ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/08

DITAME SOBRE O ANTEPROXECTO DE LEI DE PARTICIPACIÓN INSTITUCIONAL DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS MÁIS REPRESENTATIVAS DE GALICIA

I.  ANTECEDENTES
O día 14 de maio de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo anteproxecto de Lei de Participación Institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As numerosas normas autonómicas que regulan o exercicio do dereito de participación institucional aconsellan a aprobación dunha Lei, de carácter xeral, que regule e ordene os criterios para determinar as organizacións sindicais e empresariais máis representativas en Galicia que poden participar nas diferentes entidades e organismos públicos da Xunta de Galicia.

O relevante papel destas organizacións sindicais e empresariais máis representativas xera tamén a necesidade de regular os criterios de reparación económica dos custos nos que incorran con motivo das funcións derivadas desta participación institucional.

O obxectivo desta lei é o de regular os correspondentes mecanismos de avaliación, seguimento e control, para que a xestión das compensacións económicas previstas para fomentar o exercicio do dereito de representación institucional por parte das organizacións sindicais e empresariais máis representativas se realice con transparencia.

Non existen antecedentes deste proxecto normativo, sendo esta a primeira vez que se somete a ditame deste Comité.

Do proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

De acordo co artigo 1º, enténdese por participación institucional o exercicio de tarefas e actividades de promoción e defensa no seo da Administración autonómica, os seus organismos e empresas públicas, dos intereses xerais, comúns, sectoriais e intersectoriais que corresponden a todos os traballadores e traballadoras e aos empresarios e empresarias.

No artigo 2º establécense os criterios de representatividade das organizacións sindicais e empresariais a efectos desta lei, remitindo á Lei Orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

No artigo 3º defínese o ámbito de aplicación do proxecto normativo, que abrangue os órganos de asesoramento e participación das entidades e organismos públicos da Administración da Xunta de Galicia, con competencias en materia laboral, social ou económica, así como as empresas, entidades e organismos participados pola Administración da comunidade autónoma.




Segundo o artigo 4º, ademáis da representación das mencionadas organizacións en consellos ou órganos de participación das entidades públicas ou organismos autónomos, a participación institucional desenvolverase a través dos instrumentos de planificación da Xunta de Galicia (p.e. plans de desenvolvemento rexional, plans xerais de actuación sobre emprego e formación profesional, etc.).

A participación institucional, que se desenvolverá de acordo cos principios de boa fe negociadora e confianza lexítima, conleva a competencia para coñecer, con carácter previo, os anteproxectos de lei ou os proxectos de normas regulamentarias e propoñerlle ao Goberno da Xunta de Galicia iniciativas lexislativas ou actuacións concretas nas materias da súa competencia (artigo 5º).

Coa finalidade de fomentar o exercicio do dereito de participación institucional, aboarase directamente as organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas as compensacións económicas oportunas, que serán compatibles coas indemnizacións que, en concepto de axudas de custo e asistencias, correspondan a título persoal aos seus representantes (artigo 6º).

Finalmente, a disposición transitoria primeira establece o prazo máximo de seis meses para iniciar os trámites para adaptar a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas nas diferentes entidades e organismos públicos integrados na Administración da Xunta de Galicia.






De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “Lei de Participación Institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia” consta de: Exposición de motivos, tres títulos, sete artigos, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.




O día 28 de maio de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que non contén consideracións de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Figuran como anexos, por ser de carácter non unánime, as consideracións xeral e específicas manifestadas pola CIG (anexo I) e unha consideración xeral manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia (anexo II).










DITAME 27/08







En relación coa solicitude de ditame sobre o anteproxecto de Lei de Participación Institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, remitida pola Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de maio de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de maio de 2008, non se pronuncia de forma unánime sobre a valoración da norma, emitíndose as consideracións de carácter non unánime que se reflicten nos anexos seguintes:










ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:


Consideración xeral

A CIG entende que os criterios de representatividade das organizacións sindicais que se establecen no anteproxecto de lei, son unha mera translación ao noso ámbito nacional, dos criterios que se sinalan explícitamente no articulado da Lei Orgánica de Liberdade Sindical, que é unha lei promulgada para o conxunto do Estado Español.

A lei galega debe aplicar criterios propios, adoptando o nivel de representatividade do 10% no noso territorio, como suficiente para que as organizacións poidan ter acceso á representación institucional, criterio que é o mesmo que se aplica na negociación colectiva e tamén é o mesmo que se lle esixe ás organizacións sindicais de ámbito estatal para ostentar o dereito de participación institucional ao seu nivel.

A lei galega pode aplicar criterios propios. Efectivamente, o Tribunal Constitucional (98/198) en relación aos recursos de inconstitucionalidade interpostos no seu momento en contra da LOLS, tense pronunciado no senso de que “debe entenderse que a lei limítase a establecer a capacidade representativa dos sindicatos que teñen o carácter de máis representativos a nivel estatal ou de Comunidade Autónoma, pero non impide que as Comunidades Autónomas, no exercicio das súas competencias de organización, integren ademáis nos seus propios órganos a outros sindicatos que non teñan esta consideración legal”.
Por outra parte, os criterios de representatividade aos que se adica o artigo 2 do anteproxecto, deberían quedar establecidos expresa e claramente neste precepto, a efectos da súa aplicación na nosa comunidade autónoma. Segundo se redacta o apartado 1º do dito artigo, os criterios quedan ancorados en dúas normas de ámbito estatal, normas que, como todas, poden ser obxecto de modificacións no futuro por decisión do lexislador estatal. Do xeito que aborda este asunto o anteproxecto, a determinación do criterio de cales son os interlocutores sociais e económicos que van ou non van a participar nos organismos propios da comunidade autónoma, abandónase na práctica a decisións alleas a Galicia, incorrendo nunha improcedente e incomprensible cesión competencial.
Consideracións particulares

-No último parágrafo da exposición de motivos, debe figurar que o anteproxecto foi sometido ao ditame preceptivo do Consello Galego de Relacións Laborais.

-No artigo 1, debería rectificarse a linguaxe sexista. (traballadores).

-No artigo 2.3º, as últimas frases (desde “e sempre tendo en conta que....”) deberían trasladarse ao apartado 2 deste mesmo artigo.

-No artigo 3.4º, debería substituirse a expresión ocupación pública, por outra máis axeitada.

-Na Disposición derradeira primeira, falta un “á” na súa última frase.

-Na Disposición derradeira segunda, podería corrixirse a expresión “do que dispoñen as disposicións”.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

A Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia consideran e así o suxiren á Administración que o anteproxecto de lei que se somete a ditame debe tramitarse polo procedemento de urxencia.