ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 34/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DETERMINA O CALENDARIO LABORAL PARA O ANO 2009 NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

I.  ANTECEDENTES

O día 27 de xuño tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2009 na Comunidade Autónoma de Galicia e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto do Decreto publicado no DOG o día 6 de agosto de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 20 de xuño de 2007, obsérvase que o novo proxecto normativo non contén cambios substanciais respecto ao ditaminado en 2007. Pódese constatar que respecto das consideracións unánimes feitas no ano 2007 foron integradas no texto definitivo tres das mesmas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2009 na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición derradeira.

O día 9 de xullo de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter unánime.

Contén, como anexos, dúas consideracións xerais de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO., UXT-Galicia e CIG (anexo I) e dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO.e CIG (Anexo II).









DITAME 34/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2008 na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xuño de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xuño de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

No último parágrafo da exposición de motivos do anteproxecto sinala: “... oído o Consello Galego de Relacións Laborais...”. Este Comité considera que esta terminoloxía caeu na obsolescencia. Debería dicir: “... consultado o Consello Galego de Relacións Laborais...”, terminoloxía máis acorde cos tempos actuais.






ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA, UXT E CIG.

Consideracións xerais

Primeira.
As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia, UXT-Galicia e CIG fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, respectando, de ser o caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda fixar máis festas de carácter cívico ou laico.

Segunda.
O S.N. de CC.OO. de Galicia, UXT-Galicia e a CIG propoñen a substitución do termo “Festa do Traballo” do día 1 de maio, por un termo máis acorde coas orixes da conmemoración, tal como “Día Internacional dos/as Traballadores/as”.



ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.
Seguindo coa liña argumental de anos precedentes e tendo en conta que o Parlamento Galego aprobou o día 9 de marzo de 2006 “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.
Proponse a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no proxecto de decreto como “Día Nacional de Galicia. Santiago Apóstolo” e pase a designarse o 25 de xullo como “Día da Patria Galega”.