ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CREA O REXISTRO DE EMPRESAS ACREDITADAS DE GALICIA PARA INTERVIR NO PROCESO DE CONTRATACIÓN NO SECTOR DA CONSTRUCIÓN.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de abril de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se crea o Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción e o Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, que a desenvolve, obrigan ás empresas que pretendan ser contratadas ou subcontratadas para traballos nunha obra de construción a estar inscritas nun rexistro creado para o efecto. Este rexistro dependerá da autoridade laboral correspondente da Comunidade autónoma onde radique o domicilio da empresa contratista ou subcontratista, para o que cada comunidade deberá crear o seu propio rexistro.

Por outra banda, o artigo 45.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, prevé que as administracións impulsarán a aplicación de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias e a Lei 11/2007, do 22 de xuño, do acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, ambas as dúas de carácter básico, establece que as administracións públicas poderán establecer a obrigatoriedade de que as comunicacións se fagan por medios electrónicos, así como o contido mínimo dos rexistros electrónicos, as comunicacións e as notificacións electrónicas.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame deste Consello.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 1º créase e o Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción, coa finalidade de garantir o acceso aos datos nel recollidos.

Este rexistro adscríbese á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, con independencia do órgano responsable da administración do sistema informático que soporte o devandito rexistro.
O rexistro será único para toda a Comunidade autónoma, rexéndose polas normas contidas na Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción, o Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, polo que se desenvolve a devandita lei.

De acordo con artigo 2º, a orde aplicarase ás empresas que, con domicilio social en Galicia, pretendan ser contratadas ou subcontratadas para traballos en obras de construción en todos os ámbitos, incluídos os contratos do sector público.

Así mesmo, en virtude do previsto na Lei 45/1999, do 29 de novembro, sobre desprazamento de traballadores no marco dunha prestación de servizos transnacional, a orde aplicarase tamén cando estas empresas despracen persoas traballadoras a España, realizando a primeira prestación de servizos deste tipo no ámbito da Comunidade Autónoma.

O artigo 3º establece a natureza xurídica administrativa e o carácter público do Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción, tendo a inscrición neste validez para todo o territorio nacional.

As empresas terán acceso aos datos rexistrais por vía telemática, coa correspondente protección legal dos datos de carácter persoal contidos no Rexistro.


Segundo o previsto no artigo 5º, a comunicación coa Comunidade Autónoma para proceder a calquera trámite relacionado co Rexistro de Empresas Acreditadas haberá de realizarse tamén por vía telemática, nos termos da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos, sendo esta norma de obrigado cumprimento en todo o referente a sinatura electrónica, medios telemáticos de acceso, modelos normalizados de acceso, requisitos técnicos, prazos, horarios, comprobantes, etc.

E así mesmo, as solicitudes de inscrición e de certificacións, así como as de renovación, cancelación e variación de datos do Rexistro realizaranse igualmente por vía telemática (artigos 8º, 9º 10º e 12º).

O artigo 6º obriga ás empresas incluídas no ámbito de aplicación da orde a estar inscritas no Rexistro, con carácter previo ao inicio da súa intervención no proceso de contratación ou subcontratación no sector da construción, tendo a inscrición unha validez de tres anos renovables (artigo 9º).

Agora ben, segundo a disposición transitoria, a obriga da inscrición só poderá esixirse a partir do 26 de agosto de 2008, non sendo de aplicación ás obras de construción cuxa execución se iniciara antes do 19 de abril de 2006.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se crea o Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción”consta de: Exposición de Motivos, dous capítulos, doce artigos, unha disposición transitoria e unha disposición derradeira.

O día 23 de abril de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia. (CEG).







DITAME 21/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se crea o Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 1º. Creación do Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción.
O apartado 2 deste artigo establece que o mencionado rexistro adscríbese á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo ou ao órgano directivo ao que queden atribuídas as competencias en materia de traballo (execución laboral).

Este Comité estima que o inciso relativo á execución laboral, que figura entre paréntese, debe ser suprimido.

Segunda. - Artigo 3º.- Natureza xurídica
Este Comité entende que debe revisarse a redacción dada ao apartado 1 deste precepto, incluíndo ao comenzo do parágrafo o correspondente artigo para referirse ao Rexistro creado por este proxecto normativo, de tal xeito que a primeira frase deste apartado sería a seguinte:
“O Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción, segundo o establecido no artigo 9 do Real decreto 1109/2007, ten natureza administrativa e carácter público”.
Así mesmo, este apartado 1 in fine (ao igual que os artigos 8º.2 e 9º.1) establece que a inscrición no rexistro terá validez “para todo o territorio nacional”.
Este Comité considera que debe substituirse a expresión “territorio nacional” empregada nestes preceptos, pola máis axeitada de “territorio do Estado”.



Terceira.- Diposición Transitoria Única.
O apartado 2 desta disposición establece que “ata que se realice a inscripción, ás empresas comitentes poderán comprobar o cumprimento polas súas empresas contratistas ou subcontratistas das obrigas previstas nos apartados 1 e 2.a) do artigo 4 da Lei 32/2006, do 18 de outubro”.
Este Comité entende que o termo empregado “poderán” debe substituirse polo de “deberán”.


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. Artigo 5º. Medio de acceso e relacións da cidadanía co rexistro.
O apartado 1 deste artigo obriga a se comunicar por vía telemática coa Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de calquera trámite relacionado co Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción, segundo posibilita o artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos.
A Confederación de Empresarios de Galicia quere sinalar que a propia exposición de motivos da mencionada Lei 11/2007 establece que “o uso de medios electrónicos non pode significar mingua ningunha do dereito do interesado nun expediente a acceder a este na forma tradicional”. Así mesmo, no seu artigo 4º, establece como principio xeral o de igualdade (apartado b) “co obxecto de que en ningún caso o uso de medios electrónicos poida implicar a existencia de restricións ou discriminacións para os cidadáns que se relacionen coas administracións públicas por medios non electrónicos tanto respecto ao acceso á prestación de servizos públicos coma respecto a calquera actuación ou procedemento administrativo, sen prexuízo das medidas dirixidas a incentivar a utilización dos medios electrónicos”.
Seguidamente, esta Lei, no seu artigo 27º.1 dispón que os cidadáns poderán elexir en todo momento o xeito de comunicarse coas administracións públicas, sexa ou non por medios electrónicos, agás naqueles casos nos que unha norma con rango de lei se estableza ou infira a utilización dun medio non electrónico.
O posterior R.D. 1109/2007, do 24 de agosto, que desenvolve a Lei 32/2006 reguladora da subcontratación no sector da construción, permite (artigo 5º.1) que a solicitude de inscrición no Rexistro de Empresas Acreditadas poda presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico e procedemento administrativo común, sen establecer a obrigatoriedade de que os trámites relativos a este Rexistro teñan que realizarse exclusivamente por vía telemática, do mesmo xeito que noutros rexistros electrónicos recentemente creados (Rexistro Electrónico do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, p.e.).
En conclusión, a Confederación de Empresarios de Galicia estima que nas actuacións relativas ao rexistro regulado neste proxecto normativo debe manterse a posibilidade de tramitación na forma tradicional ou “soporte papel”, sen prexuízo da vía adicional telemática, non obrigatoria para as persoas interesadas, evitando así que o uso de medios electrónicos mingüe os seus dereitos.