ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE O PROCEDEMENTO E OS REQUISITOS PARA ACADAR OS ACORDOS SOBRE A TAXA DE ESTABILIDADE EN SECTORES PRODUTIVOS, CONVENIOS COLECTIVOS SECTORIAIS E DE EMPRESA.

I. ANTECEDENTES


O día 24 de marzo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


A Consellería de Traballo, consciente da importancia de que as taxas de estabilidade dos diferentes sectores de actividade se determinen mediante un acordo sectorial consensuado e pactado no ámbito territorial de Galicia,  regula para o  ano 2008 nunha orde independiente da dos incentivos á contratación por conta allea vinculados a plans de estabilidade, o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade nos diferentes sectores de actividade, así como os sectores produtivos que poderán ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de actividade, todo iso coa finalidade da súa aplicación á orde que regule o programa de incentivos aos plans empresariais de estabilidade no emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 2 de maio de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 17 de abril de 2007, obsérvase que só se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:
De acordo co novo contido do proxecto normativo, procédese a unha modificación da súa denominación, sendo para o 2008  a de “Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa”.

Artigo 2º.- Ámbito de aplicación.
Aos cinco sectores de actividade específicos que poderán ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial, engádese para o 2008, as industrias agroalimentarias (apartado 1, letra f), pola súa importancia no tecido produtivo galego.

Así mesmo, amplíase este artigo cun novo apartado (3), abrindo a posibilidade de que as empresas con máis de cen traballadores que teñan convenio propio e que, de non existir este, non lles fora de aplicación un convenio sectorial galego ou provincial, acaden, no seu seo, un acordo sobre a taxa de estabilidade na empresa.

Artigo 3º.- Contido do acordo.
De acordo con este precepto, o acordo sobre a taxa sectorial deberá establecer a taxa de estabilidade inicial do sector (apartado A) e a taxa de estabilidade mínima que deberán acadar as empresas para acceder aos incentivos do programa de plans empresariais de estabilidade no emprego, que deberá ser superior á taxa de estabilidade inicial (apartado B).
Para o exercicio 2008, determínase, ademais da taxa de estabilidade inicial nos pactos dos sectores produtivos, a taxa mínima para os pactos no ámbito dos convenios sectoriais e a que corresponde no caso de empresas con convenio propio reguladas no artigo 2º.3 do proxecto normativo.

Artigo 4º.- Partes lexitimadas para a súa sinatura.
Modifícase este artigo, establecendo que a lexitimación para a sinatura dos acordos corresponde ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais mais representativas en Galicia, ás partes lexitimadas para negociar o convenio colectivo sectorial correspondente, ou ben, no caso de acordos asinados a nivel de empresa, aos representantes da mesma e á representación legal dos traballadores.

Así mesmo, os acordos nos sectores produtivos regulados no apartado 1 do artigo 2º acadaranse no seo do Consello Galego de Relacións Laborais.

Os acordos regulados nos apartados 2 e 3 do artigo 2º acadaranse por iniciativa de calquera das partes e comunicaranse ao Consello Galego de Relacións Laborais para o seu coñecemento e traslado á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, prestando o antedito Consello apoio técnico e o asesoramento ás empresas e sectores de actividade con convenio sectorial.

Artigo 5º.- Prazo.
Recollendo a consideración manifestada no Ditame 14/07, do17 de abril, amplíase o prazo para a sinatura dos acordos regulados nos apartados 1 e 2 do artigo.2º, que será de 45 días desde a publicación da orde.

Finalmente, os novos acordos regulados no apartado 3 do artigo 2º deberán asinarse antes do 15 de xuño.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa” consta de: Exposición de motivos, nove artigos e dúas disposicións derradeiras.


O día 11 de abril de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén as distintas consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia; as manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia e as manifestadas pola Confederación Intersindical Galega.




DITAME 20/08



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:
As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia, vistos os cambios introducidos no proxecto normativo en relación á Orde que regulaba igual procedemento en 2007 (Orde de 23.04.07), publicada no Diario Oficial de Galicia con data 2 de maio de 2007, consideran que debe manterse o texto da referida orde, coas seguintes incorporacións:
• Que no apartado 1 do artigo 3º da Orde do 23 de abril de 2007 (“Ámbito de aplicación”) se engada unha letra f) que inclúa as industrias agroalimentarias (CNAE 15).
• Que no apartado 2 do referido artigo 3º (acordos acadados nos sectores de actividade nos que exista convenio colectivo sectorial) debe figurar que “os acordos acadados formarán parte  do convenio colectivo do sector correspondente”.
• Que no apartado 2 do artigo 4º (“Partes lexitimadas para a súa sinatura”) debe mencionarse que o organismo que debe convocar ás partes lexitimadas é o Consello Galego de Relacións Laborais, sendo na súa sede onde deberán negociarse todos os pactos de estabilidade que podan acadarse.
• Que no artigo 5º (“Prazos”), considerando axeitado o prazo previsto no actual proxecto normativo, figure que é de 45 días despois da publicación da Orde en lugar dun mes.
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

A CIG reitera a consideración xeral manifestada no ditame 19/08, polo que, ao non estar de acordo co réxime de subvencións xeralizadas ás empresas, que se establece na Orde reguladora do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, tampouco pode compartir a filosofía que inspira esta Orde de procedemento e requisitos para acadar acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores, convenios ou empresas, que na práctica ten como efecto final unha rebaixa para determinados ámbitos, da taxa xeral do 75% de estabilidade mínima que se esixiría ás empresas para acceder ás subvencións.

Todo iso sen prexuizo de que consideremos positiva a incorporación, nos convenios colectivos ou en acordos ao abeiro do artigo 83 do Estatuto do Traballador, de normas de eficacia xeral, que establezan taxas mínimas de estabilidade contractual que deban ser acadadas obrigatoriamente polas empresas, especialmente cando esas taxas supoñan un incremento real das taxas estatísticas existentes na actualidade no ámbito correspondente.




CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A elección dunha concreta modalidade contractual depende de varios factores, entre os que cómpre salientar a causa da contratación, pero tamén a evolución favorable ou non do ciclo económico no que se atopa inmersa a empresa; a conxuntura actual na que a nosa economía se enfronta a unha nova fase do ciclo, caracterizada por unha desaceleración, obriga a tomar medidas que apoien e estimulen as decisións das nosas empresas e sectores no ámbito do emprego.

Por outra parte, cómpre lembrar que, de acordo coa nova redacción, incorporada pola Lei 43/2006, do 29 de decembro, do apartado 5 do art. 15 do Estatuto dos traballadores, adquirirán a condición de fixos os traballadores que mediante dous ou máis contratos, eventuais e/ou de obra ou servizo determinado, estivesen contratados máis de 24 meses dentro dun período de 30. É importante salientar o feito de que se debe computar como primeiro contrato o que estivese vixente no momento da entrada en vigor da norma, o que significa que o impacto efectivo desta disposición é cada vez maior e que, polo tanto, se debería apoiar e estimular especialmente a transformación destes contratos en indefinidos polas empresas.

Nótese que o Acordo sobre obxectivos e medidas para alcanzar os obxectivos de estabilidade fala de “plans que establezan taxas sectoriais que alcanzar”, pero a continuación tamén fala de “promoción do establecemento de cláusulas de estabilidade específica nos convenios colectivos; polo tanto, en cumprimento do acordado, debería estenderse o procedemento a calquera  empresa que conte con convenio propio.

Entendemos que iso potenciaría a fin última que se pretende coa medida, que non é outra que o impulso da estabilidade nas empresas da nosa Comunidade Autónoma, e, ademais, cumpriría de forma coherente o acordado nos acordos do diálogo social asinados o 5 de febreiro de 2007.

Polo tanto, cabe propoñer que se permita que aquelas empresas con convenio propio poidan acceder a estas axudas cando incorporen este tipo de cláusulas.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG):

Primeira.- Título.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón cambiar o actual título da orde (“Orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores produtivos, convenios colectivos sectoriais e de empresa”) por outro que se refira ao acordo sobre a taxa de estabilidade mínima para acceder ás axudas.


Segunda.- Artigo 2º. Ámbito de aplicación.

A Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente a inclusión dun novo sector (industrias agroalimentarias) que poderá ser obxecto de acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade (apto. 1, letra f).

O apartado 3 deste artigo posibilita os pactos sobre a taxa de estabilidade en empresas de máis de cen traballadores/as, nas circunstancias sinaladas neste precepto.

De acordo co sinalado na consideración xeral inicial, aínda que cunha valoración positiva da ampliación das posibilidades de acceso ás axudas ás empresas que se encadren neste artigo con respecto á orde do exercicio anterior, a CEG propón ampliar o precepto a calquera empresa con convenio propio, independentemente do número de traballadores desta e de que sexa aplicable un convenio de ámbito superior.

Así mesmo, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que se engada, co número 4, un novo parágrafo neste artigo no que se inclúa a posibilidade de acceso aos incentivos daqueles proxectos empresariais de investimento de especial relevancia para a Comunidade Autónoma de Galicia, logo do informe do Consello Galego de Relacións Laborais. Desta forma salvaríase a circunstancia de que existan proxectos de investimento que, non reunindo os requisitos esixidos, poidan acceder ao procedemento e, por consecuencia, aos incentivos. Doutro xeito, Galicia podería estar en situación de inferioridade con respecto a outras comunidades.

Terceira.- Artigo 4º. Partes lexitimadas para á súa sinatura.

Esta Confederación manifesta a súa valoración positiva sobre os cambios introducidos neste artigo, e que simplifican o procedemento para alcanzar os acordos.

Cuarta. Artigo 5º. Prazos.

A CEG considera que o prazo previsto de 45 días para asinar os acordos regulados nos apartados 1 e 2 do artigo 2º do proxecto normativo resulta escaso, polo que propón a súa ampliación.

Dende a Confederación de Empresarios de Galicia solicitamos prazos de tempo o máis amplos e flexibles posibles, adaptados aos momentos nos que as empresas toman as decisións de investimento (elaboración de orzamentos anuais). Este criterio xeral non se observa no texto da orde. De non poder establecer plans a medio prazo (duración de 2 ou 3 anos) por causas administrativas, proponse polo menos a ampliación dos prazos establecidos no borrador obxecto do presente ditame.

A Confederación de Empresarios de Galicia cree que deste xeito se lograría unha maior eficacia da subvención.


Quinta. Artigo 8º.- Análise de aplicación dos acordos.-

Reiteramos a seguinte consideración, manifestada no Ditame 14/07:
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe eliminarse o disposto no parágrafo segundo deste artigo 8º, que establece a facultade de solicitar, por parte das subcomisions de seguimento creadas nos Comités Provinciais de Emprego, toda aquela información que considere oportuna, co fin de analizar as causas da temporalidade no sector para o cal se realizará unha mostraxe entre as empresas do sector.  

Entendemos que a información que haberá de utilizarse é a baseada en fontes oficiais e non en mostraxes cuxo contido se descoñece; así mesmo o que haberá que analizar é a evolución da contratación nos diferentes sectores, pero non “as causas da temporalidade”.

Polo exposto, a Confederación de Empresarios de Galicia propón a seguinte redacción alternativa: “…Esta subcomisión solicitará toda aquela información oficial que considere oportuna, co fin de analizar a evolución da contratación no sector, co obxectivo de determinar a eficacia do programa ao remate deste.”