ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO (ILES) E DO PROGRAMA DAS INICIATIVAS EMPRENDEDORAS E DE EMPREGO (I+E+E), COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de abril de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES) e do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O necesario desenvolvemento e diversificación do tecido empresarial galego no contorno territorial xustifican o deseño de programas dirixidos a fomentar a iniciativa emprendedora, co fin de potenciar o crecemento económico e do emprego especialmente no ámbito local e no medio rural, articulando unha colaboración entre a Xunta de Galicia,  as administracións locais de carácter territorial e a iniciativa privada, coa finalidade de facilitar e fomentar a aparición de empresas xeradoras de emprego.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Como novidade, neste ano regúlase un novo programa denominado “Iniciativas Emprendedoras e de Emprego” (I+E+E), que pretende fomentar a creación de microiniciativas empresariais xeradoras de emprego, apoiando especialmente aquelas que se implantan nos espacios rurais e que creen emprego de mozos e mulleres. Este programa inclúe aquelas sociedades mercantís que se subvencionaban no ano 2007 ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo.

As axudas reguladas na orde están cofinanciadas nun 80 por cento (70 por cento no 2007) polo Fondo Social Europeo (Programa Operativo Plurirexional de Adaptabilidade e Emprego e Programa Operativo Galicia do Fondo Social Europeo no marco de converxencia), debendo constar expresamente esta circunstancia na resolución da concesión.

Á vista do borrador agora remitido hai que sinalar que non se achegan os documentos modelo aos que fai referencia o proxecto normativo, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o día 7 de marzo de 2007 e o Ditame 3/07, emitido polo Consello con data 24 de xaneiro, observánse as seguintes novidades:

A estrutura da orde modifícase, regulándose as bases específicas de cada un dos programas como anexos, en lugar de no articulado como figuraban na orde do 2007.

Engádese un artigo (2º) coa normativa aplicable para a tramitación e concesión das axudas reguladas no proxecto normativo.

A documentación específica relativa á solicitude e á xustificación da subvención desaparece dos artigos 5º e 9º, regulándose nos anexos correspondentes a cada programa, nos que ademáis engádese nova documentación . Así mesmo, como documentación común esíxese unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores.
Así mesmo, no artigo 5º engádese un novo apartado (e) de xeito que, para gastos superiores a 12.000 euros relativos a subministración de bens de equipo ou prestación de servizos de consultoría ou asistencia técnica, a persoa interesada deberá solicitar un mínimo tres ofertas, xustificando a elección entre elas cando non recaia na proposta económica mais vantaxosa.

O artigo 9º engade tres novos apartados, nos que se establece que a determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme ao artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (apartado 2) e se determina o que se entende por gasto subvencionable (apartado 3) e gasto realizado, admitindo únicamente como documentación xustificativa do pagamento o correspondente documento bancario (apartado 4).

As autorizacións que se regulaban xunto á solicitude no borrador do ano pasado, incorpóranse a un artigo independente (16º) no texto do actual proxecto normativo.

No precepto relativo á instrución e tramitación (artigo 17º), determínase o órgano instrutor, que será, segundo o ámbito territorial, o Servizo de Promoción do Emprego das delegacións provinciais, ou o Servizo de Apoio a Emprendedores da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Esíxense novas obrigas ás persoas ou entidades beneficiarias, recolléndose nas letras b), f), g) i), e j) do artigo 11º.

Modificase o réxime de mínimis que afecta ás axudas reguladas nesta orde (artigo 16º), aplicándose para o 2008 o regulamento CE nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis.

Engádese unha nova disposición adicional (cuarta), establecendo que será o órgano xestor das axudas quen comprobará directamente a inscrición das persoas traballadoras no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego na data de alta na Seguridade Social.

ANEXO A .- Programa de apoio ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILE).

De acordo co disposto no apartado 1 da base segunda (“Entidades beneficiarias”), no caso de sociedades civís e comunidades de bens, na solicitude e na resolución de concesión deberán facerse constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoa beneficiaria.

Para o exercicio 2008, a “subvención á creación directa de emprego estable” (base cuarta) incentivará tamén os postos de traballo de ocupados polas propias persoas promotoras, e así mesmo, terán dereito a estes incentivos as cooperativas ou sociedades laborais cualificadas como iniciativas de emprego, pola incorporación de persoas desempregadas como socios/as traballadores/as.

Os préstamos subvencionables ao abeiro da subvención financeira (base sétima) deberán formalizarse entre o inicio da actividade e o 31 de outubro de 2008, ou no prazo específico establecido na resolución de concesión. A entidade beneficiaria acreditará o investimento en activo fixo sen incluír o imposto sobre o valor engadido e realizará o investimento no prazo máximo do 30 de novembro, non subvencionándose a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo (agás no traspaso de negocios).


De acordo co novo apartado 3 desta base, esta subvención será equivalente á redución de ata seis puntos (catro na orde do 2007) do tipo de xuro fixado pola entidade que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia, sen que o tipo de xuro a satisfacer pola persoa beneficiaria, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. Para o exercicio 2008, o tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomándose como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo se esta é anterior.

O prazo para a presentación da solicitude desta axuda serán os tres meses seguintes ao inicio da actividade, modificando así a regulación da orde do 2007, que obrigaba a solicitar esta subvención con anterioridade ao inicio da actividade.

Na Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade (Base oitava) engádense como gastos subvencionables, os gastos de constitución da empresa e os gastos de seguro do local (apartado 3).

Na Base décima engádese como suposto en que se incrementarán as axudas ter condición de persoa transexual ou en proceso de reasignación sexual.

Procédese a unha nova redacción do precepto relativo ao reintegro (Base décimo quinta), establecéndose os supostos que deben entenderse como incumprimento parcial ou total, e polo tanto procede o reintegro das axudas.




Anexo B.- Programa  de Fomento das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E).

De acordo coa Base primeira, a finalidade deste programa é a de xerar emprego estable, especialmente de mozos e mulleres, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais promovidas por persoas desempregadas con especial atención aos concellos do rural galego.

Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas, coas excepcións que se sinalan, as empresas privadas baixo calquera forma xurídica, sempre que sexan empresas viables de nova creación, con domicilio social, fiscal e centro de traballo nun concello de Galicia e sexan promovidas por un máximo de cinco persoas, non figurando entre os/as socios/as promotores/as ningunha persoa xurídica.

Na Base cuarta regúlanse os diferentes tipos de axuda deste programa, que inclúen:

a) Subvención á xeración de emprego estable.
b) Subvención financeira.
c) Subvención para asistencia técnica.
d) Subvención para o inicio da actividade.
e) Subvención para a conciliación da vida profesional e persoal dos promotores.
Así mesmo, neste anexo B establécese a documentación xeral e específica para a solicitude e xustificación de cada modalidade de axuda.

Con pequenas particularidades, o establecido para a concorrencia e incompatibilidades das axudas, as obrigas esixidas e o reintegro, resulta similar ao xa regulado no anexo A para estes supostos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES) e do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezaseis artigos, nove disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.

O día 30 de abril de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco específicas, todas elas de carácter unánime, sobre a valoración da norma.






DITAME 24/08







En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES) e do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de abril de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de abril de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.


Segunda.

Este Comité considera que o texto debe adaptarse á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego (p.e. substituíndo no artigo 11º a letra “j”, impropia do idioma galego, pola que corresponda).





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 4º. Solicitudes e prazo.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 2008.

Este Comité propón que se amplíe ata o día 30 de setembro de 2008.

Segunda.- Artigo 8º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Terceira.- Disposición transitoria.

Nesta disposición establécese o prazo máximo do 30 de xuño de 2008 para a presentación das solicitudes das axudas previstas no Anexo A, no suposto de que as actuacións subvencionables se realicen no período entre o 16 de setembro de 2007 e a data de publicación da orde.

Este Comité considera que o prazo para a presentación destas solicitudes debe ser dun mes desde a entrada en vigor da orde, sin establecer datas límite pechadas.


Cuarta.-  Anexo A. Base 8º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

O último parágrafo do apartado 3 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.

Este Comité Delegado propón que se considere a posibilidade de subvencionar tamén os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.


Quinta.- Anexo A. Base 10º. Incremento dos incentivos.

Este artigo establece un incremento do 10 por 100 na contía das axudas, cando concorran as circunstancias que se recollen letras a) e b).

Este Comité propón engadir un novo apartado coa letra c), para o caso de axudas ás ILES, co obxecto de contribuír a evitar a despoboación, que estableza o incremento das axudas cando se trate de mozos e mozas desempregados/as, menores de 30 anos, que residan no medio rural.