ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE A CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS EXPERIMENTAIS E COMPLEMENTARIAS DO PLAN FIP COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTES Ó ANO 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó ano 2002, remitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, con rexistro de entrada en data do 18 de marzo de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de abril de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, POR UNANIMIDADE e que se reproducen de seguido:

1.- Artigo 2. Accións subvencionables. Programa I c).

Dentro do Programa I, regulador das accións formativas dirixidas a desempregados inscritos no SPE, establece un subprograma (o C) referente “ás accións de carácter experimental complementarias das reguladas no Plan FIP que melloren a empregabilidade dos destinatarios, sempre que existan expectativas razoables de inserción laboral dos alumnos participantes e as accións que se realicen sexan as relativas a novos filóns de emprego, especificamente, a calidade, o ambiente e as novas tecnoloxías da comunicación.”
Respecto desta disposición, este Comité Delegado amósase de acordo en valora-lo feito de que as accións se realicen en ámbitos onde existan xacementos de emprego, pero non é partidario de acotar ou restrinxir esas actividades ás tres materias “específicas” ás que se refire o precepto.

A título de exemplo, tamén deberían valorarse as accións experimentais que se desenvolvan para o fomento do autoemprego ou a creación de empresas, suposto que, tal e como redacta o precepto, non tería cabida.

2.- Artigo 8. Pagamento e liquidación das subvencións.
Respecto deste precepto compre facer dúas consideracións:
a) Polo que atinxe ó seu título, este non se axusta ó seu contido, pois o mesmo se refire ós anticipos e mais ós pagos parciais, non fai referencia algunha á liquidación das subvencións ou axudas.
b) Por outra banda, dado que esta Orde regula unha acción complementaria do Plan FIP, sería axeitado regula-los anticipos e os pagos parciais do mesmo xeito que se establece na Orde que regula aquel, sobre todo cando a redacción dada a este artigo 8 é, cando menos, confusa.

PROPOSTA: Modifica-lo título deste precepto, pasando a designarse “Anticipos e  pagos parciais” e darlle o contido en termos semellantes a como se regulamenta na Orde que regula as accións desenvolvidas ó abeiro do Plan FIP.

3.- Artigo 17. Resolución
Respecto deste precepto fanse as seguintes consideración procedimentais:

· Parágrafo 2

Establece este apartado como tempo máximo de resolución dos expedientes o de seis meses. En concordancia co manifestado por este Comité Delegado noutros dictames precedentes, considérase oportuno acurtar ese prazo a 3 meses para conseguir así que os interesados na percepción das axudas non vexan dilatado no tempo a súa expectativa a percibir ou non as mesmas.

Prosegue este precepto dicindo que pasado ese prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Tamén na mesma liña que o manifestado en Dictames precedentes, enténdese que a Administración debe contestar sempre de xeito expreso ós administrados e, en todo caso, o silencio administrativo debe ser, como regra xeral, positivo, fundamentalmente cando están en xogo intereses económicos para os administrados.

· Parágrafo 3

Este precepto establece que as resolucións dos expedientes poñen fin á vía administrativa e contra elas só cabe a interposición do recurso contencioso-administrativo. Nembargante, de seguido di que se poderá interpoñer recurso de reposición diante do mesmo órgano que as dicta.
Esta redacción é confusa. A regra xeral debería estar constituída pola posibilidade de recorrer en vía administrativa, non esgotándose esta co dictado da resolución, para concederlle así, maiores garantías xurídicas para os interesados.

PROPOSTA: Redactar este parágrafo 3º como segue:
“2. Contra as resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde poderá interpoñerse recurso de alzada diante da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo de 1 mes contado a partires do día seguinte ó da súa notificación. Tamén poderá interpoñerse, unha vez esgotada a vía administrativa, recurso diante da xurisdicción contencioso-administrativa…”


ANEXO ICONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA, O S.N. DE CC.OO DE GALICIA E MAILA CIG

Primeira. Artigo 2. Accións subvencionables. Programa I, inciso a)

Aínda que neste precepto se fala de contratación dos alumnos, por un período mínimo inicial de seis meses, a tempo completo, e que isto supón un avance respecto da norma correspondente ó exercicio anterior, considérase necesario dar un paso máis na procura dunha maior estabilidade no emprego.
Proponse que esta contratación mínima de seis meses sexa a tempo completo e estable.

Segunda.

En coherencia co reivindicado noutras ocasións polas organizacións sindicais que integran o Consello, considérase que, antes de dictarse a resolución dos expedientes para a concesión das axudas, debe solicitarse informe previo e preceptivo ós Comités provinciais de emprego e de seguimento da contratación ou o Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.