ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE SOBRE PUBLICACIÓN DAS SANCIÓNS POR INFRACCIÓNS MOI GRAVES EN MATERIA DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORÁIS E CREACIÓN DUN REXISTRO DE CONSULTA PÚBLICA.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de xuño de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde sobre publicación das sancións por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais e creación dun rexistro de consulta pública, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto fixar a competencia, o procedemento e os medios  para facer públicas as sancións que, por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais, impoñan os órganos competentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e  a creación do correspondente Rexistro.

É esta a primeira vez que a regulación sobre esta materia se recibe para ditame por este Comité, polo que non existen antecedentes.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 2º do proxecto normativo establécese a competencia e o procedemento para facer públicas as sancións impostas por infraccións moi graves.
No artigo 3º regúlase o contido da publicación, relacionando os datos que, como mínimo, deben figurar na resolución que ordene a publicación.
No artigo 4º regúlase a creación do Rexistro Público de empresas sancionadas por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde sobre publicación das sancións por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais e creación dun rexistro de consulta pública” consta de: Exposición de motivos,  catro artigos e dúas disposicións derradeiras.  



O día 20 de xuño de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I).





DITAME 32/08






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde sobre publicación das sancións por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais e creación dun rexistro de consulta pública, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xuño de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xuño de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité advirte da existencia de tres erros na exposición de motivos:
 No primeiro parágrafo, cómpre suprimir a frase “Esta previsión legal provén do derrogado artigo 49.5 da Lei 31/1995, de 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais”. Considera este Comité que a mención de un artigo xa derrogado induce a confusión.
 No sétimo parágrafo, na primeira liña, hai un erro de concordancia, debe dicir: “Resulta, polo tanto, precisa unha norma...”.
 No derradeiro parágrafo debe dicir: “En consecuencia, consultado o Consello...”, en lugar de “... oído o Consello...”.
Segunda.- Artigo 2º Competencia e procedemento.
No apartado 3 deste artigo débese substituír “dictará” por “ditará”, acorde coas normas ortográficas vixentes.

Terceira.- Artigo 3º. Contido da publicación.

Considera este Comité que debe de suprimirse a expresión recollida no apartado 1.: “...como mínimo...”. Respecto dos datos que deben figurar na resolución é necesaria unha concreción que garanta os principios mínimos de seguridade xurídica. Deixar en aberto os datos que deben ou non deben figurar, podería conlevar vulneracións en casos concretos de aspectos protexidos pola Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de carácter persoal.

Cuarta.- Disposición derradeira.

Non pode haber dúas Disposicións derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposición derradeira primeira debe dicir Disposición Adicional, quedando tan só unha Disposición derradeira, na que cómpre substituír “...o día seguinte ó da súa...” por “...o día seguinte ao da súa...”.




ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA



Artigo 2º.- Criterios de avaliación.

Sen prexuízo do estipulado na Disposición final primeira do Real Decreto 597/2007, esta Confederación de Empresarios de Galicia quere manifestar que non comparte que se poidan facer públicas sancións firmes en vía administrativa pero que foran obxecto de impugnación en vía xudicial.

Neste sentido, nin o Real Decreto 597 nin o borrador da Orde proposta cualifican tal firmeza. Para a Confederación de Empresarios de Galicia, na interpretación deste precepto debe seguirse o criterio que estableceu o Consejo de Estado no seu Ditame quen interpretou que se a sanción adquire firmeza en vía administrativa pode procederse á súa publicación, salvo que fora impugnada en vía xudicial, neste caso a publicación se produciría una vez firme nesta vía.

Reproducimos a continuación o texto do citado Ditame, referido a este punto:
“en definitiva la mayor eficacia de la medida no justifica que el Real decreto (se refiere al 597/2007) proyectado imponga la publicación de la sanción, una vez producida la firmeza administrativa y sin esperar a la Resolución que se dicte en vía judicial, en caso de haber sido impugnada. El Consejo de Estado comparte la necesidad de dotar a la publicación prevista en el art. 40.2 de la LISOS de la mayor eficacia posible (como se desprende con claridad del Dictamen 1318/2006, eficacia que ha quedado durante muchos años mermada por la falta de desarrollo reglamentario que ahora se aborda; pero esa mayor eficacia no debe llevar a forzar el recto entendimiento de lo ordenado por la ley”.