ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE REGULAN AS MEDIDAS MUNICIPAIS DE CONCILIACIÓN DE PROMOCIÓN AUTONÓMICA E SE ESTABLECEN OS REQUISITOS PARA A SÚA VALIDACIÓN E FUNCIONAMENTO, NOS TERMOS ESTABLECIDOS NA LEI 2/2007, DO 28 DE MARZO, DO TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES DE GALICIA.

I. ANTECEDENTES

O día 3 de marzo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se regulan as medidas municipais de conciliación de promoción autonómica e se establecen os requisitos para a súa validación e funcionamento, nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


A realidade actual demanda aos poderes públicos o reaxuste dos horarios para conciliar os tempos de vida (domésticos, parentais e privados) cos de traballo remunerado, especialmente das mulleres, formúlandose a necesidade de políticas proactivas de igualdade que permitan crear as condicións para que as mulleres poidan desempeñar as tarefas domésticas e de coidados e as mercantís. Esta nova reorganización debe pasar pola repartición paritaria entre varóns e mulleres das tarefas de reproducción e polo establecemento de políticas públicas que persuadan aos distintos actores sociais de que a sostenibilidade da vida é tarefa colectiva e non de cada unha das mulleres.

Na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, recóllense estes cuestionamentos sobre os tempos sociais e se establecen normas que posibilitan que os concellos administren de forma autónoma os horarios públicos e privados da súa cidade segundo as necesidades da cidadanía.

Este proxecto normativo, que por primeira vez se somete a ditame deste organismo, desenvolve o que a Lei 2/2007 regula no seu Título VI, sobre promoción autonómica das medidas municipais de conciliación, especialmente o relativo aos plans de programación do tempo da cidade e aos bancos municipais de tempo, que son sistemas de intercambios locais que contribúen a crear vínculos sociais pola súa forma de funcionamento e o tipo de servizos rendidos, sendo o valor tempo a única unidade de conta para os intercambios de servizos.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Capítulo primeiro.
Neste capítulo determínase o obxecto da promoción autonómica das medidas muncipais de conciliación, nas que se integran os Bancos Municipais de Tempo, os Plans de Programación do Tempo da Cidade, e/ou a implantación de calquera outras medidas, os Plans locais de conciliación, así como o asesoramento autonómico para a elaboración e para a aplicación de medidas municipais de conciliación.

Tamén neste capítulo defínense cada unha das medidas muncipais e establécese o ámbito de aplicación do decreto.

De acordo co artigo 5 deste proxecto normativo, as entidades beneficiarias son os concellos, individualmente ou asociados entre eles, con independencia de que a xestión das medidas se realice por si mesmos ou a través doutras entidades públicas ou privadas, outorgándose preferencia aos concellos que conten coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro.

Finalmente, este capítulo dispón que as medidas municipais de conciliación poden ser susceptibles de diferentes tipos de axudas por parte da comunidade autónoma, nos termos establecidos no artigo 6 do proxecto normativo.




Capítulo segundo.

Segundo o artigo 7, a validación, seguimento e control das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica corresponde ao departamento competente en materia de Traballo, a través da Unidade Administrativa de Igualdade, que actuará en coordinación co departamento da Administración Autonómica competente en materia de Igualdade, créandose a Comisión Interdepartamental de Conciliación.

A validación da medida municipal de conciliación deberá ser solicitada, conforme aos anexos do proxecto normativo, por parte da persoa titular ou representante legal da entidade municipal que implante a medida, presentando a documentación que se relaciona no artigo 9.

No artigo 10 regúlase a tramitación da solicitude, que será resolta pola persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo nun prazo de seis meses, estimándose a solicitude en caso de silencio administrativo. A obtención da validación da medida municipal de conciliación permitirá a entidade da que depende a participación nas convocatorias de axudas, extinguíndose a validación polas causas previstas no artigo 12.

O seguemento das medidas municipais de promoción autonómica corresponde á Unidade Administrativa de Igualdade do departamento autonómico competente en materia de Traballo. Establécense ademáis no artigo 13 as obrigas do concello titular da medida de conciliación para facilitar o seguemento.

Capítulo terceiro.
Neste capítulo regúlanse os requisitos para a implantación das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica e as funcións das persoas responsables de cada tipo de medida.

No suposto dos bancos de tempo, elaborarase unha base de datos das persoas asociadas e un “rexistro de contas” da efectividade dos intercambios. Para o funcionamento do banco de tempo será necesario a elaboración duns estatutos, un regulamento interno, unha carta de adhesión, un catálogo de recursos, talonarios de tempo e o boletín de servizos.

As persoas responsables dos plans de programación do tempo da cidade establecerán os mecanismos que proporcionen a coordinación dos horarios da cidade e constituír a mesa de concertación do plan de programación do tempo da cidade, dando conta anual das xestións realizadas ante o pleno do concello.

Capítulo cuarto.
A promoción autonómica das medidas municipales de conciliación comprenderá o asesoramento ao concello que pretenda implantalas, sendo este un asesoramento total, permanente, gratuito, urxente e motivado, nos termos do artigo 16 do proxecto normativo.

Capítulo quinto
O artigo 20 do proxecto normativo crea a Comisión de Persoas Expertas en Conciliación, composta por profesionais de recoñecido prestixio, para asesorar á Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de Traballo.

O asesoramento desta Comisión será preceptivo, ainda que non vinculante, cando se trate de avaliar a constitución ou mellora dun Banco Municipal de Tempo, a elaboración dun Plan de Programación do Tempo da Cidade, ou a implantación dun Plan Local de Conciliación.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “decreto polo que se regulan as medidas municipais de conciliación de promoción autonómica e se establecen os requisitos para a súa validación e funcionamento, nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia” consta de: Preámbulo, cinco capítulos, vinte e tres artigos e unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.


O día 24 de marzo de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e catro específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola Confederación Intersindical Galega (Anexo I), unha consideración específica manifestada pola Confederación Intersindical Galega e o SN de CC.OO. de Galicia (Anexo II), unha consideración específica manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais SN de CC.OO  de Galicia e UGT- Galicia (Anexo III), e dúas consideracións xerais e cinco específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo IV).



DITAME 14/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se regulan as medidas municipais de conciliación de promoción autonómica e se establecen os requisitos para a súa validación e funcionamento, nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de marzo de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.
Este Comité considera que o texto debe adaptarse á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.

Segunda.
Este Comité entende que non se pode sustentar no voluntariado a política de conciliación e de inserción laboral das mulleres, tal e como se manifestou no Ditame 27/06, do 6 de xullo, emitido sobre o anteproxecto de lei, daquela chamado Lei galega para a inserción laboral das mulleres, solicitando, na consideración específica 8ª de carácter unánime, a retirada do capítulo dedicado aos bancos municipais de tempo.

Cómpre sinalar que, aínda que a promoción autonómica de medidas municipais de conciliación (bancos municipais de tempo e plans de programación do tempo da cidade) regúlase nos artigos 42 a 51 da Lei 2/2007 do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, non obstante, non existe regulación destas medidas na Lei orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Faise constar, ademáis, que a Lei 2/2007 non foi obxecto do proceso de concertación social iniciado tras o asinamento da Declaración institucional polo diálogo social o 5 de novembro de 2005 e que foi só sometida ás consultas correspondentes.

Os bancos municipais de tempo naceron como experiencias destinadas a promover intercambios que melloren a calidade de vida de toda a comunidade, sendo dirixidos a toda a poboación, considerando que posibilitan o fomento dos contactos interpersoais e o nacemento de vínculos de amizade e colaboración, distando, por tanto, da concepción na que aparecen neste proxecto. A este respecto, este Comité considera que a política de conciliación non pode sustentarse no voluntariado e que a inserción laboral das mulleres galegas e a conciliación da vida familiar e laboral non pode pasar por ter que empregar a solidariedade da vecindade.

Máis aínda, tendo en conta o enfoque que aparece recollido no proxecto de decreto sometido a ditame, este Comité teme que a base de datos das persoas demandantes vaia estar tamén feminizada, contribuíndo por tanto a manter unha vez máis as estereotipas e a gratuidade do traballo desempeñado por mulleres. Para evitalo, este Comité considera necesario que se impulse a participación de ámbos os dous sexos.

No proxecto de decreto prevese só a contratación de persoal en casos excepcionais (persoal xestor dos bancos de tempo e persoal con funcións de respiro familiar), cuestión que este Comité non entende que apareza recollida só nestes casos. Ademáis, debería coordinarse co desenvolvemento da Lei de dependencia para evitar duplicidades nos servizos.

No decreto non se explicita cal vai ser a modalidade de contratación do persoal contratado pola entidade local ou dependente. Alúdese a que será a máis adecuada, pero non se fala da súa formación, experiencia laboral, etc., sendo preciso soamente presentar na documentación a relación do persoal, con indicación horaria e as funcións, mais non se solicita un perfil.

Terceira.
Este Comité considera que o proxecto normativo sometido a ditame supón a creación de supraestruturas representativas que precisan dunha regulación pormenorizada que determine o seu funcionamento e que procedería incluirse neste decreto.







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Preámbulo.
Este Comité propón unha revisión na redacción do último parágrafo do preámbulo, en especial na alusión á Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia.

Así mesmo, proponse se inclúa neste parágrafo que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 15º. Funcións das persoas responsables das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica.
Á vista do esixido no apartado 1 deste artigo, este Comité entende que debería explicitarse cál é a figura xurídica que adoptará o Banco de Tempo (unha asociación, unha fundación, un consorcio, etc.).

Terceira.- Artigo 20º. A Comisión de Persoas Expertas en Conciliación.
Este Comité considera que sería conveniente indicar cántas persoas forman parte desta comisión.

Cuarta.- Artigo 21º. Designación das persoas membros da comisión.
Este Comité considera que a referencia que o apartado 1 realiza aos axentes sociais na elaboración da lista, debería facerse ás organizacións empresariais e sindicais máis representativas.

ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

A partir do xa sinalado na segunda consideración xeral unánime formulada no presente ditame, a Confederación Intersindical Galega (CIG) considera necesario completala coas seguintes manifestacións:

Sendo defensoras e defensores da integración da perspectiva de xénero na aplicación de todas as políticas públicas (transversalidade), consideramos sen embargo que nos enunciados e nas previsións de desenvolvemento deste decreto estanse a duplicar organismos (unidade administrativa de igualdade do departamento de traballo, departamento competente en materia de igualdade) e a invadir ou solapar competencias, tanto no que se refire ás medidas de igualdade, como ao tratamento e aplicación da lei de dependencia.

Non se concreta en que van consistir as axudas e o seu alcance, nen se elas van ser compatibles ou incompatibles coas outras doutras administracións. Tampouco se fai diferenciación entre os concellos de máis de 6000 habitantes e os de menos. En caso de existir, consideramos que deben ser especificadas as axudas aos suxeitos privados e as subvencións para a elaboración dos plans aos concellos.

En canto ao método de designación das persoas expertas establécese que será elaborada por consenso entre os departamentos da administración autonómica con competencias en materia de traballo e igualdade e os axentes sociais, mais non se explicita qué metodoloxía vaise seguir para realizar a escolla. Consideramos que se deben ter en conta os principios de igualdade, mérito e capacidade, e que por tanto son esas as pautas, e non a designación directa, as que deben seguirse para a selección.

En ningunha parte do proxecto faise referenza á formación das persoas ou axentes de tempo; nen en que vai consistir, nen quen a vai impartir, nen de que xeito se realizará.

A CIG apoia e demanda unha nova planificación horaria das cidades, vilas, aldeas e pobos, de xeito que a conciliación da vida persoal, familiar e laboral sexa máis doada. Por iso, no aspecto no que maior coincidencia e interese temos, que é precisamente o da planificación horaria dos núcleos de poboación, botamos en falta a alusión ás vilas, aldeas e pobos, que aparecen incluídas na lei e sen embargo non se refire a elas/es o proxecto de decreto, cuxo contido parece dirixirse en exclusiva ás cidades. Requirimos unha maior definición neste apartado, concretando a responsabilidade negociadora -cuestión ésta coa que non coincidimos- dos concellos e outros organismos para aplicar unha redefinición dos horarios, tendo en conta ao número de poboación e recursos implicados e tamén, por outra parte, que existen diferentes horarios na administración e nos comercios.

En definitiva, este proxecto de decreto fala de medidas municipais de conciliación, cando debería denominalas como políticas públicas do tempo, ou políticas municipais do tempo de promoción autonómica, tanto no que se refire aos plans de tempo das cidades, ou oficinas municipais do tempo, como á experiencia dos bancos de tempo. Nese senso, en ningún caso debería empregarse a terminoloxía de medidas municipais de conciliación, xa que a filosofía que subxace aos bancos de tempo ten que estar relacionada co intercambio entre persoas que prestan un tipo de servizo privado e particular (de custodia, de coidado, e de axuda), a cambio doutros servizos diferentes que producen beneficios inmateriais.


ANEXO II



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA E O SN DE CC.OO. DE GALICIA:


Artigo 14º.- Requisitos para a implantación das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica.

Consideramos que, en todo caso, neste artigo do proxecto normativo debería concretarse un listado de servizos susceptíbeis de intercambio.














ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA, E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:


Artigo 15º.- Funcións das persoas responsables das medidas municipales de promoción autonómica.

A letra b) do apartado 2 deste artigo determina a participación mínima para a constitución da mesa de concertación do plan de programación do tempo da cidade.

Propónse que a representación nesta mesa sexa de carácter cuatripartito, con presencia das administracións públicas, das organizacións sindicais máis representativas, das organizacións empresariais máis representativas e outras asociacións radicadas no correspondente concello.





ANEXO IV


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A) CONSIDERACIÓNS XERAIS

Primeira.

Gardando a necesaria coherencia co manifestado no ditame 27/06, do 6 de xullo, do Consello Galego de Relacións Laborais, a Confederación de Empresarios de Galicia segue a amosar unha posición contraria aos bancos municipais de tempo polos seguintes motivos:

- Os bancos de tempo, xestionados polas entidades locais, poden supoñer na práctica un obstáculo á posta en marcha de empresas privadas e servizos públicos, que entendemos que son o medio axeitado para satisfacer as necesidades de prestación de servizos da cidadanía, non sendo necesario articular novas medidas que xa teñen marco suficiente na normativa reguladora do voluntariado.

- É necesario que os servizos se presten coa necesaria calidade, o que só se garante  dentro do marco dunha axeitada organización que favoreza a mellora da cualificación dos seus recursos humanos en condicións de competencia. Na normativa prevese que a través do Banco de Tempo se poida atender a persoas dependentes, o cal implica que a atención deberá ser dada por profesionais da atención a dependentes e non por calquera terceiro que se apunte a un banco de tempo.

Xa no Acordo sobre a acción protectora da atención ás situacións de dependencia se establece que:

O sistema fomentará a calidade na prestación dos servizos de atención á dependencia co fin de asegurar, de forma eficiente, os dereitos das persoas en situación de dependencia; para iso, incorporaranse as condicións comúns de acreditación dos servizos e dos centros, os estándares de calidade dos servizos e calidade do emprego, os indicadores, as guías de boas prácticas, as cartas de servizos, os sistemas de avaliación e investigación, desenvolvemento e innovación.”

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que un Banco de Tempo non é sistema suficiente para garantir a axeitada calidade dos servizos de atención ás persoas dependentes.

Segunda.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que as medidas municipais de conciliación non deben incidir nos horarios laborais. Unha cousa son os horarios dos servizos das empresas e outra a xornada laboral.





B) CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS.

Primeira.- Preámbulo.
Non se comparte o texto do preámbulo, excesivamente doutrinario e sociolóxico; así, na súa extensa exposición de motivos fanse afirmacións que deben ser matizadas, como, por exemplo, cando sinala que nos países europeos se están a dar políticas sobre a redución do tempo de traballo”; tal referencia parécenos que non encaixa, por canto a finalidade da norma, en consonancia coa lei que pretende desenvolver, fala de organización ou optimización do tempo, pero en nada fai referencia a reduccións de xornada.

Segunda- Artigo 4º.- Ámbito de aplicación.
Para a determinación da xornada laboral, o Estatuto dos traballadores deixa basicamente á autonomía colectiva, a través do convenio colectivo, a determinación da xornada de traballo. Por iso, a Confederación de Empresarios de Galicia propón engadir no artigo 4º que as medidas municipais de conciliación de titularidade municipal non interferirán na negociación colectiva e non establecerán compromisos sobre a xornada laboral das traballadoras e dos traballadores.

Terceira- Artigo 6º.- Sistemas de Promoción Autonómica.
Por outra banda, se os horarios de actividade das empresas se prolongasen, provocando tamén contratacións suplementarias de persoal, tales contratacións, que serían de carácter especial, deberían ser subvencionadas, polo que deben engadirse ao elenco de subvencións establecidas no artigo 6º.1.

Cuarta.- Artigo 12º.- Extinción da validación.
O apartado 2 deste artigo dispón que a extinción da validación será acordada a proposta da Unidade Administrativa de Igualdade, con coñecemento da Comisión Interdepartamental de Conciliación e previo o correspondente trámite de audiencia.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que non queda clara cál é a función da Comisión Interdepartamental e se esa audiencia se refire ao beneficiario ou á referida comisión.

Quinta.- Artigo 15º. Funcións das persoas responsables das medidas municipales de promoción autonómica.
Na letra b) do apartado 2, regúlase a composición da mesa de concertación do plan de programación do tempo da cidade incluíndose tanto as asociacións empresariais representativas no ámbito autonómico coma as asociacións de ámbito territorial inferior.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón substituír esta mención pola de “organización empresarial máis representativa no ámbito autonómico”, sendo innecesaria, xa que logo, a mención ás asociacións empresariais con implantación no ámbito territorial inferior.