ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/02

DICTAME SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO PARA O ANO 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego para o ano 2002, remitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, con data de entrada neste Consello do 25 de febreiro de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de marzo de 2002, acordou por UNANIMIDADE pronunciarse en canto as seguintes consideracións e propostas de modificación:

1.- Consideración xeral.

Neste Borrador de Orde se están unificando dúas ordes existentes con anterioridade:  a Orde que establece as bases reguladoras e maila convocatoria para a realización de actividades de orientación profesional para o emprego, e a Orde que regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación.
Respecto desas dúas normas existentes independentemente con anterioridade a este borrador, constátase unha reducción no presuposto para ámbalas dúas liñas de axudas de 250 millóns de pesetas, aproximadamente.

Este Comité Delegado non ten coñecemento de cal é a asignación global que se destina ás políticas activas de emprego nos Presupostos xerais da Comunidade, razón pola cal, tampouco pode valorar si esa reducción orzamentaria é axeitada ou non (pode ocorrer que se destine esa detracción a outros programas de máis interese para os axentes sociais, polo que a valoración que se faría podería ser positiva, si é o caso).
Esta asignación previa e definitiva de partidas orzamentarias ós distintos programas das políticas activas de emprego fai que o seu posterior debate parlamentario resulte inútil e infructuoso.

Por outra banda, na medida en que o Comité Autonómico de Emprego (CAE) non estableza as políticas, prioridades ou o marco de actuación xenérico destas políticas, non ten sentido entrar a discuti-la normativa concreta das diferentes accións que se desenvolven a través das correspondentes Ordes.
O fundamental é a participación no deseño do marco xeral das mesmas, que ten un foro de diálogo establecido ó efecto e que contaría cos interlocutores válidos para canalizar axeitadamente aquelas.
Si o CAE non debate ese marco xeral e as políticas de emprego, non ten senso falar delas nos seguintes niveis, porque falta o marco do debate global: a emisión de dictame supón valora-lo programa concreto, fuxindo da visión global de conxunto.

Reivindícase pois, darlle contido ós organismos creados, neste caso, ó Comité Autonómico de Emprego, para que poidan cumpri-los obxectivos que se lle asignaron no seu día.

2.- Artigo 6.2º.f). Solicitude

Neste apartado esíxese acompaña-la solicitude de subvención con planos do local, selados e asinados.


A cuestión que se presenta é que se clarifique por quén deben estar asinados ou selados eses documentos, pois no caso en que sexa necesario que os asine un técnico profesional, os custos incrementaríanse.

Noutra orde de cousas, lembrar respecto deste precepto as disposicións contidas na Lei 30 /1996, do 22 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, sobre a documentación que se lle requira ós interesados nos procedementos administrativos: conseguir só aquela que non obre xa en poder da administración, de tal xeito que o procedemento en sí, resulte o menos gravoso posible para o administrado.

3.- Artigo 7. Prazo.

Este artigo di que o prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, a contar dende o día seguinte ó da publicación da Orde.
Como os prazos de presentación das solicitudes varía de ano en ano, pode darse o caso de que existan períodos en que o servicio de información/orientación prestado por persoal contratado ó efecto, quede en suspenso.
Para estes supostos é necesario preve-la posibilidade de prolonga-la súa contratación si se quere mante-lo servicio de xeito continuado, mentres non se publique a nova Orde.

PROPOSTA: Que os prazos de vixencia das Ordes cada ano sexan do 1 de xaneiro ó 31 de decembro, ou ben, reduci-lo prazos de presentación de solicitude.

4.- Artigo 10.1.c). Obrigas dos centros colaboradores.

O centro colaborador debe, segundo esta disposición, remitir á oficina de emprego o expediente completo do usuario, o cal deberá conte-lo currículo asinado por este.

Compre salientar que a tutela efectiva do currículo debe estar no Servicio Público de Emprego porque se trata dun documento público, polo que esa obriga de remisión sobraría porque xa conta co documento en cuestión o SPE de que se trate.

PROPOSTA: Suprimi-la esixencia recollida neste precepto de ter que remiti-lo centro colaborador o currículo do usuario ó SPE.

5.- Artigo 12.2º. Contía.

A tenor do precepto subvencionarase ata un 10% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, dietas e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións que abrangue esta Orde.

PROPOSTA: Incluír dentro deste 10% como custos xerais a imputación dos gastos xerados polos locais onde se desenvolvan as referidas accións.

6.- Artigo 13.1º.a). Gastos imputables (Retribucións de persoal)

A acreditación dos diferentes custos subvencionables debe efectuarse presentando a documentación que relaciona este artigo 13.

Dentro da documentación acreditativa da retribución de persoal, esixe a presentación de copia autenticada do impreso de liquidación nominal do IRPF.
A esixencia deste documento pode xerar certos problemas de acreditación, pois os prazos de declaración do IRPF non acostuman coincidir cos prazos establecidos por esta Orde, e o Modelo 110, por exemplo, só acredita importes totais, non fai un detalle individualizado dos mesmos.

O lóxico sería acredita-lo gasto xa realizado ou o que se vai realizar no prazo fiscal existente en Facenda pola propia entidade, aportando unha certificación ó efecto.

7.- Artigo 14.1º Forma de pagamento.

Noutras Ordes desa Consellería establecese a posibilidade de anticipa-lo pagamento nunhas porcentaxes diferentes ás reproducidas por este precepto, resultando moito máis favorables para os interesados por canto recollen unha porcentaxe maior para o primeiro tramo do anticipo, cando precisamente se pon en marcha a actividade e a xeración de custos é maior.

PROPOSTA:  Establece-la seguinte escala de porcentaxes para a percepción dos pagos da subvención: 50% para o primeiro pago; 30% para o segundo e, o 20% para o terceiro.


ANEXO I
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)





Artigo 12.1º Contía

Dí este artigo que as contías previstas na presente Orde terán por obxecto subvenciona-las “retribucións totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por tódolos conceptos de persoal necesario…”

A PROPOSTA que se fai é que se aclare si nese concepto de “retribucións totais” se entenden incluídos ou non os custos extrasalariais.




ANEXO II
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA

Con esta nova Orde as demandas e modificacións do Servicio Galego de Colocación, polas que antes ó tramitalas esta organización recibía unha compensación económica, dependendo da acción realizada, desaparece porque ó unifica-las dúas ordes, o orientador/a realiza esta función.

A nova Orde subvenciona as retribucións totais, incluída a cotización empresarial e á Seguridade Social deste persoal técnico.
Ó igual que ocorría na anterior Orde de orientación existe unha porcentaxe de ata o 10% do total da subvención aprobada, para gastos xerais, materiais, técnicos, dietas e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións.

Poderíamos, polo tanto, alegar que se nos compense dalgunha maneira esa perda económica en base á utilización de locais polos orientadores e orientadoras para prestar un servicio público á Administración.