ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 35/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN PARA O ANO 2008 AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL NO ÁMBITO DA COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS.

I. ANTECEDENTES

O día 27 de xuño de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan, para o ano 2008, as axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local no ámbito da colaboración coas entidades locais, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, xa que é neste ámbito onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. Por esta razón é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada, que actúen como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

O obxecto deste proxecto normativo é establecer as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 22 de agosto de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 29 de xuño de 2007, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais no ditame 27/07.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se mencionan a continuación:

Non se reciben xunto co proxecto normativo os anexos aos que fai referencia o artigo 5º.

O Preámbulo establece que estas axudas inclúen medidas tendentes a garantir o cumprimento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia; Decreto 132/2006, do 27 de xullo polo que se regulan os rexistros públicos e Lei 2/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Suprímese o punto 3. do artigo 1º referido á cofinanciación das axudas por parte do Fondo Social Europeo. Esta supresión afecta polo tanto aos restantes artigo que facían referencia á mencionada cofinanciación: artigo 8º. 2. con respecto á resolución; artigo 14º. 3. con respecto ás actuación de comprobación e inspección por parte dos tribunais da europeos; artigo 17º. 1. referido á publicidade a efectuar por parte das entidades beneficiarias na que estaba incluída á do Fondo Social Europeo; a Disposición adicional segunda na que se indicaba o programa europeo no que estaban incluídas estas axudas.

Suprímese o punto 3. do artigo 4 referido ao límite máximo de concesión das axudas (4 anos) para a contratación do mesmo técnico, co fin de aproveitar ao máximo a experiencia dos técnicos cuxas contratacións foron obxecto de subvención. Modificación que se considera fundamental á hora de aproveitar de maneira plena a experiencia dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.

No artigo 7º referido aos criterios de valoración das solicitudes modifícanse as puntuacións dos distintos criterios de valoración e a puntuación máxima a acadar, engadindo así mesmo un novo criterio sobre o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

No artigo 10º. 1. modifícase tamén o prazo para a selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local téndose unicamente como límite o prazo establecido para remitir a documentación xustificativa.

Modifícase tamén o punto 5 do artigo 14º referido ás obrigas das entidades beneficiarias no senso da obriga de comunicar á delegación provincial da Consellería de Traballo a obtención doutras axudas e tamén todas aquelas modificacións substantivas que afecten á realización da actividade.

No artigo 16 sobre a prórroga da subvención cambia a data límite de remisión da documentación xustificativa do 28 de decembro ao 24 de decembro.

O artigo 17 referido á publicidade elimínase o prazo dun mes para identificar e difundir a placa identificativa sobre a obtención da subvención.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan para o ano 2008, as axudas e subvencións para a contratación de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local no ámbito da colaboración coas entidades locais” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 9 de xullo de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e nove específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexos II e III).





DITAME 35/08





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo pola que se convocan para o ano 2008, as axudas e subvencións para a contratación de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local no ámbito da colaboración coas entidades locais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xuño de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de xullo de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que, naqueles concellos onde non haxa persoas desempregadas suficientes para acadar cando menos un axente de emprego e desenvolvemento local, debería preverse a posibilidade de agrupación cos da súa comarca para chegar a un número suficiente.

Segunda.
Este Comité avalía positivamente a modificación dalgún artigo en sintonía con algunha das consideracións realizadas no ditame 27/07.

Terceira.
Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido dos anexos I, II, III, IV e V aos que fan referencia os artigos 5º, 13º e 16º do proxecto normativo, xa que non foron remitidos a este Consello.

Cuarta.
Na Disposición adicional segunda e na Disposición derradeira primeira faise referencia a: “... do Conselleiro de Traballo...” e “... o Director xeral de Promoción do Emprego...”. Deberíase manter a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos, sendo polo tanto a forma correcta: “... a persoa titular da Consellería de Traballo...” e “... a persoa titular da Dirección xeral de Promoción do Emprego...”.


Quinta.
Non pode haber dúas Disposicións derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Sexta.
Habida conta da recente creación dos Pactos Territoriais de Emprego, debería terse en conta nas funcións dos técnicos que se regulan nesta orde a posible colaboración no desenvolvemento destes pactos, incluíndose asemade unha referencia á normativa reguladora desta cuestión na exposición de motivos.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4º. Contía máxima e duración da subvención
No Ditame 27/07 á orde correspondente a ese exercicio facíase a seguinte consideración terceira: “O apartado 4 deste artigo, ao igual que o artigo 9º, o apartado c) do artigo 13º e o apartado 2.c) do artigo 14º, alude a subvencións procedentes de entes públicos nacionais. Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.
Esta observación foi atendida respecto dos artigos 4º e 9º, pero non así nos artigos 13º c) e 14º 5.a). Este Comité propón que por coherencia se corrixa tamén nestes dous preceptos.

Segunda.- Artigo 8º.- Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses, que se considera excesivo. Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de dous meses, contados desde que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.- Artigo 9º.- Modificación da resolución de concesión.
Obsérvase que o previsto neste artigo para o caso de concorrencia de subvencións é incoherente e contraditorio co establecido no artigo 4º apartado 3 da mesma norma, que establece a incompatibilidade destas axudas con outras subvencións ou axudas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade,  procedentes doutras administracións.

Cuarta.- Artigo 13º. Xustificación e pagamento.
O apartado 2 deste artigo establece a obriga de remitir a documentación xustificativa no prazo de un mes desde o inicio da contratación e, con carácter xeral, como data límite o 24 de decembro do ano 2008.

Este Comité suxire substituír a expresión “con carácter xeral” pola de “en todo caso”, por considerala máis axeitada.

Quinta. Disposición adicional cuarta
Este Comité considera que esta Disposición adicional debería adaptarse á vixente Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG.

A duración das axudas á contratación previstas no proxecto normativo por parte da Consellería de Traballo, sen que se establezan mecanismos para a consolidación do posto de traballo no cadro de persoal da entidade local, opera en contra da estabilidade do emprego, contribuíndo a incrementar as xa altas taxas de precariedade na Administración Local. Se ben na orde deste ano con respecto á do ano pasado se eliminou o tope de catro anos para cada técnico, segue subsistindo a obriga de solicitar anualmente a subvención.



ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A Confederación de Empresarios de Galicia considera aconsellable homoxeneizar as ordes que emite a Consellería de Traballo en materia de contratación de técnicos de emprego (enténdase axentes de emprego, técnicos locais de emprego, coordinación e cooperación para o emprego...).

Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito de que, por exemplo, na orde reguladora das axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, no apartado de asignación de contías e de selección dos técnicos, establécense criterios diferentes respecto desta que estamos a ditaminar.

Por outra banda, no que respecta aos requisitos para a selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local, hai unha diferenza importante: para ser axente de emprego os candidatos teñen que ser desempregados, mentres que para ser axente de emprego e desenvolvemento local non é obrigatorio este requisito xa que, no caso de que os candidatos remitidos polo Servizo Público de Emprego non sexan idóneos, a entidade local pode acudir a outros procesos de selección, o que concede unha certa “flexibilidade” ás entidades locais no momento de contratar o seu persoal.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10.- Selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local.
No apartado 3 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másters e posgraos que teñen relación co ámbito de xestión empresarial (empresariais, económicas ou outras).

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se faga esa priorización.