ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 37/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA O FINANCIAMENTO DE PLANS DE FORMACIÓN SECTORIAIS DIRIXIDOS PRIORITARIAMENTE A TRABALLADORES OCUPADOS MEDIANTE A SUBSCRICIÓN DE CONVENIO DE ÁMBITO AUTONÓMICO, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/718/2008, DE 7 DE MARZO, POLA QUE SE DESENVOLVE O REAL DECRETO 395/2007, DE 23 DE MARZO, POLO QUE SE REGULA O SUBSISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO, EN MATERIA DE FORMACIÓN DE OFERTA E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS AO SEU FINANCIAMENTO.

I. ANTECEDENTES

O día 22 de xullo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a traballadores ocupados mediante a subscrición de convenio de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras, especialmente ás ocupadas, a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

Tamén indica que constitúen principios xerais da formación dirixida a persoas traballadoras ocupadas: o protagonismo dos axentes sociais no seu desenvolvemento; a unidade de mercado de traballo e a liberdade de circulación dos traballadores e traballadoras no desenvolvemento das accións formativas, tanto dentro do territorio español como no ámbito da Unión Europea; a consideración desta formación como instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida.

Este proxecto presenta dúas novidades salientables que a fan substancialmente diferente das ordes convocadas con anterioridade. En primeiro lugar, esta convocatoria realízase en aplicación da Orden TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007 do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, desenvolve a formación de oferta co obxectivo de integrar e dar un tratamento coherente e unitario a toda a formación de oferta dirixida ao conxunto dos traballadores, ocupados e desempregados, e regula as bases que deben rexer a concesión de subvencións públicas destinadas a financiar dita formación polas diferentes Administracións Públicas no seu ámbito de xestión.

En segundo lugar, defínese un novo Plan de Formación Profesional, o II Plan Galego, como un plan que concibe integralmente a política de cualificacións e da formación profesional. Este carácter integral implica, en canto aos fins, seguir avanzando cara á constitución dun sistema de formación profesional integrado en Galicia e supón tamén considerar como beneficiario deste plan o conxunto da poboación activa. Para acadar estes obxectivos, o plan artéllase a través de catro liñas estratéxicas de actuación que inciden, na integración dos sistemas de cualificacións e formación profesional, no óptimo aproveitamento dos recursos e da xestión, na calidade e innovación e na promoción da aprendizaxe permanente ao longo da vida.

O novo proxecto presenta as seguintes modificacións:

En primeiro lugar, obsérvase que o obxecto da convocatoria é o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a traballadores e traballadoras ocupadas mediante subscrición de convenios de ámbito autonómico. Nas ordes anteriores regulábanse conxuntamente os plans de formación sectoriais e intersectoriais.



Cambia o prazo de execución dos plans de formación, podéndose executar desde o día 1 de setembro de 2008 ata o 31 de agosto de 2009, fronte ao prazo dun ano desde a publicación no DOG que indicaba na convocatoria do ano anterior.

Introduce no artigo 4º a definición de acción formativa ao respecto de identificar as características que deben conter as accións obxecto de subvención. Este artigo modifica a numeración con respecto a orde do ano pasado xa que inclúe como punto 3 o anterior artigo 11 referido ás modalidades de impartición.

Outras das novidades introducidas nesta orde é o contido do artigo 8º, no que se establecen bolsas e axudas para a realización das actividades, os tipos de plans de formación sectoriais (artigo 9º) e os requisitos das entidades solicitantes (artigo 10º).

No artigo 11º e seguintes, referidos ás solicitudes e instrución e resolución do procedemento, establécense soamente cambios para adaptalos aos plans de formación sectoriais.

Finalmente, os artigos referidos á pagamento, xustificación de custos e liquidación da subvención resultan modificados pola aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.





II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a traballadores ocupados mediante a subscrición de convenio de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 28 de xullo de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e catorce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e pola CEG.

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), catro consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polos sindicatos UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo II), unha específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polos sindicatos UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e pola CEG (Anexo III) e unha específica sobre a valoración da norma manifestada polo sindicato SN de CCOO de Galicia (Anexo IV).





DITAME 37/08





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación sectoriais dirixidos prioritariamente a traballadores ocupados mediante a subscrición de convenio de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de xullo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de xullo de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.-
En diversas partes do texto aprécianse referencias tales como: “o Director xeral de Promoción do Emprego”, “o Conselleiro de Traballo”. Deberíase manter a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos, sendo polo tanto a forma correcta: “... a persoa titular da Consellería de Traballo...” e “... a persoa titular da Dirección xeral de Promoción do Emprego...”.
Segunda.-
Este Comité propón unha revisión do texto para respectar as diferenzas de xénero na linguaxe do proxecto normativo.
Terceira.-

No Capítulo IV “Execución, xustificación de custos e liquidación”, debería incluírse un novo artigo do seguinte teor literal: “Posteriormente a presentación do plan, as entidades poderán facer, como máximo, dúas reconfiguracións, tendo en conta que a primeira, de se lo caso, deberá facerse, como máximo, dous meses despois da presentación do plan e a última deberá facerse, ao máis tardar, cando falten dous meses para o remate do prazo de execución das accións formativas do dito plan.
A priorización das accións formativas derivadas da reconfiguración do plan executarase ata o importe concedido. Calquera modificación desa priorización deberá ser autorizada polo/a Director/a xeral de Formación e Colocación”.






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos
Na Exposición de motivos cando se relacionan as distintas normas que fundamentan esta orde, deberían mencionarse tamén o Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o Réxime de Subvencións e Axudas Públicas da Comunidade Autónoma Galega e o Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo que desenvolve a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Debería citarse tamén a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en Igualdade das mulleres de Galicia.

O penúltimo parágrafo establece que as axudas estarán cofinanciadas cunha participación do 80% polo FSE. Esta cofinanciación obriga a executar un 80% en colectivos priorizados pola normativa do propio FSE. Este Comité amosa a súa preocupación por canto hai sectores en Galicia nos que resulta imposible acadas esta porcentaxe.

Segunda.- Artigo 4. Accións formativas.
No apartado primeiro, segundo parágrafo, sinálase que: “As accións formativas non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”. Este Comité considera que debería quedar redactado do seguinte xeito: “As accións formativas, agás que respondan a unha unidade de competencia ou a un título recoñecido cunha duración maior, non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”.

O antepenúltimo parágrafo do apartado 3 deste artigo debería quedar redactado do seguinte xeito: “Todas as accións formativas, en calquera modalidade, deberán incluír evidencias necesarias para comprobar que o alumnado reciba a formación impartida”.

Terceira.- Artigo 5. Participación dos traballadores.
No apartado 1. e) faise referencia aos coidadores non profesionais nos ámbitos de servizos de atención ás persoas dependentes. Este Comité considera que na futura distribucións sectorial das accións formativas amparadas por esta orde se debería ter en conta o desenvolvemento da normativa de atención á dependencia e a previsible eclosión dun número moi elevado de persoas coidadoras non profesionais.

No apartado 2.2 establécese que “a taxa de participación das mulleres no conxunto de cada plan formativo deberá ser de, polo menos, 5 puntos porcentuais superior á taxa xeral de ocupación feminina no correspondente ámbito...”. Debería engadirse: “sempre que isto sexa posible pola demanda das mulleres en cada plan formativo”.
En calquera caso, este Comité considera que nun punto que establece colectivos prioritarios non se deberían establecer obrigas senón tan só prioridades.

Cuarta.- Artigo 6. Selección de alumnado.
No parágrafo 5, onde di “inferior ao 50% do número programado”, debe dicir “superior ao 50% do número programado.

Quinta.- Artigo 7. Dereitos e deberes do alumnado.
No punto 1. debe substituírse a expresión “a formación será gratuíta” por “a formación non terá custo económico”.

Sexta.- Artigo 8. Becas e axudas.
No segundo parágrafo, onde sinala “sexan ou non xustificadas as faltas”, debe engadirse “na modalidade presencial”.

No terceiro parágrafo debería de figurar dun xeito autónomo unha axuda de manutención nos termos recollidos na Orde TAS/718/2008.

Sétima.- Artigo 9. Tipos de plans de formación sectoriais.
Débese suprimir o ordinal número 1, por canto non hai máis numeración en todo o artigo.

Ao final do primeiro parágrafo do apartado a), debería engadirse:” ...segundo se establece no Anexo III desta orde.”


Oitava.- Artigo 16. Criterios de valoración.
No apartado a., letra d) valórase: “o emprego da lingua galega na realizacións das accións formativas”. Debería substituírse a expresión “realización” por “desenvolvemento”.

Novena.- Artigo 18. Módulos económicos máximos.
No seu punto 4 debería engadirse ao final a expresión seguinte: “...ou requiran equipamento especializado de custo elevado”.

Décima.- Artigo 21. Pagamento e liquidación das subvencións
No seu punto 6. a) establécese o aboamento de ata o 65 % do total do orzamento en concepto de anticipo. Este Comité propón que esta cantidade anticipada se incremente ata o 75%.

Decimo primeira.- Artigo 23. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
No apartado cuarto establécese que: ...”as entidades beneficiarias do programa regulado nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez...”. Este Comité considera que debería engadirse a continuación: “... total ou parcialmente”, consonte coa redacción propia da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.

No apartado 10, debería engadirse ao final do mesmo as fórmulas matemáticas de cálculo dos dous rateos.



Decimo segunda.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 4.b) contémplase que dentro do primeiro cuarto do curso débese enviar copia da póliza de seguros. Abondaría con enviar a póliza de todo o plan e non cada acción formativa concreta, no caso de que se subscriba dese xeito.
No punto 5. cando sinala a comunicación á Dirección xeral de Formación e Colocación, debería especificarse que esta comunicación se faga en formato dixital.

No punto 11. debería de suprimirse a expresión “...a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele porque os alumnos reciban o mesmo número de horas.

Decimo terceira.- Artigo 27. Avaliación da calidade das accións formativas.
No apartado 4. a) refírese á adecuación das accións formativas ás necesidades do mercado. Debería engadirse que este mercado é o mercado laboral.

Decimo cuarta.- Disposición derradeira.
Non pode haber dúas Disposicións derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

ANEXO I


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 9. Tipos de plans de formación sectoriais.
No apartado b) recóllense tres sectores estratéxicos. A CEG propón que ademais de estes tres sectores se contemple a posibilidade de ampliar o campo de acción a calquera outro sector que se considere estratéxico.

Segunda.- Artigo 10. Entidades solicitantes: requisitos e acreditación.
No apartado 2 debería suprimirse a expresión: “... e sempre que así se prevexa nas bases reguladoras..”, por canto é contraditoria co resto do artigo.

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.- Artigo 9. Tipos de plans de formación sectoriais.
Proponse a supresión do apartado b), por canto enténdese que a O.T. 718/2008 (art. 16.1) cando fala de sectoriais específica que as accións dos planos sectoriais tamén poden dirixirse á reciclaxe e recualificación de traballadores procedentes de sectores en situación de crise. Esto significa a participación de traballadores doutros sectores nun plan, non que se dediquen plans específicos para este obxectivo.

Segunda.- Artigo 10. Entidades solicitantes: requisitos e acreditación.
En coherencia co sinalado na consideración anterior, debería de suprimirse a letra b) do apartado 1 deste artigo. A mención que recolle está prohibida pola normativa de aplicación (art. 22.1 b) e 23. 2 c) do RD 395/2007, do 23 de marzo e artigos 16 e 22 da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo.

Terceira.- Artigo 11. Solicitudes.
Consonte co sinalado nas dúas consideracións anteriores, debería de suprimirse o apartado 5 deste artigo.



Cuarta.- Artigo 17. Determinación do importe da subvención.
Consonte co sinalado nas tres consideracións anteriores, debería de suprimirse o apartado 2 deste artigo.



ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CEG.

No artigo 15.5, na comisión de valoración, debería de contemplarse a participación da Fundación Galega de Formación para o Traballo.


ANEXO IV


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL SN DE CCOO DE GALICIA.

No artigo 10.1.a), faise referencia ás organizacións empresariais con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia. O feito de ter domicilio social en Galicia pode crear problemas de representatividade nalgunha federación con presenza en todo o estado. Deberíase estudar o xeito de resolver este problema.