ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN AXUDAS PARA O APOIO ÁS COOPERATIVAS DE CARÁCTER NON LUCRATIVO PARA O ANO 2008.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xuño tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se convocan axudas para o apoio ás cooperativas de carácter non lucrativo para o ano 2008, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As axudas establecidas nesta orde para o apoio á creación e funcionamento de cooperativas de carácter non lucrativo, intégranse dentro das actuacións que a Consellería de Traballo leva a cabo para a consecución dos obxectivos previstos no Plan estratéxico para o desenvolvemento do cooperativismo e que, neste caso, incide singularmente no ámbito da potenciación de actividades de carácter social e de fomento do emprendemento cooperativo realizadas por estas entidades.
Destácanse os seguintes aspectos do novo proxecto normativo:

O artigo 1º establece a súa finalidade, que é a de apoiar a creación e funcionamento de cooperativas de carácter non lucrativo, mediante a concesión de axudas económicas que contribúan á realización de actividades de carácter social e dinamizadoras das potencialidades de desenvolvemento cooperativo, durante o ano 2008.

O artigo 3º califica de entidades beneficiarias das axudas ás sociedades cooperativas de carácter non lucrativo, debidamente inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia. A contía das axudas previstas non poderá superar o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar así mesmo con outros financiamentos, sen que en ningún caso excedan da contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.
De acordo co disposto no artigo 4º, poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados con motivo de:
a) Organización e prestación de servizos sociais, ata un máximo de 30.000 euros.

b) Creación e mantemento de gabinetes especializados no apoio á creación de cooperativas e impulso de proxectos, formados por persoas con titulación académica oficial suficiente e especialmente cualificadas na área de asesoramento na xestión e dirección empresarial cooperativa, ata un máximo de 30.000 euros.

c) Constitución de grupos promotores de iniciativas cooperativas, ata un máximo de 100 euros por persoa incorporada, que poderán incrementarse ata 200 euros máis por cada un deles que adquira á condición de socio/a traballador/a ou de traballo. A contía máxima subvencionable nesta modalidade non poderá exceder de 30.000 euros.


O artigo 5º establece que o prazo de presentación de solicitudes remata aos corenta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 9º dispón que a competencia para resolver as solicitudes corresponde ao titular da Consellería de Traballo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se convocan axudas para o apoio ás cooperativas de carácter non lucrativo para o ano 2008” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 17 de xuño de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e dúas específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




DITAME 31/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se convocan axudas para o apoio ás cooperativas de carácter non lucrativo para o ano 2008, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xuño de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de xuño de 2008, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.

Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción non sexista e que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.


Segunda.

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde no seu artigo 5º non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.








CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 3º.- Beneficiarias.

No artigo 3º, apartado 3, establécese que a contía das axudas previstas non poderá superar o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar así mesmo con outros financiamentos sen que en ningún caso excedan da contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

Igual disposición regúlase no artigo 4º apartado 2. Asi mesmo, o artigo 11º regula as prohibicións, incompatibilidades e concorrencia.

Este Comité considera que debe unificarse o disposto nos artigos 3º 3. e 4º 2. e trasladalo ao artigo 11º.

Segunda.- Artigo 4º.- Modalidades e contía das axudas.

No apartado 1 b) deste artigo establécese que poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados con motivo da creación e mantemento de gabinetes especializados no apoio á creación de cooperativas e impulso de proxectos, formados por persoas con titulación académica oficial suficiente e especialmente cualificadas na área de asesoramento na xestión e dirección empresarial cooperativa, ata un máximo de 30.000 euros.

Este Comité considera que deben especificarse no artigo ás titulacións académicas oficiais que son consideradas suficientes