ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE REGULAN AS ESTRUTURAS NECESARIAS PARA A INTRODUCIÓN O DESENVOLVEMENTO DO PRINCIPIO DE IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES EN MATERIA DE EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS.


I. ANTECEDENTES

O día 3 de marzo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se establecen as estruturas necesarias para a introdución e desenvolvemento do principio de igualdade entre mulleres e homes en materia de emprego e relacións laborais, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A necesidade da creación das estruturas precisas para a introdución e o desenvolvemento do principio de igualdade entre mulleres e homes no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais xurde da obriga da aplicación do principio de transversalidade en todas as políticas públicas, que inspira as leis actuais de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e conleva a necesidade de examinar calquera decisión dos poderes públicos desde a perspectiva do seu impacto de xénero.

As dificultades de aplicación do principio de transversalidade pódense solventar a través de organismos de participación conxunta entre a administración, os axentes sociais e as organizacións de mulleres, o que conduce á creación do Consello de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais.

A Lei 2/2007, de 28 de marzo, do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, regula no seu Título V a integración da igualdade na política preventiva e no seu título VII a participación das mulleres no departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo. Este proxecto normativo, que por primeira vez se somete a ditame deste organismo, desenvolve de forma específica o disposto nestas disposicións, e concretamente nos artigos 52 e seguintes da Lei 2/2007, que contemplan a creación do Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais, e na disposición adicional quinta, que recolle o compromiso da Publicación autonómica dos anexos da Directiva 92/85/CEE, do Consello, do 19 de outubro de 1992 relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e a saúde no traballo da traballadora embarazada, que dese a luz ou en período de lactación.





Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Capítulo primeiro.
Neste capítulo regúlase o Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais como órgano administrativo de participación, mediante unha canle de libre adhesión das mulleres, e de interlocución destas coa Xunta de Galicia a través do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo.

Determínanse as funcións deste Consello, o seu funcionamento e os seus órganos (Presidencia, Vicepresidencia, Pleno, Comisión Permanente, Comisión Delegada e demais Comisións).

No Pleno, a representación será cuadripartita e estará composta por seis mulleres que representarán aos sindicatos máis representativos da Comunidade Autónoma, seis mulleres que representarán á Confederación de Empresarios de Galicia, seis mulleres, representando ás asociacións de mulleres adheridas e seis mulleres que representarán aos Departamentos autonómicos competentes en materia de Traballo e Igualdade.

Así mesmo, regúlase o apoio administrativo por parte da Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da administración autonómica con competencias en materia de emprego e os recursos económicos do Consello.
Na sección terceira deste capítulo regúlase a adhesión das asociacións de mulleres ao Consello Galego de Participación das Mulleres, cuxo rexistro estará a cargo da Unidade Administrativa de Igualdade. A inscrición neste rexistro serve de título para o exercicio dos dereitos vinculados á adhesión.

Capítulo segundo.
Este capítulo adícase ás medidas concretas de integración da igualdade entre mulleres e homes nas políticas preventivas.

Na sección primeira regúlase o fomento público da erradicación, na súa orixe, dos riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente ao embarazo, ao parto e á lactación natural. A este efecto, como regra xeral, subvencionarase ata o 50% do custo empresarial de adaptación dos postos de traballo con riscos para estas traballadoras.

A sección segunda deste capítulo dispón a publicación, con carácter non exhaustivo dos anexos da Directiva 92/85/CEE, do Consello, do 19 de outubro de 1992, nos que se determinan os postos de traballo desenvolvidos en condicións que poden supoñer un risco para o embarazo, o parto e a lactación natural. Deste xeito, transcríbense nos anexos I e II do proxecto normativo un listado dos axentes e condicións de traballo que poderían presentar un risco específico de exposición ou que determinan unha prohibición de exposición, para as traballadoras embarazadas, que teñan dado a luz ou en período de lactación.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de decreto polo que se establecen as estruturas necesarias para a introdución e desenvolvemento do principio de igualdade entre mulleres e homes en materia de emprego e relacións laborais” consta de: Preámbulo, dous capítulos, trinta e dous artigos, catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.

O día 24 de marzo de 2008, ás 13:30 horas reúnese este Comité Delegado para a emisión do ditame. Sendo as 15:45 horas e resultando insuficiente o tempo para analizar todas as consideracións que queren manifestar os axentes sociais, este Comité acorda aplazar o ditame deste proxecto normativo ata o 4 de abril, ás 12:00 horas, data na que se acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e dezanove específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: as manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia (anexo I), as manifestadas pola CIG (anexo II), as manifestadas polas organizacións sindicais CIG e SN de CC.OO. de Galicia (anexo III), as manifestadas pola CIG e pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo IV) e as manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo V).




DITAME 15/08






En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de decreto polo que se establecen as estruturas necesarias para a introdución e desenvolvemento do principio de igualdade entre mulleres e homes en materia de emprego e relacións laborais, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.

Este Comité suxire  que se revise o texto do proxecto normativo para adaptalo á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.

Segunda.

Este Comité considera que a responsabilidade da planificación das políticas públicas desde unha perspectiva de xénero non debe recaer tan só na creación dun órgano administrativo de participación como é o Consello que se regula neste decreto, xa que en todo caso asumirá función consultivas e non realmente decisorias.

Terceira.

Este Comité considera que non é necesario crear una Comisión permanente para a integración da igualdade nas políticas autonómicas de prevención de riscos laborais, que teña como fin só impulsar a inclusión da perspectiva de xénero na elaboración de estudos e ven a ser un organismo máis que non está dotado de capacidade e autonomía para acadar por sí mesmo a transversalidade.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Preámbulo.
Este Comité propón unha revisión na redacción do último parágrafo do preámbulo, en especial na alusión á Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia.

Así mesmo, suxírese que se inclúa neste parágrafo que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 3º. Órganos de funcionamento.
Na letra d) deste artigo obsérvase que como órgano de funcionamento do Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais cítase a Comisión Permanente, mais o proxecto normativo non procede a súa regulación.
Neste mesmo precepto enuméranse 5 órganos de funcionamento do Consello Galego de Participación das Mulleres, mais no seu posterior desenvolvemento figuran, cando menos, 7 órganos (presidencia, vicepresidencia, pleno, comisión permanente, comisión delegada, comisión ordinaria, demáis comisións).

Así, o artigo 7º, relativo ás sesións ordinarias, refírese no seu apartado e) á “elección da Comisión Ordinaria e súa composición”, aínda que tal comisión non está prevista como órgano de funcionamento.

O certo é que a referida Comisión Ordinaria non se volve mencionar, nen se sabe qué é, nen a súa composión, funcións, etc; este Comité entende que, de ter nome propio, a Comisión Ordinaria debería figurar como un dos órganos enumerados no artigo 3º do proxecto normativo.

De todos os xeitos este Comité considera que o decreto obxecto deste ditame ben podería estar incurrendo en “ultra vires”.

Conforme ao artigo 54.3º da Lei 2/2007, de 28 de marzo, do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, o “Consello funcionará nas comisións que decida o pleno e, en todo caso, a través dunha comisión permanente…”.

Polo tanto, agás a Comisión Permanente, corresponde ao Pleno, por imperativo legal, decidir cántas comisións crea, así como a súa composición e cometido.

De acordo co exposto, este Comité entende que o proxecto normativo cercena as plenas facultades do Pleno, legalmente atribuidas, creando cando menos dúas comisións (a Delegada e a Ordinaria).



Terceira.- Artigo 4º. A Presidencia e 5º. A Vicepresidencia.
No apartado 2 destes artigos establécese que nen a presidencia nen a vicepresidencia ostentarán voto en ningunha das sesións ás que asistan.
Este Comité entende que, de acordo coa regulación contida na Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico e procedemento administrativo común, tanto a presidencia coma a vicepresidencia –nos casos en que substitúa á presidencia- teñen que ter dereito a voto, dada a condición de órgano colexiado do Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais e á vista da regulación.
Por outra banda, o art. 54 da Lei 2/2007 do 28 de marzo non contempla a figura da Vicepresidencia do referido Consello Galego de Participación das Mulleres.
Este Comité observa que, ademáis de considerar  incorrecta a expresión que figura no artigo 5º “quen ostente a titularidade da Secretaría Xeral de Igualdade”, por canto haberá que facer referencia ao “departamento competente en materia de igualdade”, a figura da Vicepresidencia non ten ningunha función.
Cuarta.- Artigo 6º. O Pleno.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que no pleno estará representados os Departamentos autonómicos competentes en materia de Traballo e Igualdade.
Este Comité propón substituir a expresión “en materia de Traballo e Igualdade” pola de “nas materias de Traballo e Igualdade”.
Quinta.- Artigo 7º. Sesións Ordinarias.
En primeiro lugar, chama a atención a preeminencia que parece dárselle á Comisión Permanente, por canto polas funcións que nas sesións ordinarias se lle asignan parece configurada como un órgano “executivo” dotado de presidente/a, pero logo resulta que a devandita Comisión Permanente non aparece regulada no proxecto normativo, nin en canto á composición (na que haberá que estar ao que sinala a Lei 2/2007 no artigo 54.3º), nin a quen forma parte dela e, en canto ás funcións que ten atribuídas, tan só se enxergan as enumeradas neste artigo 7º.
Se temos en conta que a Comisión Permanente “está formada por un máximo de 3 membros, dos que unha ou un ocupará a presidencia con voto de calidade” (art. 54.3º da Lei 2/2007), e que á devandita Comisión lle corresponde, entre outras, por así sinalalo este artigo 7º no apartado 2.a), “a exposición das actividades realizadas no ano anterior e, de ser o caso, a súa aprobación se algunha se realizase sen mandato previo do Pleno” (funcións executivas, parece), ou no apartado 2.c) “a exposición das actividades a realizar no ano seguinte, requirindo, para o efecto, a aprobación dos mandatos que fosen considerados oportunos polo Pleno”, parece que inicialmente foi deseñada como órgano executivo, o que se contradí abertamente co que sinala o artigo 11º do proxecto normativo obxecto de ditame, “a Comisión Delegada asumirá as funcións descritas no artigo 2 do presente Decreto”.
Pero é que, ademais de constituír a Comisión Permanente o órgano de goberno ordinario do Consello Galego de Participación das Mulleres, nótese que, coa actual redacción do proxecto normativo, os interlocutores sociais poderían non formar parte deste, dado o reducido número de membros daquela (3), cuxa elección corresponde ao Pleno.
Por outra parte, regúlase neste artigo 7º, apartado 2.e), a elección e designación da Comisión Ordinaria, mais logo non se define nin se sabe que é; sería bo saber quen a compón, que funcións ten, etc.; iso, de admitirse tal Comisión Ordinaria, que nin está prevista na lei, nin se pode esixir, porque corresponde ao Pleno “a constitución das comisións que decida”.
Sexta.- Artigo 9º. Desenvolvemento das sesións.
Este Comité considera que existe un problema interpretrativo no disposto no apartado 1 deste artigo 9º, que sinala que para a válida constitución do Pleno se require a presenza “da presidencia, do secretario/a e da metade polo menos das organizacións representadas ou adheridas”.
Por organizacións, segundo o proxecto normativo, enténdense a CEG, os sindicatos UGT-Galicia, CC.OO. de Galicia e CIG, e cada asociación de mulleres adheridas; polo tanto, esa metade -á que se refire o citado apartado 1- debería facer referencia a “votos ponderados”, de ser ese o modelo, porque, doutro xeito, na conformación desa maioría, cada organización empresarial ou sindical das citadas computaría só como unha.
Tampouco se regula neste artigo 9º o quórum preciso para a segunda convocatoria; para o caso de non existir, este Comité entende que sobra o adxectivo “primeira” que figura no apartado 1 do artigo.
Sétima.- Artigo 10º. Asistencia ás sesións.
Este Comité observa que neste artigo, na última frase do apartado 1, négaselles expresamente o voto aos membros que designen os titulares do departamento autonómico con competencias nas materias de traballo e igualdade, o que podería levar a entender –máxime tendo en conta o título do artigo- que a Administración non ten voto.
Parece que, nunha lectura máis detida, este artigo se refire a que ás sesións poderán acudir, ademais dos membros natos do Pleno, outras dúas persoas de cada unha das consellerías (departamentos competentes); por iso sería recomendable cambiar o título do artigo –para non dar lugar a equívocos- por outro que deixase claro que se trata doutros membros ou cargos políticos; do mesmo xeito, deberíase considerar a posibilidade de que puidesen acudir asesores externos por proposta das organizacións.
Oitava.- Artigo 11º. A Comisión Delegada e outras Comisións.
Cómpre reiterar que esta Comisión non aparece na Lei 2/2007 e que, ademais, bate frontalmente con esta, no sentido de que lle corresponde ao Pleno a creación de todas as comisións que estime oportunas (agás a Permanente), polo que o proxecto normativo que se somete a ditame podería incorrer en ultra vires por ser nulo tal artigo.
Este Comité suxire que se modifique o disposto no artigo 7º de tal maneira que as referencias que nel se fan á Comisión Permanente sexan á Comisión Delegada, porque debe ser esta a que realmente teña carácter de comisión executiva.
Do mesmo xeito, no parágrafo 2 do apartado 1 deste artigo 11º, debería dicirse que “a Comisión Delegada asumirá as funcións que lle delegue o Pleno, ademáis das previstas no artigo 7º”. Suxírese isto porque se o artigo 2º do proxecto normativo regula as funcións do Consello Galego de Participación das Mulleres e o Pleno é o seu máximo órgano, non se lle poden atribuír en bloque esas funcións á Comisión Delegada no decreto, so pena de deixar ao Pleno sen ningunha.
Novena.- Artigo 12º. Apoio administrativo.
No apartado 2 deste artigo atribúeselle a “quen ostente a titularidade da Unidade administrativa de Igualdade” as funcións de secretaría do Pleno e das Comisións, o que non está previsto como funcións na Lei 2/2007, correspondendo a súa elección ao Pleno, polo que este Comité considera que a redacción deste apartado 2 pode supoñer un recorte das competencias soberanas do Pleno.
Décima. Artigo 13º. Recursos económicos.
De acordo co apartado 2 deste artigo, as organizacións que forman parte do Consello Galego de Participación das Mulleres poderán ser compensadas polos gastos causados pola asistencia das súas representantes ás sesións do Pleno e da Comisión Permanente.
Este Comité propón que a expresión “poderán ser compensadas” se substitúa pola de “serán compensadas”.

Décimo primeira.- Artigo 16º. Acreditación da implantación e Artigo 18º. Acreditación da finalidade.
Segundo o previsto nestes artigos a acreditación da implantación e a finalidade das asociacións de mulleres que soliciten a adhesión ao Consello poderá realizarse mediante certificación emitida polo Rexistro Nacional de Asociacións, entre outros rexistros.
Este Comité considera que en lugar de Rexistro Nacional de Asociacións debería citarse este organismo como Rexistro Estatal de Asociacións.
Décimo segunda.- Artigo 17º. Acreditación  da representatividade.

No apartado 1 deste artigo disponse que unha asociación de mulleres considerarase representativa se está integrada por un número de socias non inferior a 30.
Este Comité propón que se esixa unha cifra de socias sensiblemente máis elevada, co obxecto de que as asociacións de mulleres resulten realmente representativas.

Décimo terceira.- Artigo 20º. Rexistro de asociacións.

Obsérvase un erro na redacción do apartado 1 deste artigo, polo que este Comité propón que se substitúa a expresión “.. asociacións de mulleres cuxa adhesión ao Consello Galego de Participación das Mulleres ..” pola de “asociacións de mulleres adheridas ao Consello Galego de Participación das Mulleres ...” .


Décimo cuarta.- Artigo 21º. Dereitos vinculados á adhesión.

No apartado 1 deste artigo establécense os dereitos das asociacións de mulleres pola súa adhesión ao Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais.
Este Comité considera que xera moita dúbida a interpretación conxunta do artigo 21º.1.a), que lle atribúe a cada asociación adherida o dereito a ser convocada ao Pleno do Consello, co artigo 6º, que lles atribúe representación no Pleno a seis persoas que representarán ás asociacións de mulleres.
Así, se cada unha das asociacións ten dereito a ser convocada ao Pleno e ten dereito a asistir a este e a obter información, segundo dispón o artigo 21º.1.b), podendo participar nos debates, como se vai articular despois a composición cuadripartita da que fala o artigo 6º?
Polo exposto, este Comité propón que se revise o contido deste apartado.
Décimo quinta.- Artigo 24º. Representación das organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e Artigo 25º. Representación da Confederación de Empresarios de Galicia.

Nestes artigos establécese que as referidas organizacións gozarán dos dereitos do artigo 22º deste Decreto.  
Este Comité entende que existe un erro e que esta remisión debe realizarse ao artigo 21º do decreto, que regula os dereitos vinculados á adhesión.
Décimo sexta.- Artigo 28º. Criterios básicos.

Para acceder a subvencións reguladas na orde, o apartado 1 deste artigo esixe “que a empresa ostente unha plantilla na que cando menos un 40% das persoas traballadoras sexan do sexo feminino”.

Este Comité propón que en lugar da expresión “ostente unha plantilla” se empregue o termo “cadro de persoal”.

Décimo sétima.- Artigos 29º a 32º. Publicación autonómica dos anexos da Directiva 92/85/CEE, do Consello, de 19 de outubro de 1992.
En canto á aplicación autonómica dos anexos da Directiva 92/85/CEE, do Consello, do 19 de outubro de 1992, este Comité sinala que o Ministerio de Traballo ten elaborado un borrador de disposición, pola que se modifica o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, que aproba o Regulamento dos servizos de prevención, en relación coa aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e da saúde no traballo da traballadora embarazada, que teña dado a luz ou en período de lactación.
Tendo en conta que as dúas propostas coinciden no tempo, este Comité considera aconsellable esperar á publicación da norma estatal para evitar discrepancias entre ambos os dous textos normativos, se ben é sabido que as listaxes da Directiva 92/85 non son exhaustivas.

De feito, este Comité considera que xa en ambas as dúas normativas existen certas discrepancias. Así, na sección A, núm. 1, letra g), a norma galega emprega o concepto de “establecemento” e a norma estatal utiliza o concepto de “centro de traballo”, e tampouco son coincidentes as substancias químicas reguladas no número 3.

Décimo oitava.- Disposición adicional cuarta. Control de legalidade dos convenios colectivos.

O apartado 1 desta disposición establece que a unidade administrativa de igualdade emitirá informe de cada convenio que se rexistre diante da autoridade laboral, nun prazo máximo de 30 días desde o seu rexistro.

Este Comité considera que esta disposición debe redactarse con respecto escrupuloso do establecido nos artigos 22º e 26º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, reducindo este prazo, en todo caso, a dez días hábiles.

Hai que chamar a atención, ademáis, en que a redacción que figura no proxecto normativo obxecto de ditame vai máis alá da redacción establecida na Lei 2/2007, que establece -no artigo 26º.1- que “o departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo solicitaralle un informe á Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva”; consideramos, en todo caso, que esta solicitude é facultativa para o devandito departamento e así debería quedar clarificado no proxecto normativo.

Décimo novena.- Disposición transitoria primeira.

Nesta disposición determínanse as regras que rexirán a celebración da primeira sesión do Pleno do Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais.

Este Comité considera que a redacción desta disposición resulta farragosa; así, no seu apartado 3º, establécese que se convocará ás organizacións empresariais e sindicais máis representativas e ás asociacións de mulleres que estean adheridas no momento da convocatoria, ata sete días antes da celebración da sesión. Mais se entre a convocatoria e a celebración da sesión poden transcorrer dous meses (a tenor do establecido no apartado 2º desta disposición transitoria), como se van convocar as asociacións adheridas ata os sete días antes da celebración?

Este Comité propón a supresión desta disposición transitoria (que é unica e non primeira) e que se regule no artigo 6º do proxecto normativo o disposto en relación co Pleno  e nun artigo novo adicado específicamente á Comisión Permanente o previsto para este órgano.






ANEXO I


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, E S.N. CC.OO DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 6º. O Pleno.
Segundo este artigo, na composición cuadripartita do Pleno estarán representados os sindicatos mais representativos no ámbito da Comunidade Autónoma e a Confederación de Empresarios de Galicia.

As organizacións sindicais consideramos que en lugar de citar á Confederación de Empresarios de Galicia o correcto é referirse ás organizacións empresariais máis representativas de Galicia.

Así mesmo, de acordo con esta consideración, debería terse en conta o título e contido do artigo 25º (“Representación da Confederación de Empresarios de Galicia”).


Segunda.- Artigo 26º. Fomento público da erradicación na súa orixe dos riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente o embarazo, o parto e a lactación natural.

Este artigo establece que se subvencionará o custo empresarial de adaptación dos postos de traballo con riscos para as traballadoras embarazadas, que teñan dado a luz ou en período de lactación, cando esa adaptación elimine totalmente ou reduza de maneira significativa os riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente ás traballadoras que se atopen nestas circunstancias.

As organizacións sindicais consideramos que o custo empresarial de adaptación destes postos de traballo non debe ser obxecto de subvención.



















ANEXO II



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Primeira.

Desde a Confederación Intersindical Galega consideramos que o presente proxecto de decreto non está a desenvolver a creación, funcións, modo de funcionamento, canles de adhesión e recursos económicos, das estruturas necesarias para a introdución e desenvolvemento do principio de igualdade no ámbito do emprego e das relacións laborais, xa que o que realmente quere artellar é o método polo que se vai rexer o funcionamento do Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do emprego e das relacións laborais.

Segunda.

Consideramos que é preciso abordar máis medidas cas da  integración da igualdade entre mulleres e homes nas políticas preventivas, xa que no presente decreto non estamos a abordar medidas dirixidas a evitar discriminacións na contratación, promoción, proteccións fronte ao despido, medidas contra o acoso sexual, tratamento da violencia de xénero no traballo, etc.


ANEXO III



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG) E O SN DE CC.OO. DE GALICIA:

En canto ás políticas preventivas, consideramos que é preciso concretar como se vai erradicar na orixe os riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar ao embarazo, parto ou lactación natural, posto que existen riscos que non son posíbeis de eliminar, e por tanto mais ca dunha modificación dos postos habería que falar do establecemento dunha continxencia por risco “real” desde o inicio do embarazo, cousa que en realidade non se está a facer (na maioría dos casos as mulleres vense abocadas a coller unha baixa por continxencia común).












ANEXO IV



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG) E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Consideramos que este proxecto de decreto non desenvolve o principio de igualdade no emprego e nas relacións laborais, en cambio, céntrase na creación de distintos organismos de participación como a figura deste Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito de emprego e das relacións laborais, de caracter similar á Mesa Autonómica (pendente de transformación por parte de Vicepresidencia), ou o Consello Galego de Servizos Sociais, a Comisión permanente para a integración da igualdade nas políticas autonómicas de prevención de riscos laborais, ou a Comisión Consultiva Autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na Negociación Colectiva, coa conseguinte duplicidade de custos e inoperatividade, ou mesmo a este propio Consello Galego de Relacións Laborais.







ANEXO V



CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


A) CONSIDERACIÓN XERAL:

A norma que é obxecto de análise consta dun preámbulo, 33 artigos, 4 disposicións adicionais, 1 disposición transitoria, 1 disposición derrogatoria e 3 disposicións finais.

Trátase dun decreto que ten por obxecto desenvolver as estruturas precisas para a introdución e desenvolvemento do principio de igualdade entre mulleres e homes en materia de emprego e relacións laborais.

Con defectuosa técnica xurídica procédese dentro dos títulos a dividir o proxecto da norma en seccións, innecesarias ao noso parecer.

Non se achega memoria económica que indique o impacto das medidas nas contas públicas, tendo en conta o importante custo para as arcas públicas que o proxecto vai provocar coa creación de organismos, en ocasións redundantes coas funcións desenvolvidas por outros xa creados.

Non se comparte o texto da exposición de motivos, en exceso sociolóxica e valorativa.

A valoración que se fai da norma que se presenta a ditame é en xeral negativa, tengo en conta o reflectido no Ditame 27/2006 do Consello Galego de Relacións Laborais. Neste Ditame, a CEG e as organizacións sindicais conviñemos en sinalar que “facilitar a participación social de representacións de asociacións de mulleres nos seus foros específicos non ten que supoñer a alteración do noso modelo de relacións laborais e de participación institucional que desenvolve a norma constitucional con criterios de representatividade” e manifestábase tamén a necesidade de “…non alterar o modelo de relacións laborais e de participación institucional dos axentes sociais”, aspecto substancial e de fondo ao que non dá cumprimento a presente norma, ao equiparar as organizacións sindicais e empresariais a calquera asociación de mulleres que se adhira ao Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do emprego e das relacións laborais.

Deberíase establecer, ao noso entender, un sistema de ponderación que garantise a relevancia das organizacións sindicais e empresariais no devandito Consello.

É necesario proceder a indicar que o texto deberá ser normalizado ao galego, ao terse detectado erros de expresión e nos tempos verbais.





B) CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Artigo 1.- Natureza e réxime do Consello Galego de participación das mulleres no ámbito do emprego e das relaciones laborais.

Aínda que o texto que se propón pretende ser copia literal do artigo 52 da Lei, o certo é que, tratándose como se trata dunha norma regulamentaria, poderíase, e ata debería, facer referencia á CEG e ás organizacións sindicais como membros que son dese Consello.

Da literalidade do precepto parece que é un órgano de “libre  adhesión das mulleres” e non un órgano de participación das “asociacións de mulleres” distinto do dos interlocutores sociais.

A presente consideración ten moito que ver co propio desenvolvemento  que se fai dos dereitos que corresponden aos integrantes do Consello; así, o artigo 21 fai un desenvolvemento exhaustivo dos dereitos que corresponden ás asociacións adheridas e os artigos 24 e 25 (de escasísima extensión) fan unha simple remisión ao artigo 21.

Dicimos o anterior porque nesa diferenza de extensión se evidencia a distinta consideración que se fai das asociacións de mulleres e da CEG, nun ámbito que lle é connatural por canto estamos a falar de relacións laborais e a interlocución natural nestes temas corresponde aos axentes socioeconómicos (Confederación de Empresarios e Organizacións Sindicais), en todos os aspectos, polo que a consideración que se lle debe dar á CEG deber ser superior á que se formula con respecto ás asociacións de mulleres nestes temas.  

Artigo 6.- O Pleno.

Se se prevé que en sistema de representación estean 6 persoas que representarán ás asociacións de mulleres adheridas, tal afirmación pode xerar múltiples problemas coa redacción do artigo 21.a) referido aos “dereitos vinculados á adhesión”, referido ás asociacións de mulleres.

Neste último artigo sinálase como primeiro dereito de cada unha das asociacións adheridas “ser convocadas ao Pleno”.

Dito o anterior, se se adhiren 15 asociacións de mulleres (por exemplo), deberán ser convocadas as 15, porque ese é o dereito que o artigo 21.a) lles recoñece; unha vez convocadas ao Pleno e presentes, como se regula que no Pleno estean só 6 representantes das asociacións?

En todo caso, se se fai una interpretación deste precepto, no mellor dos casos atoparíamonos con que os 6 membros que representan ás 15 asociacións de mulleres terían 15 votos, fronte aos 6 da CEG, o que nin está claro, nin se conforma ben coa literalidade dos dous artigos, nin, en definitiva, resolve o problema, senón que o está aprazando e creando, nin mantén o esquema da superior posición que se lles haberá de dar ás organizacións sindicais e empresariais.

En fin, que a seguridade xurídica que debería corresponder a unha norma regulamentaria no se dá neste caso; deberá, pois, definirse claramente cal é a opción final.

Mención á parte merece o feito de que se sinale que deban ser mulleres as que representen á CEG no Pleno, mandato que pode afectar á nosa liberdade organizativa interna, polo que se debería propoñer que debera ser a CEG a que determine, con PLENA LIBERDADE, quen acudirá ao Pleno na súa representación.

Artigo 8.- Sesións extraordinarias.

Non queda claro, coa actual redacción, se no terzo das organizacións representadas temos que computar cada unha das asociacións de mulleres adheridas á CEG, aos tres sindicatos, como un ou cada un dos sindicatos por separado. Debería aclararse e, en todo caso, situar á CEG ao mesmo nivel que ás tres organizacións sindicais.

Coa actual redacción deste artigo parece que a CEG non podería solicitar unha sesión extraordinaria (pois fálase de organizacións) e, en cambio, sí poderían facelo os tres sindicatos, co cal estase a romper a paridade natural.

Artigo 27.- Importe das subvencións.

Debería reclamarse que o importe das subvencións puidese ser de ata o 100%, en coherencia co que se sinala no artigo 27 cando di …. “con idéntica finalidade, subvencionará o custo empresarial de adaptación dos postos de traballo …. “.

Tratándose, como se trata, dun decreto, non vemos o motivo polo que estase a renunciar de antemán á posibilidade de subvencionar máis do 50% dos custos de adaptación, por canto se nun futuro se acordase un maior financiamento, tería que ser modificado o decreto polo Consello da Xunta, o que sería moito máis gravoso e difícil.

Ademais, nótese que en determinadas ordes de subvencións (persoas discapacitadas, por exemplo) chega a financiarse o 100%.

Artigo 28.- Criterios básicos.

Tampouco se alcanza a comprender que se esixa que un 40% dos traballadores sexan mulleres cando o que se está a financiar é a adaptación de postos de traballo que poden supoñer riscos para o embarazo, e sobre todo non facendo referencia ás pemes.