ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS A PLANS EMPRESARIAIS DE ESTABILIDADE LABORAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES



O día 24 de marzo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde establece unha política de fomento da contratación indefinida, mediante a concesión de incentivos xerais,  tanto pola contratación inicial como pola transformación de contratos temporais en indefinidos que se realicen como consecuencia de plans empresariais de estabilidade laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde reguladora dos incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, publicado no DOG o día 31 de maio de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de maio de 2007 (Ditame 17/08), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo presenta as novedades seguintes:
Artigo 5º.- Definición.
O apartado 2 deste artigo establece que nos plans empresariais de estabilidade non vinculados a acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade, a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa que se acade como consecuencia das contratacións, deberá ser igual ou superior ao 75%, elevando a prevista na orde do 2007 (72,5%).

Artigo 7º.- Competencia.
Modifícase a letra b) do apartado 2 deste artigo, atribuíndo a competencia para resolver as solicitudes á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, no suposto de plans que prevexan a contratación indefinida de 30 ou máis traballadoras e traballadores no ámbito territorial de Galicia, elevando a cifra de traballadores respecto do borrador do ano 2007 (15 ou máis traballadores).

Artigo 8º.- Solicitudes e prazo.
O apartado 3 deste artigo fixa o 30 de xuño de 2008 como data na que finaliza o prazo para a presentación das solicitudes, suprimindo a frase final do borrador da orde para o 2007, que obrigaba a ter realizadas  todas as contratacións iniciais e transformacións de contratos temporais en indefinidos o 30 de setembro.

Por outra banda o apartado 6, engade que as subvencións concedidas serán obxecto de publicación, non só no DOG, senón tamén na páxina web oficial da Consellería de Traballo, expresando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade das subvencións.

Artigo 10º.- Emenda da solicitude.
Neste artigo engádese que os 10 días que se conceden ao interesado para a presentación de documentos preceptivos ou para a subsanación da solicitude serán un prazo máximo e improrrogable.

Artigo 11º.- Procedemento de concesión, resolución de recursos.
Engádense dous novos apartados neste artigo.
No apartado 1 establécese que o procedemento de concesión destas axudas axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

O apartado 2 determina o órgano instrutor dos expedientes, sendo o Servizo de Promoción do Emprego nas delegacións provinciais da Consellería de Traballo e o Servizo de Programación e Xestión nos servizos centrais da Consellería.

Artigo 12º- Xustificación do pagamento.
Engádese a este artigo no seu apartado 4º, a regulación relativa á presentación da documentación xustificativa para o pago, suprimíndose do artigo 8º (“Solicitudes e prazo”), tal como figuraba no borrador da orde do 2007.

Artigo 14º.- Obrigas dos beneficiarios.
O apartado 7 impón a obriga de non modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual, de xeito que non se produza unha diminución da taxa de estabilidade acadada polo menos nos 3 anos, dende o último mes no que se realicen contratacións.

Desta forma recóllese a consideración manifestada no Ditame 17/07, do 8 de maio, que suxería a substitución da expresión “minoración substantiva da taxa de estabilidade” por outra máis axeitada.




Artigo 16º.- Revogación e reintegro.
Engádense dous novos apartados neste artigo. O apartado 1 dispón que o xuro de demora nos supostos de revogación das axudas, reintegro total ou parcial, corresponde desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro.

O apartado 2 regula o que se entende por incumprimento total e incumprimento parcial, establecendo que, para o cálculo da contía a reintegrar neste último suposto, terase en conta a diminución en tramos de 5 puntos da taxa de estabilidade acadada que figura na resolución de concesión das axudas, de xeito que por cada minoración comprendida dentro do intervalo de 5 puntos reintegrarase o 10% de subvención concedida.

Artigo 18º.- Réxime das axudas.
Modifícase este artigo, establecendo que as axudas reguladas neste proxecto normativo quedan sometidas ao réxime de minimis establecido no Regulamento (CE) Nº 1998/2006 da Comisión, de 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis, o que se fará constar expresamente na resolución das solicitudes de subvención.

Así mesmo, por tratarse de axudas sometidas ao réxime de minimis, o apartado 2 deste artigo exclúe das subvencións previstas na orde aos sectores que se relacionan.

Disposición Adicional Cuarta.
Engádese un parágrafo a esta disposición, establecendo que o órgano xestor das axudas realizará directamente a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego non ocupado, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras.

Disposición derradeira primeira.
Esta disposición faculta ao director xeral de Promoción do Emprego para ditar resolucións e instrucións para o desenvolvemento da orde, recollendo así a consideración manifestada no Ditame 17/07 que propoñía a substitución do termo “aclaracións”, empregado no borrador do ano pasado.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, sete disposicións adicionais, e dúas derradeiras.
O día 10 de abril de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once específicas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: as manifestadas polas organizacións sindicais representadas no Consello (anexo I), as manifestadas pola CIG (anexo II) e as manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo III).



DITAME 19/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.
Este Comité suxire unha revisión do texto para adaptalo á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.


Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo e na denominación dos cargos públicos.







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 4. a) deste artigo establécese que a xestión deste programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.- Artigo 3º. Ámbito de aplicación.

No parágrafo primeiro do apartado 2 deste artigo establécese que os plans deberán estar elaborados antes do 30 de xuño de 2008.

Obsérvase que este prazo se reduce con respecto á orde do exercicio de 2007, que era ata o 31 de xullo, na que xa considerabamos que era demasiado escaso; por iso propoñemos a ampliación do prazo, xa que dende a publicación da orde ata o 30 de xuño apenas hai un mes de diferenza.
Este Comité reitera a necesidade de que os prazos sexan o máis amplos posibles.

Terceira.- Artigo 4º. Exclusións.

No apartado b) deste artigo  exclúense dos beneficios do programa os contratos realizados co/a cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes da empresaria ou empresario.
Este Comité considera que debería harmonizarse a redacción deste precepto coa nova redacción da disposición final décimo quinta da Lei 51/2007, pola que se modifica a Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego, no sentido de que "... non será aplicable esta exclusión cando o empregador sexa un traballador autónomo que contrate como traballador por conta allea os fillos menores de trinta anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dun traballador autónomo sen asalariados e contrate un só familiar, menor de corenta e cinco anos, que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo".

No apartado c) deste artigo establécese que exclúense dos incentivos as contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.
Este Comité considera que debe constar que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.
Cuarta.- Artigo 5º. Definición.

Establece este artigo que se entende por plan empresarial de estabilidade e taxa de estabilidade.

Este Comité considera que neste artigo falta previsión respecto da necesidade de información aos representantes legais do persoal da empresa.

Así mesmo, no apartado 5 deste artigo alúdese a un modelo normalizado anexo ao proxecto normativo, que non foi remitido para ditame.

Quinta.- Artigo 8º. Solicitudes e prazo.

O apartado 3 deste artigo establece que o prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 30 de xuño de 2008.

Novamente se reduce o prazo para a presentación da solicitude das axudas. Este Comité considera o prazo moi curto, polo que suxire que se teña en conta a data estimada da publicación da orde e se estableza un prazo axeitado.

Sexta.- Artigo 9º. Documentación.

No apartado 1 deste artigo esíxese, xunto coa solicitude, DNI e acreditación do NIF. Este Comité Delegado considera que se o solicitante é persoa física é suficiente co DNI, polo que suxire que non se esixa acreditación do NIF.

Así mesmo, este Comité fai constar que os modelos normalizados e anexos que se citan neste artigo non foron remitidos para ditame.

Sétima.- Artigo 11º. Procedemento de concesión, resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera excesivo o prazo de seis meses, polo que propón que sexa de tres meses.

Oitava.- Artigo 12º. Xustificación do pagamento.

No apartado 3 deste artigo establécese que non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en tanto a persoa beneficiaria sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Este Comité entende que debe dicir “resolución firme da procedencia de reintegro”.




Novena.-  Artigo 13º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites fixados pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Este Comité considera que os citados límites deben establecerse expresamente no texto do artigo.

Décima.-  Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado 4 deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que son axeitadas.

Décimo primeira.-  Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado 8 deste artigo establécese a obriga das empresas beneficiarias de presentar o TC2 correspondente ao último mes no que se efectuaron as ditas contratacións.

Este Comité suxire que sexa a Administración, mediante algún convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, a encargada de aportar o TC2 e facer, dese modo, o seguimento e control dos datos esixidos.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 5º.- Definición.
O apartado 1, letra b), segundo parágrafo, deste artigo, establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teña en conta a propia vontade da persoa traballadora para o cómputo do cadro de persoal fixo e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Do texto articulado da Orde, dedúcese que outorga carácter xeral ás subvencións á contratación estable, por canto que delas serán beneficiarias as empresas que cumpran os requisitos establecidos nesta norma, cando contraten traballadores/as por conta allea, coa única condición de que se trate de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, ou ben afectadas pola simple transformación dun contrato temporal noutro indefinido.

Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega lembra o sinalado no Ditame 17/05 e noutros posteriores deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 13º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social  da persoa contratada.


Segunda.- Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

Este artigo, no seu apartado 5, obriga aos beneficiarios a manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

A Confederación Intersindical Galega considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento improcedente pode resultar moi inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.











ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

En xeral, debe valorarse o mantemento dos incentivos tanto á contratación estable inicial coma á transformación. No entanto, a circunstancia de establecer uns reducidos prazos tanto para a solicitude das axudas coma para a elaboración dos plans de estabilidade por parte das empresas, así como as importantes obrigas que recaen sobre estas (especialmente aquelas que teñen que ver co mantemento do cadro de persoal nun período de tres anos ou co incremento neto do emprego total, obrigas que inclúen tanto traballadores estables coma aqueles que teñen unha relación temporal e que, por conseguinte, están suxeitos á duración determinada propia desta), provocarán un efecto moi limitado da medida, a non ser que se modifiquen os devanditos aspectos.

Neste sentido, considérase necesario propoñer as modificacións que máis adiante se sinalan, para conseguir reforzar e ampliar o efecto dos incentivos á contratación estable.

De feito, a circunstancia de que no presente exercicio se cumpran 24 meses dende a posta en marcha das medidas previstas no Acordo para a mellora do crecemento e do emprego, que deron lugar ao Real decreto-lei 5/2006, do 9 de xuño e, posteriormente, á Lei 43/2006, do 29 de decembro, é unha xustificación máis que suficiente para apoiar mediante medidas máis potentes, de impulso e estímulo, as decisións que poidan adoptar as empresas.

Noutra orde de cousas, dende a Confederación de Empresarios consideramos que a taxa de estabilidade xeral proposta (75%) non ten en conta as diferenzas sectoriais derivadas da súa distinta realidade produtiva, sendo, polo tanto, discriminatoria con respecto a sectores e modelos organizativos.

Por iso propoñemos que a taxa de estabilidade esixida ás empresas (75%) se debe rebaixar tendo en conta a taxa de estabilidade sectorial.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 3º. - Ambito de aplicación.

No apartado 2, terceiro parágrafo, deste artigo sinálase que poderán subvencionarse as conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada celebrados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde. Esta limitación deixaría fóra da posibilidade de incentivo a contratos temporais celebrados con posterioridade e vai en contra da regra xeral de subvencionar as contratacións realizadas ata o 30 de setembro de 2008.

A CEG propón que poidan acollerse ás axudas tamén os contratos formalizados durante a vixencia da presente orde.

Igualmente, neste apartado 2, parágrafo sexto, establécese que “no caso de transformacións de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo completo, agás as transformacións de contratos temporais en indefinidos na súa modalidade de fixo-descontinuo”.

A CEG considera que debería establecerse a excepción para a conversión de contratos formativos, de relevo ou de substitución, da idade de xubilación, así como de interinidade, cando se manteña o posto que se substitúe, fomentando nestes casos tamén a conversión en indefinido a tempo parcial, xa que a fin e ao cabo se está a xerar emprego estable de nova creación.

Segunda. - Artigo 4º Exclusións.

En relación co establecido no apartado d. deste artigo, a CEG considera que debería incluírse calquera forma de extinción do contrato de traballo alleo á vontade conxunta de traballador e empresario (por exemplo, deberían quedar excluídos os/as traballadores/as que extingan o seu contrato por desacordo cunha mobilidade xeográfica, a traballadora que o extingue por sufrir violencia de xénero, etc.).

O que se pretende evitar son situacións de acordo previo. Polo tanto, a casuística de extincións de contrato que xeran "situacións legais de desemprego" é variada no Estatuto dos traballadores e debería considerarse.

Terceira.- Artigo 5º.  Definición.

En relación co disposto no apartado 1, letras c) e d) deste artigo, a CEG considera que cando se establece como requisito que as contratacións indefinidas iniciais deberían supoñer un incremento neto do emprego total da media alcanzada no período de outubro de 2006 a setembro de 2007, entendemos que se refire tanto aos contratos indefinidos coma aos temporais; esta esixencia entra en colisión co propio espírito dos contratos temporais, xa que, cando estes rematen, loxicamente descenderá a media de emprego na empresa. É por iso polo que propoñemos que se elimine este apartado.

Igual consideración manifestamos respecto ao disposto no apartado 2, letras d) e e) deste artigo 5º.


Cuarta.- Artigo 6º. Incentivos.

A CEG considera que debería tratar de igualarse o importe dos incentivos á contratación inicial e á transformación de contratos temporais en indefinidos.

Por outra banda, propoñemos que se aumente o importe de todas as axudas, como mínimo, tendo en conta a variación do IPC, xa que o devandito importe é idéntico ao que se considera na orde do exercicio anterior.

Quinta. - Artigo 8º. Solicitudes e prazo.

Novamente se reduce o prazo para a presentación das solicitudes das axudas, que na pasada convocatoria era ata o 31 de xullo e na presente orde remata o 30 de xuño.

Debe incidirse de novo na necesidade de prazos de tempo o máis amplos e flexibles posibles, adaptados aos momentos nos que as empresas toman as decisións de investimento (elaboración de orzamentos anuais). Para o caso de que non se poidan establecer plans a medio prazo (duración de dous ou tres anos) por causas administrativas, propoñemos polo menos a ampliación dos prazos nos que se poidan realizar as contratacións. Deste xeito, lograríase conseguir un mellor coñecemento e aplicación da medida por parte das empresas e unha maior eficacia da subvención.

Sexta.- Artigo 11º. Procedemento de concesión, resolución e recursos.

A CEG considera que na orde non se garante a percepción das axudas por parte das empresas que cumpran os requisitos establecidos, o que de novo lle resta eficacia á medida.
Sétima.- Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.

En relación co disposto no apartado 5, último parágrafo, deste artigo, consideramos que o mantemento dese novo contrato que substitúe o anterior non debería ser de tres anos, senón só polo tempo que falte desde que o primeiro traballador foi substituído.

Así mesmo, en relación co disposto no apartado 7 deste artigo 14º, propoñemos a supresión deste apartado que esixe a obriga de non modificar a composición do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual, de maneira que non se produza unha diminución da taxa de estabilidade alcanzada polo menos nos tres anos dende o último mes en que se realicen contratacións. Este requisito non ten en conta que nas empresas tamén se contratan traballadores temporais para obras ou servizos determinados, de xeito que, cando estes contratos temporais finalicen, o cadro de persoal das empresas necesariamente se verá modificado.

Oitava.- Artigo 18º.  Réxime das axudas.

En relación co disposto neste artigo, a CEG consdiera que, en canto á aplicación dos criterios "de minimis", unha subvención media de 3.000 euros daría cobertura a menos de 25 contratos ao ano, tendo en conta o período dos tres anos e a contía dos 200.000 euros, motivo polo que se suxerimos que se modulen estes límites en función da dimensión da empresa.