ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 42/08

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE ACCIÓNS COMPLEMENTARIAS E DE ACOMPAÑAMENTO Á FORMACIÓN, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, CORRESPONDENTES AO EXERCICIO DO ANO 2008, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/2782/2004, DO 30 DE XULLO, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DAS CITADAS SUBVENCIÓNS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO.

I. ANTECEDENTES

O día 29 de setembro de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2008, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, ten como obxecto ofrecer ás persoas traballadoras tanto ocupadas como desempregadas unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo e que atenda aos requerimentos de produtividade e competitividade das empresas e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego. Entre as iniciativas que recolle o citado real decreto, figuran as accións complementarias e de acompañamento á formación, que se regulan nesta orde.

Son obxecto de subvención nesta convocatoria as accións de estudo e investigación de carácter xeral e sectorial destinadas a analizar os factores que estruturan a demanda de formación para o emprego, as accións destinadas á elaboración e experimentación de produtos, técnicas e ferramentas de carácter innovador para mellorar os sistemas pedagóxicos, organizativos e de xestión da formación profesional para o emprego.

Trátase tamén, non só de incorporar novas tecnoloxías nas ferramentas utilizadas para a impartición, seguimento e avaliación das accións formativas, senón de darlles un enfoque específico, de forma que melloren a calidade e eficiencia dos procesos de formación, e aceleren a transmisión do coñecemento aos traballadores e traballadoras das pequenas e medianas empresas que participan na experiencia.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 13 de agosto de 2007 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (Ditame 24/07) con data 13 de xuño de 2007, obsérvase que foron tidas en conta seis das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Obsérvase que non se teñen recibido xunto co proxecto normativo o anexo I ao que fai referencia o artigo 4º, nin os anexos II e III aos que remite o artigo 7º.

Modifícase, o artigo 3º, “Requisitos das entidades solicitantes”, engadindo as empresas como entidade solicitante (apartado 1); esixindo para acreditar a experiencia a realización dalgún traballo semellante ou relacionado co proposto (na anterior convocatoria esixíanse a realización de dous traballos como mínimo); en canto aos límites de participación, só se permite presentar unha única solicitude (catro na anterior convocatoria) para a realización dunha acción complementaria que implique o seguimento e a evaluación doutras accións complementarias.

Engándense neste artigo 3º novos apartados que fan referencia á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega.

As accións financiables, recollidas no artigo 4º, nesta convocatoria, limítanse a dúas: accións de estudo e investigación e accións destinadas á elaboración e experimentación de produtos, técnicas e/ou ferramentas de carácter innovador para mellorar os sistemas pedagóxicos, organizativos e de xestión da formación profesional para o emprego; suprimíndose as de avaliación da formación profesional continua e as de promoción e difusión recollidas na convocatoria anterior.

Modifícase o apartado 2 do artigo 4º; atendendo a unha das consideracións manifestadas polos axentes sociais no Ditame 24/07, suprimíndose a especial consideración das accións destinadas á sensibilización e incorporación de boas prácticas ambientais no sector de turismo e hostalaría, así como as accións de formación en idiomas para o transporte.

Modifícase o contido da letra f) do apartado 1 do artigo 7º, referido aos extremos aos que se fará referencia na memoria-proxecto que hai que acompañar á solicitude, onde se engade a descripción da experiencia en traballos semellantes da entidade solicitante, a presentación dos perfís profesionais detallados dos recursos humanos ou das entidades que participan no desenvolvemento do proxecto e os principias resultados ou productos finais previstos.

Modifícanse os criterios de valoración técnica das solicitudes (artigo 9º, apartado 5), suprimíndose a valoración respecto das solicitudes de accións prioritarias e diferenciando a valoración de presentación xeral e deseño da acción e das entidades que desenvolven o proxecto e o equipo técnico.

Modifícase o artigo 19º, especificando as causas do incumprimento de obrigas por parte do beneficiario e os criterios de gradación dos incumprimentos co reintegro do 100% da subvención concedida, cando a realización da actividade non alcanza o 35% dos seus obxectivos, ou un reintegro parcial da subvención minorada na porcentaxe que deixou de cumprirse cando a realización da actividade subvencionada supere o 35% desta e non chegue ao 100%.

Finalmente, engádese no artigo 20º, que a realización das actuacións de seguimento, control e avaliación faranse pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, directamente ou a través de entidades que colaboren con ela.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2008, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, vinte artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 14 de outubro de 2008 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e once consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, seis consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG.





DITAME 42/08



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2008, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de setembro de 2008, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de outubro de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:






CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Este Comité para o exercicio da súa función consultiva precisa coñecer as normas en toda a súa extensión. Obsérvase que esta norma que chega a ditame non vén acompañada dos correspondentes anexos, o que non constitúe unha cuestión baladí senón de suma transcendencia para unha axeitada avaliación. De repetirse esta situación en próximos exercicios, lamentablemente este Comité se verá na obriga de non emitir ditame.

Segunda.- Este Comité ve con preocupación o retraso na remisión deste proxecto con respecto a exercicios precedentes coa conseguinte diminución de tempo para a execución das accións e para posibles modificacións.

Terceira.- A pesar de que se aprecian loables intentos de mellora, obsérvase que se manteñen erros na utilización dunha linguaxe non sexista e na normativa do galego, do mesmo xeito non se mantén a necesaria neutralidade na denominación dos cargos públicos. Así, por exemplo, no artigo 7, apartado 2, faise unha referencia a: “conselleira de Traballo”, cando debería dicir: “persoa titular da Consellería de Traballo”. Este Comité propón unha revisión da linguaxe empregada en todo o texto.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité considera que debe aclararse o que se quere dicir no parágrafo segundo coa expresión “ …. calidade e eficiencia dos procesos de relación na formación …”.

No parágrafo terceiro consideramos que en lugar de dicir: “... manter e fortalecer a situación competitiva das empresas e dos traballadores ocupados”, debe dicir: “manter e fortalecer a situación competitiva das empresas e a cualificación das persoas traballadoras ocupadas”.

Así mesmo, no parágrafo 16, despois de: “formación profesional para o emprego” debería de engadirse o seguinte: “..., especialmente da dirixida aos traballadores/as de pequenas e medianas empresas”.


Segunda.- Artigo 2º. Finalidade e principios que rexen a concesión de subvencións.

No seu apartado 3º establécese: “... realizarase de acordo cos principios que establece o artigo 5.2 da Lei 9/2007”, este Comité considera que deberían relacionarse expresamente os principios que recolle ese artigo (publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación).


Terceira.- Artigo 3º. Requisitos das entidades solicitantes, acreditación e límites de participación.

No apartado 3 deste artigo sobre os requisitos das entidades solicitantes, a redacción que contén supón na práctica a prohibición expresa de realizar accións a calquera entidade con implantación en Galicia que tivera feita algunha acción ata o presente. Este Comité propón a supresión deste apartado.


Cuarta.- Artigo 4º. Accións financiables.

No apartado 1 deste artigo establécese que serán accións financiables as de estudo e investigación, especificándose que os estudos realizaranse prioritariamente nos sectores e ámbito que se relacionan no anexo I desta convocatoria.

Este Comité fai constar que non ten recibido o referido anexo, polo que non pode ditaminalo; porén solicita se teña en conta, de ser o caso, o apuntado na consideración terceira do Ditame 24/06, relativa ao artigo 4º e a dito anexo, no sentido de que debería xustificarse o feito de priorizar os sectores e ámbito relacionados no anexo, debendo incluirse tamén as necesidades formativas en orientación cara ás certificacións profesionais.


Quinta.- Artigo 7º. Solicitudes.

No apartado 1, letra a), o nome e a razón social non se pode entender como documentación, polo que este Comité propón a súa supresión.

No apartado 1, letra b), onde di: “representatividade suficiente” debe dicir: “capacidade legal”.

Finalmente, obsérvase que figuran os apartados j) e k), letras que non son propias do alfabeto galego, polo que este comité propón a súa substitución polas seguintes que corresponden.

Sexta.- Artigo 8º. Procedemento.

Tanto no apartado 4 deste artigo 8, como no apartado 3 do artigo 7, no apartado 5 do artigo 12 e no apartado 10 do artigo 16, repítese a esixencia de acreditar que as entidades están ao día no cumprimento de obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. Este Comité considera que basta con que esta esixencia figure unha soa vez antes do libramento de fondos.


Sétima.- Artigo 11º. Custos subvencionables.

No apartado A recóllense os custos directos das acciones complementarias. Este Comité propón engadir como custos directos subvencionables destas accións os recollidos no artigo 29.7 da Lei 9/2007, isto é: “Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos son subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a axeitada preparación ou execución desta, e sempre que así se prevexa nas bases reguladoras. Con carácter excepcional, os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionados cando así o prevexa a normativa reguladora da subvención”.

No punto 4º deste apartado A obsérvase con preocupación que só se subvencionan os gastos de transporte, manutención e aloxamento que se realicen no territorio nacional. Este Comité considera que deberían de subvencionarse tamén os gastos de transporte, manutención e aloxamento que se realicen fóra de Galicia. Neste caso bastaría con que o termo a empregar sexa estatal en lugar de nacional.

Finalmente, obsérvase que se repite dúas veces o artigo 11. Este Comité considera que debería de renumerarse o proxecto normativo.

Oitava.- Artigo 12º. Pagamento das subvencións.

No apartado 1, letra a), deste artigo establécese que os anticipos serán ata o 65 por 100  do total do orzamento de gastos de cada acción subvencionada e na letra c) establécese que os pagos parciais nunca serán superiores ao 80 por 100 da subvención concedida.

Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Para o caso de non ser aceptada esta proposta, este Comité suxire a inclusión expresa neste apartado, como custos asociados á actividade formativa, dos correspondentes custos financeiros orixinados por operacións formalizadas polas entidades beneficiarias con entidades financeiras, no importe que excede do 65% de anticipo máximo.

No caso de manterse o actual sistema de pagamento, este Comité considera que deberían adoptarse medidas administrativas conducentes a evitar os persistentes retrasos no aboamento dos anticipos e liquidacións das axudas, tendo en conta que as entidades beneficiarias son entidades ou organizacións sen ánimo de lucro.

Proponse, así mesmo, substituír a expresión recollida na letra a) deste apartado 1: “entidade impartidora” por “entidade beneficiaria”.

Así mesmo, este Comité suxire unha nova redacción para a letra c) deste apartado 1, no sentido de susbstituir a expresión “libramentos anteriores”, por “pagamentos verificados anteriormente, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida”.

Novena.- Artigo 13º. Condicións para adquirir e conservar o dereito á subvención.

A adquisición e conservación do dereito á subvención implica para o/a beneficiario/a cumprir cunha serie de obrigas, establecéndose no apartado 1, letra c), a de presentar a xustificación do cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión da subvención, así como da realización e dos custos da actividade que fundamenta a concesión.

Este Comité suxire a substitución da expresión que figura subliñada pola seguinte: “así como da realización da actividade que fundamenta a concesión e dos seus custos”.


Décima.- Artigo 17º. Xustificación dos custos.

No apartado 3 deste artigo proponse que conste dun xeito expreso que a autorización da Dirección Xeral de Formación e Colocación será necesaria cando se superen os 60.000 euros, tal e como establece o artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.


Décimo primeira.- Artigo 19º. Incumprimento de obrigas e reintegro.

A referencia recollida no apartado 3, letra a), in fine a: “medidos co indicador de número de horas de formación multiplicado polo número de alumnos” non procede no contexto desta orde por non ser un indicador aplicable.

ANEXO


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA


Primeira.- A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe incluirse na exposición de motivos a referencia ao Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

Segunda.- A Confederación de Empresarios de Galicia considera que non debería esixirse ás entidades solicitantes a documentación que xa está en poder da Administración.

Terceira.- No artigo 5, apartado 2, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que ante determinados proxectos específicos se contemple a posibilidade de realizar unha xornada de difusión propia en lugar de presentar o proxecto nas xornadas de difusión conxunta.

Cuarta.- No artigo 11, apartado B, punto 3, establécense os custos directos e asociados que se considerarán financiables para os efectos da convocatoria de subvencións reguladas neste proxecto normativo, dispoñéndose que “a suma dos custos asociados non poderá superar o 10% do total dos custos directos das accións complementarias”.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón establecer o límite do 15% en lugar do 10%.

Quinta.- No artigo 13, no apartado 1, letra l), cando se refire in fine á posibilidade de subcontratar con outra entidade, proponse engadir: “... por enriba do 50% e ata a totalidade do importe correspondente, tal e como prevé o artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Sexta.- No artigo 19, apartado 3º, considérase excesivamente restrictivo o criterio de gradación e concretamente que se considere que existe incumprimento total se a realización da actividade subvencionada non acada o 35% dos seus obxectivos. Proponse como redacción máis axeitada a recollida na Orde TIN28/05/2008, do 26 de setembro.