ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA O FOMENTO DA ESTABILIDADE NO EMPREGO, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES


O día 8 de febreiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio.

Regúlanse nesta orde un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego que teñen como finalidade facilitar a creación de emprego estable e de calidade, poñendo especial atención en facilitar a inserción laboral de persoas desempregadas con maiores dificultades de integración no mercado de traballo e a permanencia nas empresas con contrato estable a aqueles que teñen na actualidade un contrato temporal.

Nesta orde recóllense como beneficiarios específicos determinados colectivos da disposición adicional sexta de Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tales como mulleres cunha situación de paro de longa duración, mulleres na busca do primeiro emprego, mulleres desempregadas titulares de familias monoparentais que teñan cargas familiares. O resto de colectivos establecidos na antedita disposición adicional incentívanse a través da orde específica que regula os programas de incentivos aos colectivos en risco de exclusión social.

Inclúese, así mesmo, un programa específico para apoiar e incidir naquelas empresas sen persoas asalariadas pero con potencialidade para a creación de emprego, establecéndose tamén unha liña específica de apoio á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D, co fin de favorecer a innovación nas empresas galegas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 6 de xuño de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 9 de maio de 2007 (Ditame 18/07), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.
O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 2º.- Beneficiarios.
No apartado 1 deste artigo suprímese a referencia á taxa de estabilidade, regulándose en cada anexo, se é o caso, a taxa esixida para acceder ás axudas.

Artigo 3º.- Competencia.
No apartado 2 modifícase a competencia atribuida ao titular da dirección xeral de Promoción do Emprego, a quen lle corresponderán as solicitudes presentadas para a contratación de 30 ou máis traballadores/as (15 traballadores/as na orde do 2007) no ámbito territorial de Galicia ou cando as contratacións se realicen para prestaren servizos en centros de traballo radicados en varias provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.- Solicitudes e prazo.
Modifícase o apartado 4, establecendo o 30 de abril como prazo máximo para presentar as solicitudes de axudas polas contratacións iniciais e polas transformacións realizadas desde o 16 de setembro de 2007 e ata a data da publicación da orde.

Artigo 5º.- Instrución e tramitación.
O prazo para subsanación de erros na solicitude fíxase en 10 días, sendo un prazo máximo e improrrogable.

Artigo 6º.- Procedemento de concesión, resolución e recursos.
Son novos os apartados 1 e 2 deste artigo, establecendo este último que o órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programación e Xestión para as solicitudes resoltas polo director xeral de Promoción do Emprego e os Servizos de Promoción do Emprego para as solicitudes resoltas polos delegados ou delegadas provinciais

Disposición Adicional Cuarta.
Modifícase esta disposición adicional, establecendo que a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego non ocupado, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras, será realizada polo órgano xestor das axudas.

Disposición Adicional Quinta.
Engádese un último parágrafo nesta diposición adicional, que determina que, para os efectos do artigo 3º desta orde, terán a consideración de retornados aqueles emigrantes que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

ANEXOS
Para o exercicio 2008 engádense dous novos colectivos beneficiarios das axudas que se regulan no anexo A (base terceira) e no anexo C (base cuarta), incluindo aos homes demandantes de emprego que rematen o seu itinerario personalizado de inserción nunha ocupación e sexan contratados nela (letra c) e os homes emigrantes retornados que reciban actuacións en materias de políticas activas de emprego (letra d).

Modifícanse os requisitos para acceder aos beneficios que se regulan no anexo A (base quinta), anexo B (base cuarta) e anexo D (base terceira), increméntandose desde o 72,50% ata o 75% a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes da contratación pola cal se solicita subvención.

Engádese unha nova base en todos os anexos, reguladora da revogación e reintegro, que determina as circunstancias nas que debe entenderse que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procede o reintegro parcial das axudas e os supostos que supoñen o reintegro total da subvención.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, once artigos, sete disposicións adicionais e dúas derradeiras, ademáis de catro anexos (A, B, C e D) que regulan os catro programas de fomento da contratación indefinida.

O día 22 de febreiro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola CIG (anexo I) e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).




DITAME 10/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de febreiro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de febreiro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos (artigo 3º - Competencia e Disposición derradeira primeira).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No parágrafo 5, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.


Segunda.-  Artigo 4º. Solicitudes e prazo.

O apartado 4 deste artigo establece que o prazo para a presentación das solicitudes de axudas realizadas dende o 16 de setembro de 2007 e ata a data da publicación da presente será ata o 30 de abril de 2008.

Este Comité considera o prazo moi curto, polo que suxire que se manteña a redacción deste precepto na orde do pasado exercicio, publicada no DOG do 6 de xuño de 2007 (un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde), sen introducir datas límite pechadas.


Terceira.- Artigo 6º. Procedemento de concesión, resolución e recursos.

Establécese no apartado 4 deste artigo que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran este prazo excesivamente longo, polo que propoñen que se reduza a tres meses.

Cuarta.- Artigo 7º. Incompatibilidades e concorrencia.

No apartado 4 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.

Quinta.- Artigo 8º. Obrigas dos beneficiarios.

Establece este artigo na letra d), que as empresas beneficiarias teñen que adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité considera que deben aclararse no texto da orde as medidas axeitadas que deben adoptarse. Ademáis, debería suprimirse, na terceira liña, a expresión “se é o caso”, xa que os programas regulados nesta orde son cofinanciados polo Fondo Social Europeo en todo caso.

Sexta.- Anexos A, B e D. Exclusións.

Na base sétima do anexo A, na sexta do anexo B e na quinta do anexo D, no apartado c), establécese que exclúense dos incentivos as contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debe constar nos citados apartados qué se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Do texto articulado da Orde, particularmente no que se refire ás axudas recollidas no Anexo B, dedúcese que serán beneficiarias as empresas que cumpran os requisitos establecidos nesta norma, pola simple transformación dun contrato temporal noutro estable.

Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega lembra o sinalado no Ditame 17/05 e noutros posteriores deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 7º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.

Segunda.- Artigo 8º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, no seu apartado e), en relación co disposto nos diferentes anexos desta orde, obriga aos beneficiarios a manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento improcedente pode resultar moi inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexo A (base quinta), anexo B (base cuarta) e anexo D (base terceira). Requisitos.

Estas disposicións establecen que para poder acceder aos beneficios establecidos na orde, a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa deberá ser igual ou superior ao 75%.

Esta representación empresarial manifesta a súa oposición á fixación dunha taxa tan elevada que deixa fóra importantes sectores da nosa economía. Esta taxa de estabilidade, que é superior á taxa media galega, non se establece nas liñas de incentivos doutras moitas CC.AA. e nin sequera é tida en conta nas bonificacións establecidas nos últimos plans de emprego a nivel estatal.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a taxa de estabilidade establecida no proxecto normativo, ademais de ser superior á media de Galicia, non ten en conta as diferenzas sectoriais derivadas da súa distinta realidade produtiva; é, polo tanto, discriminatoria con respecto a sectores e modelos organizativos. Por este motivo, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que no borrador da orde se teña en conta a taxa de estabilidade media de cada sector produtivo, a cal se adapta de forma máis adecuada á realidade de cada sector en atención ás distintas circunstancias de mercado que estes poidan ter.

Segunda.- Artigo 4º. Solicitudes e prazo.

Desde a Confederación de Empresarios de Galicia solicitamos prazos de tempo o máis amplos e flexibles posibles, adaptados aos momentos nos que as empresas toman as decisións de investimento (elaboración de orzamentos anuais). Este criterio xeral, debería levar a establecer, como mínimo, prazos o máis próximos a todo o ano natural, por ser moi distinto para as empresas adoptar decisións cunha axuda en vigor que coa posibilidade futura de que esta se convoque. Debe notarse que, en moitos casos, as empresas deberán acometer decisións sobre contratación inicial ou transformación sen ter certeza sobre a concesión da subvención.

Terceira.- Anexo B.

Coa finalidade de facilitar a creación de emprego estable e de calidade, a CEG considera que sería positivo que o programa regulado neste anexo (de fomento da permanencia nas empresas con contrato estable daqueles traballadores que teñan na actualidade un contrato temporal) incluíse no seu ámbito de aplicación a transformación en indefinidos de todos os contratos de duración determinada, independentemente da súa modalidade.

Cuarta.- Anexos A, B, C e D. Exclusións.

Na base sétima do anexo A, na sexta do anexo B, na sexta do anexo C e na quinta do anexo D, no apartado a), establécese que exclúense dos incentivos as contratacións de traballadores e traballadoras para prestar servizos noutras empresas mediante contratos de posta a disposición.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que esta mención debería eliminarse do texto da orde por ser discriminatoria e afectar a unhas determinadas empresas simplemente polo mero feito da  actividade empresarial e totalmente legal á que se dedican.

Quinta.- Anexos A, B e D. Exclusións.

En relación co requisito –tamén común a outros programas de axudas- establecido nas bases sétima do anexo A, sexta do anexo B e quinta do anexo D, no apartado d), polo que se exclúen dos incentivos ás traballadoras e traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido dentro dos tres meses previos á formalización do contrato polo que se poida solicitar axudas, cómpre significar que, por razóns de equidade, tal exclusión debería eliminarse, e iso porque a natureza da vinculación laboral previa que puidese manter o traballador que vaia contratar a posible empresa beneficiaria de axudas, é allea a esta última, motivo polo cal non debería afectar de ningún xeito ás súas posibilidades de acceso a axudas.

Sexta.- Anexos A e B. Incentivos.

Na base sexta do Anexo A fíxanse uns incentivos á contratación indefinida inicial que van desde os 3.500 € ata os 5.500 €, segundo os supostos, mentres que na base quinta do Anexo B establécese que a transformación en indefinidos dos contratos incentivarase cunha axuda máxima de 2.000 €.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería tratar de igualarse o importe dos incentivos á contratación inicial e á transformación.