ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE CREAN E REGULAN OS PACTOS TERRITORIAIS DE EMPREGO.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de marzo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se crean e regulan os Pactos Territoriais de Emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Os Pactos Territoriais de Emprego supoñen esencialmente un incremento e unha planificación e xestión coordinada dos recursos públicos que se destinan ao emprego nunha zona.

Este proceso de participación segue a liña mostrada pola normativa comunitaria de descentralización das políticas activas de ocupación e participación das institucións locais e dos axentes socioeconómicos, en aplicación do principio de participación descendente, definido na Estratexia Europea de Ocupación.

A Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/99, do 13 de xaneiro, dispón no seu artigo 22 a posibilidade de creación de órganos colexiados nos que participen organizacións representativas dos intereses sociais, así como aqueles compostos por representantes das distintas administracións públicas, conten ou non coa participación de organizacións representativas de intereses sociais. Neste contexto creáronse o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

Este proxecto normativo, que se somete por primeira vez a ditame por este Consello, crea e regula un terceiro nivel de representación no que, ademáis dos axentes económicos e sociais, están presentes os concellos como a administración local máis próxima ás necesidades de emprego.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Artigos 1º e 2º.- Obxecto e natureza xurídica.
Os Pactos Territoriais de Emprego configúranse como órganos administrativos colexiados de carácter consultivo, de participación e asesoramento institucional para a xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego no ámbito territorial do Pacto, adscribíndose ao departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego.

Artigo 3º.- Número e ámbito territorial.
O proxecto normativo crea catro Pactos Territoriais de Emprego (Costa da Morte, Lugo, Valdeorras e o Salnés), integrados polos concellos sinalados neste artigo, sen prexuicio de que o titular do departamento con competencias en materia de emprego poda crear outros Pactos, ata un máximo de quince.

Artigo 4º.- Composición.
Nos Pactos Territorias de Emprego estará representada a Xunta de Galicia nun 30%, as organizacións empresarias máis representativas nun 20%, as organizacións sindicais máis representativas noutro 20% e, nun 30%, os concellos da zona que abrangue o Pacto que voluntariamente se adhiran.

Nos artigos 5º e seguintes regúlanse o funcionamento e órganos dos Pactos, que serán os seguintes:

- Asamblea xeral, que aprobará as liñas estratéxicas derivadas do Pacto e estará composta polo presidente, tres vicepresidentes, vogais e secretario.
- Comité de dirección, que levará o día a día do Pacto Territorial de Emprego, cun sistema de votación ponderada segundo a representación mencionada.
- Comité asesor, para a elaboración de estudios ou informes, contando con representación das entidades asociativas locais ou comarcais, universidades e centros de investigación entre outras entidades.
- Comisión Técnica, que elaborará a documentación técnica específica do Pacto, a través de tres grandes áreas (prospección, análise do mercado de traballo e orientación, orientación e mellora da empregabilidade, emprendemento, promoción do emprego e orientación) ou de mesas de traballo específicas.

Disposición adicional.- Réxime xurídico.
Esta disposición remite á Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, como réxime subsidiario do regulado no proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de decreto polo que se crean e regulan os Pactos Territoriais de Emprego” consta de: Preámbulo, nove artigos, unha disposición adicional, e dúas disposicións derradeiras.

O día 3 de abril de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e doce específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación Intersindical Galega (CIG).




DITAME 17/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se crean e regulan os Pactos Territorias de Emprego, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:







CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.


Segunda

Este Comité considera que na exposición de motivos do proxecto normativo debe constar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.
1. No cuarto parágrafo faise unha referencia aos acordos do Diálogo social figurando os nomes das persoas que os asinaron.
Este Comité considera que deben suprimirse os nomes e que figuren soamente a Xunta de Galicia e as organizacións que asinaron os acordos.
2. No sexto parágrafo, estímase débese engadir o obxectivo dos Pactos, polo que se suxire a seguinte redacción:
“Os Pactos Territorias de Emprego supoñen esencialmente un incremento e unha planificación e xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego nunha zona, co obxectivo de estar o frente do plan de emprego para proponer os criterios e aprobar a proposta de planificación e programación, e facer o seguimento e avaliación das diferentes medidas que se adopten.”
Finalmente, este Comité propón que no penúltimo parágrafo, se proceda a substitución do termo “representación” polo de “participación” e se engada que neste terceiro nivel participa tamén a Consellería de Traballo, de xeito que a nova redacción deste parágrafo quedaría:
“Co presente decreto créase e regúlase un terceiro nivel de participación no que ademáis da Consellería de Traballo, dos axentes económicos e sociais, están os concellos (...)”.
Segunda.- Artigo 1º. Obxecto.
Este Comité propón que se substitúa a actual redacción do proxecto normativo pola seguinte:
“O presente decreto ten por obxecto a creación dos Pactos Territoriais de Emprego, como órganos de participación institucional e de concertación entre os seus integrantes, para a xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego no ámbito territorial do Pacto.”
Terceira.- Artigo 3º. Número e ámbito territorial.
No apartado 1 deste artigo establécese que poderán crearse ata un máximo de quince de Emprego.
Este Comité considera que debe engadirse que os quince Pactos abranguerán a totalidade do territorio de Galicia.
Por outra banda, este Comité considera que no apartado 2 deste artigo, relativo ao Pacto Territorial de Emprego do Salnés debe engadirse o concello de Sanxenxo.
En relación co apartado 3, este Comité entende que a creación doutros Pactos Territoriais, así como a modificación ou extinción dos xa creados, realizarase mediante Decreto da Xunta de Galicia, e non mediante orde da persoa titular en materia de emprego, polo que propón unha nova redacción deste apartado.
Cuarta.- Artigo 4º. Composición.
Este artigo establece o nivel de representatividade das distintas entidades que forman parte dos Pactos Territorias de Emprego.
Este Comité entende que o nivel de representatividade de todas as entidades que se relacionan neste precepto debe situarse nun 25%, debendo modificarse as letras a), b), c) e d) neste sentido.
Nas letras b) e c) establécese a representatividade das organizacións empresariais e sindicais. Este Comité considera que debe modificarse a redacción destas letras para que en ambos supostos figure que as organizacións que forman parte dos Pactos serán as “intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma”.
Quinta.- Artigo 5º. Asemblea Xeral.
Este Comité considera que no apartado 1 debe substituirse a expresión “cada Pacto Territorial de Emprego estára formado por”  pola de: “cada asemblea estará formada por”.
A letra b) deste mesmo apartado regula as vicepresidencias. Este Comité propón que no proxecto normativo figure expresamente que a vicepresidencia da parte sindical se renovará cada dous anos.
Sexta.- Artigo 6º. Funcións da Asemblea Xeral.
Este Comité propón modificar o apartado 1 deste artigo, de xeito que as funcións da Asamblea Xeral serán as que se citan con carácter xeral neste precepto ““sen prexuizo das reguladas para outros órganos de participación insititucional no marco das relacións laborais, emprego e formación para o emprego”.

Sétima.- Artigo 7º. Comité de Dirección.
Este Comité propón que no apartado 1 se engada unha nova letra (f) para incluir ao Secretario/a do Pacto, con voz e sen voto.

No apartado 2, o Comité propón novas porcentaxes no sistema de voto ponderado, de xeito que corresponda á administración local o 25% dos votos, aos axentes económicos e sociais o 50% (distribuido 25% para as organizacións empresariais e 25% para as organizacións sindicais) e á Consellería, o 25%.

Oitava.- Artigo 8º. Funcións do Comité de Dirección.
Este Comité entende que a expresión “día a día”, empregada no apartado 1 deste artigo, debe substituirse pola de “a xestión diaria”.

Este Comité propón fusionar nun único item o contido nas letras b.2 e b.3, coa seguinte redacción:
“A concreción no seu territorio dos obxectivos establecidos en materia de emprego, recollidos na resolución do 28 de decembro de 2007 da Dirección Xeral de Relacións Laborais (D.O.G do 28 de xaneiro de 2008), elaborando plans de actuación cara a acadar estes obxectivos.

Así mesmo, neste apartado 2, este Comité propón a modificación da letra d), na que debería figurar ó seguinte texto:

“O informe con carácter previo á resolución da Consellería de Traballo sobres as programacións ás que concorran as distintas entidades no ámbito do Pacto Territorial. Este informe deberá ser emitido con antelación á data prevista da reunión do Comité Provincial de Emprego e seguimento da contratación que trate o mesmo asunto.”

Finalmente na letra e.11) do apartado 2, este Comité propón substituir os termos “realización de protocolos” por “promoción de itinerarios de inserción”.

Novena.- Artigo 9º. Comité Asesor.
Este Comité propón a supresión da último inciso do apartado 1 deste artigo no que se establece que a finalidade do Comité Asesor do Pacto Territorial é a de “fornecer os diferentes elementos necesarios para o Plan de Emprego”.

Décima.- Artigo 10º.- Comisión Técnica.
Obsérvase un erro na numeración deste artigo, polo que se propón a súa corrección.

No apartado 2 deste artigo determínanse as funcións da Comisión Técnica.

Este Comité considera que debe modificarse este apartado para que o seu texto se refira ao “desenvolvemento das diversas tarefas que lle sexan encomendadas en relación cos diferesntes plans de traballo (...)”.

Este Comité propón que no apartado 3, in fine, se engada o inciso “nos termos que o Comité de Dirección determine”.

No apartado 5, este Comité entende que a expresión “por colectivos específicos” non debe aparecer entre parentese.

Décimo primeira.- Artigo 11º. Recursos económicos.
Obsérvase un erro na numeración deste artigo, polo que se propón a súa corrección.

No apartado 2 deste artigo establécense as indemnizacións que corresponden por asistencia ás sesións dos órganos regulados no proxecto normativo.

Este Comité considera que estas indemnizacións deben figurar separadamente segundo correspondan as organizacións ou aos membros das mesmas, polo que propón a súa regulación en apartados distintos, de xeito que o apartado 2 se referise exclusivamente ás primeiras có texto seguinte:

“As organizacións empresariais e sindicais do artigo 4º letras b) e c) que constitúen os Pactos Territoriais de Emprego  terán dereito á percepción dunha compensación económica pola súa participación nas reunión e polos traballos que se lles asignen”.

Así mesmo, debería incluirse un novo apartado onde se estableceza:

“Pola asistencia ás reunións, as persoas representantes das administracións  do artigo 4º letras a) e d) percibirán, cando corresponda, as indeminizacións que sexan fixadas polo Consello da Xunta conforme o procedemento establecido no artigo 25.3 do Decreto 144/2001, do 7 de xullo, sobre indemnizacións por razón de servizo”.


Décimo segunda.- Disposición adicional. Réxime xurídico.
Este Comité entende que debería modificarse a redacción desta disposición, proponiendo a seguinte:

“Os Pactos Territoriais de Emprego rexeranse, no non previsto neste decreto, polas normas contidas na lei 30/1992, do 26 de novembro, (...)”
.  

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
Primeira. Artigo 5º. Asemblea Xeral.
No apartado 1, letra b) deste artigo regúlanse as vicepresidencias.
A Confederación Intersindical Galega, sen prexuicio do manifestado na consideración unánime quinta deste ditame, considera que nesta disposición debe explicitarse que a vicepresidencia da parte sindical será exercida potestativamente cada dous anos por cada organización sindical en relación coa súa representatividade no ámbito do Pacto Territorial.