ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 36/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS DENTRO DO PROGRAMA DE APOIO ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES AFECTADOS POR EXPEDIENTES DE SUSPENSIÓN DE CONTRATOS DO TÉXTIL E DA CONFECCIÓN, E SE EFECTÚA A SÚA CONVOCATORIA PARA O EXERCICIO DE 2008.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xullo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas dentro do programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O presente proxecto de orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, no seu caso, de axudas para o programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria para o exercicio de 2008, para que estes poidan formarse durante os devanditos períodos de suspensión, de xeito que vexan mellorada a súa adaptabilidade aos cambios do contorno empresarial, tecnolóxico e produtivo, favorecendo así a creación de emprego estable e a empregabilidade destes traballadores e traballadoras.

É esta a primeira vez que a regulación sobre esta materia se recibe para ditame por este Comité, polo que non existen antecedentes.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

As axudas reguladas no proxecto normativo sometido a ditame distribúense en tres programas:

Programa 1. Complemento da prestación de desemprego, consistente nunha subvención a fondo perdido, a cada un dos traballadores e traballadoras incluídosnos expedientes de suspensión de contratos, para complementar os importes das prestacións por desemprego.

Programa 2. Reposición das prestacións de desemprego consumidas, consistente en axudas para a reposición das prestacións de desemprego consumidas polos traballadores e traballadoras durante o período de suspensión dos contratos con ocasión dos ERE aquí recollidos e que, con posterioridade a esta suspensión, vexan extinguidos os seus contratos por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción.

Programa 3. Financiamento total ou parcial dos custos dos plans de formación, no que se recollen subvencións a entidades sen ánimo de lucro, como as organizacións empresariais e sindicais representativas no sector téxtil.
O proxecto de orde establece os requisitos para a obtención das axudas; as características das persoas beneficiarias; o financiamento daquelas, por un importe máximo de 85.000 euros para os programas 1 e 2 e de 115.000 euros para o programa 3; o prazo de presentación de solicitudes e documentación, así como a ordenación do pagamento e a forma de xustificación. Así mesmo, dispón que a competencia para coñecer e resolver as solicitudes corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo por delegación do/a conselleiro/a Traballo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas dentro do programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria para o exercicio de 2008” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións “derradeiras” (sic).


O día 21 de xullo de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I) e unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).






DITAME 36/08




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas dentro do programa de apoio ás traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección, e se efectúa a súa convocatoria para o exercicio de 2008, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xullo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de xullo de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  E EMPRESARIAL:

Primeira.

Non pode haber dúas Disposicións derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Segunda.

Este Comité non pode pronunciarse sobre o contido dos anexos I, II, III, IV e V aos que fai referencia o artigo 11º do proxecto normativo, xa que non foron remitidos a este Consello.












CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3º.- Requisitos das empresas do sector.
No apartado a) onde di Código Nacional de Actividades Económicas debe dicir Clasificación Nacional de Actividades Económicas.

Segunda.- Artigo 4º.- Requisitos dos ERE de suspensión.
No punto 4 deste artigo esíxese achegar informe favorable da Comisión Bipartita Galega de Seguimento e Control do sector téxtil-confección.

Este Comité considera que non se pode esixir que o citado informe sexa favorable, polo que suxire que se suprima o termo “favorable”.

Terceira.- Artigo 5º.- Requisitos do plan de formación.
Considerase que o  apartado b) débese redactar dun xeito máis claro para entender o que se quere dicir coa expresión “das que resultarían serían susceptibles de seren consideradas beneficiarias” .
No apartado m), considérase que debería especificarse que faceta das persoas traballadoras afectadas é a que se quere mellorar cualitativamente.
No apartado o), este Comité considera que establecer unha porcentaxe dun mínimo de asistencia do 90% é esaxerado, propoñendo que se sitúe esa porcentaxe no 75%, como se aplica en xeral nas accións de formación profesional.

Cuarta.- Artigo 8º.- Convocatoria para o exercicio 2008.
No punto 3 establécese o prazo de presentación das solicitudes e o remate deste coa expresión “ e ata o prazo máximo do 1 de novembro de 2008”.
Este Comité suxire que a citada expresión se substitúa pola de “ e rematará o 1 de novembro de 2008”.

Quinta.- Artigo 9º.- Persoas beneficiarias.
No Programa 3, “Financiamento total ou parcial dos custos dos plans de formación”, dentro do punto 1, apartado b), alúdese ás organizacións sindicais máis representativas no sector téxtil.
Este Comité considera que non existe maior representatividade sectorial, polo que hai que suprimir o termo “máis” para gardar coherencia co disposto nos artigos 6º e 7º da Ley Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de Liberdade Sindical, que se citan no punto 2 deste programa.
Ademais, dentro deste mesmo programa 3, suxírese eliminar os puntos 6 e 8 porque xa están recollidos no apartado o) e no último parágrafo do artigo 5º “Requisitos do plan  de formación”.

Sexta.- Artigo 10º.- Importe das axudas.
Dentro do Programa 1, o punto 2 establece en tres apartados os cálculos que hai que facer para establecer a contía das axudas.
Este Comité suxire outra redacción para este punto 2, que estableza que a contía das axudas que perciben as persoas, durante o período de suspensión dos seus contratos de traballo, sexa polo importe correspondente ata alcanzar o máximo do 100% dos seus salarios netos, calculados como o promedio efectivo dos últimos tres meses anteriores á suspensión do contrato de traballo, mentres dure a situación de suspensión deste.

No Programa 3, no segundo parágrafo, establécese que o módulo económico a aplicar será de ata oito euros por hora efectiva de formación por cada traballador/a.
Este Comité considera que a expresión que figura entre paréntese debe suprimirse porque repite o mesmo.

Sétima.- Artigo 12º.- Instrución.
No punto 2, establécese que a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente “requirirá á entidade interesada” para a subsanación de erros.
Este Comité suxire que debe dicir “requirirá á persoa interesada”, porque abarca a persoas físicas e xurídicas.

Oitava.- Artigo 13º.- Resolución e recursos.
O punto 3 establece que o prazo para resolver e notificar será de tres meses e se computará desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
Tendo en conta que o obxecto desta orde é a concesión de axudas, non suxeitas á concorrencia competitiva, para que as traballadoras e traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos do sector téxtil e da confección poidan formarse durante os devanditos períodos de suspensión, este Comité propón que o prazo para resolver e notificar establecido no punto 3 sexa de 1 mes e que comeze a computarse dende o día seguinte á presentación da solicitude.  

Igualmente, este Comité considera que o segundo parágrafo do punto 3 deste artigo debe suprimirse, porque o cómputo dos prazos está establecido no artigo 18º desta orde.

Novena.- Artigo 16º.- Modificación da resolución de concesión.
Dispón este artigo que a obtención concurrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debe substituírse por “estatais”.


















ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º.- Requisitos das empresas do sector.

Establécense neste artigo os requisitos que deben cumprir as empresas do sector téxtil e da confección, suxiríndose que se engada un novo parágrafo no apartado c), que esixe un promedio de traballadores e traballadoras fixos, co seguinte texto: “Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, no cómputo do cadro de persoal fixo, non se terán en conta as baixas que se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente, total, absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas”.

Segunda.- Artigo 10º.- Importe das axudas.

No Programa 3, establécese un módulo económico de 8 euros/hora por traballador/a en relación ao custo por participante e hora de formación. Esta contía é inferior a fixada tanto na normativa actual estatal, que fixa 9 euros en formación en materias transversais ou xenérica e 13 euros nos módulos de nivel superior naquelas materias que conleven especialización ou que capaciten para desenvolver competencias de programación ou dirección. Consideramos que limitar o importe das axudas conleva impoñer trabas á contratación de accións formativas e o importe fixado non garante a contratación de monitores e menos en cursos especializados.
Igualmente, UGT-Galicia, SN. de CC.OO. de Galicia e a CEG consideramos que neste Programa 3  “Financiamento total ou parcial dos custos dos plans de formación”, debe figurar un parágrafo que faculte á Dirección Xeral de Relacións Laborais para autorizar un incremento do módulo económico, tal e como establece o punto 2 do artigo 18º da Orde reguladora das subvencións  para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a traballadores ocupados e que di literalmente:  

“Excepcionalmente o director xeral de Formación e colocación, poderá autorizar un incremento de ata un 50% do módulo económico superior da modalidade presencial de formación nas especialidades que se recollen no anexo IV, así como naquelas accións formativas nas que participen como docentes profesionais de alto prestixio así como aquelas que pola súa singularidade, especialidade e características técnicas precisen un financiamento maior, logo de informe da Comisión Galega de Formación Profesional Continua e previa solicitude ao Director Xeral”.














ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 9º.- Persoas beneficiarias.

No programa 3, punto 3, establécese que todas as entidades deberán acreditar a capacidade suficiente e medios materiais, humanos e organizativos, para cumprir cos obxectivos establecidos no programa.

A CEG suxire que se inclúa a posibilidade de subcontratación, incluso por enriba do 50%.