ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO E NA EMPRESA ORDINARIA, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.


I. ANTECEDENTES


O día 18 de febreiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e na empresa ordinaria, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Nesta orde agrúpanse os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade, regulando nos seus Anexos A, B, respectivamente, os programas de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 16 de marzo de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 24 de xaneiro de 2007, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Desaparece a regulación neste proxecto normativo do programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade.

Artigo 5º. Solicitudes e prazo.

Engádese un parágrafo no apartado 3 deste artigo, establecéndose que
poderá solicitarse ata o 15 de maio de 2008 a subvención do custo salarial, polo mantemento dos centros especiais de emprego, que tendo a cualificación, non percibiran a subvención no exercicio 2007.

Artigo 6º. Documentación.
Como novidade, regúlase neste artigo a documentación xeral que debe acompañar ás solicitudes, esixíndose no apartado 2.d), que a persoa

interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos de consultaría ou asistencia técnica (segundo dispón o artigo 29º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia).

Artigo 8º. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Son novos os apartados 1 e 2 deste artigo, establecendo este último que o órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Apoio a Emprendedores da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para as solicitudes resoltas polo director xeral de Promoción do Emprego e o Servizo de Promoción do Emprego das delegacións provinciais para as solicitudes resoltas polos delegados ou delegadas provinciais.

Así mesmo, modifícase o apartado 3 deste artigo, establecendo que o prazo para subsanación de erros na solicitude fíxase en 10 días, sendo un prazo máximo e improrrogable.

Artigo 10º. Xustificación e pagamento.
Regúlase como novidade parte do disposto neste artigo (apartados 1 a 4), dispoñendo que a xustificación da subvención realizarase nos termos e condicións establecidos nos anexos A e B.


Artigo 12º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Modifícase o disposto neste artigo, engadíndose novas obrigas, que veñen establecidas nos apartados b), c), f), g), i), j), k) e l). Estímase que as letras j) e k) deben substituirse por ser impropias do alfabeto galego.

Disposición Adicional Novena.


Introdúcese unha nova disposición adicional, que establece o que xa figura na exposición de motivos: o programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo Plurirexional de Adaptabilidade e Emprego.

ANEXO A: Programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria.

Primeira.- Obxecto.
Modifícase o apartado 2, esixíndose que os contratos indefinidos para seren obxecto de subvención deberán ter data de inicio comprendida entre o 16 de setembro de 2007 e o 15 de setembro de 2008, ambas inclusive.

Segunda.- Entidades beneficiarias.
Modifícase o apartado 1, segundo parágrafo, establecéndose que, no caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán facerse constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario.
Así mesmo, desaparece a excepción que figuraba no apartado 2 desta base segunda.

Terceira.- Exclusións e requisitos.
Engádense dous novos apartados (4 e 5), establecendo que as axudas non poderán concederse a empresas dos sectores relacionados e que as empresas que teñan 50 ou máis persoas traballadoras  deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade.

Sexta.- Solicitudes e documentación.
Engádese nova documentación que debe acompañarse á solicitude, relacionada nos apartados g), h), j) e k).

ANEXO B: Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

Terceira. Tipos de axuda.
No caso de axudas para mantemento de centros especiais de emprego (apartado b) desaparece a bonificación de cotas á Seguridade Social.

Cuarta.- Proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego.
Engádese un parágrafo no apartado 1 para facer constar a finalidade destas axudas.

Sétima.- Solicitudes e documentación.
Modifícase o apartado 5 desta base, esixíndose no apartado a), xunto coa relación nominal de persoas traballadoras con discapacidade polas que se solicita subvención, a contía solicitada.

Novena.- Pagamentos da subvención do custo salarial.
Nesta base recóllese a forma de realizar pagamentos a conta da subvención concedida, que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, relacionando a documentación que deberá presentar a entidade beneficiaria.

Décima.- Pagamentos anticipados da subvención do custo salarial.
Regúlase o pagamento anticipado do 50% do total da subvención concedida para o caso de que as entidades beneficiarias estean recoñecidas como centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.

Finalmente, obsérvase que os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo non foron remitidos xunto con este para ditame deste Comité.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e na empresa ordinaria, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, quince artigos, nove disposicións adicionais e dúas derradeiras, ademais de dous anexos (A e B) que regulan os programas anteriormente citados.


O día 29 de febreiro de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais.









DITAME 11/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e na empresa ordinaria, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de febreiro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de febreiro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:









CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Finalidade.
No apartado 2, letra a), deste artigo establécese que a xestión destes programas realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.- Artigo 3º. Normativa aplicable.
Este Comité estima que o control debe ser incluído no texto deste artigo. Propónse un cambio na redacción desta disposición para que a normativa á que deben axustarse as solicitudes, tramitación e concesión destas axudas sexa de aplicación tamén ao seu control.

Terceira.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 2008.

Na orde reguladora destas axudas no exercicio de 2006 o prazo remataba o 30 de setembro, polo que este Comité propón que se amplie ata esa data tamén para o exercicio de 2008.

Por outra banda, o apartado 3 establece o prazo ata o 15 de maio de 2008 para as actuacións subvencionables realizadas no período entre o 16 de setembro de 2007 e a data de publicación desta orde.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido neste apartado 3 debería ser, a lo menos, dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Cuarta.- Artigo 7º. Autorizacións.
No apartado 1 deste artigo establécese que a presentación da solicitude comportará a autorización da persoa ou entidade interesada para que o órgano xestor poda solicitar as certificacións que nel se citan.

Este Comité propón engadir neste apartado que a presentación da solicitude comporte tamén a autorización para que o referido órgano xestor poda solicitar no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego, dependente da Xunta de Galicia, as certificacións recollidas no capítulo II, artigos 3º, 4º, 7º e 8º do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

Quinta.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Sexta.- Artigo 11º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo regúlanse as incompatibilidades das axudas e subvencións establecidas nesta orde.

Este Comité propón que se engada un apartado 4 no que se estableza a presentación, xunto coa solicitude, dunha declaración de non estar incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sétima.- Artigo 12º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado a) deste artigo establécese a obriga de realizar a actividade que fundamente a axuda ou subvención.

Este Comité considera que debe constar que a obriga se estenda a toda a duración do Plan presentado.

Por último, este Comité propón engadir neste artigo un novo apartado no que se estableza que, se a entidade beneficiaria é un Centro Especial de Emprego, estará obrigado ao cumprimento do disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento.

Finalmente, neste artigo, así como na base sexta do Anexo A, faise referencia ás letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan.

Oitava- Anexo A. Cuarta. Axudas.
No apartado 1, letra d) desta base cuarta, establécese que a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Así mesmo, faise referencia a este informe na base sétima, apartado 2, con motivo da xustificación do pagamento.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de que o citado informe poda ser emitido tamén polo Delegado/a de prevención ou o Comité de Seguridade e Saúde na empresa, de ser o caso.

Igualmente, este Comité considera que debe eliminarse o último inciso deste apartado 1, letra d), que dí: “Esta axuda, se non é solicitada pola empresa, poderá ser solicitada polo propio traballador ou traballadora”, porque segundo o disposto na base segunda, a persoa traballadora non é beneficiaria nin está previsto na orde o procedemento para que esta poda percibir a axuda.




ANEXO


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, ven constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre o empresariado na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras discapacitadas.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento. No anexo B do proxecto normativo alúdese aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, pero consideramos que non é suficiente.  

Se volvemos de novo á realidade, esta nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras que posúen discapacidades prácticamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar a aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estase xa a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non calificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dé cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requerimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, os axentes sociais galegos a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes Comités provinciais.