ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de marzo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Estratexia Europea de Emprego, co obxectivo de que a comunidade autónoma de Galicia acade maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, promovendo a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, en especial dos mozos e mozas, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo (BOE do 12 de xullo de 2007), adicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento se tenderá ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e se prestará especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31º que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38º dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Neste contexo, esta orde regula o programa de promoción do emprego autónomo, e procede á súa convocatoria para o ano 2008.

O programa de promoción do emprego autónomo está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo Plurirexional de Adaptabilidade e Emprego, do 15 de decembro de 2007.

Á vista do borrador agora remitido obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións manifestadas no ditame emitido polo Consello con data 16 de xaneiro de 2007.

Por outra banda, hai que sinalar que non se achegan os anexos aos que fai referencia a Orde, polo que non poden ser obxecto de ditame por este Comité.

Tendo en conta o borrador da mesma orde do ano 2007 e o texto publicado no DOG o día 8 de marzo de 2007, sínalanse as seguintes novidades:

Artigo 1º.- Obxecto e finalidade.
Este artigo establece que as axudas previstas na orde financiarán proxectos empresariais individuais por parte de persoas desempregadas, subvencionando as altas no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou por conta propia ou en mutualidade de colexio profesional.

Artigo 2º.- Persoas beneficiarias.
O apartado 2 deste artigo recoñece condición de persoas beneficiaria das axudas aos traballadores/as autónomos/as ou por conta propia cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís sempre que as soliciten a título persoal, quedando excluidas as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

Artigo 3º.- Definicións.
Cambia o título deste artigo (“concepto de persoa desempregada” no 2007), de acordo co novo contido deste.

No apartado 1, ademáis da definición do que se entende por persoa desempregada, determínanse os conceptos de persoa desempregada de longa duración, emigrante retornado, persoa desempregada procedente de empresa en crise e persoa responsable de familia monoparental e con cargas familiares, antes regulados na disposición adicional cuarta.

Dispónse ademáis, que as comprobacións relativas á inscrición no Servizo Público de Emprego e á condición de persoa con discapacidade realizaranas directamente o órgano xestor da axudas.

Así mesmo, no apartado 2, establécense os colectivos que se consideran en risco ou en situación de exclusión social a efectos desta orde.

Artigo 4º.- Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia.
Esta modalidade de axuda, que substitúe á renda de inicio de actividade (artigo 5º da orde do ano pasado), subvenciona o establecemento das persoas desempregadas como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, sempre que se acredite un investimento en inmovilizado fixo non inferior a 3.000 euros e se realice nos entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores..

Artigo 5º.- Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo engádese un novo parágrafo no que se esixe a formalización dos préstamos subvencionables entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 31 de outubro de 2008, ou no prazo específico establecido na resolución de concesión.

De acordo co cuarto parágrafo deste apartado 1, esta subvención pode reducir ata catro puntos o tipo de xuro fixado pola entidade financeira, idéntica contía á determinada no borrador do ano pasado, reducindo os oito puntos previstos na orde publicada no DOG.

A subvención calcularase sobre os oito primeiros anos de vixencia do préstamo, puidendo ser o tipo de xuro fixo ou variable.

O último parágrafo do apartado 1 introduce a obriga de que o beneficiario/a presente certificación acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención.

As contías desta subvención e da subvención polo establecemento, increméntanse en función das dificultades de inserción laboral do colectivo ao que pertenezca a persoa desempregada, ascendendo ata os 10.000 euros no suposto de mulleres desempregadas con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social. Así mesmo, Nestas modalidades de axudas, e na axuda excepcional, están previstas unhas contías superiores para as persoas con discapacidade.

Por outra banda, nos artigos 6º e 7º deste proxecto normativo, engádense dúas novas modalidades de subvención, que financian parcialmente a contratación de servizos externos de mellora do desenvolvemento da actividade, a realización de estudos de viabilidade, organización, comercialización, e diagnose (subvención para asistencia técnica), e o cursos relacionados coa dirección, xestión empresaria e novas tecnoloxías para formación do traballador/a autónomo/a (subvención para a formación).

Para que estas accións sexan subvencionables deberán desenvolverse integramente nos tres  meses anteriores e nos seis meses seguintes ao inicio da actividade, ascendendo a contía da subvención ata o 75 por cento do custo dos servizos prestados, ata un máximo de 1.000 euros (subvención para asistencia técnica) e 3.000 euros (subvención para a formación).

Artigo 8º.- Axuda excepcional.
Modifícase o segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo, excluindo da subvención o imposto sobre o valor engadido ou equivalentes, e establecendo que os gastos subvencionables realizaranse entre os tres  meses anteriores (dous meses no borrador do 2007) e os seis meses seguintes ao inicio da actividade. Así mesmo engádese como subvencionable o gasto en seguros do local.

As contías da subvención elévanse de 800 a 2.400 euros no apartado 2 e de 1.600 a 3.600 euros para os supostos previstos no apartado 3.

Así mesmo, modifícase o apartado 5, reducindo o prazo de presentación de solicitudes a dous meses desde a data de alta na Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional (seis meses no ano 2007).

Artigo 10º.- Solicitudes e prazo.
Modifícanse os apartados 2 e 3 deste artigo, finalizando o prazo xeral de presentación de solicitudes o día15 de xullo de 2008 (15 de setembro no 2007), e o prazo para as solicitudes relativas a actuacións realizadas entre o 16 de setembro do ano 2007 e a data de publicación da orde, o 31 de maio (31 de marzo no 2007).
Artigo 11º.- Autorizacións.
Engádese este novo artigo co contido dos apartados 2, 7 e 8 do artigo 8º do borrador do ano pasado (“Solicitudes e prazo”).

Artigo 12º.- Documentación.
Prócedese a unha reestruturación deste artigo, establecendo en dous apartados distintos a documentación común e a documentación específica.

O apartado 3 deste artigo dispón, de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que cando o gasto subvencionable supere as contías que se relacionan neste precepto, a persoa interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación (agás as excepcións previstas). As ofertas presentadas achegaranse coa solicitude de subvención,  debendo xustificarse a elección entre elas nunha memoria.

Artigo 13º.- Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Ademáis de revisarse o título deste artigo, engádense dous novos apartados: No apartado 1 establécese que o procedemento de concesión axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun unico procedemento. No apartado 2 determínase o órgano instructor, que será o Servizo de Promoción do Emprego da correspondente delegación provincial.




Artigo 15º.- Xustificación e pagamento.
Como novidade, este artigo establece os conceptos de gasto subvencionable e gasto realizado, e determina que a xustificación dos gastos realizarase mediante documento bancario acreditativo do seu aboamento.

O apartado 8 fixa que o prazo máximo para a xustificación será o sinalado na resolución da concesión ou, no seu caso, o 31 de outubro de 2008.

Artigo 16º.- Obrigas dos beneficiarios.
Neste artigo introdúcense as novas obrigas que figuran nas letras b), f), g), i) j) amplíanse as recollidas nas letras a), h), e l), e modifícase a letra k) reducindo esta obriga un período de dous anos (tres no borrador do ano pasado).

Artigo 19º.- Revogación e reintegro.
Introdúcense neste artigo tres novos apartados, nos que se determinan os supostos en que procederá o reintegro parcial e os supostos de reintegro total da subvención.

Artigo 21º.-  Réxime das axudas.
Este novo artigo dispón que as axudas reguladas na orde están sometidas ao réxime de minimis, nos termos do Regulamento (CE) Nº 1998/2006 da Comisión, de 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis, polo que, como regra xeral, a axuda total de minimis a unha empresa non superará os 200.000 euros durante calquera período de tres exercizos fiscais, non pudiendo concederse a empresas dos sectores que se indican neste precepto.


Disposición adicional sexta.
Esta nova disposición establece que as axudas dos artigos 4º e 5º incrementaranse nas contías e supostos previstos no artigo 8º do Real Decreto 5/2008, do 11 de xaneiro, polo que se establecen as medidas para facilitar a adaptación laboral do sector téxtil e da confección aos cambios estruturais no comercio mundial.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e un artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 2 de abril de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) (Anexo I), e once consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).






DITAME 16/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que non se achegaron a este organismo consultivo os anexos aos que fai referencia o proxecto normativo.
Segunda.
No apartado 2 dos artigos 3º e 8º, así como no artigo 16º establécese unha clasificación con letras, entre as que figuran a letra j) e a letra k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan.

Terceira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo non se respectan as diferenzas de xénero na denominación dos cargos públicos.

Este Comité propón unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de Motivos
No cuarto parágrafo da Exposición de Motivos do proxecto normativo figura que a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UXT Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia subscribiron o 5 de febreiro de 2007 “ o “Novo marco de relación laborais en Galicia: acordo para o emprego”.

Este Comité suxire que se corrixa o erro existente na denominación da organización sindical UGT-Galicia, xa que esta é a súa denominación correcta e non UXT-Galicia.

Segunda. - Artigo 1º. Obxecto e finalidade.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para a formalización das altas nos réximes que se relacionan será ata o 15 de xullo do 2008.

Este Comité considera que, tendo en conta a data na que se vai publicar a orde, este prazo resulta excesivamente curto, polo que propón a súa ampliación.

Terceira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo establece que poderán ser beneficiarias das axudas as persoas desempregadas sempre que cumpran unha serie de requisitos.

Este Comité propón a supresión do termo “desempregadas” para posibilitar o acceso ás subvencións reguladas no proxecto normativo daquelas persoas que queren mellorar a súa situación ocupacional a través deste programa de axudas.

Cuarta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 2 deste artigo exclúe das axudas reguladas no proxecto normativo aos socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e autónomos colaboradores.

Este Comité considera que debe aclararse o alcance dos termos “autónomos colaboradores” a efectos desta orde.

Quinta.- Artigo 3º.- Definicións.
O número VI do apartado 2 deste artigo define o concepto de persoa responsable dunha familia monoparental e con cargas familiares, como aquela persoa solteira, viúva, separada ou divorciada que teña ao seu coidado fillos/as menores de 21 anos ou persoas maiores incapacitadas que non obteñan ingresos de calquera natureza superiores ao 75% do salario mínimo interprofesional.

Coa finalidade de manexar conceptos similares ou iguais á normativa estatal, este Comité propón que se consideren cargas familiares os fillos menores de 26 anos ou maiores incapacitados, pois tal é o concepto que se emprega para o recoñecemento do subsidio por desemprego no artigo 215.2º da Lei xeral de Seguridade Social.

De igual maneira, para recoñecer o subsidio por desemprego, a Lei xeral da Seguridade Social esixe non superar o 75% da contía do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de pagas extras. Este Comité considera que debería clarificarse neste apartado se no concepto de salario mínimo interprofesional empregado na orde obxecto deste ditame debe incluírse ou non o rateo de pagas extras.

Sexta. - Artigo 5º. Subvención financeira.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo faise referencia a que os empréstitos deben estar formalizados entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 31 de outubro, o cal entra en colisión co prazo estipulado no apartado 1 do artigo 1º (15 de xullo de 2008), xa que non se subvencionaría a alta dun autónomo posterior a esa data, pero sí a solicitude dunha subvención financeira para a posta en marcha do proxecto empresarial.

Sétima. - Artigo 10º. Solicitudes e prazo.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo xeral para a presentación de solicitudes finalizará o 15 de xullo de 2008.

Este Comité considera que se o prazo xeral se limita ao 15 de xullo, o proxecto normativo perderá eficacia na consecución dos seus obxectivos, dada a tardanza estimada para a publicación da orde, tendo en conta ademáis o manifestado na consideración específica segunda deste ditame.

Oitava.- Artigo 14º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Novena. - Artigo 15º. Xustificación e pagamento.
Nos apartados 4 e 8 deste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.

Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse por supor unha limitación, especialmente no suposto de pagos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento non resulta operativa.


Décima.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios.
No apartado f), segundo parágrafo, deste artigo se establece que “as persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante un período mínimo de dous anos a forma empresarial elixida pola que se lles concedeu as axudas ou subvencións”.

Esté Comité propón que se substitúa a expresión “forma empresarial” por “forma xurídica” por considerar este termo máis axeitado e correcto xuridicamente.




ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG).


O cuarto parágrafo da Exposición de Motivos recolle unha alusión aos acordos asinados o 5 de febreiro de 2007 polo goberno galego, a patronal e dous dos sindicatos máis representativos, para concluir que na presente orde establécense medidas concretas que veñen ser consecuencias dos ditos acordos.

Entendemos que esa afirmación é unha esaxeración que non é posible soster á vista da orde que se ditamina, por canto trátase dunha norma que vense repetindo ano tras ano, durante moitos exercicios anteriores aos repetidos acordos de 2007 e con escasas modificacións. Para este exercicio de 2008, reprodúcese a orde do exercicio anterior, con cambios formais e non cualitativos nen de fondo. Cambios que, por certo, non toman en consideración as propostas realizadas unanimemente polas organizacións que formamos parte do Consello Galego de Relacións Laborais, que se manifestaron no ditame 2/07 deste Comité.



ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


Primeira. - Artigo 1º. Obxecto e finalidade.
No apartado 1 deste artigo punto indícase que unha das finalidades do programa é axudar a financiar aqueles proxectos empresariais individuais que faciliten a creación do propio posto de traballo a determinados colectivos. Iso supón que aqueles proxectos que tivesen máis dun promotor non son obxectivo da presente orde, o cal entra en contradición co estipulado no artigo 2, apartado 2, onde se establecen como posibles beneficiarios os membros de comunidades de bens e os socios de sociedades civís, entendendo por iso que nestes casos se trata dun único proxecto empresarial, pero con varios promotores, baixo unha única forma xurídica.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería eliminarse o cualificativo de individuais.

Segunda. - Artigo 1º. Obxecto e finalidade.

Entre os colectivos excluídos como beneficiarios (apartado 2 deste artigo), atópanse os socios de sociedades mercantís; iso supón que quedarían fóra do ámbito desta orde moitas iniciativas empresariais que optan pola forma xurídica de S.L. en todas as súas variantes incluíndo a sociedade unipersoal. É paradoxal que non se incentiven formas empresariais de carácter mercantil onde a seguridade xurídica é maior e polas cales optan unha gran parte dos promotores de iniciativas.

Terceira. - Artigo 3º. Definicións.
No apartado 2 deste artigo non se definen claramente as condicións ou características para obter a cualificación de persoa pertencente a un colectivo en risco de exclusión social, como é o caso dos establecidos na letra f) (transexuais ou en proceso de reasignación sexual).

Así mesmo, tampouco se establecen para as letras i), j) e k) cáles son os condicionantes obxectivos para estimar "as graves necesidades persoais ou familiares" ou as características que poden condicionar as posibilidades de integración social.

Cuarta. - Artigo 4º.- Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia.
Segundo o apartado 1 deste artigo, non se admitirán a efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados agás nos casos de traspaso.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

Quinta. - Artigo 5º. Subvención financeira.
O apartado 1 deste artigo establece que a subvención financeira será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisfacer o beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto.

A Confederación de Empresarios de Galicia quere salientar que, de acordo con esta disposición, para o ano 2008, os tipos de interese que se van aplicar a este convenio financeiro serán do 6,61%, cando o prazo de amortización sexa de ata 5 anos, e do 7,01% se o prazo é superior a 5 anos. Con estes tipos, se se aplica unha redución do 4%, nunca resultaría inferior ao 1%, pois o tipo resultante sería de 2,61% e 3,01% respectivamente. Para que realmente puidese quedar no 1%, a redución tería que ser de 6 puntos e non de 4, tal como xa se recolleu no artigo 4º desta mesma orde para o exercicio 2007, publicada no DOG do 8 de marzo de 2007.

Sexta. - Artigo 6º. Subvención para asistencia técnica.
No apartado 2 deste artigo establécese que os servizos de asistencia técnica poderán ser prestados por asociacións de traballadores autónomos con carácter sectorial. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que este servizo pode ser prestado por calquera tipo de entidade que se adicada profesionalmente á devandita tarefa, diferente das asociacións intersectoriais, ou por calquera ente que poida non ter ánimo de lucro.

Por último, deben especificarse cales son as garantías de solvencia profesional que se establecen para as persoas xurídicas ou físicas.

Sétima. - Artigo 7º. Subvención para a formación.
Respecto ao apartado 2 deste artigo, A Confederación de Empresarios de Galicia reitera o manifestado na consideración anterior.

Oitava. - Artigo 8º. Axuda excepcional.
O apartado 2 deste artigo exclúe desta axuda aos mozos menores de 30 anos, mulleres desempregadas e os desempregados maiores de 45 anos.

Esta confederación empresarial non considera acertada esta regulación, sobre todo tendo en conta a orixe deste tipo de axudas, tal como indica a exposición de motivos do proxecto normativo: "(é) preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, en especial dos mozos”. Así mesmo, na mesma exposición de motivos faise referencia á Lei 2/2007, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, considerándose as mulleres como colectivo prioritario.

Novena. - Artigo 10º. Solicitudes e prazo.
A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta a tardanza estimada na  publicación da orde, considera excesivamente breve o prazo do 31 de maio establecido no apartado 3 deste artigo para a presentación de solicitudes relativas á actuacións realizadas entre o 16 de setembro e a publicación deste proxecto normativo.

Décima. - Artigo 12º. Documentación.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que deberían especificarse no texto da orde, cáles son as garantías de solvencia profesional que se esixen nas letras c) e d) do apartado 2 deste artigo.




Décimo primeira.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios.
A letra k) deste artigo esixe manter durante un período mínimo de dous  anos a forma empresarial elixida  pola que se concedeu a subvención.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que existe incoherencia entre esta obriga e a imposta no apartado a) deste mesmo artigo, que esixe a realización da actividade que fundamente a concesión da axuda durante tres anos como mínimo.