colaborador onde se recollan apreciacións de carácter obxectivo e subxectivo, relativas ó proxecto, capacitación dos promotores para a súa posta en marcha…etc.

Deste xeito, entendemos que o aproveitamento para o promotor ou promotores e o grado de coñecemento do seu proxecto e do Plan de empresa do mesmo, sería moito maior.