ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA PROMOVER A AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL DAS PERSOAS COTITULARES OU TITULARES DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES


O día 11 de marzo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A disposición adicional cuadraxésimo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, estableceu unha redución durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas menores de 40 anos e que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social.

A Consellería de Traballo, coa finalidade de facilitar a alta na Seguridade Social das persoas cotitulares de explotacións agrarias, estableceu, desde o ano 2006 un programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social destas persoas, incorporando un complemento do 20 por cento á redución estatal do 30 por cento, o que fai unha redución total do 50 por cento na correspondente cotización.

A Lei 18/2007, de 4 de xullo, procede á integración dos traballadores e traballadoras por conta propia do Réxime Especial Agrario no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, con efectos dende o 1 de xaneiro de 2008. Créase, dentro deste réxime, un Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios que recolle os criterios de modernización das explotacións agrarias e reduce a cotización dos cónxuxes e descendentes dos titulares de explotacións agrarias que se incorporen á actividade de ditas explotacións.

Por outra banda, cómpre recordar as previsións contidas na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia relativas ao establecemento de políticas activas de emprego que teñan en conta de xeito prioritario a situación das mulleres no medio rural.

A finalidade desta orde é, por unha banda, dar continuidade aos incentivos establecidos nas ordes dos anos 2006 e 2007 e por outra, mellorar o programa coa ampliación das persoas beneficiarias para o suposto dos descendentes da persoa titular da explotación agraria, en concordancia coa Lei 18/2007, de 4 de xullo, sempre que a súa incorporación se produza dende o 1 de agosto de 2008, data da entrada en vigor desta lei.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 5 de xullo de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de maio de 2007, obsérvase que soamente foi tida en conta unha das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Artigo 2º.- Persoas beneficiarias.
Modíficanse os colectivos beneficiarios das axudas reguladas na orde, engadíndose, como traballadores por conta propia, as persoas incorporadas ao Réxime Especial Agrario da Seguridade Social, de acordo cos requisitos esixidos no citado artigo.
Segundo o novo apartado 6, as persoas beneficiarias terán dereito á percepción das axudas en tanto manteñan as condicións esixidas para quedar encadrados no Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios.

Artigo 3º.- Axuda.
Engádese un novo parágrafo nos apartados 1 e 2 deste artigo, concretando as axudas correspondentes para os diferentes colectivos previstos no artigo 2º, sendo a axuda máxima para o 2008 de 76,62 euros mensuais cando as persoas beneficiarias sexan mulleres.

O apartado 3 establece que o aboamento das axudas realizarase polas mensualidades dende outubro do ano 2007, ou dende a data de efectos da obriga de cotización, se esta é posterior, e ata setembro do ano 2008.

Artigo 6º. Documentación.
Modifícase este artigo para esixir, cando proceda, a documentación relativa ao Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios. Así mesmo, de acordo coa letra c) do apartado 1, o certificado acreditativo de ser titular da conta bancaria debe estar a nome da persoa solicitante non sendo válido a nome da explotación.
Xunto coa solicitude de axuda presentarase, ademáis, fotocopia do DNI da persoa cotitular da explotación agraria (apartado 2 letra b), fotocopia dos libros de familia que acrediten o parentesco correspondente (letra c do apartado 2 e letra b do apartado 3).
Finalmente, engádese un novo parágrafo no apartado 4, esixindo declaración sobre a solicitude ou percepción doutras axudas e subvencións ou a súa inexistencia, segundo os anexos I e IV do proxecto normativo.


Artigo 7º.- Procedemento de concesión, tramitación e instrución.
O novo apartado 1 deste artigo establece que o procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas na orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.
Engádese outro apartado (apartado 2) determinando o órgano instrutor dos expedientes, que será o Servizo de Apoio a Emprendedores da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo.
O apartado 3 establece que a persoa interesada dispón de 10 días para emendar a solicitude ou presentar documentos preceptivos, engadindo o actual proxecto normativo, que este será un prazo máximo e improrrogable.

Artigo 14º. – Axudas baixo condicións de mínimis.
O réxime de mínimis ao que se someten os incentivos regulados na orde será o previsto no regulamento CE nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis no sector agrario da produción de produtos agrícolas, non podendo polo tanto exceder as axudas de 7.500 euros nun período de tres exercicios fiscais.

Disposición adicional quinta.

De acordo co manifestado unanimente polos axentes sociais no Ditame 22/07, do 21 de maio, engádese esta disposición, pola que as referencias ao cónxuxe do titular da explotación agraria contidas na orde entenderanse tamén realizadas á persoa ligada de forma estable con aquel por unha relación de afectividade análoga á conxugal unha vez que se regule, no ámbito do campo de aplicación do sistema da Seguridade Social e dos Réximes que conforman o mesmo, o alcance do encadramento da parella de feito do empresario/a ou do titular ou da titular do negocio industrial ou mercantil ou da explotación agraria ou marítimo-pesqueira.

Disposición transitoria única.
Engádese esta disposición pola que poderán acollerse ás axudas previstas nesta orde as solicitudes que presentadas en prazo e cumprindo os requisitos establecidos para a súa concesión conforme ás ordes de convocatoria dos anos 2006 e 2007,  cando non constara a información da Tesourería Xeral da Seguridade Social sobre o cumprimento de requisitos e a acreditación da cotización no momento da resolución.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, seis disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.


O día 4 de abril de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, como anexo, contén unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada pola Confederación Intersindical Galega (CIG).














DITAME 18/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de marzo de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité segue xulgando importante o exposto na consideración xeral primeira do Ditame 22/07, na que, dada a especial incidencia da problemática da muller rural en Galicia en relación co resto do Estado, manifestábase a necesidade de que o Goberno galego instase o urxente cumprimento do artigo 30º, apartado 1, da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, no que se regula a obriga dos Ministerios de Traballo e Asuntos Sociais e de Agricultura, Pesca e Alimentación de desenvolver a figura xurídica da titularidade compartida, co fin de que se recoñezan os dereitos das mulleres no sector agrario, a súa correspondente protección de Seguridade Social, así como o recoñecemento do seu traballo.


Segunda.
No título, así como en diversos preceptos da norma, utilizáse a expresión “cotitular ou titular”, para referirse ás posibles persoas beneficiarias das axudas que se establecen.

Dadas as peculiaridades do réxime de propiedade existente en Galicia, este Comité considera máis apropiado utilizar a expresión “cónxuxe ou parella de feito do titular” en lugar de “cotitular”, para non privar das axudas ás persoas que obxectivamente deberan ser beneficiarias, pero que en rigurosos termos legais poden non ostentar a condición de cotitulares.

Terceira.
Este Comité valora positivamente que o proxecto normativo continúe considerando beneficiarias do programa as mulleres de 41 a 45 anos (sempre que cumpran os requisitos que se sinalan no artigo 2º, apartado 4), estendendo as axudas establecidas na orde correspondente ao exercicio de 2006 para as menores de 41 anos de idade, que aplicaba mimeticamente a norma estatal (disposición adicional 49ª da Lei 30/2005, de Orzamentos Xerais do Estado para 2006). Sen embargo, considerando que en Galicia existe un importante colectivo de mulleres maiores de 45 anos que deberían ser obxectivamente beneficiarias destas axudas, proponse, para favorecer a finalidade social desta norma, extender o seu ámbito, establecendo un incentivo para as persoas maiores de 45 anos, de contía igual ao previsto no artigo 3º, apartado 2, deste proxecto de orde, dado que estas en ningún caso poden acollerse ás axudas establecidas a nivel estatal.

Cuarta.
Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de Motivos.
O cuarto parágrafo da exposición de motivos refírese aos acordos asinados o 5 de febreiro de 2007 pola Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UXT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia.

Este Comité fai constar que a denominación correcta da organización sindical UGT-Galicia é Unión Xeral de Traballadores de Galicia ou UGT-Galicia, e non UXT-Galicia, polo que debe procederse á súa corrección.

Por outra banda, no décimo parágrafo establécese que a finalidade da orde é incorporar a este programa de axudas aos descendentes da persoa titular da explotación agraria, sempre que a súa incorporación se produza dende o 1 de agosto de 2008.

Este Comité non entende a concordancia entre esta data e a que se cita no artigo 2º ao regular os requisitos das persoas beneficiarias (1 de xaneiro de 2008).

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión do programa que se regula neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Tendo en conta o sinalado nas consideracións xerais segunda e terceira deste ditame, este Comité considera que debería suprimirse a letra d) do apartado 1 deste artigo, xa que, por unha parte, podería darse o caso de que persoas menores de 40 anos, que non teñen a condición legal de cotitulares, non podan solicitar a axuda estatal.
Por outra parte, hai que ter en conta que as persoas maiores de 45 anos, para as que este Comité entende que deberíanse establecer axudas superiores, en ningún caso poderán acollerse á norma estatal.


Cuarta.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.
Este Comité propón que no apartado 2 deste artigo se engada un parágrafo que estableza a prórroga automática durante os dous exercicios seguintes daquelas solicitudes que resulten aprobadas.

Así mesmo, considérase que no apartado 5 deste artigo debe figurar que a presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, e non limitala ás certificacións que emita a Tesouraría de Seguridade Social.

Así mesmo, este Comité propón que se inclúa neste artigo a posibilidade de que as referidas certificacións sexan achegadas polo solicitante se denega expresamente o consentimento para solicitalas.

Quinta.- Artigo 6º. Documentación.
Este artigo establece, no seu apartado 1, que a solicitude deberá presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde, facendo referencia así mesmo aos anexos III e IV (letras b e c).

Este Comité manifesta que non pode pronunciarse sobre os referidos anexos por non terse remitido pola Consellería xunto co borrador do proxecto normativo.

Sexta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
Este artigo, no seu apartado 4, establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, considerando o de seis meses excesivamente longo.
Sétima.- Artigo 9º. Xustificación do pagamento e pagamentos parciais.
O apartado 2 deste artigo establece que poderá acordarse o pagamento parcial a conta da liquidación definitiva ata o 80% da subvención concedida, a medida que a persoa beneficiaria xustifique os libramentos anteriores.

Este Comité considera que debería establecerse un procedemento similar ao que figura para a bonificación de cotas á Seguridade Social no caso de contratación de determinados traballadores/as, co obxecto de garantirlle á persoa beneficiaria o cobro da axuda o máis axiña posible, preferiblemente, por exemplo, mediante un convenio Xunta de Galicia- Tesouraría da Seguridade Social, de maneira que a persoa beneficiaria deduza a porcentaxe de bonificación directamente no boletín de cotización e a Seguridade Social a recupere da Xunta de Galicia.

Oitava.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debe figurar expresamente no apartado c) deste artigo cales son as obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Novena.- Artigo 13º. Revogación e reintegro.
Considera igualmente este Comité que neste artigo deben figurar expresamente os casos e os termos previstos, para a revogación e reintegro, no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 26 de novembro.

Décima.- Disposición Adicional Quinta.
Esta disposición establece que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, sendo por importe de 500.000 euros, para o exercicio de 2007.

Dado o carácter da norma que se somete a ditame e a súa finalidade, este Comité considera que non debería figurar unha limitación de crédito que poda conducir a que algunhas solicitudes que cumpran todos os requisitos (entre eles, a alta da afectada na Seguridade Social) resulten denegadas por insuficiencia de crédito orzamentario.

Así mesmo, este Comité non entende que ampliándose as persoas beneficiarias das axudas reguladas no proxecto normativo se manteña no mesmo importe o crédito consignado para o seu financiamento.

Finalmente, reitérase a proposta, manifestada na consideración xeral terceira, de ampliar o ámbito das axudas ás persoas maiores de 45 anos.


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG).


O cuarto parágrafo da Exposición de Motivos recolle unha alusión aos acordos asinados o 5 de febreiro de 2007 polo goberno galego, a patronal e dous dos sindicatos máis representativos, afirmándose que “No acordo sobre obxectivos e medidas para o emprego en Galicia, dedícase o capítulo 4 aos obxectivos en materia de igualdade e o capítulo 10 ao emprendemento, establecéndose medidas concretas ás que responde a presente orde”.

Entendemos que esta afirmación é unha esaxeración que non é posible soster á vista da orde que se ditamina. Trátase dunha norma que vense repetindo nos últimos exercicios, dende varios anos antes de febreiro de 2007. Para este exercicio de 2008, introdúcense algúns cambios, en xeral de índole formal, pero ningún deles ten orixe nen directa relación cos capítulos 4 e 10 do acordo citado no parágrafo anterior, capítulos que nada preveen en relación a promoción da afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias.