ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 40/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE AMPLÍAN OS CRÉDITOS E OS PRAZOS PARA A PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DE DETERMINADOS PROGRAMAS DE POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO QUE SE FINANCIARÁN E SE EXECUTARÁN CON CARGO A FONDOS FINALISTAS, AO ABEIRO DO PLAN EXTRAORDINARIO DE ORIENTACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E INSERCIÓN LABORAL.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de setembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e se executarán con cargo a fondos finalistas, ao abeiro do plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que no Real decreto lei 2/2008, de 21 de abril, de medidas de impulso á actividade económica, indícanse, no seu Capitulo II do Plan extraordinario de medidas de orientación, formación profesional e inserción laboral, as destinadas a incrementar a contratación laboral e o reforzamento da estabilidade profesional tanto das persoas desempregadas, coma das expostas a súa exclusión do mercado laboral. O dito plan será xestionado polas comunidades autónomas con competencias no ámbito do traballo, o emprego e a formación, competencias que a Xunta asumiu a través do Decreto 289/1997 e que son desenvolvidas pola Consellería de Traballo a través dos Decretos 211/2005, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta e 536/2005, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo.

Así mesmo, a través da Orde TIN/1940/2008, do 4 de xullo, pola que se distribúen territorialmente para o exercicio económico de 2008, para a súa xestión polas comunidades autónomas con competencias asumidas do Servizo Público de Emprego Estatal, establécese o reparto por comunidades autónomas e os dous bloques de gastos, das subvencións para financiar o custo imputable a 2008 do Plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral, aprobado polo Acordo do Consello de Ministros do 18 de abril de 2008, en desenvolvemento do devandito Real decreto lei 2/2008.

En consecuencia, en desenvolvemento do Plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral na Comunidade Autónoma de Galicia, nesta orde increméntanse os créditos orzamentarios con cargo aos fondos transferidos polo Estado, para o financiamento do programa de promoción do emprego autónomo, regulado na orde do 21 de abril de 2008, e para o financiamento de programas experimentais en materia de emprego, regulados na Orde do 5 de decembro de 2007. Dentro dos programas experimentais en materia de emprego só poderán concederse subvencións ás asociacións empresariais e sindicatos, tendo preferencia os programas experimentais nos sectores derivados da construción e recolocación de traballadores e traballadoras procedentes de empresas en regulación de emprego. Exclusivamente para estas actuacións, reábrese o prazo de presentacións de solicitudes.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e se executarán con cargo a fondos finalistas, ao abeiro do plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral” consta de: Exposición de motivos, tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.
O día 3 de outubro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e tres específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polos sindicatos UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e pola CEG.




DITAME 40/08





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e se executarán con cargo a fondos finalistas, ao abeiro do plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de setembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de outubro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.-
Este Comité reitera as consideracións feitas nos Ditames 35/07 e 16/08, todos eles relativos á mesma materia e perfectamente aplicables á orde que se somete a ditame.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira. - Exposición de motivos

Este Comité propón, no segundo parágrafo, a substitución do texto “Os responsables da Administración Xeral do Estado” por “A Administración Xeral do Estado”



Segunda. - Artigo 3º.

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde no punto 2 deste artigo non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.

Terceira. - Disposición derradeira.
Non pode haber dúas Disposicións derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.