ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE O PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL (EIL) COFINANCIADO POLO FSE, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de abril de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establece o programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

No capítulo V do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e se crea o seu rexistro administrativo, enúncianse as medidas que pode adoptar a Administración para o fomento da inserción sociolaboral. Esta orde, que é a primeira vez que se somete a ditame deste Comité, desenvolve o mencionado capítulo, establecendo un programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e anunciando a súa convocatoria para o ano 2008.

Destácanse os seguintes aspectos do novo proxecto normativo:

O artigo 1º establece a súa finalidade, que é a de promover a inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de que poidan cumprir a súa función social.

O artigo 2º califica de entidades beneficiarias das axudas ás empresas de inserción laboral, unha vez cualificadas e rexistradas como tales, ou que teñan solicitado tal cualificación, aínda que neste suposto non poderá procederse ao pagamento da axuda en tanto non obtivera a dita cualificación.

No artigo 3º relaciónanse os suxeitos e persoas beneficiarias da inserción laboral por medio de empresas de inserción laboral, que teñen que ser  persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social nas que concurran algún dos factores de exclusión que se relacionan.

De acordo co disposto no artigo 4º, os contratos de traballo, para que sexan subvencionables, deberán formalizarse por escrito, aceptándose calquera das modalidades de contratación. Recollendo a consideración manifestada por este Comité no Ditame 34/06, sobre o proxecto do referido Decreto 156/2007, do 19 de xullo, determínase a duración destes contratos, que debe ser entre 6 e 24 meses, sendo a xornada non inferior ao 50% da establecida en convenio colectivo de aplicación, ou no seu defecto, na xornada legal ordinaria.
Así mesmo, con carácter previo, deberá subscribirse o convenio de inserción entre a persoa seleccionada, a empresa de inserción e os servizos sociais, nos termos sinalados no artigo 13º do Decreto 156/2007 do 19 de xullo.

No artigo 5º establécense as seguintes actuacións subvencionables:

1) Contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social.
2) Contratación de persoal xerente ou técnico necesarios para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción.
3) Contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción.
4) Realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario.
5) Formalización de préstamos con entidades financeiras.
6) Creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.

Os requisitos e contía das axudas, regúlanse nos artigos 6º a 11º, recolléndose os supostos de exclusións no artigo 12º.

O prazo xeral de presentación de solicitudes remata o 30 de outubro de 2008 (artigo 14º), debendo acompañarse da documentación común e específica para cada modalidade de axuda, segundo o disposto no artigo 15º.

O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Autónomos, Inserción Laboral e Calidade no Emprego da Dirección Xeral de Promoción do Emprego e a competencia para resolver corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo (artigo 17º).

O artigo 18º relaciona a documentación xustificativa, común e específica, que haberá de presentarse para o pagamento das axudas no prazo que se sinale na resolución da concesión, ou en todo caso, antes do 30 de novembro de 2008.  

Finalmente, no capítulo III regúlanse as incompatibilidades e concorrencia das axudas (artigo 19º), as obrigas das entidades beneficiarias (artigo 20º), os supostos en que procede a revogación e o reintegro (artigo 22º), así como a adecuación destas subvencións ao dereito comunitario (artigo 24º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se establece o programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e catro artigos, sete disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 25 de abril de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e dez específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).










DITAME 23/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establece o programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de abril de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.


Segunda

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 1º.- Finalidade e principios de xestión.

No parágrafo 2 deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.


Segunda.- Artigo 5º.- Actuacións subvencionables.

O número 6 do apartado 1 menciona a "creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral” como unha das actuacións que poden ser obxecto das axudas reguladas na orde.

Este Comité considera que, dada a forma en que o artigo 11º desenvolve este tipo de accións, na súa definición no artigo 5º debería xa relacionarse expresamente co investimento en activo fixo.

Terceira.- Artigo 6º.- Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.
De acordo co apartado 5 in fine o 31 de maio de 2008 remata o prazo de solicitude de axudas para aquelas contratacións subvencionables que se realicen desde o 31 de agosto e ata a data de entrada en vigor da orde.

Este Comité propón que, en lugar do 31 de maio, se estableza o prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da norma, sen que figuren na orde datas límite pechadas.

Cuarta. – Artigo 8º.- Subvención pola contratación de técnicos en orientación e acompañamento á inserción.
O apartado 4 deste artigo impón a obriga de que o persoal técnico en accións de orientación posúa unha titulación universitaria axeitada ás labores a realizar.
Este Comité entende que neste precepto deberían especificarse concretamente cáles son as titulacións axeitadas a estes efectos.

Quinta. - Artigo 15º.- Documentación.
Neste artigo, agás no apartado a)1do número 2, esíxese a aportación do Documento Nacional de Identidade.
Tendo en conta que o DNI é un documento persoal e instransferible, este Comité propón que a documentación a presentar poda ser orixinal ou cotexada.
Xunto coa solicitude, a letra a), número 1, do apartado 2, esíxe no segundo item a presentación dos Boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2) e transferencias bancarias acreditativas dos pagamentos da mensualidades.
Este Comité pon de manifesto que non entende a mención deste precepto á transferencia bancaria. Para o caso de que se refira aos salarios, hai que sinalar que o pago destes pode levarse a cabo por outros medios distintos á trasferencia bancaria. No suposto de que aluda ao pagamento das cotizacións á Seguridade Social, cómpre recordar que este realízase como un cargo en conta e non vía transferencia.
Neste mesmo apartado 2, a letra f) do número 2, esixe no cuarto item a presentación do “balance de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos exercicios e provisionais para os dous próximos exercicios”.
Este Comité quere sinalar a escasa claridade deste precepto, posto que  os “balaces provisionais para os dous próximos exercicios”, son estados contables de exercicios futuribles, que non poden coñecerse no momento da presentación da solicitude de axuda.
Se con esta expresión, o proxecto normativo estase a referir aos orzamentos, así debería mencionarse expresamente neste artigo.
Sexta.- Artigo 17º.- Resolución e recursos.
O apartado 4 deste artigo establece o prazo de seis meses para resolver e notificar, computándose desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité considera este prazo excesivamente longo, polo que reitera unha vez máis a súa proposición de que se reduza a tres meses.
Sétima.- Artigo 18º.- Xustificación e pagamento.
Este Comité suxire que se proceda a unha mellora na clasificación establecida neste artigo, para facilitar a súa compresión.
O apartado 3, penúltimo parágrafo, 3. obriga ás empresas beneficiarias a presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión, ou de ser o caso, ata o 30 de novembro do 2008.
Este Comité propón a substitución do actual inciso “de ser o caso” polo de “en todo caso”, máis correcto.
Oitava.- Artigo 19º.- Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo prohibe que os incentivos regulados no proxecto normativo podan superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Este Comité considera que estes límites deberían figurar expresamente na orde, polo que propón a súa inclusión no texto da mesma.
Novena.- Artigo 20º.- Obrigas dos beneficiarios.
O apartado 3 esixe á adopción das medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Este Comité propón que se concreten expresamente na orde cales son estas medidas axeitadas de difusión.


Décima. - Disposición transitoria.
Este Comité suxire que esta disposición se redacte dunha forma máis axeitada, procedendo a mellorar o texto da primeira frase (sobra a preposición “de”) e do último parágrafo.



ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 6º.- Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.

No apartado 2 deste artigo establécese que a contía máxima da subvención será o 50% do salario mínimo interprofesional mensual por cada traballador, reducíndose proporcionalmente á duración da xornada.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que esta contía debería aumentarse a unha porcentaxe do salario mínimo interprofesional superior a que figura no proxecto normativo.