ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O PROCEDEMENTO DE CUALIFICACIÓN DAS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL E A ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO SEU REXISTRO ADMINISTRATIVO.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de abril de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Co obxecto de favorecer a inserción dos colectivos en situación ou risco de exclusión social desenvolveuse a figura xurídica das empresas de inserción laboral como estruturas produtivas que, cumprindo unha función social e económica, proporcionan aos máis desfavorecidos a oportunidade de entrar no sistema socioeconómico a través do emprego, e por tal motivo merecen unha especial protección por parte dos poderes públicos.

Esta orde, que se somete por primeira vez a ditame deste Consello, desenvolve o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, regulando o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral, a creación, organización e funcionamento do rexistro correspondente, coa finalidade de garantir a súa identificación e publicidade.

Á vista do texto do borrador desta orde e do Ditame 34/06, do 26 de outubro de 2006 emitido por este Comité sobre o proxecto do mencionado Decreto 156/2007, destácanse os seguintes aspectos do novo proxecto normativo:

Recollendo as consideracións manifestadas no Ditame 34/06, no último parágrafo da Exposición de Motivos, menciónase o papel desempeñado polo Comité Autonómico de Emprego e a consulta ante o Consello Galego de Relacións Laborais.

De acordo co disposto no artigo 1º, o proxecto normativo será de aplicación ás empresas de inserción laboral que desenvolvan a súa actividade e teñan centros de traballo radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 2º considérase empresas de inserción laboral a aquelas estruturas produtivas de bens ou servizos que teñan por finalidade básica do seu obxecto social a incorporación ao mercado laboral de persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento precisos para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral común, sempre que reúnan os requisitos previstos no artigo 4º do Decreto 156/2007, do 19 de xullo.

Esta redacción resulta coherente coa consideración do Ditame 34/06, propoñendo a substitución da expresión “persoas en perigo de exclusión social” que figuraba no mencionado Decreto, pola de “persoas en risco de exclusión social”, máis correcta.

O artigo 3º determina as entidades que poden ser beneficiarias, citando ás sociedades mercantís, sociedades laborais, sociedades cooperativas, ou calquera tipo de organización societaria civil ou mercantil e ás entidades sen ánimo de lucro nos temos da disposición transitoria.

O procedemento de cualificación iniciarase a instancia do interesado (artigo 5º), sendo o órgano instrutor o Servizo de Autónomos, Inserción Laboral e Calidade no Emprego da Consellería de Traballo (artigo 6º). Por resolución da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, que pon fin ao procedemento, a entidade beneficiaria adquirirá a condición de empresa de inserción laboral, debendo incluir na súa denominación as palabras “Empresa de Inserción Laboral” ou a abreviatura E.I.L. (artigo 7º), tal como se suxería no Ditame 34/06.

O artigo 9º menciona entre as causas de perda da cualificación como empresa de inserción laboral, o incumprimento da finalidade básica de integración sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social. A descualificación acórdase previa audiencia da entidade interesada e produce efectos de baixa rexistral, pero non implica a disolución da sociedade.

O artigo 10º crea o Rexistro administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia. Este rexistro, de carácter único, adscríbese ao centro directivo competente en materia de promoción do emprego, e o seu obxecto será a inscrición das empresas que obtiveran a cualificación de empresas de inserción laboral.

Segundo o artigo 11º, a inscrición rexistral producirá o efecto da publicidade dos datos consignados, non tendo efectos constitutivos. A inscrición será condición previa necesaria para que unha empresa de inserción laboral acceda ás medidas de fomento e subvencións da Comunidade Autónoma.

No artigo 13º regúlase o funcionamento deste Rexistro, para o que se levará un libro de inscrición de empresas de inserción laboral, figurando na folla correspondente a cada empresa cualificada os datos que se relacionan neste precepto.

A Disposición Adicional exclúe da cualificación como empresa de inserción laboral ás empresas que foran cualificadas ou poidesen obter a cualificación como Centros Especiais de Emprego, aínda que cumpran todos os requisitos esixidos no Decreto 156/2007 e neste proxecto normativo.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo”consta de: Exposición de Motivos, tres capítulos, trece artigos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria e dúas disposicións finais.

O día 23 de abril de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e tres específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.









DITAME 22/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.
De acordo co apartado 2 deste artigo, a orde será de aplicación ás empresas de inserción laboral que desenvolvan a súa actividade e teñan centros de traballo radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo.

Este Comité quere recordar que o ámbito de aplicación do decreto mencionado, segundo o seu artigo 1º.2, refírese ás empresas que teñan centros de traballo radicados no territorio da comunidade autónoma. Así pois, este Comité propón a supresión neste apartado da expresión “teñan actividade”, coa finalidade que a redacción do proxecto normativo obxecto de ditame garde a lóxica coherencia co disposto no Decreto 156/2007.

Segunda. - Artigo 3º.- Entidades beneficiarias
Este Comité suxire que o título deste artigo se substitúa polo de “Entidades cualificables”, para non inducir a confusión coas entidades beneficiarias de axudas.
Terceira.- Artigo 4º.- Acto de cualificación.
Este Comité considera que neste precepto debe facerse referencia ao expediente administrativo relativo á cualificación.

Así mesmo, este Comité propón a supresión do artigo 4º da atribución ao Director Xeral de Promoción do Emprego da competencia para resolver o procedemento de cualificación, por resultar redundante co disposto no artigo 7º, apartado 1.

Finalmente, este artigo 4º menciona a terminación do procedemento de cualificación en virtude de resolución motivada unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos “na presente orde e no artigo 4º do Decreto 156/2007”.

Este Comité entende que, dada a remisión normativa que realiza o artigo 4º do mencionado decreto, debe incluirse no artigo 4º deste proxecto normativo unha referencia ao artigo 3º deste Decreto.

En conclusión, este Comité propón unha nova redacción para este artigo 4º que sería a seguinte:

“A cualificación é o acto polo que unha entidade das indicadas no artigo 3º do Decreto 156/2007 adquire, previa tramitación do correspondente expediente, a condición de empresa de inserción laboral unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos na presente orde e nos artigos 3º e 4º do antedito Decreto”.

Cuarta. - Artigo 5º.- Procedemento de cualificación.

Este Comité pon de manifesto que o anexo ao que fai referencia o apartado 1 deste artigo non se achegou xunto co proxecto normativo, polo que non pode ser obxecto de ditame.
Nos item 3 e 5 do apartado 2 menciónase o Documento Nacional de Identidade como parte da documentación que debe acompañar á solicitude de cualificación.

Tendo en conta que o DNI é un documento persoal e intransferible, este Comité propón que a documentación a presentar poda ser copia.
No item 6 deste mesmo apartado esixe a presentación dunha relación das persoas traballadoras en situación de alta no cadro de persoal pola que se xustifique o cumprimento do disposto no artigo 4.c do Decreto 156/2007.
Este Comité estima que o citado artigo 4º.c do Decreto 156/2007 debe citarse íntegramente neste apartado do proxecto normativo, facendo mención expresa á obriga de manter a porcentaxe mínima do 30 por cento anual de persoas traballadoras en proceso de inserción.

Quinta.- Artigo 7º.- Resolución e recursos
O apartado 2 deste artigo establece para a resolución e notificación un prazo de seis meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité considera este prazo excesivamente longo, polo que propón a súa redución a tres meses.