ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN INDEFINIDA DAS MULLERES COMO MEDIDA PARA LOGRAR UN MERCADO DE TRABALLO IGUALITARIO, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.


I. ANTECEDENTES


O día 6 de febreiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


A presente orde responde ao obxectivo de integrar o principio de igualdade na política de emprego da Xunta de Galicia establecido na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Así, nesta orde recóllese o establecemento de medidas de discriminación positiva en favor do sexo menos representado no mercado laboral.

Recóllense como beneficiarios específicos determinados colectivos da disposición adicional sexta de Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tales como mulleres cunha situación de paro de longa duración, mulleres na busca do primeiro emprego, mulleres desempregadas titulares de familias monoparentais que teñan cargas familiares. O resto de colectivos establecidos na antedita disposición adicional incentívanse a través da orde específica que regula os programas de incentivos aos colectivos en risco de exclusión social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde reguladora dos programas de incentivos á contratación indefinida das mulleres en 2007, publicado no DOG o día 31 de maio de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 17 de abril de 2007 (Ditame 16/07), obsérvase que foron tidas en conta dúas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:



Artigo 3º.- Colectivos.
Engádense dous novos apartados, que inclúen como beneficiarias ás mulleres demandantes de emprego que rematen o seu itinerario personalizado de inserción nunha ocupación e sexan contratadas nela (letra g) e ás mulleres emigrantes retornadas que reciban actuacións en materia de políticas activas de emprego (letra h).

Artigo 8º.- Competencia.
No apartado 2 modifícase a competencia atribuida ao titular da dirección xeral de Promoción do Emprego, a quen lle corresponderán as solicitudes presentadas para a contratación de 30 ou máis traballadores/as (15 traballadores/as na orde do 2007).

Artigo 9º.- Solicitudes e prazo.
A consideración manifestada por este Comité no Ditame 16/07 respecto do apartado 3 deste artigo recolleuse na Orde publicada no DOG o 31 de maio de 2007, establecendo para a presentación destas solicitudes o prazo ata o 30 de xuño de 2007, equivalente a un mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Non obstante, no actual proxecto normativo non se ten en conta esta consideración, establecendo o prazo ata o 30 de abril de 2008.

Artigo 11º.- Instrución e tramitación.
O prazo para subsanación de erros na solicitude fíxase en 10 días, sendo un prazo máximo e improrrogable.


Artigo 12º.- Procedemento de concesión, resolución e recursos.
Son novos os apartados 1 e 2 deste artigo, establecendo este último que o órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programación e Xestión para as solicitudes resoltas polo director xeral de Promoción do Emprego e os Servizos de Promoción do Emprego para as solicitudes resoltas polos delegados ou delegadas provinciais.

Artigo 15º.- Revogación e reintegro.
Modifícase este artigo para determinar as circunstancias nas que debe entenderse que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procede o reintegro parcial das axudas (apartado 2) e os supostos que supoñen o reintegro total da subvención (apartado 3).

Disposición Adicional Cuarta
Introdúcese esta nova disposición adicional relativa á comprobación -polo órgano xestor das axudas- da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego non ocupado, na data de alta na Seguridade Social das traballadoras.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 20 de febreiro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén asi mesmo, como anexos tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).



DITAME 8/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008 da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de febreiro de 2008 para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de febreiro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 3. a) deste artigo establécese que a xestión deste programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.





Segunda.- Artigo 3º. Colectivos.

No primeiro parágrafo deste artigo defínense como colectivo beneficiario as mulleres desempregadas maiores de 31 anos nas que concurra algunha das circunstancias que se sinalan.

Este Comité Delegado considera que hai que ter en conta que hai mulleres que non son desempregadas e a súa contratación pode ser subvencionada, como no caso previsto no artigo 4º.b) para as transformacións en indefinidos  de contratos temporais, polo que se suxire que se modifique a redacción do citado parágrafo.

Terceira.-  Artigo 9º. Solicitudes e prazo.

O apartado 3 deste artigo establece que as solicitudes polas contratacións, iniciais ou transformacións, de mulleres desempregadas realizadas dende o 16 de setembro do 2007 ata a data da publicación da presente orde, poderán presentarse ata o 30 de abril de 2008.

Este Comité Delegado suxire que se teña en conta a data da publicación da orde para fixar o prazo, estimando que debería ser polo menos dun mes.



Cuarta.- Artigo 10º. Documentación.

Este Comité Delegado fai constar que non foron remitidos ao Consello para ditame os anexos aos que se refire este artigo, polo que se suxire se remitan para seren ditaminados xunto co proxecto normativo.

Quinta.- Artigo 12º. Resolución e recursos.

O apartado 4 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité Delegado considera este prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Sexta.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 3 deste artigo esíxese a adopción de medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité Delegado considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben concretarse no texto da orde as medidas de difusión que deben adoptarse.




Sétima.- Disposición adicional quinta.

Esta disposición establece que terá a consideración de titular de familia monoparental e con cargas familiares a muller que teña ao seu coidado fillas ou fillos menores de 21 anos ou persoas maiores incapacitadas e que non obteñan ingresos de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixente no momento da solicitude.

Este Comité considera que debe figurar na citada disposición que a referencia á obtención de ingresos é per capita, rateándose a totalidade dos ingresos entre o número de membros da unidade familiar.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG).

Primeira.- Artigo 3º. Colectivos.

Este artigo define como colectivo beneficiario dos incentivos regulados nesta orde ás mulleres desempregadas maiores de 31 anos nas que concorra algunha das circunstancias que se citan no citado artigo, outorgando carácter xeral ás subvencións ao incluir na letra i) ás mulleres desempregadas que non estean incluídas en ningún dos colectivos anteriores.

A Confederación Intersindical Galega manifesta o xa sinalado no ditame 20/06, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.


• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”

Segunda.- Artigo 16º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.

Terceira.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, nos seus apartados 5, 6 e 7, obriga aos beneficiarios a manter no seu cadro de persoal fixo ás traballadoras contratadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos (agás no caso de empregos ligados a un investimento).


A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que pretende avanzar na estabilidade contractual das mulleres traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento improcedente pode resultar moi inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos.



ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 4º. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

No apartado 1.b) deste artigo establécense axudas ás transformacións en indefinidos de contratos para a formación, en prácticas, de revezamento, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que deberían incluirse todas as modalidades de contratación temporal e non só as que se especifican na letra b).

Segunda.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado 5 deste artigo establece que, no suposto de extinción da relación laboral da traballadora pola que se concedese a subvención, a nova traballadora deberá estar incluida nos colectivos citados no artigo 3º e deberá reunir os mesmos requisitos do contrato inicial.


A Confederación de Empresarios de Galicia considera que sería recomendable unha maior flexibilidade, permitíndose a contratación de calquera muller incluida en calquera dos supostos contemplados no artigo 3º, así como as transformacións dos contratos temporais nos termos da propia orde.