ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE AMPLÍAN OS CRÉDITOS E OS PRAZOS PARA A PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DE DETERMINADOS PROGRAMAS DE POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO QUE SE FINANCIARÁN E EXECUTARÁN CON CARGO AO ORZAMENTO DO ANO 2008, AO AMPARO DO I PLAN INTEGRAL DE EMPREGO DE GALICIA.

I. ANTECEDENTES


O día 9 de abril de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán con cargo ao orzamento do ano 2008, ao amparo do I Plan Integral de Emprego de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto complementar a aportación financeira da Xunta de Galicia ao I Plan Integral de Emprego, coa aportación de 24 millóns de euros da Administración Xeral do Estado, para o que se amplía o crédito de determinadas ordes de convocatoria de subvencións xa publicadas e a conseguinte ampliación de prazos para solicitalas.
A programación e aprobación das diferentes medidas e accións realizarase de acordo coa planificación presentada para o ano 2008 ao Comité Autonómico de Emprego.

Á vista do borrador remitido e tendo en conta o Ditame 11/07, do 8 de marzo, emitido por este Consello sobre o proxecto normativo do exercicio anterior (Orde publicada no DOG do 3 de maio do 2007), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica algúns aspectos que se relacionan a continuación:

De acordo co disposto no artigo 1º, a ampliación dos créditos previstos no proxecto normativo ascende a un importe total de 21.288.027 euros, aumentando a contía total establecida pola orde de 2007 (20.644.473,33 euros).

Para o exercicio 2008, desaparece a ampliación de crédito da orde pola relativa ás subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a persoas desempregadas, prevista na orde do 2007 (artigo 1º, apartado c e artigo 4º).
No artigo 2º “Programas de cooperación”, modifícase a letra e), recollendo unha das consideracións manifestadas no Ditame 11/07, de xeito que a actual redacción amplía os créditos que subvencionen “actuacións coas asociacións empresariais e sindicais do sector da construción e outros sectores a teor das carencias formativas ou dos índices de sinistralidade rexistrados na zona de actuación ou sector da entidade solicitante para a capacitación e adquisición de experiencia de traballadores e traballadoras en situación de desemprego no ámbito da prevención dos riscos laborais”.

Neste mesmo artigo engádese un novo tipo de actuacións obxecto de ampliación de crédito (letra h), que son as que se realicen cos concellos para promocionar neles, especialmente nos rurais, a capacitación propia da figura do arquiveiro entre persoas traballadoras en situación de desemprego.

O artigo 3º “Programas mixtos de formación-emprego” engádese un novo apartado (apartado 2), permitindo a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a posta en funcionamento de Unidades de Promoción e Desenvolvemento que desenvolvan os Pactos Territoriais de Emprego.

No artigo 4º, adicado aos programas experimentais, recollése a consideración proposta no Ditame 11/07, de xeito que a actual redacción deste artigo refírese ás “asociacións empresariais e sindicatos”, en lugar de ás asociacións empresariais e/ou sindicais, tal como figuraba na orde do ano pasado.

Por outra banda, neste artigo engádese in fine que cada entidade só poderá presentar unha solicitude.

Finalmente no artigo 5º, “Presentación de solicitudes e procedementos”, establécese no novo apartado 4 un prazo específico, que rematará o 30 de setembro de 2008, para a presentación das solicitudes relativas ás Unidades de Promoción e Desenvolvemento.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán con cargo ao orzamento do ano 2008, ao amparo do I Plan Integral de Emprego de Galicia” consta de: Exposición de motivos, cinco artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.


O día 30 de abril de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e unha específica de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.




DITAME 25/08



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán con cargo ao orzamento do ano 2008, ao amparo do I Plan Integral de Emprego de Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de abril de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de abril de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

O financiamento suplementario aportado a este Plan polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, con cargo ao orzamento do Servizo Público de Emprego Estatal, consistente en 24.000.000 de euros cada ano, resulta realmente pouco equitativo se o comparamos cos Plans Integrais que se están a desenvolver nas comunidades de Extremadura e Canarias.

Efectivamente, cos datos do seguinte cadro, que reflexa o financiamento de cada un dos Plans Integrais, postos en relación cos datos da Enquisa de Poboación Activa do I Trimestre de 2008, resulta que o financiamento estatal por persoa desempregada en Galicia é case a metade do que se aporta á comunidade autónoma de Extremadura.

Persoas en paro (B) Aportación Estado ao PIE (A) Ratio
(A) / (B)
Extremadura 68.500 29.000.000 € 423 €
Canarias 151.700 42.070.850 € 277 €
Galicia 108.400 24.000.000 € 221 €



Este Comité entende que a Xunta de Galicia debería instar da Administración Xeral do Estado unha ampliación do financiamento aportado ao Plan Integral de Emprego de Galicia, para correxir o déficit manifestado.

Segunda.
Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte as diferencias de xénero nos cargos públicos (p.e. disposición derradeira primeira).

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 5º. Presentación de solicitudes e procedementos.

Este Comité observa que non se achegou co proxecto normativo o anexo ao que fai referencia este artigo, polo que non se pode ditaminar sobre o contido do mesmo.