ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA DE PERSOAS DESEMPREGADAS PERTENCENTES A COLECTIVOS EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.


I. ANTECEDENTES


O día 6 de febreiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Regúlanse nesta orde os incentivos dirixidos á contratación temporal daqueles grupos ou categorías de traballadores que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellorar a súa situación de emprego e corrixir os desequilibrios do mercado laboral, e os incentivos á contratación indefinida por conta allea, dirixidos a impulsar a estabilidade laboral nas empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral dos colectivos desfavorecidos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 6 de xuño de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 17 de abril de 2007 (Ditame 15/07), obsérvase que foron tidas en conta dúas das consideracións unánimes manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos, relacionándose a continuación os máis significativos:

Artigo 3º.- Colectivos.
Modifícase a redacción do apartado e), considerando colectivo en risco de exclusión social ás persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia de xénero que, por proceder de recursos específicos de acollida ou por calquera outra circunstancia, implique especiais dificultades de integración laboral. Así mesmo, no apartado f) engádese aos transexuais ou en proceso de reasignación sexual.
Artigo 5º.- Requisitos das empresas.
A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa, que se esixe como requisito para acceder aos beneficios regulados na orde, increméntase desde o 72,50% ata o 75%.

Artigo 8º.- Competencia.
No apartado 2 modifícase a competencia atribuida ao titular da dirección xeral de Promoción do Emprego, a quen lle corresponderán as solicitudes presentadas para a contratación de 30 ou máis traballadores/as (15 traballadores/as na orde do 2007).

Artigo 9º. – Solicitudes e prazo.
Modifícase o apartado 3, establecendo o 30 de abril de 2008 como prazo máximo para presentar as solicitudes de axudas polas contratacións indefinidas, iniciais ou transformacións, ou polas contratacións temporais realizadas desde o 16 de setembro de 2007 e ata a data da publicación da orde.

Artigo 12º.- Procedemento de concesión, resolución e recursos.
Son novos os apartados 1 e 2 deste artigo, establecendo este último que o órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programación e Xestión para as solicitudes resoltas polo director xeral de Promoción do Emprego e os Servizos de Promoción do Emprego para as solicitudes resoltas polos delegados ou delegadas provinciais.

Artigo 15º.- Revogación e reintegro.
Modifícase este artigo para determinar as circunstancias nas que debe entenderse que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procede o reintegro parcial das axudas (apartado 2) e os supostos que supoñen o reintegro total da subvención (apartado 3).

Disposición Adicional Cuarta.
Introdúcese esta nova disposición adicional relativa á comprobación -polo órgano xestor das axudas- da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego non ocupado, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 22 de febreiro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia. Contén, así mesmo, como anexo, unha consideración específica non unánime sobre a valoración da norma, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 9/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de febreiro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de febreiro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira
Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a respectar a neutralidade de xénero nos cargos públicos (artigo 8º e disposición adicional terceira).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Colectivos.
Neste artigo relaciónanse os colectivos en risco de exclusión social cunha serie de letras, figurando o j) e o k), así como na disposición adicional quinta, na que se fai referencia á letra j).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse neste artigo e na disposición adicional quinta, polas que correspondan.



Segunda.- artigo 7º. Exclusións.
O apartado c) deste artigo exclúe das axudas previstas na orde ás contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido.

Este Comité considera que debería regularse qué se entende por grupo de empresas aos efectos desta orde.

Terceira.- Artigo 12º. Resolución e recursos.
O apartado 4 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.
Este Comité considera este prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Cuarta.- Artigo 16º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 4 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 17º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.
ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 5º. Requisitos das empresas.
Este artigo establece que para poder acceder aos beneficios establecidos nesta orde, a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa deberá ser igual ou superior ao 75%.
A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta a súa oposición á fixación dunha taxa tan elevada que deixa fóra importantes sectores da nosa economía. Esta taxa de estabilidade, que é superior á taxa media galega, non se establece nas liñas de incentivos doutras moitas CC.AA. e nin sequera é tida en conta nas bonificacións establecidas nos últimos plans de emprego a nivel estatal.
A Confederación de Empresarios propón que a taxa de estabilidade proposta, ademáis de ser superior á media de Galicia, non ten en conta as diferenzas sectoriais derivadas da súa distinta realidade produtiva; é, polo tanto, discriminatoria con respecto a sectores e modelos organizativos. Por este motivo, debería terse en conta no borrador da orde a taxa de estabilidade media de cada sector produtivo, a cal se adapta de forma máis adecuada á realidade de cada sector en atención ás distintas circunstancias de mercado que estes poidan ter.