ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 41/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN SUBVENCIÓNS DESTINADAS ÁS ENTIDADES LOCAIS PARA O ESTABLECEMENTO DE PLANS DE PROGRAMACIÓN DO TEMPO NA CIDADE.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de setembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais para o establecemento de plans de programación do tempo na cidade e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Consellería de Traballo é o departamento da Xunta de Galicia que ten atribuído o exercicio das competencias en materia laboral, estando entre as súas prioridades básicas a aplicación transversal do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no eido do emprego e as relacións laborais.

Desde este ámbito competencial promociona e colabora activamente no desenvolvemento de actuacións dirixidas a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, entre as que se inclúen as de promoción autonómica das medidas municipais de conciliación, reguladas no Titulo VI da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia e desenvolvido polo Decreto 182/2008, do 31 de xullo.

Neste sentido cómpre desenvolver os Plans de programación do Tempo nas Cidades, que pretenden unha coordinación dinámica dos horarios da cidade coas esixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía e constitúen un conxunto de medidas e actuacións novidosas, plans que a Consellería de Traballo considera de máximo interese e estima necesario prestar o seu apoio as accións que, neste sentido, emprendan as entidades locais dentro da súa competencia, como entes próximos á cidadanía e coñecedores das necesidades da súa poboación.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

As axudas irán dirixidas aos concellos individualmente ou a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local constituído exclusivamente polos concellos implicados. Ademais, poderán solicitalas aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, quedando, neste suposto, obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

Para a posta en marcha, seguimento ou desenvolvemento do Plan, poderase subvencionar:
- Ata o 100% dos custos de persoal, relativos a gastos sociais do persoal propio.
- Ata o 100% dos gastos totais do salario e seguros sociais pola contratación dunha persoa desempregada como responsable do Plan de programación do Tempo da Cidade ou doutras compensacións económicas da persoa designada responsable do plan.
- Ata o 75% dos gastos derivados da contratación dunha entidade externa especializada en igualdade.
- Ata o 75% dos importes derivados da posta en funcionamento e convocatorias da Mesa de Concertación ao que se refire o artigo 40 da Lei 2/2007.
- Ata o 75% das axudas directas aos suxeitos privados que asuman compromisos sobre horarios da cidade, cando a súa execución xerase gastos debidamente xustificados.

Os criterios de valoración das distintas solicitudes son: interese do proxecto; poboación á que beneficia; medidas consensuadas coas asociacións e/ou consellos de mulleres municipais ou comarcais; propostas concretas sobre horarios; participación da entidade no financiamento das actuacións; indicadores de avaliación do impacto; carácter innovador das actuacións; emprego do galego.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais para o establecemento de plans de programación do tempo na cidade” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.
O día 3 de outubro de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén cinco consideracións xerais e dezasete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polos sindicatos UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e pola CEG.

Así mesmo contén unha consideración xeral non unánime sobre a valoración da norma manifestada pola CEG (Anexo I).



DITAME 41/08





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais para o establecemento de plans de programación do tempo na cidade, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de setembro de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de outubro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.-
En relación coa materia que se pretende regular mediante este proxecto de Orde, este Comité lembra as observacións xerais e particulares contidas nos ditames emitidos no seu día sobre a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (Ditame 27/06) e sobre o Decreto 182/2008 de desenvolvemento da mencionada Lei (Ditame 14/08).
A teor do contido do proxecto de Orde, interesa especialmente resaltar os seguintes aspectos:
1. Recóllense como gastos subvencionables os correspondentes aos custos sociais do persoal propio da entidade, adicado ás actividades relacionadas coa posta en marcha, seguemento e desenvolvemento do Plan de programación; os dunha persoa desempregada como responsable do plan; os derivados da contratación dunha entidade externa; os gastos da posta en funcionamento e convocatorias da Mesa de Concertación do Plan de Programación; e as axudas a suxeitos privados que asuman compromisos sobre horarios. Polo que, segundo se recollía no Decreto 182/2008, só se prevé a contratación en casos excepcionais.
2. Estes plans de programación do tempo na cidade pretenden unha coordinación dos horarios da cidade coas esixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía, de maneira que estase a sustentar a política de conciliación no voluntariado. A inserción laboral das mulleres galegas e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral non pode pasar por ter que empregar a solidariedade da veciñanza. Previsiblemente, a base de datos das persoas demandantes vai estar feminizada, polo que unha vez máis contribuirase a manter as estereotipas e a gratuidade do traballo desempeñado polas mulleres.
3. No obxecto de orde non se explicita cal vai ser a modalidade de contratación do persoal, nin se fala da súa formación, experiencia laboral, etc. Non se alude ao perfil do persoal contratado. Non se explicita que metodoloxía vaise seguir para realizar a escolla. Solicitamos novamente que se teñan en conta os principios de igualdade, mérito e capacidade, seguindo estas pautas para a selección e non a designación directa.
4. En ningún momento faise referenza á formación das persoas ou axentes de tempo, en que vai consistir e quen a vai impartir.
5. Segue sen concretarse máis polo miúdo o listado de servizos susceptibles de intercambiar e a maneira de levalos a cabo.

Segunda.-
En diversas partes do texto aprécianse referencias tales como: “o Vicesecretario xeral”, “a Subdirectora xeral de Persoal e coordinación administrativa”. Deberíase manter a neutralidade de xénero na denominación dos cargos públicos, sendo polo tanto a forma correcta: “... a persoa titular da Vicesecretaría xeral...” e “... a persoa titular da Subdirección xeral de Persoal e coordinación administrativa...”.



Terceira.-
Na redacción da presente Orde debería establecerse un criterio unificador á hora de referirse ás normativas de referencia. Así, mentres que en artigos como o 17 (Fiscalización e control) se nos remite aos artigo concretos da Lei de aplicación, no artigo 18 (reintegro das subvencións) desenvólvese o seu contido, que se corresponde co disposto no artigo 33 da Lei 9/2007.
Este Comité considera máis acertado sinalar os artigos concretos das Leis que lle son de aplicación, sen necesidade de facer transcricións do xa disposto.

Cuarta.-
Este Comité suxire unha revisión do texto para á súa adecuación á normativa lingüística vixente.

Quinta.-
Este Comité considera que os prazos establecidos na Orde de solicitude, resolución, etc. parecen imposibilitar que se poida executar calquera programa dentro do exercicio 2008, respectando o establecido na propia Orde, polo que se propón que se reconvirta á mesma nunha norma vixente no exercicio 2009, e que os escasos fondos atribuídos ao 2008, se acumulen aos que se orzamenten para o 2009.
Así mesmo faise fincapé no necesario desenvolvemento, aínda sen levar a cabo, do previsto no artigo 48 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, relativo á Mesa de Concertación do Plan de Programas do Tempo na Cidade.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira. - Artigo 1º.

Este Comité suxire que se inclúa no punto 2 deste artigo o principio de “control público” entre os que menciona este apartado.

Segunda. - Artigo 2º.

Este Comité propón unha nova redacción do punto 1, en consonancia coa formulada no artigo 5º do Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento e do que se derivan estas axudas: “Poderán solicitar e beneficiarse das subvencións reguladas nesta convocatoria os Concellos, individualmente ou asociados entre eles, podendo solicitalas a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local constituído exclusivamente polos concellos implicados.
A solicitude destas subvencións poderá facerse con independencia de que a xestión das medidas se realice pola entidade solicitante, ou a través doutras entidades públicas ou privadas dependentes ou vinculadas a elas, sempre que estas últimas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos Plans de Programación do Tempo na Cidade.
No caso de que a xestión das medidas se realice a través doutras entidades privadas dependentes ou vinculadas a eles, terán preferencia os concellos que conten coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento.”

Este Comité propón, no punto 4, a substitución do texto “O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes...” por “O incumprimento destas normas dará lugar ao rexeitamento motivado de todas as solicitudes...”

Terceira. - Artigo 3º.

Entendendo que no exercicio 2008 vai ser difícil de consolidar o gasto, a partida destinada na presente Orde estímase escasa para un exercicio anual completo.

Cuarta. - Artigo 4º.

Este Comité propón unha nova redacción para este artigo, en consonancia coa formulada no artigo 6º.c) do Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento e do que se derivan estas axudas: “As actividades subvencionables serán as realizadas desde o 1 de xaneiro de 2008 ata a data límite de xustificación, relativos aos custos sociais do persoal propio, compensación da persoa responsable do plan, gastos das convocatorias da mesa de concertación do plan e fondo de manobra para axudas directas aos suxeitos privados que asumisen compromisos sobre horarios da cidade.”

Quinta. - Artigo 5º.

Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde no parágrafo segundo do punto 1 deste artigo non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.
Este Comité tamén considera que sería conveniente, neste parágrafo, a inclusión da dirección da páxina web da Consellería.
Este Comité propón, no punto 4.c, a substitución do texto “O/A representante que se...” por “O/A representante ou órgano correspondente que se...”

Sexta. - Artigo 6º.

Este Comité propón, no apartado a), a substitución do texto “Memoria detallada das actuacións...” por “Relación detallada das actuacións...”

Sétima. - Artigo 7º.

Segundo o disposto no artigo 10 do Decreto 182/2008, o órgano competente para a tramitación dos expedientes é a Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, cuxas funcións se desenvolven no artigo 8 da Lei de traballo en igualdade das mulleres de Galicia.
Na presente Orde, o órgano instrutor do procedemento é o Servizo de igualdade laboral da Consellería de Traballo. Órgano este que se regula polo disposto no Decreto 14/2008, polo que se establece a estrutura orgánica desta Consellería, ao que se lle atribúen as mesmas funcións que as sinaladas para a Unidade Administrativa.
Este Comité considera que nos atopamos ante un mesmo órgano instrutor pero con distinto nome, se atendemos a unha ou outra normativa.

No punto 2, no segundo parágrafo, establécese que a comisión de valoración poderá requirir “documentación adicional”. Este Comité considera que debería aclararse qué se entende ou a qué se refire concretamente esa documentación adicional, por canto esta debe ter directa relación coa sinalada para achegar coa solicitude.

Oitava. - Artigo 8º.

O artigo 5 do Decreto 182/2008 establece que aqueles concellos que conten coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento serán beneficiarios da promoción autonómica, con carácter preferente. En base ao exposto, este Comité considera que se debería establecer, dentro dos criterios de valoración das solicitudes presentadas para a obtención das subvencións, a puntuación que se estime oportuna para a condición de: colaboración con entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento.

Con respecto ao establecido no punto 1.a), cando se refire aos criterios de valoración das solicitudes, menciona o interese do proxecto ou da actividade que se propón. Este Comité considera que debería concretarse ou relacionarse qué proxectos poderían cualificarse de “interesantes”, por canto o concepto xurídico é tan indeterminado que podería conlevar unha absoluta discrecionalidade.

Este Comité propón a supresión do apartado h), por entender que xa é obrigatorio o emprego do idioma galego.

Por último, neste artigo debería incluírse como avaliable o número de empregos que poida xerar a iniciativa, debendo avaliarse ata 5 puntos.

Novena. - Artigo 9º.

Este Comité considera que o texto “...co límite máximo do crédito asignado nesta convocatoria.” que aparece no punto 2 deste artigo debería suprimirse.

Décima. - Artigo 10º.

Este Comité, atendendo aos prazos establecidos para as resolucións en ambas regulamentacións, observa que:
Mentres que a resolución do expediente de validación, regulada no Decreto 182/2008, deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día de entrada da solicitude de validación da medida de conciliación, no caso das subvencións reguladas na presenta orde o prazo é de tres meses a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.
Tendo en conta que para que unha medida municipal de conciliación, como son os Plans de Programación do Tempo da Cidade, sexa susceptible de acceder ás subvencións establecidas na presente orde, debe ser previamente validada, tal e como se establece nos artigos 6 e 11 do Decreto 182/2008, teremos que, de producirse a publicación desta orde antes do 28 de febreiro (data na que se cumpren os seis meses para ter as primeiras resolucións de validación dos plans) non poderían acceder ás subvencións aquelas entidades que agardan resolución, expresa ou por silencio favorable, a pesares de ter iniciado os trámites.
Nesta orde deberíase prever esta situación entre ambas resolucións, de xeito que se concrete se esas entidades, a pesares de non ter aínda resolución, poderían solicitar as subvencións, posto que si se atende ao disposto no Decreto, a resposta sería negativa.

En canto ao sentido do silencio establecido para ambas resolucións, mentres que no caso da validación o silencio é favorable, no caso das subvencións, o silencio enténdese desestimatorio.
Non se entende pois, como unha entidade que obtén a validación da medida de conciliación presentada, por resolución expresa ou por silencio estimatorio, cumprindo por tanto os requisitos establecidos nunha norma de rango superior ao desta orde, na resolución das subvencións poida quedar fóra por silencio negativo, máis, cando a maior parte dos criterios para a súa adxudicación son semellantes en ambas regulamentacións.

Decimo primeira. - Artigo 12º.

Este Comité suxire que se regule a posibilidade de conceder anticipos, de ser isto compatible coa lexislación aplicable á materia.

Decimo segunda. - Artigo 13º.

Este Comité propón, no punto 2, a substitución do texto “...de xustificación indicado no párrafo 1...” por “...de xustificación indicado no apartado 1...”

Decimo terceira. - Artigo 15º.

Este Comité propón, no punto 4, a substitución do texto “...Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con...” por “...Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, de ser posible, con...”

Decimo cuarta. - Artigo 16º.

Este Comité entende que, posto que o Decreto 182/2008 establece, no seu artigo 13, que á Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica en materia de traballo, lle corresponderá realizar o seguimento das medidas municipais de conciliación que sexan obxecto de financiamento, unha vez validadas e incluídas na correspondente relación, non se entende a duplicidade que se produce entre normas.
Así, a responsable desta tarefa na Orde, pola que se establecen as subvencións na materia, será a Secretaría Xeral da Consellería de Traballo.
O máis oportuno neste caso, sería revisar o texto do documento, de xeito que se lle atribuísen as competencias de seguimento e avaliación de ambos procesos a un mesmo organismo, tendo centralizado o proceso.


Decimo quinta. - Artigos 18º e 19º.

Este Comité propón, a substitución do termo “nacionais” por “estatais”, por gardar coherencia co resto de mencións contidas no texto da Orde onde consta o termo “estatais”. Considérase que debe reservarse o termo “nacional” para o ámbito de Galicia e utilizar o termo “estatal” para o conxunto de España.

Decimo sexta. – Disposición Adicional Primeira.

Este Comité propón suprimir esta Disposición xa que considera que o seu contido ven recollido expresamente no artigo 3 da Orde.

Decimo sétima.- Disposición derradeira.
Non pode haber dúas Disposicións derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.



ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

A CEG considera que as medidas municipais de conciliación non deben incidir nos horarios laborais, xa que unha cousa son os horarios dos servizos das empresas e outra moi distinta é a xornada laboral.

En relación coa anterior manifestación, para a determinación da xornada laboral o estatuto dos traballadores deixa basicamente á autonomía colectiva, a través do convenio colectivo, a determinación da xornada de traballo e é por iso que propoñemos que as medidas municipais de conciliación non interfiran na negociación colectiva e non establezan compromisos sobre a xornada laboral dos traballadores.