ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 39/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DE AXUDAS EN MATERIA DE TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES DE GALICIA.

I. ANTECEDENTES

O día 24 de xullo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, segundo o establecido na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, que ao longo do seu articulado establece que o departamento da Xunta de Galicia competente en materia de traballo poñerá en funcionamento unha serie de axudas, subvencións e medidas de apoio en relación coa implantación de plans de igualdade, fomento da eliminación da infrarrepresentación feminina e de establecemento de plans de programación do tempo na cidade.
É esta a primeira vez que a regulación sobre esta materia se recibe para ditame por este Comité, polo que non existen antecedentes.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 2º do proxecto normativo establécese as actuacións e gastos subvencionables, que se desagregan nas seguintes liñas de actuación:
Liña I: Axudas a empresas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007 de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa; polo tanto, non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade, segundo o establecido no artigo 45º.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.

Liña II: Axudas para actuacións tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.

Liña III: Axudas para o fomento de plans de programación do tempo na cidade.

Todo isto dentro dos prazos e cos límites orzamentarios establecidos para cada exercicio económico.
No capítulo II (artigos 4º a 6º inclusive), regúlanse as empresas beneficiarias, actividades subvencionables e contía das axudas das reguladas na Liña I.
No capítulo III (artigos 7º a 9º inclusive), regúlanse as empresas beneficiarias, actividades subvencionables e contía das axudas das reguladas na Liña II.
No capítulo IV (artigos 10º a 12º inclusive), regúlanse as empresas beneficiarias, actividades subvencionables e contía das axudas das reguladas na Liña III.
No capítulo V (artigos 13º a 19º inclusive), regúlanse a competencia, procedemento de presentación, instrución, avaliación e resolución de solicitudes e a forma de pagamento e xustificación das axudas.
Por último, no capítulo VI (artigos 20º a 25º inclusive), regúlanse as obrigas, compatibilidade das axudas, o seu seguimento e control.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia” consta de: Exposición de motivos,  seis capítulos, vintecinco artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións “derradeiras” (sic).

O día 28 de xullo de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polos sindicatos UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e pola CEG.

Contén así mesmo, como anexos, tres consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I), tres consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo II) e unha consideración específica de carácter non unánime manifestada pola CIG (Anexo III).




DITAME 39/08





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de xullo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de xullo de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.-
Este Comité reitera as consideracións feitas nos Ditames 27/06, 5/08, 14/08, 15/08 e 33/08, todos eles relativos á mesma materia e perfectamente aplicables á orde que se somete a ditame.
Segunda.-
Este Comité considera que no conxunto da orde debería preverse un réxime de incompatibilidades e compatibilidades coas outras axudas existentes á contratación de persoas traballadoras.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 4. Beneficiarias.
A redacción deste artigo no seu primeiro parágrafo adoece de pouca precisión, de pouca claridade e préstase a interpretacións diverxentes e equívocas. Este Comité propón que se faga unha nova redacción que clarifique o que se quere dicir. Á mesma consideración cabe facer do artigo 7, no seu primeiro parágrafo e do artigo 10.

Segunda.- Artigo 5. Actividades subvencionables.
No apartado b), debería de incluírse na asistencia a cursos de formación ao persoal que forme parte da Comisión de Igualdade.

Terceira. Artigo 7. Beneficiarias.
No seu segundo parágrafo sinálase: “... no que sexa tradicional a infrarrepresentación...”. Debería substituírse o termo “tradicional” por “habitual”.

Cuarta.- Artigo 11. Actividades subvencionables.
Non queda claro na redacción deste precepto que é exactamente o que subvenciona a terceira liña de axudas. Debería de concretarse e clarexarse exactamente cal é o obxecto desa liña de axudas.

Quinta.- Artigo 14. Solicitudes, prazo e documentación.
No apartado 3.1, no punto 8, sinálase entre a documentación xenérica os documentos TC2 da empresa solicitante. Debería dicir “copia dos documentos TC2”.
Neste apartado, no punto 10, onde di “conta de perdas en (sic) ganancias” debería dicir “conta de resultados”.
No último punto debería substituírse o termo “nacionais” por “estatais”. Esta última consideración é tamén aplicable para o artigo 20.2 e 22.

Sexta. Artigo 19. Forma de pagamento e xustificación.
No seu apartado 2 sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade. Este Comité considera que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.
No mesmo apartado recóllese que o pagamento das axudas queda condicionado á presentación antes do 30 de novembro de 2008 dunha documentación que se relaciona. Esta Comité entende que este prazo de presentación antes do 30 de novembro resulta de difícil ou imposible cumprimento.

Sétima.- Disposición derradeira.
Non pode haber dúas Disposicións derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.
ANEXO I


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables.
A CEG considera que a Liña I de axudas debería ampliarse a todo tipo de empresas como medida de estímulo á implantación de plans de igualdade.

Segunda.- Artigo 5. Actividades subvencionables.
No apartado c) debería substituírse “os salarios netos” por “custos laborais totais”, como gastos subvencionables nesta Liña I.

Terceira.- Artigo 6. Contía das axudas.
A CEG considera que debería incrementarse a contía das axudas da Liña I.

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.- Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables.
Respecto das empresas ás que non lles será de aplicación a Liña I de axudas, ademais das que teñan unha obriga legal de implantar plans de igualdade debería de excluírse tamén ás que teñan esta obriga por un convenio colectivo de ámbito superior á empresa.
Os plans de igualdade que se subvencionan deberían de ser os acordados coa representación legal do persoal e que prevexan a participación desta representación no seu desenvolvemento.

Segunda.- Artigo 14. Solicitudes, prazo e documentación.
No seu punto 3.2 sinálase a documentación específica que debe de acompañarse á solicitude presentada. No seu primeiro ítem recóllese “...o certificado do máximo órgano de representación da empresa no que conste a vontade de adoptar un plan de igualdade...”. Debería engadirse a continuación: “...acordado coa representación legal dos/as traballadores/as”.
Nos eu cuarto ítem debería incluírse tamén o persoal que forme parte da Comisión de Igualdade.



Terceira.- Artigo 24. Seguimento e control.
No seu terceiro parágrafo sinala a obriga das empresas de elaborar un informe poñendo de manifesto a evolución da aplicación do plan de igualdade. Enténdese que o informe da empresa debe incluír un informe ad hoc da representación dos/as traballadores/as.


ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO CIG.

Nos parágrafos 2, 3, 4 e 5 do artigo 6, debe obviarse calquera alusión aos centros de traballo de fóra de Galicia para determinar os importes das subvencións.