ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL E DE PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO E SE PROCEDE A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES

O día 22 de febreiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece un conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas, como socios e socias traballadores/as ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio. Así mesmo, preténdese mediante incentivos para o financiamento dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial, aumentar a competitividade destas empresas co obxecto último de manter o seu emprego.

Os programas de promoción do cooperativismo establecen axudas para o impulso de proxectos empresariais cooperativos, incluso na fase previa a súa constitución formal, fomentándose, especificamente, o acceso á condición de socios e socias traballadores/as para incentivar a plena integración na empresa cooperativa e establecéndose axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 19 de marzo de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 18 de decembro de 2006 (Ditame 43/06), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Introdúcese un programa especifico de apoio ás cooperativas que prestan servizos sociais e de integración social (programa VI). Así mesmo, poténcianse os procesos de asesoramento e acompañamento das novas iniciativas de proxectos empresariais cooperativos, e do seu acceso aos fondos de garantía (programa III).


Artigo 2º.- Persoas e entidades beneficiarias.
Engádese ao proxecto normativo este novo artigo (xa presente na orde publicada no DOG o 19 de marzo de 2007), que regula as persoas e entidades que poden acollerse ás subvencións previstas na orde, os requisitos que con carácter xeral deben reunir os/as beneficiarios/as e os supostos en que esta orde non será de aplicación.

Artigo 3º.- Financiamento e normativa reguladora.
O apartado 2 deste artigo ten en conta a consideración manifestada no ditame 43/06, mencionando entre a normativa reguladora da tramitación e concesión das solicitudes a Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.- Competencia.
Modifícase o apartado 1 deste artigo, atribuíndo a competencia para resolver as solicitudes de axudas relativas aos programas I, II, IV e VI, por delegación do conselleiro/a, exclusivamente aos delegados/as da provincia do domicilio social da cooperativa ou sociedade laboral.

Artigo 5º.- Solicitudes, prazo e documentación.
Engádese un parágrafo no apartado 6 deste artigo, permitindo ás entidades que soliciten máis dun programa dos previstos nesta orde, xuntar únicamente un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores.


Artigo 8º.- Forma de pagamento e xustificación.
O apartado 1 modifícase ao establecer un prazo de dez días, desde a notificación, para que os interesados acepten a resolución definitiva.

O apartado 3 modifícase de acordo co manifestado no ditame 43/06, establecendo que, de non achegarse con anterioridade, poderá presentarse a documentación xeral e específica antes do 30 de novembro de 2008.

Relaciónase nova documentación específica (ap.3.2) no caso de asesoramento e acompañamento de proxectos (apartado e) e cando se trate de incorporacións ou contratacións de profesionais (apartado h).

Artigo 9º.- Prohibicións , incompatibilidades e concorrencia.
Engádense neste artigo dous apartados novos (números 7 e 9). O apartado 7 establece a compatibilidade entre as axudas do programa III (Impulso de proxectos empresariais cooperativos), e as dos restantes programas regulados na orde. O apartado 9 esixe que o importe máximo das axudas para cada finalidade respecte os límites establecidos nos distintos programas.

Artigo 14º.– Axudas baixo condicións de mínimis.
Modifícanse os límites máximos das contías das axudas reguladas na orde, nos termos da normativa europea vixente, de xeito que a axuda total de mínimis concedida a unha empresa determinada non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros cando se trate dunha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

Base Primeira.- Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.
Seguindo a consideración manifestada no ditame 43/06, procédese a unha nova redacción do apartado 2.1 b), recoñecendo a condición de beneficiarios/as das axudas ás “persoas maiores de 25 anos e menores de 30 que finalizaran a súa educación a tempo completo nos dous anos anteriores á súa incorporación e que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado”.

Base Segunda.- Programa II: Mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais.
Introdúcese unha nova excepción no apartado 5.3 desta base, eximindo da presentación de tres ofertas cando o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Base Terceira.- Programa III: Impulso de proxectos empresariais cooperativos.
O apartado 1, in fine, establece que terán a consideración de proxectos subvencionables, entre outros, a constitución de novas cooperativas ou o lanzamento de novas áreas funcionais ou territoriais de actividade polas cooperativas en funcionamento.

Modifícase o apartado 2, considerando beneficiarios/as deste programa ás cooperativas de nova creación ou ás que acometan novos proxectos empresariais, así como ás persoas e entidades que presten os servizos de asesoramento e acompañamento de proxectos.


Introdúcese un novo apartado (apartado 3) para regular específicamente o asesoramento e acompañamento de proxectos, determinando as actividades obxecto de subvención, o contido do plan de traballo normalizado que debe presentarse, a formación específica das persoas que presten o asesoramento e a contía da subvención.

Suprímese deste programa a modalidade de axuda a promotores/as dos proxectos empresariais cooperativos procedentes de procesos de reconversión, reestruturación ou peche de empresas para a adaptación ás características do novo proxecto expresarial.

Engádese un novo apartado (apartado 6) que subvenciona ata o 75 % dos custos derivados da concertación de financiamento a través de entidades de garantía recíproca, nun máximo de 6.000 euros por proxecto.

Base Cuarta. Programa IV: Fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a.
O apartado 3 determina a contía máxima das axudas previstas neste programa, que, no momento do seu pagamento, non poderá superar os importes efectivamente desembolsados en concepto de achega ao capital social e cota de ingreso.

Base Quinta. Programa V: Actividades de promoción do cooperativismo e adaptación ás tecnoloxías de información e as comunicacións.
Na modalidade de fomento de cooperativismo (apartado 3.1), introdúcense novas actividades subvencionables e elévase a contía máxima das axudas, que ascende ata 30.000 euros por beneficiario/a (20.000 no borrador do ano pasado).

Así mesmo, a contía das axudas previstas na modalidade de adaptación as tecnoloxías da información e as comunicacións (apartado 3.2) elévase ata un máximo de 10.000 € por beneficiario/a. (6.000 no exercicio anterior), coincidindo este límite co das axudas á implantación de sistemas telemáticos para a xestión empresarial e societaria e para comercio electrónico.

O apartado 4 engade como criterio de avaliación para a concesión das  axudas o emprego da lingua galega na realización da actividades para as que se solicita a subvención, outorgándolle un máximo de 15 puntos.

Base Sexta. Programa VI: Apoio ás cooperativas que prestan servizos sociais e de integración social.

Este novo programa subvenciona ata o 75% dos gastos ocasionados con motivo da incorporación como socios/as ou contratación de profesionais de especial cualificación necesarios para a viabilidade da empresa, adquisición de medios materiais que redunden directamente na mellora da calidade do servizo e a organización de programas novidosos e de prestacións e servizos adicionais de proximidade.

Con caracter xeral a contía máxima subvencionable neste programa non poderá superar os 40.000 euros por cooperativa.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, catorce artigos, tres disposicións adicionais e dúas derradeiras e un anexo coas bases reguladoras de cada un dos seis programas de axudas.



O día 29 de febreiro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.





DITAME 12/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o  de decembro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de febreiro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera necesario que se recolla no proxecto normativo o establecido no artigo 11º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro Xeral de Subvencións, que di literalmente: “as persoas membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte do plan de formación en nome e por conta desta terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias”.

Segunda.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames entende que para ditaminar axeitadamente os contidos deste proxecto de orde, na medida en que se trata dunha norma que ten antecedentes nas anteriores de contido semellante que tiñan vixencia para os pasados exercicios, sería conveniente ter recibido da Consellería información dos resultados da aplicación das normas precedentes nos exercicios anuais xa pechados, expresando cando menos o número de solicitudes e o número de contratos de traballo por elas afectados, así como expresión das solicitudes resoltas en sentido favorable, total ou parcialmente, e das rexeitadas, para poder calibrar co apropiado coñecemento de causa o alcance e efectos da norma, e poder avaliar convenientemente as posibilidades de suxerir modificacións e reformas que poideran mellorar o cumprimento dos obxectivos da nova orde.

En aplicación do artigo 3º, apartado 2, letra g), da Lei 7/1988, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais (que sinala entre as funcións do Consello a de “solicitar e recibir dos órganos competentes da Xunta de Galicia canta información precise para o desempeño das súas funcións”), solicítase que, co envio de normas a ditaminar, ademáis das correspondentes memorias, se acompañen os datos antes sinalados, naqueles casos en que como este, se trate de normas destinadas a renovar para o ano actual outras promulgadas coas mesmas finalidades en exercicios anteriores.

Terceira
Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 4º.- Competencia.

Este Comité non entende a distribución de competencias entre os distintos programas e o motivo polo que non se seguíu o criterio territorial ou xerárquico.

Segunda. Artigo 5º.- Solicitudes, prazo e documentación.

Prazo.- Este Comité considera que os prazos establecidos neste artigo 5º deberían ser comúns a todos os programas regulados no proxecto normativo.

Documentación.- O Comité pon de manifesto que non se achegaron ao Consello os anexos aos que fai referencia o artigo 5º. 6 do proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.

Terceira. Artigo 7º.- Resolución e recursos.
Resolución. O apartado 3 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que se propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Recursos.- Ademáis do recurso previo de reposición, previsto no apartado 4 deste artigo, este Comité considera que as resolucións ditadas polos delegados/as provinciais ou pola Dirección Xeral de Relacións Laboais non deberían esgotar a vía administrativa, para posibilitar a interposición de  recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Traballo.

Cuarta. Base Primeira.- Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

No apartado 2.1, establécese que poderán acollerse ás axudas previstas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como socios e socias traballadores/as ou de traballo a aquelas persoas que, no momento da incorporación sexan desempregadas, máis non define claramente o momento no que se adquire esa condición (se é cando se outorga a escritura, cando se inscribe a constitución da cooperativa, …).

Por esta razón, as organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, propoñen que se clarifique cando se adquire a condición de socio/a traballador/a ou de traballo.

Neste apartado 2.1. aparecen as letras j. e k. Este Comité considera que estas letras son impropias do idioma galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

No apartado 2.1. l) parece que se queren establecer dous períodos para considerar un desempregado como de longa duración. Este Comité propón que se suprima o último inciso, xa que os menores de 25 anos están expresamente citados na letra a).

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Base Primeira.- Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

O apartado 2.1.ñ) refírese, dentro dos colectivos beneficiarios, a traballadores e traballadoras desempregados/as por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52 b) e c) do Estatuto dos Traballadores...

A Confederación de Empresarios de Galicia non comprende o motivo de non incluir nesta letra ñ) o apartado a) do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores (ineptitude anterior descoñecida).