ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE O PROCEDEMENTO DE ABOAMENTO DE COTAS Á SEGURIDADE SOCIAL A TRABALLADORES E TRABALLADORAS QUE PERCIBISEN A PRESTACIÓN POR DESEMPREGO NA SÚA MODALIDADE DE PAGAMENTO ÚNICO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES


O día 6 de xuño de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 1044/1985, do 19 de xuño, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único como medida de fomento de emprego, coa finalidade de propiciar a iniciativa de autoemprego das persoas traballadoras desempregadas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 25 de xuño de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 16 de marzo de 2007 (Ditame 13/07), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Á vista da Orde publicada no DOG o 25 de xuño de 2007, modifícanse os seguintes aspectos neste proxecto normativo:

Atendendo unha consideración dos axentes sociais manifestada no referido ditame 13/07, o proxecto normativo establece expresamente o procedemento de aboamento de cotas e non se limita a deixar vixente a orde do exercicio anterior.

Establécese neste proxecto normativo (artigo 7º, apartado 6), tal e como suxerían os axentes sociais no ditame 13/07, a aplicación das prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, no relativo á publicación dos datos relevantes das subvencións concedidas.

Engádese un apartado no artigo 12º que dispón que “a obriga do reintegro enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislaivo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o Texto refundido da lei sobre infraccións e sancións na orde social.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, catro disposicións adicionais e dúas derradeiras.



O día 17 de xuño de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.









DITAME 30/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de xuño de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de xuño de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Tendo en conta que os efectos desta orde proxéctanse aos dous seguintes exercicios (2009 – 2010), ademais de ao 2008, segundo se deduce do disposto no artigo 4º apartado 3 e da disposición adicional cuarta, este Comité considera que se debe retirar do título deste proxecto normativo a frase final “... e se procede á súa convocatoria par ao ano 2008”.

Segunda.

Este Comité propón que sexan revisados os artigos 3º, 5º, 7º e Disposición adicional terceira do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos

Terceira.

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde no seu artigo 5º non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.

Na exposición de motivos consta que foi consultado o Consello Galego de Cooperativas. Este Comité Delegado considera que a consulta a este organismo non é necesaria.

Así, de acordo coa normativa reguladora do citado organismo, concretamente o Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, é función propia do Consello Galego de Cooperativas (artigo 3º.d) “emitir informe, con carácter preceptivo, sobre os proxectos e disposicións legais e regulamentarias e demáis normas que afecten directamente ás cooperativas ou ás súas organizacións …”.

A afectación directa á que se refire o texto do decreto supón que non todo tipo de normas poderían ser obxecto de ditame preceptivo polo Consello Galego de Cooperativas.

A orde obxecto de ditame ten como persoas beneficiarias traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, polo que o seu carácter xeral e non específico para os socios/as e traballadores/as de cooperativas exclúe a necesidade de consulta ao Consello Galego de Cooperativas, pois de entenderse de outra forma, toda medida de política activa de emprego debería pasar a consulta preceptiva do devandito organismo. Téñase en conta, ademáis, que a propia Orde do 19 de maio de 2006 non foi obxecto do trámite de consulta do mencionado organismo. Polo tanto, debe rexer neste caso o aforismo “Accesorium non ducit, sed sequitur suum principalei”.

Pola contra, consideramos que debería incluirse a consulta do Comité Autonómico de Emprego, cuxos fins e funcións encaixan nunha consulta previa. Así, o Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico e os comités provinciais de emprego e seguimento da contratación laboral, establece como función deste “participar e informar sobre as políticas activas de emprego” e “emitir informe sobre a programación das medidas das políticas activas de emprego …”.


Segunda.-  Artigo 1º. Obxecto, requisitos e principios de xestión.

O apartado c) deste artigo 1º esixe terse constituido como traballador ou traballadora autónomo/a sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.
Este Comité Delegado quere propoñer que se teña en conta o xa permitido na lexislación vixente, respecto aos traballadores/as que se teñan constituido como autónomos/as, establecéndose que poderán capitalizar o 40% da súa prestación por desemprego para afrontar os gastos de inicio da actividade; o resto da prestación abonarase para o pagamento das cotizacións á Seguridade Social.
É dicir, considérase que o citado apartado c) deste artigo 1º debería incluir como persoa beneficiaria a calquera traballador ou traballadora autónomo/a e non soamente a aqueles ou aquelas que teñen discapacidade.

Terceira.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

Neste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité Delegado propón que sexa de tres meses tal e como figuraba na Orde do exercicio de 2005.