ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBT), COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES

O día 6 de febreiro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora para aproveitar, principalmente, o potencial de persoas dedicadas á investigación e persoas con titulación universitaria que pretendan xestionar os seus proxectos empresariais innovadores, e propiciar a transferencia do amplo coñecemento creado en universidades e centros de investigación en proxectos xeradores de novas actividades e novos postos de traballo de alta cualificación.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 8 de maio de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 12 de marzo de 2007, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na exposición de motivos actualízanse as remisións normativas, que agora se realizan á Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo. Esta última mención derívase do manifestado no Ditame 12/07 do 12 de marzo, que foi xa recollido no texto da orde publicado no DOG do 8 de maio de 2007.


Artigo 1º .- Obxecto, finalidade e principios de xestión.
O apartado 1 deste artigo recolle a redacción que se lle deu no DOG do 8 de maio de 2007, concretando a data do Decreto polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Decreto 56/2007, do 15 de marzo), que non estaba publicado no momento de remisión do proxecto do ano 2007.

No apartado 2 actualízanse as remisións normativas do mesmo xeito que na exposición de motivos, e ás que se engade a realizada á Lei 16/2007, de 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Artigo 2º .- Persoas e entidades beneficiarias.
Revísase o título deste artigo, empregando no actual proxecto normativo unha redacción que respecta as diferencias de xénero, de acordo coa consideración manifestada no Ditame 12/07 do 12 de marzo de 2007.

Artigo 4º.- Axuda á creación de emprego estable.
Igual que na redacción dada no DOG de 8 de maio de 2007, os apartados 2, 3 e 4 deste artigo contemplan como obxecto de subvención as contratacións indefinidas, en lugar das “contratacións indefinidas iniciais e as transformacións de contratos temporais en indefinidos” do proxecto do ano pasado.

Modifícase o apartado 5, de xeito que os postos de traballo estables de carácter indefinido dos que trata este precepto deben crearse antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade, sendo subvencionables as contratacións realizadas entre o 16/09/2007 e o 15/09/2008.

Por último, engádese un novo parágrafo xa redactado na orde publicada no DOG. Este apartado 6 exclúe das axudas o suposto de que os traballadores ou traballadoras prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

Artigo 5º.- Subvención para a contratación de persoal experto técnico de alta cualificación.
O apartado 3 establece que as contratacións subvencionables deberán realizarse entre o 16/09/2007 e o 15/09/2008, e sempre antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade, mentras a orde do ano pasado simplemente esixía que se produciran antes do 15 setembro de 2007.

Artigo 6º.- Apoio á función xerencial.
Modifícase o apartado 2 esixindo que o gasto debe producirse e ser efectivamente xustificado no primeiro ano de actividade. De acordo co proxecto normativo do ano pasado o gasto debía producirse no ano 2007, e ser efectivamente xustificado, con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido na resolución de concesión, ou, no seu caso, ata o 30 de novembro de 2007.

Por outra banda o apartado 4, dispón que a solicitude debe presentarse no duodécimo mes contado desde o inicio da actividade, modificando o proxecto normativo anterior que establecía o prazo xeral regulado na orde.

Por outra banda, neste mesmo apartado engádese o concepto de inicio de actividade da empresa.

Artigo 7º.- Subvención  financeira.
O apartado 2 deste artigo especifica que emprego estable que determina a contía máxima da axuda será o creado durante o primeiro ano de actividade, fronte a regulación do ano pasado que se refería ao emprego estable creado no 2007.

Artigo 8º.- Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Modifícase o apartado 1 de xeito similar ao do artigo anterior, pois o importe máximo desta modalidade de axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados durante o primeiro ano de actividade (todo o ano 2007 no borrador do ano pasado).

O apartado 2 exise que os gastos subvencionables se realicen e sexan efectivamente xustificados no primeiro ano de actividade. Esta regulación difire da establecida no proxecto do ano pasado pola que os gastos debían realizarse no ano 2007 e ser efectivamente xustificados, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou, no seu caso, ata o 30 de novembro de 2007.

O apartado 3 tamén modifícase, nos mesmos termos que o apartado 4 do artigo 6º (“Apoio á función xerencial”).

Artigo 10º.- Solicitudes, prazo e período de vixencia.
O apartado 2 actualízase coa mención da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O apartado 6 establece como actuacións subvencionables as realizadas no primeiro ano de actividade da empresa, fixando como data límite para a presentación de solicitudes o 15 de setembro de 2008.
Artigo 12º.- Instrución e tramitación.
O prazo de 10 días para subsanación de erros establécese como máximo e improrrogable.
Artigo 13º.- Procedemento de concesión, resolución e recursos.
A concesión de subvencións axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programación e Xestión da Consellería de Traballo.
Disposicións adicionais e derradeiras.
Creáse unha nova disposición adicional (cuarta), desaparecen as disposicións transitorias e modifícase a disposición derradeira primeira, que faculta ao director xeral de Promoción do Emprego para ditar resolucións e instrucións (substituíndo o termo “aclaracións” atendendo a unha consideración dos axentes sociais manifestada no ditame 12/07).




De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e un artigos, sete disposicións adicionais, e dúas derradeiras.


O día 12 de febreiro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais.

Así mesmo, contén, como anexos, unha consideración xeral e outra específica de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), dúas consideracións específicas de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II) e unha consideración xeral, non unánime, manifestada pola CIG (anexo III).

DITAME 6/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de febreiro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de febreiro de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.


Segunda.

Este Comité manifesta a súa extrañeza por non terse atendido o requerimento do Pleno do Consello en relación co envío dos datos estatísticos de execución do programa de axudas ás empresas cualificadas como IEBT do exercicio pasado, datos que, non obstante, tense recibidos das outras ordes que se están a ditaminar.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

Igual consideración que a citada anteriormente se reproduce para o disposto no apartado 2 deste artigo.

No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión do programa que se regula neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.
Segunda.- Artigo 2º. Persoas e entidades beneficiarias.

No apartado 1 deste artigo elíminase o requisito esixido ás empresas privadas na orde do exercicio de 2006, que deberían ter a condición de pemes.

Este Comité propón que se manteña este requisito no actual proxecto normativo e destinar as axudas soamente ás empresas que teñan a consideración de pemes.

Terceira.- Artigo 3º. Tipos de axuda.

No apartado 3 deste artigo establécese que, cando se trate de traballadoras autónomas ou traballadores autonómos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario as persoas que, figurando inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

Este Comité entende que esta excepción, que actúa como un beneficio que amplía tal posibilidade, debería aplicarse ademáis de aos traballadores e traballadoras por conta propia aos traballadores e traballadoras por conta allea; hai que ter en conta que nalgunhas formas xurídicas, como as cooperativas ou as sociedades laborais, existe un dereito de opción polo réxime xeral da Seguridade Social correspondente a favor dos socios ou socias traballadores. Non estaría xustificado o feito de poder acceder nun caso, nos requisitos establecidos no citado parágrafo, e noutro non.
Cuarta.- Artigo 3º. Tipos de axuda.

O apartado 6 deste artigo dispón que “o cadro de persoal no momento de iniciar a súa actividade produtiva deberá estar constituído nun 25%, como mínimo, por persoas con titulación universitaria.

Este Comité considera que debe figurar neste apartado que ten que existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se lle contrata, tal e como establece o apartado 3 do artigo 4º do proxecto normativo.

Quinta.- Artigo 8º. Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

O último parágrafo do apartado 2 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de subvencionar tamén os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Sexta.- Artigo 11º. Documentación.

Este Comité fai constar que os anexos aos que se refire este artigo non se poden ditaminar posto que non foron achegados ao Consello xunto co proxecto normativo.


Sétima.- Artigo 13º. Procedemento de concesión, resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera o prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.





















ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O proxecto normativo establece, nos seus artigos 3º.1 a) e 4º, unha axuda á creación de emprego estable, extendendo esta axuda aos postos de traballo creados pola transformación en indefinidos dos contratos temporais.

As organizacións sindicais manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se pode subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 3º.1 do proxecto normativo (subvención para contratación de expertos técnicos de alta cualificación, apoio á función xerencial, subvención financeira e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).





CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Artigo 17º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Este artigo establece no seu apartado 1.b) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

Igualmente, no seu apartado 1.g), obrigáse ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

As organizacións sindicais, sen prexuizo do manifestado na consideración xeral anterior, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas b) e g) como estaban na orde do exercicio de 2006.









ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Tipos de axuda.
O apartado 4 deste artigo establece que serán subvencionables as transformacións en indefinidos de contratos temporais sempre que a transformación se realice no mesmo ano natural que o contrato temporal do que trae causa.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que debería arbitrarse unha cláusula de transitoriedade, e exceptúar da obriga de realizar a transformación no mesmo ano natural  a aqueles contratos temporais celebrados a partir de setembro de 2007 e transformados no ano 2008.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención para a contratación de persoal experto técnico de alta cualificación.
O apartado 4 deste artigo establece que “as persoas expertas técnicas que sexan desempregadas inscritos como demandantes de emprego e sexan contratadas con carácter indefinido non poderán computarse para os efectos do cálculo da subvención financeira e da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade”.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se computen igualmente os contratos das referidas persoas expertas técnicas.
ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

A Confederación Intersindical Galega, á vista do establecido no parágrafo segundo deste proxecto normativo e tendo en conta as inapreciables modificacións introducidas respecto á orde do exercicio de 2007, se fai eco da consideración xeral de carácter unánime manifestada nos ditames 37/07 e 38/07 deste Comité Delegado e que se reproduce seguidamente:

“As organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello Galego de Relacións Laboráis consideran certamente esaxerada a enunciación do parágrafo quinto da exposición de motivos do proxecto normativo, en relación á incidencia na formulación deste borrador de Orde, dos Acordos polo Emprego asinados en 2007 pola Xunta de Galicia, a CEG, o S.N. de CC.OO. de Galicia e a UGT-Galicia.

O certo é que o texto do borrador que estamos a ditaminar é substancialmente idéntico ao ditaminado en 2006 para o exercicio de 2007, anterior por tanto aos devanditos Acordos.

As escasas modificacións introducidas para este borrador da Orde para o exercicio de 2008 (que, por certo, non recollen practicamente nada das consideracións unánimes deste Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laboráis, composto pola representación de CEG, CCOO, UGT e CIG), e, en concreto, a inclusión dunha Disposición Adicional Novena, directamente alusiva á posibilidade de que os repetidos Acordos, entre outras normas e acordos (sic), incida no establecemento de criterios en canto aos obxectivos prioritarios, pensamos que nin minimamente xustifica a categorización que se fai da coherencia entre o borrador da Orde e os Acordos, no devandito parágrafo da exposición de motivos”.