ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DAS SUBVENCIÓNS A PEME, PARA O IMPULSO DE ACTUACIÓNS DE FOMENTO, DIFUSIÓN E SENSIBILIZACIÓN EN MATERIA DE RESPONSABILIDADE SOCIAL NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

I. ANTECEDENTES

O día 27 de maio de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a Peme, para o impulso de actuacións de fomento, difusión e sensibilización en materia de responsabilidade social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión das axudas dirixidas ao impulso de actuacións de fomento, difusión e sensibilización no ámbito da responsabilidade social empresarial (RSE) mediante o financiamento dos gastos que as pequenas e medianas empresas (peme) galegas leven a cabo neste eido durante o ano 2008.

É esta a primeira vez que a regulación sobre esta materia se recibe para ditame por este Comité, polo que non existen antecedentes.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 2º do proxecto normativo recóllense as actuacións subvencionables: actividades de formación que teñan como obxectivo a iniciación, cualificación ou perfeccionamento na responsabilidade social das empresas; actividades de fomento, difusión e sensibilización da responsabilidade social da empresa tanto de xeito interno coma externo e, por último, o deseño ou implantación de “sistemas ou ferramentas” para favorecer a xestión da RSE nas Peme.
Poderán ser beneficiarias destas axudas (artigo 4º) as pequenas e medianas empresas con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.
A contía das axudas non poderá superar o 60% dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 3.000 ou 5.000 euros por beneficiaria, segundo a axuda de que se trate (artigo 5º).
O prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará o 15 de xullo de 2008 (artigo 7º.2).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a Peme, para o impulso de actuacións de fomento, difusión e sensibilización en materia de responsabilidade social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.  



O día 3 de xuño de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I) e tres consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).











DITAME 29/08






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a Peme, para o impulso de actuacións de fomento, difusión e sensibilización en materia de responsabilidade social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de maio de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de xuño de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité advirte da existencia de dous erros na exposición de motivos:
 No primeiro parágrafo, na referencia á data de sinatura do Acordo polo Emprego, a data correcta é o 5 de febreiro de 2007 e non o 2 de febreiro.
 No terceiro parágrafo, na primeira liña, hai un erro no artigo; debe dicir “A responsabilidade social das empresas …”.
Segunda.- Artigo 7º. Solicitudes, prazo e documentación.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará o 15 de xullo de 2008.
Este Comité propón que, en lugar do 15 de xullo, se estableza o prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia, sen que figuren na orde datas límite pechadas.

Terceira.- Artigo 7º. Solicitudes, prazo e documentación.

O apartado 3 deste artigo sinala como modelos de solicitude e documentación a presentar os establecidos nos anexos I a IV do proxecto normativo.
Este Comité non pode ditaminar os referidos anexos posto que non foron remitidos a este organismo xunto co proxecto normativo.

Así mesmo, neste artigo 7º, nos dous últimos ítems do seu  apartado  3.1,
esíxese presentar os documentos TC2 da empresa solicitante e un balance e conta de perdas en ganancias da entidade solicitante.

Este Comité considera que debe ser suficiente presentar, en lugar dos documentos orixinais, unha copia cotexada dos TC2 da empresa e un balance e conta de resultados en lugar da conta de perdas en ganancias.

Cuarta.- Artigo 8º. Instrución.

Obsérvase un erro na numeración dos artigos a partires deste.

Quinta.- Artigo 9º. Avaliación das solicitudes.

No apartado 1 deste artigo alúdese á comisión de avaliación, establecendo que o secretario/a será un/unha funcionario/a designado/a pola presidenta.

Este Comité suxire que, para respectar a diferencia de xéneros, en lugar de dicir “pola presidenta” debería dicir “pola presidencia”.

Sexta.- Disposicións adicionais.

Este Comité considera que o texto que figura como parágrafo segundo da disposición adicional primeira debe ser a disposición adicional segunda.




ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E O SN. DE CC.OO. DE GALICIA:


Artigo 10º.- Criterios de avaliación.

No punto 1º deste artigo establécese como criterio de avaliación a adecuación ás políticas e medios de actuación no eido da RSE en Galicia conforme ao acordado no pacto polo diálogo social en Galicia.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que existe un erro na denominación de “pacto polo diálogo social”, sendo a correcta a de “Acordo polo Emprego asinado no marco do diálogo social en Galicia”.









ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral.
A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que se estableza a posibilidade de subcontratación por encima do 50%, segundo permite a Lei de subvencións de Galicia.

Consideracións específicas.
Primeira. Artigo 5º. Contía das axudas.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que se incremente a contía das axudas previstas nas tres liñas establecidas no proxecto normativo ata o 100% dos gastos necesarios para a súa realización.

Segunda. Artigo 12º. Forma de pagamento e xustificación.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que se estableza no proxecto normativo a posibilidade de anticipos de ata un 65% da subvención e de pagamentos parciais de ata un 80%.